Xosé Mexuto
Arrumbados no faiado da historia Hayek, Friedman, Fukuyama, agora os ollos do mundo víranse cara a John Maynard Keynes e toda a retórica de Bretton Woods. Ben, é un avanzo. É mellor avanzar un paso que viver permanentemente no Neolítico. Keynes non está mal como paliativo, para enmascarar os síntomas da enfermidade. Ten o efecto do paracetamol. A curto prazo é probábel que a cousa non dea para máis. Keynes o que propuña era que o Estado se convertese na man visíbel para resgatar o capitalismo das ensoñacións anarcoliberais. É bastante máis do que está a propor, por exemplo, ZP, que continúa sen soltar amarras coa ala máis dereitosa da Internacional Socialista tal e como pon de relevo sistematicamente coa súa política de emiliobotín-dependencia. A que imos a Washington de ganchete de Sarkozy? Bingo, a levar a boa nova de que temos o sistema bancario máis solvente do planeta, o mesmo ao que lle acabamos de regalar 30.000 millóns de euros a cambio de nada. De nada? Máis ben da opacidade máis absoluta: nen sequer imos saber que bancos van arrepañar fundos públicos. Un eclipse lunar de información moi pouco keynesiano.
E logo hai sectores que queren ir alén da superficie dos fenómenos e queren saber algo máis. Non só como se fai para que a crise se note menos, senón que queren saber por que se produce este cataclismo, que racionalidade se agacha tras o caos. Aí Keynes ten pouco que dicir. Aí hai que inevitabelmente recorrer de novo ao grande Karl. Até un arcebispo alemán que compartilla apelido co xenio de Tréveris vén de tirar do prelo un libro sobre o capitalismo intitulado, oh surpresa, Das Kapital. “Karl”, di o clérigo Reinhard Marx, “non está morto e hai que tomalo moi a serio”. En 1848 un Marx de 30 anos predixo a mundialización do capitalismo como xerme da súa descomposición. Os seus escritos son de lectura obrigada para entender que pasa no mundo agora mesmo. Hai que achegarse a eles cunha atitude desavergoñada e antidogmática. O mellor de Marx é a súa visión de que o home pode mudar a historia. De que non hai nada predeterminado. De que o progreso social é posíbel se se pon vontade e traballo na tarefa. Non está mal que nos deamos agora unha pasada por Keynes, mais non esquezamos que aínda temos un mundo por gañar e que a historia non se vai deter por moito que se fabrique un novo Bretton Woods.
Sorry, the comment form is closed at this time.