Após as diferentes respostas, tardías e erráticas, que se foron articulando desde a Consellería, amosando un enorme afastamento das necesidades que estaban a ter tanto as docentes como as familias e o alumnado das distintas etapas educativas, queremos dar a coñecer a nosa opinión con respecto á situación que están a vivir as familias.
Non se tivo en conta que non todos os nenos e nenas tiñan un estado emocional axeitado que favoreza a súa aprendizaxe.
En moitas familias, nenos e nenas pequenos ou con necesidadades educativas especiais non tiñan unha persoa adulta que acompañase este proceso e tampouco tiñan a autonomía para dirixir a súa aprendizaxe telemática.
As necesidades socioeconómicas condicionaron o proceso educativo de parte do alumnado e non puidemos garantir a igualdade de oportunidades, a equidade e a xustiza na avaliación.
En dous días e con medios propios, o profesorado galego tratou de comunicarse con todo o seu alumnado co obxectivo de que non perdesen contacto coa súa actividade escolar. Nalgúns casos, custounos máis e tivemos que pedir axuda aos concellos e a asociacións próximas a rapaces e rapazas con problemas.
En dous días as familias tiveron que aprender a acceder a distintas plataformas educativas, conseguir imprimir tarefas e buscar un lugar axeitado para o estudo nunha casa en confinamento, atender o benestar emocional dos fillos e fillas, ademais de atender ao seu propio traballo ben na casa, ben fóra dela. As familias fixeron un gran traballo durante este tempo, poñendo moito esforzo da súa parte.