O centenario da morte de Curros Enríquez e do traslado do seu cadáver embalsamado da Habana á Coruña está a ter pouco eco mediático. Polo de agora tiveron lugar actos de lembranza e reivindicación con este motivo en Celanova, Ferrol e A Coruña. Concretamente, o día cinco de abril, celebrouse unha marcha cívica, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello d´A Coruña, entre o cimiterio de San Amaro e o monumento a Curros, obra de Asorei, con significativa participación popular (1000 persoas). Non mereceu a debida atención. O acto foi relegado a un pequeno espazo das páxinas locais, en contraste coa espaciosa información sobre a concentración de 50 fascistas reclamando que non se eliminase a estatua de honra a Millán Astray. Igual ou pior trato mereceu da Radio e a Televisión galegas. A censura total emborcouse sobre a inauguración dunha exposición pública sobre Curros e a súa obra na praza do Obelisco, tamén na Coruña, o día 25 de abril, que están contemplando milleiros de persoas. Parece como se houbese un acordo implícito para manter na marxinalidade residual o aprezo e coñecemento sobre a nosa literatura, sobre os nosos clásicos. Cousas do pasado, alén de pasadas de moda, que non merecen excesiva atención nen promoción. Menos convén a súa actualización e comprobar a súa vixencia.
Que está a pasar? Un simple exercicio discriminador e sectario contra o que expresa, conflitivamente aínda, con clarividencia, o mellor da cultura galega histórica, que convén non espallar nen revitalizar? A consideración españolizante de que a literatura galega, a de antes como a de agora, non pode aspirar máis que á marxinalidade, pois carece de valor? A intención de desprezar actividades que, malia compromisos institucionais, se considera que non están dabondo controladas, como para seren do agrado total da ideoloxía e os poderes dominantes? Cecais unha mestura de todo explique a forma de proceder dos meios. Porén, provoca máis escándalo e indignación, cando se trata da Radio Galegae a TVG, nisto como en tantas outras cousas, unha mímese do modelo informativo español, cando paradoxalmente se xustifican como instrumentos de promoción da lingua e da cultura de Galiza. Non lles merecen relevo informativo nen a figura nen a obra de Curros, un clásico da nosa literatura. Imaxinan vostés aos meios públicos de España, Inglaterra, Franza ou aos de Catalunya, ignorando ou minusvalorando os centenarios de Cervantes ou García Lorca, Shakespeare ou Oscar Wilde, Molière ou Víctor Hugo, Ramón Llull ou Verdaguer, respectivamente? Aquí, entre nós, este comportamento é posíbel e ben sintomático: hai que afondar aínda máis na ignorancia, o descoñecemento e a desvalorización do noso. Neste contexto, cobra aínda máis importancia e resulta máis meritoria a actuación dos que non se resignan á ocultación e reivindican a vixencia exemplar, neste caso, dun dos nosos grandes clásicos.
Francisco Rodríguez Sánchez
Sorry, the comment form is closed at this time.