Comezou mal Núñez Feijóo. Non só por non explicitar compromisos de ningunha caste á hora de enfrontar a situación de crise económica que padece Galiza, ou mesmo pola ausencia dun programa merecente de tal nome que fundamentase a súa investidura como Presidente. Non foi só iso. É máis: O problema non foi o que non dixo, senón o que dixo.
Pois efectivamente, foi congruente coa defensa activa desa conceición ideolóxica franquista (aquilo de "non vos metades en política" ), cando se referiu aos "estériles antagonismos ideolóxicos", dos que di pretender rematar no debate político. Se cadra, gostaría de reconverter o Parlamento nun Balneario. Contodo, si defendeu, e sen complexos, principios ideolóxicos -os seus e os do PP- moi clariños e, por certo, ben agresivos co pobo galego.
Por exemplo, en relación coa lingua galega. Semella vincular o seu uso e estatus legal coa caracterización que fixo da nosa nación, Galiza, en dúas ocasións ao longo do seu discurso. A primeira, non excesivamente brillante nin imaxinativa: "Galicia é o que é". Magnífica descrición, porque certamente é así, e o que é, é, e non é doutro xeito. Na segunda, menos afortunada, proclamou a Galiza nada menos que como "esquina de Occidente", que honestamente nos lembra tempos dun rexime político que consideraba a Galiza como "rinconcito verde" e a España como "faro y guía de Occidente". E así, en coerencia con estes principios, tan modernos e actuais, dálle nome á política lingüística que pretende impulsar: AMABILIDADE LINGÜÍSTICA.
Mais vexamos en que consiste a elegante denominación de "amabilidade lingüística" para este home. En esencia, "rematar cos radicalismos e os maximalismos lingüísticos", coa "imposición do galego" (sic) e, daquela, derrogar o Decreto de uso do galego no ensino e suprimir as Galescolas. Velaí a folla de rota a curto prazo.
Vaia, que hai que ser amábel. Así que xa sabedes: a próxima vez que despidan un traballador por falar en galego, nada de protestar nin denunciar: cun amábel sorriso e cun agradecemento pola paciencia, se resolve o problema. Que na Universidade de Vigo o 90% das aulas son en español? Non pasa nada, calamos ?cortésmente- e achantamos, que para iso defendemos o bilingüismo cordial. Que na xustiza ou na sanidade o galego apenas existe? Botémoslle unha pinga de dozura, mais non reclamemos os nosos dereitos: sería impoñer. E iso si que non. Amabilidade, amigos, xentileza. Que sigamos a perder falantes, que aniquilen o noso idioma, porque os maximalistas somos nós. Debe ser o primeiro caso na historia da humanidade.
Ese é o modelo, descrito sen ambiguidades por Núñez Feijóo. A eliminación, o exterminio do noso idioma, a nosa anulación como pobo diferenciado. Ou noutras palabras, que rescato na súa literalidade do seu discurso, volver á "cordialidade lingüística que sempre existiu en Galicia". Aí é onde queren ir. Cando o galego non era problema, simplesmente porque se proibía e se reprimía. O paradigma a seguir. O próximo 17 de Maio, da man da Mesa pola Normalización Lingüística, teremos a oportunidade de demostrar que somos moitos milleiros os que non nos resignamos a eses designios imperiais, os que aspiramos a un outro futuro, digno, para a nosa lingua e a nosa nación.
Sorry, the comment form is closed at this time.