Abr 162009
 

SEMANA CATÓLICA

Guimarães, Largo da Oliveira, 6 da tarde. A un lado a igreja de Santa Maria de Oliveira, ao outro un local estraño do que sae a música a todo volume: “… primeiro de maio… unidade, unidade… unidade do povo contra o capital…”. É un local pequeno cheo de faixas reivindicativas: “… menos cruces…”, “Viva a revolução do 25 de avril”. É un local estreito, cunha vella porta aberta para que o son se faga dono da praza de enorme beleza, a un lado a igreja e o Padrão do Salado, ao outro os antigos Paços do Concelho, e tamén unha oliveira nova que quere lembrar á vella oliveira que verdeceu no mesmo momento en que se rematou o pórtico da igreja, no ano 1342. Ao oeste da vila medieval un reloxo canta as horas e remata os seus sinais cantando á virxe María. Até alí non chegan as cancións dos operarios, a iniciativa dun tolo que quere combater con música o omnipresente poder dos sinos e os rezos católicos.
    Onde queira que vaia unha igrexa, unha hermida… algo hai que constata este poder católico. Mesmo na serra do Barroso, nunha pequena aldea, as súas dúas ruelas están ornadas coas cruces do calvario colocadas para a ocasión, coas teas moradas ao vento, marcando o percurso que os seus moradores farán estes días revivindo a paixón de Cristo.
    Non sei como explicaría Marvin Harris estes detalles, mais que ninguén pense que isto é cousa de aldeas trasmontanas ou países arredados. Na porta da nosa casa, aquí mesmo, alguén participa da dor da morte de Xesús e deixa de comer carne mentres sisa para o seu lucro familiar da suba salarial que debería corresponder aos seus contratados. Algún se flaxela baixo o hábito morado, “anonimamente”, mentres lle esixe ás súas traballadoras xornadas de doce horas e prescinde dos seus servizos se cometen o erro de empreñar, el que se manifestou alporizado nas rúas contra a modificación da lei do aborto e non acepta na negociación do convenio ningunha medida que permita a conciliación da vida laboral e familiar.
    Podería entender este Vía Crucis de Atilhó no que seguramente traballaron as mulleres e os homes destas altas terras onde todos se coñecen e a pobreza do campo é o seu ben común, a facenda que posúen; que tal vez lle rezan a Santo Antonio polo temor a que as vacas enfermen ou a que non chova. Mais non podo aturar a hipocrisía desta sociedade que se manifesta católica e practica a máis feroz competencia, o trato máis inhumano, a individualismo máis radical. Nin podo entender que, a estas alturas, despois de Darwin e Marx, despois de Mao, esta sociedade siga estando dominada pola confesión católica, a performance das procesións de mantilla e o vestido estreado o domingo de Ramos, mentres o peixe fresco sobe de prezo e a televisión volve programar o lote de películas de Semana Santa, un diario suspende a entrega da colección de cine erótico ou nalgún canal vemos en directo as procesións que nos fan pasar como acervo cultural, motivo de visita turística, patrimonio… publicidade oficial e descarada en favor do poder da igrexa!.
    E aínda falamos do fanatismo dos outros!

    Que o materialismo nos ilumine!

 Posted by at 11:15

Sorry, the comment form is closed at this time.