A educación é un feito social, colectivo, de grupo e compartido. Queremos reivindicar que non somos substituíbles por ningún medio tecnolóxico por moderno que sexa.
Por iso, queremos deixar constancia de que as tecnoloxías existentes en cada momento deben ser unha ferramenta que contribúa a desenvolver os proxectos docentes, mais nunca poden ser nin o fin nin o obxectivo.
Nas últimas datas xorde, de súpeto, a preocupación da Consellería polas condicións que existen nos fogares para acceder a determinadas canles de información, como se até o de agora non estivésemos afectadas por esas diferenzas, e non estamos a referirmos só ao acceso ás TIC, consellería debería asegurar o acceso a elas por parte de todo o alumnado en todo momento como tamén asegurar o acceso aos libros ou á cultura en calquera das súas dimensións.
Antes do estado de alarma, era patente a preocupación da sociedade pola adición ás novas tecnoloxías por parte da xente nova. En cambio, agora estamos fomentando que pasen moitas horas mirando unha pantalla porque se considera que o alumnado só pode aprender a través dese medio?.
Coidamos que nesta crise se esqueceron outras fontes de coñecemento, como a literatura, que podían ter axudado a adquirir coñecemento desde a casa, guiados polo profesorado.
Pensamos que non é o momento de camiñar cara adiante sen reflexionar. É o momento de poñer en valor o noso labor como axentes activos, de vital importancia para mirar o futuro con optimismo. É o momento de reivindicar que non hai educación sen aula.