Francisco Rodríguez
Os esforzos individuais e colectivos do pobo galego, en diversos ámbitos da actividade humana, deixaron un ronsel de pegada e influencia histórica. Cada ano podemos evocar figuras ou acontecementos de grande transcendencia polo seu significado, desde unha perspectiva galega. Esta perspectiva é a que nos permite avaliar os esforzos en función da súa contribución á consolidación dunha cultura nacional galega, dentro do contexto máis amplo da Humanidade. A evocación ou lembranza, en contextos como o noso, debe estar guiada por dous obxectivos: o combate contra a ignorancia e o menosprezo e a indicación da súa vixencia.
Hai tres efemérides de especial significado neste ano 2008 que está a rematar: o centenario da morte de Manuel Curros Henríquez na Habana e do traslado dos seus restos mortais á Coruña (1908); o 90 aniversario do Manifesto da Asamblea Nacionalista de Lugo ao pobo galego (1918) e o centenario do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle (1908). Sendo acontecementos distintos, por dinámica e transcendencia social, teñen unha conexión de fondo dentro do proceso histórico de toma de conciencia de Galiza como nación. Hai un elo condutor do prenacionalismo punxente de Curros, superando contradicións co seu ideario inicial ‘universalista’e democrático español, ao nacionalismo pleno que se manifesta en Marinhas del Valle. Dez anos máis tarde do pasamento dun e do nacemento doutro, as Irmandades da Fala, na súa Asemblea de Lugo, celebrada os días 17 e 18 de novembro de 1918, enunciaban no devandito Manifesto o salto cualitativo no terreo ideolóxico: “Tendo a Galicia, todas as características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos de hoxe para sempre , nacionalistas galegos, xa que a verba ‘rexionalismo’ non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.
A morte de Manuel Curros Enríquez significou a desaparición do poeta con máis lectores até aquel entón na Galiza. Era un símbolo de rebeldía democrática e, malia que fose o menos popularizado, de patriotismo galego. Non en balde se consideraba discípulo de Rosalía. Os dous mellores poemas a ela dedicados son obra súa (A Rosalía, de 1891, sobre o traslado dos restos mortais da poeta desde o camposanto de Adina en Padrón a San Domingos de Bonaval en Santiago; Na tumba de Rosalía –1904–, lido na ofrenda floral neste templo). Estaba na Galiza, após máis de 10 anos emigrado en Cuba. Alá tivo que retornar pois, malia homenaxes e coroamentos, ninguén lle ofreceu traballo. No poema Curros describe o proceso de alienación social do pobo galego (ignorancia e menosprezo do propio, renuncia á lingua nacional, mimetismo e loa do dominante imposto…), provocado pola fase finesecular da globalización capitalista. Profeticamente sinala como protagonistas, ansiosos da conquista de mercados a través de “bélicas empresas”, desta globalización, destrutiva para a cultura nacional galega, aos ianquis e aos xaponeses.
Milleiros de persoas no peirao e nas rúas recibiron o cadáver de Curros ao chegar a Coruña, marzo 1908. Algúns devotos decidiron espallar unha tarxeta postal coa foto de Curros na devandita ofrenda no anverso e o poema ‘Na tumba de Rosalía’ no reverso. Subliñaban o Curros pre-nacionalista e anti-imperialista, o máis profético e vixente. Ese Curros que, no conflitivo proceso de independencia de Cuba, defendeu o dereito de todos os pobos a seren libres, e a igualdade de todas as linguas e razas, confrontándose e desenmascarando a mítica historia da España imperial e excluínte.
O Manifesto Nacionalista de Lugo (1918) expresa a necesidade de incidir, de forma organizada, na vida social e política, a prol de Galiza, nunhas circunstancias críticas e esperanzadas. A esperanza, no remate da primeira gran guerra, está no ‘albeo’ das nacionalidades, o futuro libre que se albisca para os pobos sometidos polos imperios turco, ruso e austro-húngaro. Acompañaba a bendición do presidente dos USA, Wilson, partidario da autodeterminación, como fundamento da paz na Europa. A crise do sistema parlamentario bipartito, na España da Restauración, incita a unhas Cortes Constituíntes para unha reforma constitucional que traia verdadeira democracia e autonomía, especialmente para Cataluña, dotada dunha forte representación parlamentar xenuína. Os asembleístas reunidos en Lugo eran conscientes de que Galiza non podía quedar muda nin inactiva, por carecer de representación de seu nas Cortes. Había que definir un programa de ‘autonomía integral’.
Consideraban chegados os tempos da soberanía sen cativeces: “Galicia ten dereito, un dereito fundamental, a ser dona absoluta de si mesma”. Hai 90 anos, pois, que o nacionalismo galego formulou un programa que conducía a un Estado confederal, do que Portugal, entón xa república, debía formar parte. Da súa vixencia poden dar boa proba tres propostas: a) o sistema tributario, competencia do poder galego, que só pagará ao central “a cantidade que se fixe nos concertos económicos”; b) a construción e administración de ferrocarrís por cargo do poder autónomo; c) a administración de xustiza rematará en recurso derradeiro na Galiza…
Jenaro Marinhas del Valle formouse na atmosfera cultural nacionalista das Irmandades da Fala, no activismo das Mocidades Galeguistas xa na República, baixo o maxisterio de homes como Castelao ou Suárez Pícallo. A súa madurez intelectual coincidiu co franquismo. Foi elaborando, en silenciosa fidelidade ás súas conviccións, o teatro en galego máis valioso, por moderno e renovador, do século XX. Nunca foi representado polo Centro Dramático Galego, só por compañías amadoras ou algún grupo profesional, especialmente na Coruña co gallo deste centenario. Morto o seu admirado Carvalho Calero, abandonou a Real Academia Galega, da que era numerario, polo seu calo oficialista e sectario. Nos últimos anos da vellez colaborou coa súa oratoria e o seu maxisterio público á causa do nacionalismo galego.
Canto ignoramos, canto temos que redescubrir sobre nós mesmos! Endebén, os esforzos do pasado aboian exemplarmente no presente
Sorry, the comment form is closed at this time.