Mai 162008
 

A fórmula favorita para camuflar a abafante exclusión e minorización do galego nos diferentes ámbitos e sectores é chamándolle "bilingüismo" a unha realidade que só pode ser definida como "diglosia".

Cando se pretende mellorar a situación do galego no ensino, os grupos máis inmobilistas da sociedade reclaman que non se desharmonice ese suposto bilingüismo. Se se quixer garantir o dereito a expresarse e recibir información en galego nos comercios, un grupo minoritario, porén poderoso, afirmará que se está a desequilibrar o tal bilingüismo. Sempre coidando de que o quieto non se sinta movido.

A súa intención é que non se tomen medidas para garantir o dereito a poder vivir en galego. Pretenden, con proclamas cínicas, que o galego sexa desprovisto do apoio dos poderes públicos, reducíndoo á condición de reliquia apta só para esforzados obxectores de consciencia.

Se repasarmos as cifras dese "bilingüismo" veremos o pouco que ten de equilibrado e harmónico: Ningunha universidade acada máis do 20% do ensino en galego e moitas carreiras exclúeno ao 100%; non chegan ao 8% as actuacións orais e escritas dos procedementos xudiciais neste idioma; a oferta editorial media en galego nas librarías non vai alén do 15%; das 7 televisións que emiten para todo o país, só 1 o fai regularmente en galego; non pasan do 0,1% en galego: a documentación nos corpos de seguranza do Estado, as estreas de cinema nas salas comerciais e a distribución posterior en DVD, a oferta de videoxogos etc, etc, etc.

Xa que de cifras falamos, gardade por favor esta última: 18.05.08. Este domingo, 18 de maio deste 2008, manifestarémonos en Santiago contra este narcotizante bilingüismo e polo dereito a vivirmos en galego.

Carlos Manuel Callón Torres

 Posted by at 19:19

Sorry, the comment form is closed at this time.