Francisco Rodríguez
Hai homes carismáticos que enuncian discursos sintomáticos en momentos cruciais. Algúns considéranos, con razón, pezas de oratoria soberbas. Malia os seus eufemismo e o seu enlevo idealista, enguedellante, dan para detectar algunhas intencións preocupantes. O discurso de Obama en Grant Park (Chicago), perante milleiros de simpatizantes, a madrugada do 5 de novembro, xa gañador dos comicios, non defraudou ás persoas que, arelantes, esperaban as súas palabras desde a proximidade. Estaba pensado para eles, nunha noite vitoriosa.
Obama foi debullando todos os tópicos do “soño americano”. O cambio (a súa propia biografía exemplificaríao) demostraría que Estados Unidos é “un lugar onde todo é posíbel”, unha nación de espírito inmorrente ao longo da historia (“somos e seremos sempre os Estados Unidos de América”), exemplar para o resto do mundo. Facendo unha piscadela aos sectores das clases populares, invocándoos directamente, tan entusiastas e sacrificados en toda a campaña, afirmou: “un goberno do pobo, polo pobo e para o pobo é posíbel na Terra”. Valores abstractos (democracia, liberdade, oportunidade e esperanza firme –sic–), propios da peculiar e xa tradicional mentalidade progresista americana, salpicaron o discurso, encarnado e incardinado habilmente para buscar a complicidade de todos: ricos, pobres, mozos, vellos, demócratas, republicanos, negros, brancos, hispanos, indíxenas, homosexuais, heterosexuais, discapacitados ou non discapacitados. En fin, discurso moi matizado nos acenos para procurar a resurrección dunha nova lexitimidade para o poder político en crise, nunha sociedade dividida e desmoralizada.
Esta fasquía retórica, idealista, tan eficaz como simplona, non renuncia, nembargantes, a xustificar dúas guerras de agresión na que Estados Unidos está directamente comprometido: Irak e Afganistán. Esta é a arista máis preocupante, veraz, que denuncia a indisposición a prescindir do cinismo, a inmoralidade e a mentira para manipular ao pobo americano. Debe aceitar, con espírito de sacrificio, o papel imperial de Estados Unidos, que o discurso asume sen rubor: “chega un novo amencer do liderado estadounidense”… “A aqueles que queren derrubar o mundo: imos vencervos”. Como vemos, o idealismo interno asenta na visión maniquea do mundo exterior, na autodesignación como pobo escollido, no providencialismo (Deus está con eles na súa misión…). Non pode estrañar que o Secretario de Estado de Defensa con Bush, Robert Gates, o vaia ser tamén con Obama. Porén, os tempos esixen unha revisión estratéxica, xa xestada pola actual administración e anunciada por Condoleezza Rice. Fálase da retirada de Irak en 2011, previa a de Gran Bretaña en 2009. O idealismo americano é afecto ao eufemismo. Deixarán alí un réxime títere, un país debilitado e empobrecido económica e moralmente, cunha grande división interna debidamente instrumentalizada, múltiples bases militares, servizos secretos e de seguranza impunes e compañías estranxeiras apropiadas controlando as riquezas petrolíferas. A súa aparente retirada levará nas costas a sádica satisfacción do papel exemplarizante e intimidador cumprido nun contexto tan conflitivo como o de Oriente Medio. En todo caso, habería que preguntarse, como o facía Eça de Queirós, en referencia ao que Inglaterra consideraba a súa “grande vitoria do Afeganistão” en 1880: “E de tanto sangue, tanta agonia, tanto luto, que resta por fim?”… O agudo observador da política imperial británica advertía que para manter o que deixan (“uma invasaôn arruinadora”, así a cualificaba), terían con certeza que “recomeçar daquí a dez anos ou quinze anos”.
A revisión estratéxica consiste tamén en centrarse en Afganistán: a prioridade de Obama. Agora xa non recorren ao cínico ideal da “superioridade do modelo de democracia occidental” como soño liberador dun pobo oprimido para xustificar unha guerra de ocupación. Despois de oito anos de guerra, a popularidade da insurxencia é maior que nunca. Hoxe ten presenza no 72% do territorio e a mesma capital, Kabul, é vulnerábel. Causa arrepío ler as xustificacións da necesidade de cambio de estratexia, tal e como as expoñen Paddy Ashdown, alto representante europeo en Bosnia, e Daniel Korski, ex-conselleiro do Ministerio Anti-Drogas do goberno afgano, destinadas á opinión pública española, no seu artigo “No es hora de retirarse de Afganistán” (El País, 03-12-2008), xustamente no momento da morte dos dous soldados españois. Segundo eles, como non é posíbel “alterar de manera fundamental el carácter del país” e vai ser difícil unha vitoria rotunda, haberá que ir a un “labor de contención”, de forma que Afganistán non sexa utilizado para actividades contrarias aos intereses de Occidente. Estes sinistros diplomático-asesores transnacionalizados venden esta guerra como paz e tranquilidade para os países europeos, concretamente para España, e como unha forma de manter a raia a todos os estados musulmáns. Hai que combater, pois, a insurxencia afgana “de maneira implacábel”, pero hai que lograr as maiores complicidades para un réxime títere viábel e a configuración dun estado de recursos limitados… Un despoxo vivinte…
Como ronsel lóxico, o eco chega ao goberno español. A Ministra de Defensa esixiu o cambio de rumbo no Congreso o 17 de novembro. Premida por USA e a OTAN para aumentar as tropas españolas en Afganistán, xa expresou a disposición española a contar con máis efectivos no exterior. Desgrazadamente, esta posibilidade está contemplada legalmente nos deseños globalizadores, de forte tufo idealista, como non podía ser menos, contidos na Lei Orgánica da Defensa Nacional (5/2005). Sabe que está a seguir un deseño de cada vez máis difícil xustificación idealista, cunha opinión pública progresivamente máis crítica coa presenza española alí. Non deixa de ser curioso que os sinistros aludidos intenten intimidar a opinión pública lembrando que a retirada tería un custe para as mulleres e as nenas afganas en atención e educación médica. A esta altura resulta incríbel esta sensibilidade pola dor allea por quen está disposto a provocala de forma tan masiva.
Afganistán é un estado plurinacional, plurilingüe e pluricultural. Foi xa invadido por Inglaterra en 1847 e 1880, debido ao seu papel estratéxico fronte ao imperio ruso e como acceso á India. En 2001 foino por USA, por motivacións similares, agora de control global: fronteira con China, Paquistán, Irán, ex-repúblicas soviéticas. No século XIX eran “as fortes necesidades dun grande imperio”. Hoxe sono as dunha grande potencia que recorre á intimidación, ao medo, para asegurar a súa hexemonía global. Afganistán é a súa prioridade, e a dos seus servís aliados. Aos afganos non lles queda máis que seren “homes fanáticos, batalhadores e hostís”, como dicía Eça de Queirós en 1880 (“Cartas de Inglaterra”).
Sorry, the comment form is closed at this time.