Mai 152025
 

Entidades de Queremos Galego presentaron esta mañá en rolda de prensa os pormenores da “grande foliada pola lingua” que percorrerá as rúas de Compostela este sábado, 17 de maio, baixo o lema Lingua Vital xa. Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, pediu que a xente acuda con pandeiretas, percusión e ánimo, para expresar cantando a forza do noso idioma, e explicou que na manifestación do Día das Letras conflúen os máis de 20 plenarios de Queremos Galego que tiveron lugar ao longo das últimas semanas en outras tantas comarcas do país.

A marcha sairá ás 12h da Alameda, pasará diante do IES Rosalía de Castro e do IES San Clemente, polo Franco e a rúa Fonseca, ata concluír na praza do Obradoiro, onde a actriz Isabel Risco conducirá un acto no que intervirán a coordinadora e o voceiro de Queremos Galego e se presentarán as entidades que participarán no proceso social Lingua vital para concretar e executar os acordos xa tomados en relación ao idioma. Armas anunciou, tamén, que haberá buses a Compostela dende 30 localidades e animou a xente a buscar a súa na web queremosgalego.gal.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que “este 17 de maio é imprescindíbel saír á rúa”. “A Xunta está demostrando”, afirmou, “que só actúa se o pobo galego se mobiliza”. Neste sentido, Maceira asegura que “o medo á mobilización obrigou o PP a aparentar vontade de cumprir os acordos con supostas comisións, mais con limites estabelecidos para o ensino, a administración, os medios públicos ou mesmo os campamentos de verán”.

“A mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e comezar a reverter a emerxencia lingüística”, recorda o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. “Hai que obrigar o PP e a Xunta a reaccionar a favor do idioma perante a emerxencia lingüística”, insiste. “O continuismo de Rueda na belixerancia contra o idioma debe parar”.

Maceira relacionou a “copia de iniciativas como un selo a empresas que usan o galego” coas mobilizacións sociais a prol da lingua, que -reitera- obrigaron a Xunta a “seguir os pasos de Queremos Galego”, “mentres continuaban coas accións contra o idioma, como a Lei da CRTVG ou a lei da Intelixencia Artificial, entre outras”.

O voceiro de Queremos Galego confía en que a mobilización deste 17 de maio será histórica, “decisiva para impulsar a mudanza de rumbo que o galego precisa”. “Os nosos netos e as nosas netas poderán dicir que poden seguir falando galego porque os seus pais e nais, avós e avoas estiveron na rúa defendendo o idioma que é seu”, abundou, “porque miles e miles de persoas, toda a forza, apoio e músculo social a favor do galego saíu á rúa e actuou para eliminar os programas que propoñen a súa destrución”.

Tanto Celia Armas como Marcos Maceira recordaron que este 17 de maio, día das nosas letras, será o da visibilización do proceso Lingua Vital, que contará coa participación de entidades sociais representativas de todos os sectores da sociedade, “non para inventar solucións máxicas, senón para propor accións que fagan realidade o que xa está acordado”. “A emerxencia lingüística precisa de responsabilidade e acción real e concreta”, abundou Maceira, “a base para esa acción está acordada, só falta porse a traballar. Coa mobilización e proceso social Lingua Vital procuramos asumir a responsabilidade da que desertou á Xunta”.

 Posted by at 13:20

 Leave a Reply

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)