Set 022009
 

Na súa primeira declaración ao respecto das eleccións presidenciais celebradas en Afganistán o pasado día 20 a Unión Europea, que ten no país 250 observadores para facer seguimento dese proceso, manifestou que estas tiñan sido "correctas e equitativas" ao tempo que felicitaba ao pobo afgano pola súa vitoria, aínda recoñecendo que non foran unhas eleccións libres en todo o país. Nos días seguintes foron os secretarios xerais da ONU e da OTAN, Barak Obama e o goberno español entre outros os que voltaron amosar a súa satisfacción polo desenvolvemento do proceso electoral democrático con normalidade.

Afganistán é un país ocupado por máis de 100.000 soldados da OTAN e dos Estados Unidos, o día das eleccións houbo máis de 50 mortos en enfrontamentos armados e atentados, o día anterior foi bombardeado polos talibáns o Palacio Presidencial, non había censos fiábeis e curiosamente segundo dados oficiais nos listados de votación aparecían con dereito a voto cinco millóns de persoas máis que afganos maiores de 18 anos, o 70% do eleitorado estaba composto por mulleres (dado que podían inscribilas os seus homes sen a presenza delas), as tarxetas para identificarse nas mesas de votación carecían de foto polo que non era posíbel identificar a quen as portaba, a tinta coa que se marcaba a quen votaba co obxecto de que non poidera votar de novo eliminábase facilmente só con auga e xabrón; até aquí dados constatábeis pero ademais segundo diversas fontes as tarxetas de votación podían conseguirse no mercado negro ao prezo equivalente a seis euros e nalgúns distritos só foron votar duas de cada mil persoas inscritas.

Vai facer agora un ano a Unión Europea tamén enviou observadores a outras eleccións, neste caso as que se realizaban na República de Bielorrusia, unha ex-república soviética que ten fronteiras entre outros países con Polonia e Rusia. Nesa ocasión a UE manifestou que as eleccións foran fraudulentas e non cumpriran nin de lonxe cos requisitos que deben ter unhas eleccións democráticas.

En Bielorrusia non había militares estranxeiros defendendo a liberdade e a democracia dos seus habitantes e do resto do mundo fronte ao fundamentalismo e ao eixo do mal, os censos non foron cuestionados por ninguén, participou nas eleccións máis do 70% do censo, e ademais non se produciron mortes nin atentados na xornada electoral. Os 400 observadores internacionais non foron quen de amosar cuestións graves no proceso e só falaron de algunhas irregularidades no reconto e no voto antecipado, pero pese a esta realidade declararon que as eleccións foran un fraude.

O actual, e previsibelmente reeleito, presidente afgano Hamid Karzai é un escuro líder tribal que mantivo sempre excelentes relacións coa CIA, sendo un dos seus peóns na loita contra os soviéticos nos anos oitenta do século pasado e no apoio económico ianqui aos talibáns, separándose deles posteriormente e organizando un movemento opositor que de novo co apoio imprescindíbel do exército dos USA e da OTAN o levou ao poder dun país que sigue a ser o primeiro abastecedor de droga do mundo.
O presidente bielorruso Aleksandr Lukashenko sendo deputado opúxose á desaparición da Unión Soviética defendendo os principios comunistas e denunciando a corrupción do sistema, e desde que ocupa a presidencia o seu país pasou á estar á cabeza de entre os que formaban parte da antiga URSS en renda per cápita, esperanza de vida e alfabetización, mantendo a gratuidade do ensino e a sanidade, ademais de desenvolver como base da economía un complexo agro-industrial e manter o seu país moi lonxe do imperio das bandas mafiosas tan habituais noutros países do leste de Europa.

Terá algo que ver a orientación política dos presidentes de Afganistán e Bielorrusia na distinta cualificación que os observadores europeos deron a estes dous procesos electorais, ou será froito da casualidade que os amigos dos EEUU saiban facer eleccións limpas e os que buscan construír outro sistema sexan acusados sempre de cometer fraude electoral?

 Posted by at 16:21
Set 012009
 

Como portavoz do BNG no Congreso entón expresei o apoio do nacionalismo galego ao Estatut saído do Parlament catalán na sesión  plenaria que o admitiu a trámite. Esa data, xuntamente coa do día en que Ibarretxe actuou como defensor do Estatuto de Nación para Euskadi, que tamén apoiamos, pero que infelizmente non foi aceitado a trámite, figura como unha experiencia singular no meu labor político parlamentar. Persoalmente tiña claro, como así o consideraba o BNG, que o Estatut representaba abrir un camiño ao Estado plurinacional, de deseño confederal, após trinta anos de marco autonómico esgotado. En certa maneira, a súa aplicación, acabaría por favorecer unha reforma constitucional positiva para os pobos e as maiorías sociais do Estado. Era unha opción a prol dun autogoberno con base claramente política, asentado na existencia do pobo catalán como un pobo con dereito a decidir e con aspiración a convivir en igualdade. No texto latía a concepción dun marco competencial exclusivo no que a palabra última e determinante era a  do goberno e o Parlament de Catalunya. A vontade política e o marco competencial xenuíno expresábanse, de forma especial e senlleira, en todo o que facía referencia á lingua. Da consideración preliminar de que Catalunya era unha nación deviña a vontade de decisión política propia, dereitos políticos a asumir e respeitar polo Estado. O nacionalismo galego tiña que aproveitar a conxuntura, o debate aberto en Catalunya, a alternativa plasmada e o impacto na política estatal, para formalizar e defender, como así o fixo, unha aspiración homóloga. Fun plenamente consciente de que aquel texto exprimía ao máximo unha leitura moi aberta, democrática no senso xenuíno do termo, da Constitución española, quer no plano nacional, quer no plano social. Era unha leitura política que  optaba polo acordo desde o respeito á diferenza, pola igualdade e non pola submisión.

Naquel momento político, o zapaterismo perseguía unha maior e mellor integración de Catalunya no Estado, polo seu peso económico e demográfico, pola súa consciencia lingüística, cultural e política e por ser un celeiro de votos para o PSC-PSOE, por primeira vez á fronte dun goberno tripartito na Generalitat. Aparentaba asumir o que o Parlament de Catalunya decidise. Acabou non sendo así. Desde o inicio, o outro partido estatal da alternancia, o PP, despregou a campaña máis hostil e intoxicadora contra o Estatut e mesmo contra Catalunya, acusando ao Presidente do Goberno de romper o pacto constitucional ( a antidemocrática, bipartita e inamovíbel leitura da Constitución española) e de colaboracionismo cos partidos nacionalistas dispostos a romperen  a unidade de España. A intoxicación da opinión pública española contra Catalunya raiou a xenofobia. De nada valeu que o Estatut fose  gravemente recortado, peneirado, nas Cortes. No nivel simbólico preliminar a idea de nación permanecía. Na parte prescritiva, o referido á lingua tamén: a lingua propia de Catalunya era a preferente para a administración catalana, de obrigado coñecemento para os cataláns, con dereitos plenos a usárena, o que conleva os deberes conseguintes para os poderes públicos. O status xurídico do catalán é o dun idioma verdadeiramente oficial e propio dun territorio, dunha nación, nun Estado plurinacional. Ningún aspecto da vida social, económica, política ou cultural fica á marxe deste deber de usar o catalán para os seus utentes poderen exercer consecuentemente os dereitos lingüísticos. Tampouco seguía sen gostarlles, por consideralo atentatorio contra o poder corporativo xudicial, unha das esteas desta onerosa e reaccionaria  unidade de España, a configuración dun poder xudicial catalán, por máis que se rexer por leis e normas xerais a todo o Estado… O texto modificado foi tamén votado favorabelmente polo BNG tanto no Senado como no Congreso, atendendo ao criterio maioritario dos partidos cataláns, deixando claro o rexeitamento da forma de proceder dos partidos maioritarios nas Cortes e considerando que aínda ficaban aspectos, como os sinalados, que significaban avances cualitativos. Un voto negativo sería ser insensíbel ao valioso que ficaba en pé, non ter en conta a estratexia do PP nen a histeria que se induciu no conxunto do Estado coa campaña de catalanofobia máis agresiva da historia…O Estatut, após de ser mancado, seguía sendo conflitivo para os aparatos do Estado, para a dereita política e mediática española, para os grandes grupos empresariais, mesmo problemático e mal asumido polo PSOE, orientado finalmente polo taticismo oportunista e inquieto pola súa preponderante españolía. Os resultados do referendo en Catalunya expresaron, en parte, a inibición por tan poderosa e agresiva maquinaria intimidatoria, por máis que foren positivos…Curiosamente ERC parece estarse decatando agora, perante as ameazas sombrizas do Tribunal Constitucional, de que o seu non no referendo non foi un acerto…

Con todo este percorrido previo, con todos os filtros aos que foi submetido, parece que o Tribunal Constitucional está disposto a anular o que restaba de paso adiante, de cambio cualitativo, a instancia de parte política interesada, o PP, concretamente naquilo que mesmo para Zapatero era a maior singularidade a ter en conta: a lingua…Pode argumentarse o que se queira, mais resulta gravísimo, do ponto de vista democrático,  que un Tribunal, coa composición e os intereses do Constitucional, en relación cun tema deste caste, estea capacitado e poida ditar unha sentencia que desprece e anule o aprobado progresivamente polo Parlament, as Cortes do Estado e, sobre todo, polo pobo de Catalunya en referendo. Se esta circunstancia se producir, normal será que o goberno entre en crise, as relacións de Catalunya co Estado se volvan máis problemáticas e a sensación de que vivimos nunha democracia vixiada e despótica na que non existe a política como expresión da vontade de resolver problemas, para avanzar e non retroceder, vaise agudizar…

 Os galegos e galegas nacionalistas de calquera tendencia, en primeiro lugar, deberíamos cavilar sobre as portas que abría o Estatut, o seu sentido positivo como prática autodeterminista. Era un paso adiante politicamente falando, alén de que se enmarcase formalmente nunha Constitución restritiva, con posibilidades abertas ao arbitrio do Goberno central, a correlación de forzas no conxunto do Estado e as necesarias alianzas. O recurso ao Tribunal Constitucional, e o seu papel de control sobre a concepción da unidade con desigualdade na cuestión nacional, responde á consciencia de que se abría unha vía para o cambio da estrutura institucional do Estado, mesmo para favorecer un cambio constitucional nunha dirección que os poderes fácticos non desexan. Malia resultar algo contraditoria a expresión estatuto de nación, alguén pensa que sería positivo que Galiza ficase á marxe do debate, da aspiración e dunha proposta homóloga? Foi acertada a posición do BNG de formalizar unha alternativa similar, malia non chegase desgrazadamente a debaterse na anterior lexislatura. Por máis choída que agora poida estar esta saída, xa antes moi problemática coa correlación de forzas na Galiza, o nacionalismo galego non debería descargarse da responsabilidade nen do compromiso de levar a iniciativa no previsíbel debate sobre a necesidade dun novo estatuto,  de nación, para Galiza.

O proceso do Estatut non podemos lelo como un fracaso absoluto, de ser a sentencia do Tribunal Constitucional a que se albisca. Tamén é a demostración de que cómpre empregarse a fondo nas institucións de representación democráticas de ámbito nacional para debater e formalizar alternativas incisivas socialmente e mesmo para evidenciar as limitacións represivas e a inadecuación do Estado español aos intereses e necesidades dos distintos pobos que o constitúen, entre eles o noso. Axuda a criar un estado de opinión máis consciente sobre o seu deseño e os intereses
que agacha. Se o Tribunal Constitucional, un tribunal político, con membros designados polos partidos alternantes no poder na España, é capaz de descualificar o resultado dunha política democrática de acordos e pactos entre representantes da soberanía popular e desprezar a expresión directa desta soberanía, conforme ás regras de xogo do réxime, en nome da Constitución española, haberá que pensar que as súas leituras reais non serven máis que para aferrollar e meter medo a unha parte da sociedade, como xa dicía Castelao na República. Unha tese que ten moito de certa, a xulgar pola experiencia democrática que levamos vivido no que atinxe ao problema das nacionalidade, e que xa proclamou o nacionalismo galego actual hai moito tempo.  

Porén, nas actuais circunstancias aínda máis, non ficamos eximidos de dar  batallas concretas nas institucións para lograrmos a maior incidencia social posíbel, para a nosa política repercutir en avances, en contextos precisos. Debemos experimentar posibilidades por máis que non se lograren ou teren resultados non avalábeis polo nacionalismo. Non pensemos que a panacea consiste agora en centrarnos en atacar a Constitución española e facer propostas de reforma explícitas, por máis que non veña mal enuncialas. O resultado non vai ser mellor a curto ou medio prazo. Nada máis que hai que pensar no marco institucional onde se dirimirá exclusivamente este debate, cal é a correlación de forzas no Estado e no interior de cada unha das nacións. Alí xogaremos á defensiva, con absoluta inferioridade de condicións e nun marco de protagonismo e control abafante do bipartidismo. Teremos que facelo, pero sen caer no esquematismo pendular que prescinda de criarlles contradicións desde aquí, desde as institucións de autogoberno galegas, por limitadas que estean, con alternativas e esixencias concretas e necesarias para defenderen os nosos intereses tanxíbeis a curto prazo, premendo desde abaixo. Hai moito que facer, precisamente pola intransixencia e o inmobilismo dos que se empeñan en que o Estado español non deixe de ser nunca a España imperial.

Podemos albergar unha dúbida: foi o devalar do proceso político- a durísima e brután reacción de hostilidade desde tantos frontes españois- o que estrangulou cada vez máis a aparente disposición inicial zapaterista a dar un paso ao fronte, controlado, pero cualitativo, ou estivemos sempre perante unha concesión que o PSOE, como partido español alternante, esperaba fose valeirada progresivamente, incluída a intromisión do Tribunal Constitucional? Con Euskadi, non toleraron que o seu novo estatuto fose aceitado a trámite, en cómoda conivencia co PP, para ser descafeinado polas Cortes e  pasar máis tarde o control de constitucionalidade. Simplemente foi o non frontal nunha sesión na que Ibarretxe foi tratado con tan pouca cordialidade e respeito institucionais que, estou por asegurar, ficou gravada na súa consciencia. Alén de non se sabe que tufo soberanista do texto saído do Parlamento Vasco, non maior que o do texto saído do Parlament, o pretexto foi que o prioritario era acabar coa violencia e que o Estatuto apresentado era de parte non dabondo maioritaria…A forma de integrar Euskadi pasaba prioritariamente polo desprazamento do PNV do goberno vasco…

E nós? Nen nos ían nen nos van regalar nada. Nen a homologación co texto catalán aprobado finalmente en referendo sería doada. Habería que conquistalo con participación activa da sociedade. O BNG estaba disposto a esta batalla. Debe estar disposto a non acomplexarse, intimidarse ou auto-limitarse. Os resultados serán agora dubidosos, pero o noso deber é facer o que teña máis impacto social, faga medrar a conciencia colectiva e force a avances competenciais, mesmo que o resultado final non poida ser asumíbel por nós por non significar cambio cualitativo algún, precisamente os que o Estatut tan ben expresaba. Convenzámonos: o importante é actuar, non ficar desconcertados ou pasivos, reducíndonos a reivindicacións puramente ideolóxicas. A soberanía debe estar no fundo do cadro, a autodeterminación debe mostrarse na nosa vontade de acción prática para avanzar. O nacionalismo non pode limitarse ou contentarse, por máis que non deba agachalos, con expresar só os seus obxectivos estratéxicos, sexan estes a soberanía nacional ou a independencia, se quer de verdade incidir na nosa sociedade… 

 Posted by at 23:44
Ago 312009
 

Os cristiáns da Galiza contan desde hai un días cun novo pecado: o de limitación lingüística, pecado de validez só local mentres o Sr.Vázquez, Don Francisco, grande pecador nesta materia, non o comunique ao Vaticano. A mentora desta nova falta é Dona Pilar Farjas, Conselleira de Sanidade, que acaba de o incluír no catálogo de pecados: "Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua" parece ser que dixo como participante na Semana de Teoloxía e Pastoral que organiza cada ano a Fundación Fogar Santa Margarita, na Coruña, onde tamén defendeu o seu compromiso cristián e a súa convicción de que a actuación política debe vivirse desde a fe.

Creo entender que se está a referir á lingua española e á hipotética limitación de usos que sofre na Galiza mais non vou pecar de mal pensado e aceitarei que tamén inclúe a limitación de usos que o galego sofre e mesmo recoñece, farisaicamente, o Partido Popular.

Consecuente co seu pensamento, debería evitar rodearse de pecadores e falar co Conselleiro de Educación para lle dicir que é pecado ignorar que o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo está aínda vixente por máis que lle pese e é polo tanto unha norma que se debe cumprir, con independencia de que o goberno teña intención de o derrogar. Non cumprilo, na norma civil, chámase delito e é sancionábel, mais acepto que lle chame pecado e lle impoña unha penitencia ao Sr. Vázquez, Don Jesús. Tamén lle podería dicir que dilapidar diñeiro publico en cambios de logos para poñer a galiña da pluma azul antes que o ovo dunhas escolas infantís de calidade é pecado, por non dicir malversación.

Dona Pilar, que anima os cristiáns, supoño que se poderá estender a todos os cidadáns e cidadás sexan de outras crenzas ou de ningunha, a reflexionar sobre as repercusións morais das accións dos gobernantes debería falar co goberno en pleno, e en especial co seu Presidente, para lle explicar que é inmoral contribuír desde o Goberno a dividir a sociedade desenvolvendo políticas apoiadas en mentiras, ou en ideas falsas en nome da liberdade individual duns poucos (quen non lembra a idea da imposición lingüística?).
"Somos la presencia viva de Jesús en la sociedad", proclamou Farjas; “Eu non vin para chamar os xustos, senón os pecadores” dixo Xesús Cristo nun encontro con publicanos e fariseos. Ao mellor o Goberno galego inspira a acción de goberno nesta idea para chegar ao ceo, a un ceo sen un sistema público de ben estar social; sen lexislación en materia lingüística no ensino; no que Galiza non poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; no que non poidamos ser donos da nosa produción agrícola; no que non teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. Ao ceo dun país asimilado, aínda que para iso millares de galegos e galegas permanezamos no purgatorio, agora que Ratzinger fechou o limbo dos xustos. Pero temos esperanza e non renunciamos a alcanzar a gloria, a gloria de vernos libres dun goberno teocrático que actúa e lexisla contra a propia razón de ser de Galiza.

 Posted by at 13:24
Ago 242009
 

17 de agosto de 1936 un pelotón militar fusila a Alexandre Bóveda, 12 de agosto de 1975 a policía asasina a Moncho Reboiras. Curiosamente estes feitos coinciden co inicio e o fin da longa noite de pedra que supuxo o réxime franquista, si cando foi fusilado Alexandre Bóveda había un mes xusto do levantamento fascista contra a II República Española Moncho Reboiras caeu en Ferrol só tres meses antes da morte do ditador.

O nacionalismo galego como todos os anos lembrou hai uns días a ambos mártires e non me corresponde a min facer un panexírico deles, nin tampouco son practicante dese deporte que consiste en teorizar sobre que tería acontecido si Bóveda ou Reboiras non tiveran sido asasinados; deixo eses exercicios para quen disfrutan dando leccións de estratexia diante dun café ou dun cubata mentres o país pelexa polo seu futuro.

Bóveda e Reboiras eran nacionalistas e ollando con atención as súas vidas atopámonos con dúas persoas asasinadas cunha diferenza de 39 anos que poden unirse perfectamente ao nacionalismo de hoxe. Tiñan en común o interese polo estudo e a formación, a elaboración de alternativas; e compartían a preocupación por converter o nacionalismo nun movemento de masas. O traballo como Secretario de Organización do Partido Galeguista, a creación dos primeiros xermes sindicais que deron lugar ao Sindicato Obreiro Galego, as propostas para unha organización fiscal e financieira propia, o pulo pola creación da Fronte Cultural, son só algúns exemplos da preocupación que tiñan por conxugar teoría e acción.

Hoxe estamos nun momento complexo cunha forte ofensiva da dereita e do españolismo, nun marco estatal e europeo pouco propicio marcado pola desgaleguización e aculturización que camiñan baixo o manto dunha moderna globalización que supostamente nos iguala a todos, o individualismo vendido coa cantinela "non te movas, para que te vas meter en líos se a fin de contas todos son iguais", e tamén porque non dicilo a desmobilización e o pesimismo de parte da nosa base social despois duns resultados electorais que nos fixeron perder o importante instrumento que supoñía a presenza do nacionalismo en áreas importantes do goberno galego.

Volta estar á orde do día o debate sobre cara onde debe ir o nacionalismo; e compre aprender do camiño andado fuxindo dos cantos de serea, xa sexan os que nos din que a alternativa está en soltar lastre para podermos facer o camiño máis rápido ou os que recomendan converternos nos gardiáns do tarro das esencias salvagardándoo de contaminacións. Ambos respostan aos intereses do inimigo, os primeiros á hora da verdade queren que renunciemos á defensa dos nosos principios, ao idioma, ao compromiso coas clases populares, á nación, para homologarnos e formar parte do sistema; e os outros buscan converternos en secta alonxándonos do pobo. Na historia do nacionalismo houbo alternativas "lights" que non cuestionaban o sistema e tamén alternativas "puras" sen incidencia na sociedade; e pese a que nalgúns momentos unhas e outras crearon espellismos a realidade amosou que eran camiños sen saída.

Todo bon estratega sabe que unha das súas funcións é observar atentamente aos adversarios e iso debemos facer nós co PP, observalo e analisar os seus movementos; ao facelo decatarémonos de que nas súas actuacións non hai casualidades, se na súa acción de goberno destacan as medidas contra o noso idioma, o desmantelamento das galescolas, a paralización do concurso eólico, os ataques ao sindicalismo nacionalista en Caramelo, o silenzo no debate sobre a absorción das caixas galegas, a pasividade diante do novo sistema de financiamento das CC.AA.?, é porque teñen moi claro que actuar de xeito contrario sería darlle bazas ao nacionalismo.

Bóveda e Reboiras actuaron en contextos complexos con decisión, entrega e convición, analisando cada un a súa realidade e deseñando propostas teóricas e organizativas; unhas propostas que en moitos aspectos seguen a estar vixentes.

E nós hoxe tamén debemos conxugar teoría e acción; a loita polo idioma e os nosos sinais de identidade son continuación da fronte cultural, un novo sistema de financiamento e unha lei de caixas son ferramentas para unha economía propia, un BNG activo disposto a pelexar por un futuro de Galiza comprometido coas maiorías sociais e reivindicativo; son froitos da mesma árbore que traballaron Alexandre e Moncho. Unha árbore que sempre precisou, e sempre precisará de compromiso e esforzo, dado que ao nacionalismo galego nada lle foi regalado

 Posted by at 21:08
Ago 222009
 

É curiosa a tendencia dos nosos círculos intelectuais ao silencio cando se producen actuacións chamativas por negativas, protagonizadas pola Xunta coa cumpricidade e conivencia dalgún sector do stablihsment cultural. Este ano, precisamente, divagouse algo sobre o que era o piñeirismo, as súas pegadas e secuelas. Vimos, xustamente hai dous días, de comprobar na prática no que consistía e consiste. A única realidade respeitábel, a única normalidade e universalidade están na democracia existente, co seu benemérito bipartidismo. A nosa lingua e cultura deben adaptárense aos lindes da permisividade e tolerancia que, no marco, nos dispensen. Tanto ten que sexa tan estreito que nos esgane? O caso é figurar?. Quizais non debese estrañarme a decisión de dona Kristina Berg, viúva de don Carlos Casares, de ceder "desinteresadamente" á Xunta do PP a imaxe da galiña azul, personaxe dun contiño do narrador galego, convertido así en símbolo do novo modelo de gardarías. Si, ese modelo que se vai encargar xustamente de arrasar todo indicio ou tufo de uso ou contacto co galego na etapa infantil, pecado nefando agochado nas denostadas galescolas. Unha operación destrutiva e sañuda en contra do noso idioma adózase cun carameliño solicitado á ecuánime, por europea, española e galeguiña, por esta orde, factoría piñeirista, á que, con coñecemento de causa, o réxime autonómico dominante cedeu o control da cultura nacional institucionalizada. Nada menos que furgaron nunha herdanza xenuína e conspicua, no legado casarista. D. Carlos Casares, non hai que esquecelo, alén de deputado autonómico honorífico do PSOE, foi tamén presidente do Consello de Cultura Galega, durante o Goberno Fraga.
Porén, non deixa de doer e irritar este combinado, esta maridaxe dun Goberno agresivamente anti-galego cunha obra e un autor da cultura literaria galega, nun contexto tan arrepiante e con intencións gobernativas tan descaradas. Moito máis cando a manipulación se fai coa anuencia e beneplácito da familia do autor falecido, presente a súa dona na primeira fila da farsa esperpéntica, debidamente adulada e ponderadas as súas excelsas virtudes por Conselleiros acomplexados pola súa condición de galegos até o extremo de non sentir o mínimo complexo en atacaren a nosa lingua e os seus dereitos, a condición definitoria básica de sermos un pobo diferente. A súa falla de pudor lévaos a proseguir coa operación de inversión da realidade. O simbólico personaxe da galiña azul convértese, na locuaz bocaza consellaril, en símbolo da "liberdade", e a historia en metáfora das "persecucións". Da liberdade e o dereito a usarmos o galego? Non!!. Do dereito á diferencia e de denuncia da persecución e discriminación do galego e dos seus utentes? Nanai!!! Implícita e sinuosamente na forma, descaradamente polo fondo e o contexto, vaise contra a aparición do galego na escola, contra o contacto dos picariños coa lingua do país. Porque, xa se sabe, o contacto coa vida, a realidade propia e agochada, é "adoutrinamento" e "politización". Un contiño, esquemático, de intención democrática contra o franquismo, a intolerancia e a persecución do diferente, retórcese para coar de matute a españolización máis intransixente e, a bo seguro, a confesionalidade relixiosa máis obsesiva e dogmática. A Sra.. Mato, especialmente, espallou á súa exuberancia expansiva no terreo ideolóxico concluíndo que o modelo PP pretende que se formen "cidadáns librepensadores" desde ben nenos, nunha cabriola de desvergoña sen cancelas…Pode haber maior tortura moral, máis desfachatez á hora de camuflar os obxectivos que se perseguen e de se apropiar, mudándoos, desnaturalizándoos, determinados conceptos e valores?
Dona Kristina Berg ten todo o dereito do mundo a facer o que quixer coa obra do seu defunto marido. Mais a opinión pública debe estar informada de que se agacha nas manobras e nos discursos manipuladores deste goberno, recorra a quen recorra para lles dar lexitimidade aos seus obxectivos destrutivos. Os que padecemos discriminación como utentes do galego, os que sentimos a falta de dereitos para o noso idioma no noso país, os que queremos a súa normalidade social, os que pretendemos e avogamos por que, na Galiza, se poida desenvolver a vida na nosa lingua, non imos calar nen permanecer pasivos e resignados. Non sei se Carlos Casares escribiu a súa obra en galego só como ocupación ocasional sen máis aspiración que a de lograr algún proveito persoal no seo dunha cultura marxinada e secundarizada. Ou se, con todas as contradicións que se queiran, desexaba contribuír á continuación, dotándoa de solidez tamén no último cuarto do século XX, dunha rica e valiosa cultura literaria nacional galega, con perspectiva de permanencia no tempo. O que si é seguro é que, de se consolidar a intención do PP, non haberá leitores para a súa obra, nen o seu nome significará nada vital, útil, significativo e admirábel para os galegos e as galegas no futuro. Por suposto, tampouco teremos papel algún na cultura literaria universal, que é diversa afortunadamente. Ten, necesariamente, o piñeirismo que chegar mesmo á lexitimación do matute máis velenoso e letal que se pretende inxectar contra o pobo galego? Acredito en que a galiña azul nunca estaría disposta conscientemente a aceitar unha redución do seu espazo de liberdade como para se converter nun animal totalmente cativo e destinado á extinción…

 Posted by at 09:19
Ago 192009
 

Nestes días estamos a asistir a un novo capítulo da cruzada de determinados medios de comunicación contra a República Bolivariana de Venezuela, desta vez o problema semella ser a Lei Orgánica de Educación (LOE) aprobada o pasado xoves pola Asemblea Nacional, e se nos deixamos levar polo que nos contan esta lei supón o adoutrinamento dos alumnos en función da ideoloxía revolucionaria defendida por Chávez e outra agresión ás liberdades do pobo venezolano, incluso algún fai referencia ao perigo que supón que o estado se reserve o control da formación dos docentes ou que as universidades non poidan escoller o seu alumnado.

Onte tiven curiosidade por coñecer a lei de primeira man, os venezolanos puideron facelo hai unhas semanas dado que o goberno encartou o proxecto de lei na prensa do país; e despois de consultar en internet interpretacións en contra e a favor entrei na páxina web da Asemblea Nacional de Venezuela e imprimín o documento. Dispúxenme a ler con tranquilidade as súas vintesete páxinas e teño que recoñecer que ao rematalas quedei fondamente defraudado, non atopei por ningures referencias á materia obrigatoria de marxismo-leninismo nin tampouco aparecen o "socialismo do século XXI" ou o "pensamento guía do compañeiro comandante Chavez", realmente dentro dos conceptos clásicos de manual de que é "algo revolucionario" non podemos incluír unha lei que mantén o ensino privado, permite ás universidades privadas conservar os seus currículums ou mantén a relixión nas escolas aínda que sexa de xeito voluntario.

Está claro que esta polémica é só unha nova excusa para seguir transmitindo a imaxe dunha Venezuela bananeira na que non se respetan os dereitos humanos e o único que se busca por parte de Chávez é impoñer a súa ideoloxía ultraesquerdista e fanática; e así ao día seguinte da aprobación desa lei catro dos xornais que máis se len na Galiza referíanse a ese feito con "Venezuela aprueba la polémica nueva Ley de Educación en medio de incidentes callejeros" (Faro), "Estudiantes y periodistas protestan contra la ley de educación chavista" (País), "Chávez aprueba su polémica Ley de Educación entre disturbios"(Xornal), "Periodistas y estudiantes protestan contra el Gobierno" (Voz). Casualmente catro titulares moi semellantes que destacan a violencia e esquecen o contido da lei, e se nos metemos no corpo das noticias máis do mesmo, moitas opinións da oposición, algunha do goberno pero nada de nada sobre o que realmente di a lei aprobada.

Se houbese pluralidade real de prensa ou cando menos verdadeiro interese polo tema do que están a falar, algún medio, aínda que só fora un, tería investigado e diríanos que o proxecto de lei tivo un longo proceso iniciado coa discusión na Asemblea, no ámbito educativo e na sociedade hai oito anos, que a lei introduce a obriga do estado de garantir unha educación gratuíta para todos e todas até o preuniversitario co apoio aos máis desfavorecidos para que accedan á educación, a garantía da autonomía universitaria, sancións contra os medios que transmitan contidos que inflúan negativamente en nenos e nenas, a apertura da posibilidade de xubilación dos mestres con 25 anos de servizo co 100% da pensión, o control social sobre a educación e sobre os seus recursos o respecto á realidade multiétnica do país, a participación do estudantado na toma de decisións, a importancia que se lle dá á formación de futuros adultos con espírito crítico, etc?

En Venezuela seguro que as cousas poderían facerse moito mellor, é certo que hai erros, excesos e infinidade de cuestións para criticar, pero cando menos no eido educativo até o de agora o proceso bolivariano deu exemplo de como se pode avanzar, e así Venezuela foi declarada pola UNESCO Territorio Libre de Analfabetismo no 2005 logro acadado grazas ao apoio cubano e ao método de alfabetización "eu sí podo", a taxa de escolarización en preescolar no ano 2008 era do 84,8% fronte ao 53,4% no 1999, o investimento en educación pasou do 3,9% do PIB en 1998 ao 5,8% no 2007, etc?. Pero de todo isto curiosamente apenas se fala

 Posted by at 00:47
Ago 182009
 

Dicíao Díaz Castro: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move.”
Levamos meses dando pasos atrás, meses escoitando a palabra austeridade, meses falando de redución do gasto por mor da crise, meses en que se retiraron axudas económicas estratéxicas como as destinadas aos programas de inmersión en lingua galega en centros de Infantil ou a gratuidade dos libros de texto. Foron deseñando un paquete de medidas para reducir alí onde os seus principios ideolóxicos esixen: agrupamentos en Infantil e Primaria para reducir profesorado e gasto en centros educativos, aínda que os nenos e as nenas non caiban nas aulas, incremento do horario lectivo nas EOI para poder reducir profesorado, etc.
Aforran en ensino público, pois para eles non cómpre que todos teñamos as mesmas oportunidades, nada de igualdade, un ideal trasnoitado do século XVIII. Na economía neoliberal e ultraconservadora impera a selección natural da capacidade económica, se tes medios poderás chegar a algo e, se non, a nutrir as masas de peóns non cualificados tan necesarias para manter os beneficios duns poucos privilexiados, que procurarán que cada día gañen menos e traballen máis, segundo o vello método da alienación eficaz para someter a aqueles que son máis en número e que non precisan saber “de máis”, nin cultivar o pensamento crítico e, por suposto, nada de afección á lectura, que hai moito intelectual por aí sementando en papel unha concienciación que non precisan.
Están no poder para manter o seu status quo, esa é a súa maneira de gobernar. Por iso adoptan as medidas necesarias para que esta sociedade sexa á súa imaxe e semellanza como volver conceder subvención a centros privados que segregan o alumnado por sexos (Monte Castelo, Las Acacias, Aloya…), e por iso procuran erradicar calquera imaxe do pasado: así os mandilóns e imaxe corporativa das Galescolas… E claro, ao falar deste “desfacer a tea de Penélope”, xa non nos lembramos da austeridade, nin da redución do gasto por mor da crise, neste caso non haberá problema para dotar orzamentariamente e como é debido esa nova imaxe, e para isto si, para contratar a vaia vostede saber que empresas que terán o lucrativo negocio de remodelar a imaxe corporativa, igual que para financiar os colexios que segregan por sexo, para iso si, para iso vai haber orzamento. Para os libros de texto non, para mandar a nena a “Las Acacias” si. Para a compra de libros á Asociación Galega de Editores non, para Galicia Bilingüe si. Para a tradución á nosa lingua non (eles que din que si, que están coa promoción do galego…), mais para os bancos de formigón do Gaiás (de máis de 9000 euros algúns), ou para cinceiros e losetas, para iso si, e antes falaban dos audis… (e a min que me dá que non hai o mesmo ensañamento agora coas losetas que antes houbo coas neveiras e cos iates?… Debe ser cousa miña).
En fin. Eu volvo á poesía e, como me corresponde por xeración, á deconstrución dos mitos herdados, así que síntoo, mais
“eu son Penélope
e rexeito teas e fíos
non vou agardar”.
Marta Dacosta, 18 de agosto de 2009.

 Posted by at 18:23
Ago 082009
 

O actual Goberno da Xunta achou a chave da súa actuación política asumindo non o papel de goberno senón o de tribunal de xustiza, de xeito que planifica a acción de goberno en base á argumentación de legalidade ou non, segundo lle convén en cada momento, dos actos a levar a cabo, especialmente  á hora de anular e de desacreditar  todas as actuacións do goberno precedente.  Está claro que un goberno non pode lexislar de maneira contraria á lei, mais de aí a que xustifique unha acción como legal ou non antes de se pronunciaren os tribunais de xustiza aínda hai un bo percorrido. Así o fixo na anulación do concurso eólico aducindo a “ilegalidade” da participación pública, convertendo a Asesoría Xurídica en verdadeiro tribunal de xustiza. E todo, loxicamente, para  agochar unha decisión puramente política que só pretende variar o modelo económico e industrial do anterior goberno, outorgándose a potestade de definir o que é ou non axustado á legalidade simplemente en función de intereses partidarios.
Claro que interpreta o concepto de legalidade ao seu antollo. Así o fixo para derrogar o Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, cando nesta ocasión si que existe sentenza do Tribunal Superior, a 01084/2007, que ratifica a plena adecuación á legalidade do citado Decreto. Nesta ocasión derrógase aínda estando avalado por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza; no caso eólico por presunción de ilegalidade.
Agora invoca de novo a legalidade para pagar con fondos públicos a segregación de alumnado en función de  seren homes ou mulleres. E faino con absoluta frivolidade, chegando a utilizar o web oficial da Xunta, un espazo que debería recoller información das actuacións do Goberno e non opinión, para manifestar unha vez máis que “Educación reitera que ningún dos argumentos do bipartito para non renovar os concertos educativos tiña sustento legal”. Novamente a Consellaría convertida en tribunal de xustiza e novamente utilizando os medios públicos, como é o web www.xunta.es  para verter informacións que desacreditan a quen as redacta: “Ao contrario do que fai a actual Xunta de Galicia que se limita a cumprir a Lei, queda demostrado que o anuncio do anterior goberno de non renovar estes concertos era puramente demagóxico e electoralista,…”
Vaia maneira de gobernar para todos.
Á vista destas actuacións  cabe reflexionar sobre o que supoñen en si os concertos educativos e o que pretende Educación ao renovar o Concerto a 5 centros que non imparten ensino mixto.
Formalmente, os Concertos Educativos son presentados polos seus valedores como un instrumento mediante o cal se facilita que todas as  capas sociais poden acceder ao dereito de elección de centro que implicitamente recoñece o artigo 27 da Constitución. Mesmo hai quen os presenta como un instrumento nivelador das oportunidades nas condicións de acceso aos centros, o que, potencialmente, contribuiría a homoxeneizar a composición social do alumnado. Mais á vista da realidade e despois de vinte e cinco anos  aportando diñeiro público a empresas privadas, cabe preguntarse:
1.- Contribúe este sistema a igualar a oportunidade de elección de todos os individuos?
2.- Favorecen os concertos a mestura de estudantes de diferente estrato socioeconómico e académico ou pola contra contribúen a elitizar o sistema?
3.- Que factores están detrás da elección de centro educativo e  polo tanto  da distribución do tipo de alumnado entre centros públicos e privados?
A resposta  a estas preguntas é clara e está avalada por diferentes estudos: o sistema de concertos non cumpre coa pretensión de igualar as oportunidades de elección de centro educativo para todas as familias e a distribución de alumnado entre pública e privada segue respondendo a un claro patrón socioeconómico, ou mesmo ideolóxico,  que favorece os centros de titularidade privada, onde se concentra de modo maioritario o alumnado procedente de familias con máis nivel de ingresos, profesións máis cualificadas e nivel de estudos máis alto.  
Se os concertos non cumpren o papel para o que foron deseñados, non sería máis lóxico suprimilos  e concentrar os esforzos económicos no ensino público, máis neste momento de austeridade económica?  
Suprímese o programa de gratuidade de libros de texto e subvenciónanse centros ligados á Prelatura do Opus Dei.
Mais temo que talvez o tema non sexa este e o que realmente pretende a Consellaría é ir cara a unha maior privatización do sistema, afianzando, de paso, no mercado educativo galego empresas e ideoloxías que desenvolven claros  procesos de cream skimming,  ofrecendo un servizo só a clientes de alto valor, neste caso non necesariamente académico senón, sobre todo, ideolóxico. A obra pagada con cartos públicos.

 Posted by at 12:58
Ago 012009
 

As festas do Apóstolo teñen dous momentos estelares de cara á cidadanía. Un, o 24 pola noite, cos fogos de luces e outro o 31, de novo cos fogos de fin de festa. Este 31 de xullo de 2009 contou coa actuación estelar do Secretario Xeral de Política Lingüística, novísimo lanzador de fogos de luces no ar de Compostela para dar a coñecer os “resultados” dunha consulta ás familias levada a cabo nos fins de xuño. Fogos de luces que o Secretario Xeral de Política Lingüística lanza no día do fin de festa para nos confirmar o que xa se nos dixera antes do inquérito: que hai que mudar a política lingüística dos derradeiros 25 anos porque non se axeita á realidade e que é preciso un novo decreto no ensino que “desenvolva un modelo lingüístico plurilingüe de calidade, que asegure o coñecemento do galego e do castelán”.

Do galego e do castelán!!. Será que está en perigo o coñecemento do castelán na Galiza? Eu pensaba que o papel da Secretaría Xeral de Política Lingüística era desenvolver políticas de normalización para o galego, mais resulta que non é así.

Mais os datos presentados non teñen ningún valor por máis que se esforce a Consellaría en querer lexitimalos, pois foron obtidos sen ter en conta as mínimas garantías científicas que requiren os inquéritos sociolingüísticos – e iso debería sabelo ben o Secretario Xeral- e foron tratados de maneira obscurantista, por mais que se nos diga que o proceso contou con garantías e foi transparente.

A transparencia ven dada, mais ben, por nos permitir entender a intencionalidade da Consellaría ao levar a cabo esta consulta-trampa, que non tiña outro interese que o afán de impedir que a sociedade galega continuase a posicionarse a prol dun ensino en galego ou maioritariamente en galego, freando deste modo os cativos avances que a lexislación introduciu no sistema educativo nos derradeiros anos. Non é casualidade que o inquérito se presentase pouco despois da masiva manifestación do 17 de maio e os resultados despois do 24. Porque en materia sociolingüística os contextos son non só importantes, senón determinantes. E isto sábeo ben o Secretario Xeral de Política Lingüística.

Para esta viaxe non se precisaban estas alforxas.

 Posted by at 11:38
Xul 302009
 

Existe, en todos os sectores sociais favorábeis á lingua galega, coincidencia en que a política lingüística do PP é estratéxica e pretende a súa acelerada eliminación. Estamos, pois, perante unha conxuntura preocupante, que merece a máis ampla, perseverante e articulada resposta social e política. Moita xente está a descubrir, a maiores, que esta actitude é correlativa á opción recentralizadora, á parálise no avance do autogoberno, á submisión aos ditados de estratexias, en todos os ámbitos, deseñadas desde Madrid. Por primeira vez, de forma socialmente incisiva, as relacións entre lingua e política aparecen tan transparentes que obrigan a cavilar en cuestións até o de agora nebulosas ou simplemente soterradas. O conflito aboia como consciente e obriga a definicións, o que non deixa de ter tamén un aspecto positivo. É máis que probábel que, alén do dano que o Goberno PP estea a facer á convivencia lingüística e á causa da normalización do noso idioma, se estea a producir tamén unha reacción social que alarga a súa base confesional tradicional perante tan descomunal, cínica e destrutiva saña.

Neste panorama resulta pouco construtivo que, no canto de incidir na contribución a fortalecer o movemento de oposición prática a esta política, haxa quen aproveita a ocasión tamén para enunciaren discursos de culpabilización, descrédito e crítica infundada ao nacionalismo máis activo na defensa política do noso idioma. Falan da necesidade dunha nova política lingüística e dunha maneira distinta de levala a cabo e mesmo de posicións sectarias. Esta foi a reacción intelectual dalgúns colaboradores de El País, xa nas súas páxinas, xa no seu blog particular, após a máis grande resposta popular que houbo contra as pretensións do PP. Nela participaron todos os movementos e organizacións que quixeron, con postulados mínimos de amplo consenso, contando a Mesa pola Normalización Lingüística co papel convocante, por levar a iniciativa, ter un historial acreditado e representar a máis grande organización do país en defensa do idioma. No canto de preguntárense por que non estiveron o PSOE, CCOO e a UXT, cando foron debidamente convocados a participar, os comentaristas devanditos optan por reaxiren contra os que se moven, ben atacando a que consideran desfasada artillaría analítica do nacionalismo respeito do idioma, ben tentando responsabilizalo das ausencias, co recurso mesmo á mentira intoxicadora ad hominem. O sr. Antón Baamonde debe saber que, malia seren convocados insistentemente, PSOE, CCOO e UXT nunca mostraron o menor interese, até agora, en mobilizar por esta causa. Nunca estiveron dispostos a participar, nun plano de igualdade con outros nen a elaborar un discurso común para saír á rúa. Non se lle pode apor a responsabilidade a quen estivo, sen condicións excluíntes…

Certamente sería moi positivo superarmos esta dialéctica. Pero non se pode ser tan sectariamente parciais perante un problema tan grave e perante as carencias de cada quen. A incomodidade perante unha situación conflitiva ou as ansias de agachar as limitacións, ambigüidades ou oportunismos do sector político no que un milita, non poden conducir ao intento de enmascaralas botando tinta de lura contra outros. Non é máis real e verdadeiro que o problema do idioma resulta tan espiñento para o PSOE e os sindicatos estatais que non saben como facer para estaren na misa e na romaría a un tempo? Non é contraditorio pretender tirar rentabilidade de este tema como oposición ao PP ao tempo que se pratica o inmobilismo e a pasividade social, ou mesmo ás veces a conivencia ideolóxica? Queren recoller réditos pero non queren asumir custes. Así é imposíbel unha mínima coerencia que faga posíbel a necesaria e operativa unidade de mínimos. Porén, estou por asegurar que a plataforma Queremos galego vai seguir intentándoo.

O diagnóstico sobre a situación do galego non é difícil de compartir en termos básicos. Farían ben os intelectuais que pretendan ser críticos en non definir, con caricaturas, a política do BNG nesta materia.. Desde logo, non consisten as nosas deficiencias en estaren "enferruxadas" as nosas propostas ou os nosos modos de defender o galego, por moito que todo sexa mellorábel. Non lle parece ao Sr. Henrique Monteagudo paradoxal e sintomática a súa aseveración , cando estamos enlamados nun aberto conflito lingüístico, tamén no plano político, de que a teoría do conflito "está caduca"? Cre honestamente que a asociación nacionalismo=lingua é consecuencia da política lingüística do BNG? Até tal extremo se pretende ignorar a falta de políticas normalizadoras reais desde o poder en vintecinco anos? Até tal extremo se pretende obviar a fragmentación diglósica nos usos sociais do noso idioma e a crenza de que se violenta a normalidade cando alguén rompe estas normas? Descoñece que os usos formais, orais ou escritos, do galego non son maioritarios nen están asegurados sequera para quen o pretenda individualmente? Albisca algunha posibilidade do galego subsistir se non vai adiante o proceso para convertelo na lingua preferente da administración pública e dos usos sociais na Galiza? Que ten a ver unha interpretación deste tipo con non se sabe que enfeudamento a un monolingüismo galego? De verdade pensa que é unha opción real, seria, funcional socialmente, a alternativa do multilingüismo para toda a sociedade e todas as persoas na Galiza ou noutra parte calquera do mundo con situación similar? Compre predicar as vantaxes do bilingüismo na Galiza, cando mesmo os galego falantes máis conscientes nos vemos obrigados a unha prática de bilingüismo inevitabelmente diglósico?.

Podemos e debemos mellorar o arsenal analítico. Pero non procuremos o problema onde non está. Practiquemos a crítica e a autocrítica, pero non desviemos a atención de quen é o inimigo, onde están os perigos e cais deben ser os obxectivos. Non se constrúen "proxectos atractivos" para un país por arte de maxia. O atractivo non pode consistir na falsificación, senón no esforzo por ver e asumir a realidade e na vontade por transformala positivamente. No caso do noso idioma, faríamos ben en non guiármonos por espellismos para non confrontar a conflitiva situación na que vivimos. Acreditemos na nosa capacidade colectiva. Manteñamos posturas construtivas, coas lexítimas diferencias. Recoñezamos os esforzos organizativos colectivos, a experiencia e a historia. Compartamos obxectivos e deamos a batalla por eles na prática. Nen individualismo nen leiriñas para xustificar a inacción e a incapacidade. Si temos que facer da necesidade virtude, deamos probas de unidade real, sen poñer chatas á obra. Maticemos e reparemos, pero teñamos claro o obxectivo: paralizar a política antigalega do PP e abrir o camiño a unha política de respeito polo pobo galego, neste caso, polo dereito a usar o galego en todos os ámbitos, co amparo legal necesario, desde a concepción de que é a nosa lingua propia.

 Posted by at 00:05