O xoves 5 de maio celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña a gala de entrega dos premios do VI Certame Curtas para Rosalía, os gañadores foron Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez na categoría Irmandades da Fala, Luís Gómez Aldegunde na categoría Manuel María, e Chus Domínguez na de Mellor Curta.
Segundo o xurado, Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez acadaron o Premio Irmandades da Fala coa curta ‘Mira a miña pel’ “pola súa aproximación, desde a perspectiva e ton do videopoema, á crucial chamada das Irmandades para a recuperación da lingua, subliñando o que de encarnado, directamente corporal, ten o traballo da lingua, na cal a superficie, a pel, conduce ao máis profundo do noso ser”.
No apartado Manuel María gañou ‘Telexornal Manuel María’ “pola súa eficaz achega para o coñecemento e difusión da obra e o legado de Manuel María, co mérito acrecentado de estar protagonizada por escolares que se dan moi ben coa expresión audiovisual e axudan a construír un exemplo vivo de comunicación social galega emancipada”.
E, finalmente, o galardón á Mellor Curta nesta sexta edición foi para ‘O prezo da dote’, de Chus Domínguez, “polo seu contributo significativo para a reelaboración da imaxe de Galiza que, por virtude da súa forza poética, é capaz de se afastar do tópico e, dialogando á distancia coa obra rosaliana, compón un fluxo de imaxes e unha partitura sonora de singular e conmovente beleza”.