Goretti Sanmartín Rei
Desde unha perspectiva científica, os estudos sociolóxicos coinciden coas análises lingüísticas en interpretaren a fala das mulleres como máis próxima á norma de prestixio, quer no interior dunha única lingua, quer na situación coñecida como contacto de linguas. A explicación deste feito reside na necesidade de as mulleres se construíren nun modelo non estigmatizado por mor da súa maior vulnerabilidade social, para fuxir, deste xeito, dunha posición aínda máis subordinada da que xa posúen socialmente. Bourdieu, no seu xa clásico Ce que parler veut dire? (1982), indica que se comprende, como tantas veces observaron os sociolingüistas, que sexan as mulleres as que antes adoptan a lingua ou a pronuncia lexítima e Pilar García Mouton, no seu Cómo hablan las mujeres (1999) insiste en que da análise das contradicións das enquisas dialectolóxicas o que se extrae como consecuencia é o rexeitamento xeral das mulleres polo que consideran lingüisticamente estigmatizado, de onde se deriva a súa adhesión á norma de prestixio. Non é, pois, casual nin específica do caso galego unha situación en que as mulleres (historicamente, por factores de conformación da sociedade galega, das pertencentes ás clases medias e elevadas, que eran as que podían exercer tal escolla) empregasen menos o galego e decidisen instalarse en español, abandonando a súa lingua inicial ou non dando os pasos necesarios para se construír na lingua propia do país.
Porén, este feito non significa nin que esas mulleres castelanfalantes sexan unhas consentidoras nin que os varóns españolfalantes sexan uns maltratadores, como demagoxicamente algunhas persoas están a interpretar. A campaña que desenvolvemos as institucións que abaixo sinalamos e cuxo texto inicial é, fundamentalmente, da miña autoría, insiste en aspectos documentados en moita da tradición que a este respecto nos conformou. Trátase da descrición dunha realidade onde subxace unha violencia sutil, non expresada fisicamente, que está debaixo de moitos contextos onde se produce unha substitución lingüística. Cando falamos de violencia (de calquera tipo de violencia) non nos referimos unicamente aos extremos máis graves dese comportamento, a morte, senón que tamén debemos reparar nos diferentes graos e formas en que se manifesta, ás veces simbolicamente, e tamén a través da lingua (por exemplo, con insultos), para alén de ligar e procurar a solidariedade no combate contra todas as súas expresións. Ninguén dubidaría en cualificar como violenta a imposición do español a tantos territorios americanos cunha lingua propia hoxe desaparecida ou marxinada socialmente. Existe, pois, unha violencia social que fai que as mulleres sintan unha maior presión para abandonaren a lingua (ou a variedade lingüística) menos prestixiada socialmente? Existe. Significa iso cualificar de maltratadores os castelánfalantes? Non significa iso.
Por outra parte, no caso galego, os estudos cuantitativos máis relevantes indican esta tendencia de menor uso por parte das mulleres a respecto dos varóns, nun índices que non mudan co paso do tempo. No estudo realizado polo Consello da Cultura Galega en que se observa a evolución sociolingüística galega no período entre 1992 e 2003, datas de dúas importantes recollidas de información sociolingüística (o Mapa Sociolingüístico Galego e a Enquisa de Condicións de Vida das Familias), aparecen os seguintes datos significativos:
- Hai unha maior incidencia de monolingües en castelán entre as mulleres.
- Son menos as mulleres que se declaran bilingües con predominio do galego.
- A categoría de "Só galego" crece máis no caso dos homes.
É tamén relevante o feito de que, a pesar de teren as mulleres uns usos lixeiramente máis favorables ao castelán, as diferenzas non mudan no intervalo que se considera no estudo (1992-2003), o que significa que ningunha das accións de política lingüística que se desenvolveron conseguiron corrixir este desaxuste que provoca, como coñecemos por percepción social, que fillos varóns castelánfalantes iniciais restauren o galego como lingua propia, lingua que tamén o era dos seus pais en moitas ocasións, fronte a fillas mulleres que non sofren ese proceso ou que, de o faceren, constitúen un grupo máis reducido que xustamente hai que apoiar por se decidiren a combater esa dependencia a respecto do imposto polo sistema.
A campaña, pois, desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña pretendía, por un lado, comprometerse publicamente contra a violencia de xénero no seu grao máis elevado a través da palabra, a través da lingua (e a análise de moitos dos textos que nos chegaron así o confirma) e contribuír, desde unha outra perspectiva tamén posible, á reflexión sobre distintas situacións de dominio e á análise das súas causas para, séndomos máis conscientes e coñecéndomonos mellor, podermos ser máis libres e podermos exercer a nosa vontade individual e reclamar os nosos dereitos colectivos.
Sorry, the comment form is closed at this time.