Máis unha vez acompañei uns amigos, nestes caso portugueses, aproveitando a súa estadía en Ferrol, nun percorrido polos seus arredores. Sempre teño a certeza de que os meus acompañantes van entender con esta visión os problemas que temos como sociedade e como pobo. Mesmo resulta unha oportunidade para resumirlles, de forma sintética, a nosa evolución histórica, a da Galiza. Malia o meu entusiasmo catequético, sen dúbida vinculado á experiencia vital que deriva dunha infancia e dunha pubertade apegada a esta realidade empírica, pretendo non pecar de localismo, un mal tan frecuente. Moito menos en imitar ese ferrolanismo tradicional, expresión dun españolismo de baixe intensidade, mais tan inútil e desorientador como o de calquera perspectiva madrileña paternalista sobre o noso país.
Xa na Segunda República, o deputado nacionalista, Suárez Pícallo, batallaba para Ferrol, cidade sempre condicionada e ao servizo do Ministerio de Defensa español, non ser esquecida, abandonada, nos momentos de crise económica. Denunciaba naquel entón Ramón, un galego de Sada, antes emigrante, a ameaza de despido para 2000 traballadores da Construtora Naval, empresa privada que vivía dos contratos coa Mariña, dedicada á construción de buques de guerra. Vía ilóxico, desleal e displicente que o Estado condicionase absolutamente todo na comarca, sen responsabilizarse de nada. Contemplando desde o mirador de antiga Capitanía Xeral o enorme espazo do arsenal sen actividade, sen vida, as liñas de atraque sen a penas barcos de guerra, tampouco mercantes na parte civil, os meus amigos pasmaban admirados tanto da magnitude da infraestrutura encerrada con murallas como da impresionante factura de seus edificios nobres.
Hoxe, no noso tempo, é tema tan recorrente como indignante o debate sobre a necesidade de recuperar para a actividade da construción naval civil un estaleiro como a antiga ASTANO. O seu grande guindastre estático, solemne, paralizado, lémbranos todos os días a irracionalidade económica máis espantosa, a pasividade máis antisocial, ditadas por intereses políticos que nada teñen nada a ver co pobo galego. Infelizmente, só o nacionalismo está empeñado no obxectivo da súa recuperación, consciente de que é un dos poucos grandes sectores industriais, aínda non transnacionalizados, nos que podemos ter vantaxes comparativas. Se se fixer ben a historia da denominada reconversión do sector naval público, daría para evidenciar o penoso colaboracionismo interior, non exento da debida dose de cinismo confusionista, que praticaron, e aínda pratican, as sucursais dos sindicatos e partidos españois.
En Monteventoso, os meus amigos tiraron unha foto co pano de fondo dunha perspectiva costeira máis restrita da que os nosos ollos podían contemplar, a praia e a lagoa de Doniños, a illa Gabeira, San Xurxo, cabo Prior e Covas. Pero ás nosas costas ficaban A Marola, a cidade da Coruña coa torre de Hércules, e todo o litoral até as illas Sisargas, como mínimo. Ao noso pé, o cabo Prioriño, rebautizado pola insolente man colonizadora da Autoridade Portuaria como Prioriño Chico, seguramente para purificalo co ar dun chotis. Por que? Unha obra de “progreso”, o investimento máis grande de toda a historia democrática, foi a encargada de reducilo, mirralo e civilizalo: o porto exterior. Nen o menor balbordo ecoloxista perante o maior impacto ambiental, o maior atentado, contra o equilibrio do ecosistema da ría. Os amigos portugueses preguntaron que se ía facer co porto interior, que eles viron baleiro…
Como outras veces fiquei estantío pensando, naquela paraxe privilexiada, quen se ía preocupar de que non continuase a afectación desta zona protexida. A miña irritación interior medrou lembrando como o Ministerio de Defensa, o Goberno de España, pretende vender en poxa pública Monteventoso por 350.000 euros, após retiralo dun Convenio, xa descompensadamente beneficioso para eles, asinado co Concello para o uso de zonas sen interese militar. Para escarnio, nunca pagaron polos seus bens, e pretenden seguir sen facelo, o IBI.
Voltamos para a cidade. Era hora da palestra. Non daba para máis. Fiquei co profesor portugués, Luís Duarte, e co amigo, Fabio, en que habería máis ocasións. Atropelado, informeinos, como evocación doutra época histórica, que viran un anaquiño da Galiza trastamárica, a que está ao norte do Tambre. Unha teima: canto nos descoñecemos os galegos e as galegas, canto descoñecemos a propria Galiza!
Sorry, the comment form is closed at this time.