Así se nomeaban as xeiras sobre a lingua galega que organizaron as rapazas e os rapaces dos Comités na Universidade de Vigo desde o 15 ao 17 de abril. Correspondeume falar de lingua e literatura o día 16 e foi un acto tan axeitado, tan necesario que quero felicitalos desde aquí e pedirlles que sigan por este camiño de futuro.
Cando comecei a miña intervención rescatei da memoria as vivencias de 25 anos atrás, cando a UVI non era universidade e unha cuadrilla de toliños demos en pór en marcha os Comités Abertos de Estudantes (CAE). Antes do 84 xa estaba a cousa algo revolta, peches en Filoloxía Xermánica por mor das inxustizas pedagóxicas, asembleas e mobilizacións para acelerar a democratización do Colexio Universitario, ou sexa, da Universidade de Santiago daquela. E cando eu cheguei a cousa seguía, e fixemos actos en prol da lingua, aínda conservo unha pegata do ano 87, “Pola normalización lingüística. Non teñas medo, fala galego”.
Xa lles dixen que nós eramos español falantes, mozas e mozos eivados pola ditadura de herdar a nosa lingua, mais algo bulía en nós, nacía a conciencia e nos actos públicos expresabámonos en galego, malia non ser aínda a nosa lingua habitual. Despois a maioría pasamos a ser monolingues en galego. Foi a miña maneira de dicirlle a unha sala chea de mozos e mozas que hai futuro, porque xa o houbo. De unirme ás palabras de Xabier Docampo que puxo o acento na súa responsabilidade: “agora tócavos a vós manter vivo o idioma”. E así é, eles e elas tamén o sabían, por iso foi un encontro feliz.
É a súa responsabilidade e o noso compromiso, contan con nós. Parabéns rapazas, rapaces.
Abr 272009
Sorry, the comment form is closed at this time.