admin

Mai 152025
 

Entidades de Queremos Galego presentaron esta mañá en rolda de prensa os pormenores da “grande foliada pola lingua” que percorrerá as rúas de Compostela este sábado, 17 de maio, baixo o lema Lingua Vital xa. Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, pediu que a xente acuda con pandeiretas, percusión e ánimo, para expresar cantando a forza do noso idioma, e explicou que na manifestación do Día das Letras conflúen os máis de 20 plenarios de Queremos Galego que tiveron lugar ao longo das últimas semanas en outras tantas comarcas do país.

A marcha sairá ás 12h da Alameda, pasará diante do IES Rosalía de Castro e do IES San Clemente, polo Franco e a rúa Fonseca, ata concluír na praza do Obradoiro, onde a actriz Isabel Risco conducirá un acto no que intervirán a coordinadora e o voceiro de Queremos Galego e se presentarán as entidades que participarán no proceso social Lingua vital para concretar e executar os acordos xa tomados en relación ao idioma. Armas anunciou, tamén, que haberá buses a Compostela dende 30 localidades e animou a xente a buscar a súa na web queremosgalego.gal.

O voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, salientou que “este 17 de maio é imprescindíbel saír á rúa”. “A Xunta está demostrando”, afirmou, “que só actúa se o pobo galego se mobiliza”. Neste sentido, Maceira asegura que “o medo á mobilización obrigou o PP a aparentar vontade de cumprir os acordos con supostas comisións, mais con limites estabelecidos para o ensino, a administración, os medios públicos ou mesmo os campamentos de verán”.

“A mobilización e a toma da iniciativa pola lingua pola sociedade galega é o único que pode facer mudar o rumbo do idioma e comezar a reverter a emerxencia lingüística”, recorda o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. “Hai que obrigar o PP e a Xunta a reaccionar a favor do idioma perante a emerxencia lingüística”, insiste. “O continuismo de Rueda na belixerancia contra o idioma debe parar”.

Maceira relacionou a “copia de iniciativas como un selo a empresas que usan o galego” coas mobilizacións sociais a prol da lingua, que -reitera- obrigaron a Xunta a “seguir os pasos de Queremos Galego”, “mentres continuaban coas accións contra o idioma, como a Lei da CRTVG ou a lei da Intelixencia Artificial, entre outras”.

O voceiro de Queremos Galego confía en que a mobilización deste 17 de maio será histórica, “decisiva para impulsar a mudanza de rumbo que o galego precisa”. “Os nosos netos e as nosas netas poderán dicir que poden seguir falando galego porque os seus pais e nais, avós e avoas estiveron na rúa defendendo o idioma que é seu”, abundou, “porque miles e miles de persoas, toda a forza, apoio e músculo social a favor do galego saíu á rúa e actuou para eliminar os programas que propoñen a súa destrución”.

Tanto Celia Armas como Marcos Maceira recordaron que este 17 de maio, día das nosas letras, será o da visibilización do proceso Lingua Vital, que contará coa participación de entidades sociais representativas de todos os sectores da sociedade, “non para inventar solucións máxicas, senón para propor accións que fagan realidade o que xa está acordado”. “A emerxencia lingüística precisa de responsabilidade e acción real e concreta”, abundou Maceira, “a base para esa acción está acordada, só falta porse a traballar. Coa mobilización e proceso social Lingua Vital procuramos asumir a responsabilidade da que desertou á Xunta”.

 Posted by at 13:20
Dec 112024
 


CURTAS Gañadoras XIV Certame de Curtas da AS-PG

O xurado do XIV Certame de Curtas da AS-PG, convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), en colaboración co Concello da Coruña, coa finalidade de explorar e divulgar a Literatura Galega a través do cinema, formado por:

Lucía Catoira Pan, Directora de Fotografía

Manuel González, guionista, ensaísta e investigador cinematográfico

Martin Pawley, produtor, programador, crítico de cine e divulgador cinematográfico

Acordou por unanimidade declarar gañadoras da XIV edición do Certame:


CATEGORÍA XERAL

O 1º premio á Mellor Curta da XIV edición:

Sen ti, de Feyrouz Serhal

O 2º premio da XIV edición:

Orzán, de Omar Rabuñal Varela

CATEGORÍA CENTROS DE ENSINO

O 1º Premio:

Ara Princesa de Corazón, do CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas

O 2º Premio:

Eu fixen ouigha co espírito de Castelao, do CPI PL. de Vedra

O 3º Premio:

A luz traza o camiño, do IES Ramón Cabanillas de Cambados

O Xurado

A Coruña, 10 de decembro de 2024

 Posted by at 15:01
Dec 112024
 

O xurado do IV CERTAME COREOGRAFÍATE, convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) nun apoio á música
realizada en galego como forma de comunicación e divulgación da lingua e música galega, formado por:

  • Sofía Espiñeira López, cantautora, bailarina e actriz.
  • Xiana Vilas Castro, coreógrafa, bailarina e docente.

Acordou por unanimidade declarar gañadoras desta IV edición do Concurso:

CATEGORÍA XERAL MELLOR COREOGRAFÍA:
1º PREMIO: 
“Canta miña sombra” – Fillas de Casandra – Plié Dance School


2º PREMIO:
“Agullas de prata” – Escola Municipal de Danza (Oleiros) e May Dance
Studio (Fene)


CATEGORÍA MELLOR COREOGRAFÍA CENTROS DE ENSINO:
INFANTIL:
“Os Supercras” – CRA de Ribadumia


PRIMARIA:
“Cantares de Camariñas” – Alana – CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro


Debido a alta participación neste grupo, gustaríanos facer a maiores dúas mencións especiais polo traballo feito a dúas propostas:
– Mención especial pola Interpretación teatral – “As Moiras”, CEIP A Lomba
– Mención especial polo traballo conxunto de danza e canto – “O que é noso”, CEIP Pedro Barrié de la Maza, Sada


SECUNDARIA/BACHARELATO:
“Ancestros”; – IES A Sardiñeira


Moitos parabéns a todas as propostas, centros e colectivos participantes.

Esta actividade está subvencionada pola Deputación da Coruña.

 Posted by at 12:46
Nov 282024
 

O xurado do XIV Certame de Curtas da AS-PG, convocado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) en colaboración co Concello da Coruña coa finalidade de explorar e divulgar a Literatura Galega a través do cinema, formado por:

  1. Lucía Catoira Pan, Directora de Fotografía

Manuel González, guionista, ensaísta e investigador cinematográfico

Martin Pawley, produtor, programador, crítico de cine e divulgador cinematográfico

Acordou por unanimidade declarar finalistas da XIV edición do Certame a:

  1. 1. Categoría Mellor Curta da XIV edición

      Orzán, de Omar Rabuñal Varela

      Sen ti, de Feyrouz Serhal

  1. 2. Categoría Centros de Ensino da XIV edición

A luz traza o camiño, do IES Ramón Cabanillas de Cambados

Ara Princesa de Corazón, do CRA Raíña Aragonta de Salceda de Caselas

Eu fixen ouigha co espírito de Castelao, do CPI PL. de Vedra

A entrega de premios terá lugar o martes 10 de decembro ás 18:00 h na Filmoteca de Galicia, Rúa Durán Loriga 10 – A Coruña.

 Posted by at 10:36
Xuñ 042020
 

I.- ORGANIZACIÓN
O Certame de Curtas da AS-PG é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega nun apoio ao audiovisual como forma de comunicación e divulgación da lingua e literatura galega.
As curtas admitidas a concurso e as curtas finalistas daranse a coñecer no enderezo http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas AS-PG.


II.- TEMÁTICA
As curtas xirarán ao redor da literatura, interpretando ou explorando calquera texto de calquera época da Literatura Galega.
A modalidade en que se presenten os traballos é libre: videocreacións, curtametraxes, videoclips… e admitirase calquera técnica de elaboración. As curtas presentadas levarán incluído un espazo de créditos.

III. NORMAS DE PARTICIPACIÓN

  1. Poderán optar aos premios as curtas rodadas en calquera sistema de gravación (cine, vídeo…), inéditas ou que fosen estreadas entre o 1 de setembro de 2018 e o 13 de novembro de 2020.
  2. As obras poderán enviarse por wetransfer a informacion@as-pg.gal ou en DVD. O formato de exportación debe ser preferentemente .mp4, .mov ou .avi.
    No caso de ser en DVD deberán enviarse ou presentarse no enderezo:
    Asociación Socio-Pedagóxica Galega
    X Certame Curtas AS-PG
    Rúa Laracha, 9 baixo
    15010 A Coruña
  3. Prazo: as curtas deberán ser recepcionadas na AS-PG antes das 14 horas do 13 de novembro de 2020.
  4. A duración non excederá en ningún caso os 30 minutos, créditos incluídos.
  5. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o galego.
  6. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.
  7. O material enviado ao inscribirse non será devolto.
  8. Os vídeos participantes na Categoría Centros de Ensino poderán ser difundidos a través da páxina web da AS-PG e das súas redes sociais.

IV. CATEGORÍAS

Categoría xeral Mellor Curta X edición.

Categoría Centros de Ensino X edición.
A mesma obra só poderá participar nunha única categoría que será indicada na ficha de inscrición.

V. PREMIOS

Categoría xeral
– Premio á Mellor Curta X edición de Curtas AS-PG, dotado de 1.500€ + Diploma.
– 2º Premio dotado con 750€ + Diploma.

Categoría Centros de Ensino
– 1º Premio, dotado con 1.000€ + Diploma.
– 2º Premio, dotado con 500€ + Diploma

VI. INSCRICIÓN
Os/As participantes deberán enviar a seguinte documentación:

Ficha de inscrición con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberanse enviar tantas fichas como obras.

Na Categoría Xeral, fotocopia do DNI do director/directora, ou calquera membro responsable da obra.

Na Categoría Centros de ensino, fotocopia do DNI do director ou directora do centro.

Ficha de inscrición webentrada Curtashttp://bitaculas.as-pg.gal/blog/2013/10/28/iv-certame-curtas-para-rosalia/inscricion/

Poderá ser enviada por correo electrónico a informacion@as-pg.gal ou a
Asociación Socio-Pedagóxica Galega
X Certame Curtas AS-PG
Rúa Laracha, 9 baixo
15010 A Coruña


VII. XURADO
A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado que estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da literatura e do audiovisual. O xurado designará un máximo de tres obras finalistas en cada unha das categoría. Entre eses finalistas estará a gañadora.
Así mesmo designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras e avaliar a adecuación ás bases.
Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.
Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado, faranse públicos no enderezo web http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas AS-PG.
O ditame do xurado é inapelable.

VIII. ENTREGA DE PREMIOS
As obras gañadoras daranse a coñecer no Acto de entrega de premios que terá lugar en decembro de 2020. A data e lugar serán publicados na páxina web da AS-PG. Neste acto é obrigada a presenza, en representación das obras, dalgún dos membros das curtas finalistas. A non presenza será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra resultar premiada), mais non do premio en si.


IX. RESPONSABILIDADE
A persoa representante da obra será a única responsable legal da curta.
As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos sen ánimo de lucro organizados para a promoción do Certame.
A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases.


A Coruña, abril de 2020

 Posted by at 08:24