Dec 242008
 

TEORÍA DA INFORMACIÓN II

Hai tempo xa que tomei a decisión de non gastar en comprar xornais. Farteime. Ademais de discrepar da maneira en que moitas novas eran recollidas, ou de que non se publicasen novas que eu consideraba de interese, houbo momentos nos que me sentín mesmo desinformada. Si, porque é posíbel sentirse así, un exceso de información ben planificado contribúe á desinformación, ou peor, a que o destinatario se forme unha idea errada da actualidade e do contexto en que vive. Non hai mellor receita para esquivar un tema, que insistir e buscar información relacionada con outra noticia pretendidamente impactante.

Hoxe pasei a mañá tentando informarme debidamente sobre a situación en que queda o ex alcalde de Gondomar e outros cinco concelleiros, que acaban de ser sentenciados por un delicto continuado de prevaricación urbanística. Lin varios xornais e sigo sen ter claro se a sentenza debe ser cumprida xa ou non, en concreto no que fai referencia para a inhabilitación de cargos públicos.

Logo atopei unha noticia en que se falaba de que o tribunal de contas atopaba irregularidades contables e exceso de gasto nas finanzas de seis partidos políticos, mais curiosamente, soamente se cita un. Quen decide que partido hai que citar?, por que ese si e os outros cinco non?

Podería seguir: fotos en que parece que houbo menos xente da que realmente había, siglas que estaban presentes e que non aparecen nas fotos, información que procede dunha fonte concreta que non é citada… mais serían demasiados exemplos.

Estes días tivemos a oportunidade de facer xornalismo comparado e analizar como se estrutura a información. Foi sobre o tratamento do concurso eólico. Puidemos comprobar como dependendo do medio consultado había ou non había un problema, cal era, onde estaba, por que se producía…. Hoxe mesmo un medio galego sitúa na portada a reclamación de ecoloxistas, empresarios e donos de montes que piden que se atrase a resolución do concurso. Nese mesmo medio dise que Touriño se nega a falar de crise no goberno, o que non é exactamente o mesmo que dicir, como recollen outros medios (outros, ou sexa, varios) que Touriño nega un conflito no goberno, ou mesmo que apoia a mesa eólica.

O tipo de enunciado, afirmativo ou negativo, e o uso de determinadas palabras, crise ou conflito, introducen elementos que inciden na recepción da mensaxe por parte do lector ou lectora. Hai claras diferencias entre “nega un conflito político”, porque se di expresamente que se nega a existencia de tal conflito, e “se nega a falar de crise”, porque esta maneira de presentar a información, introduce a variante de que a crise existe e non se quere recoñecer. Son pequenos matices, ou non tan pequenos, que inciden, como dicía, na recepción da información. Da mesma maneira na administración da información, hai un xornal que xa adianta a posibilidade de que poidan existir problemas xurídicos e remítese para o caso a expertos xuristas, mentres outros medios recadan información de altos cargos do PSOE para incidir en que o venres haberá unha resolución do concurso.

Nestes casos cobran un valor especial as declaracións directas dos protagonistas, poñamos por caso o propio Conselleiro de Industria, a quen lle puidemos escoitar, na Radio Galega, que non entendía a posición dos representantes de Medio Ambiente e de Política Territorial que podían ter manifestado as súas dúbidas desde o primeiro momento, cousa que non fixeron, e que ademais negou rotundamente que houbese problemas para consultar a documentación, citando as actas da comisión como demostración do dito. Ou a reprodución dalgunhas das intervencións no debate parlamentario que nos lembraron que existe unha investigación xudicial sobre a adxudicación de megavatios de enerxía eólica concedidos durante o goberno dos que agora din que hai máis “sospeitas que garantías” neste concurso.

O caso é que, se outros dicimos o que pensamos verbo da forma en que se presenta a información, debemos calibrar as palabras que usamos, non vaia ser que toda a profesión dos xornalistas nos pidan que rectifiquemos. E que pasa cando comprobamos que as novas que se reproducen nos xornais non se corresponden coa información emitida, ou que se lle atribúe a outros a información que unha mesma asina? Que pasa entón? A min pasoume, queixeime ao xornalista que… en “compensación” á miña queixa… nin el, nin o medio en que traballa, volveron recoller ningunha información da que se seguiu enviando. 

Cousas veredes.

 

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.