O día 23 de xaneiro tiveron lugar as II Xornadas de Normalización Lingüística convocadas pola AS-PG, a CIG ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística.
Debido á situación sanitaria, tiveron que realizarse por videoconferencia. Malia a todo, foron un éxito. A participación foi moi alta, o diálogo fluído e a reflexión compartida, igual ca nunhas xornadas presenciais.
Alén disto, as entidades convocantes ofrecemos as ponencias para que calquera as poida ver e escoitar por primeira vez ou de novo.
Após as diferentes respostas, tardías e erráticas, que se foron articulando desde a Consellería, amosando un enorme afastamento das necesidades que estaban a ter tanto as docentes como as familias e o alumnado das distintas etapas educativas, queremos dar a coñecer a nosa opinión con respecto á situación que están a vivir as familias.
Non se tivo en conta que non todos os nenos e nenas tiñan un estado emocional axeitado que favoreza a súa aprendizaxe.
En moitas familias, nenos e nenas pequenos ou con necesidadades educativas especiais non tiñan unha persoa adulta que acompañase este proceso e tampouco tiñan a autonomía para dirixir a súa aprendizaxe telemática.
As necesidades socioeconómicas condicionaron o proceso educativo de parte do alumnado e non puidemos garantir a igualdade de oportunidades, a equidade e a xustiza na avaliación.
En dous días e con medios propios, o profesorado galego tratou de comunicarse con todo o seu alumnado co obxectivo de que non perdesen contacto coa súa actividade escolar. Nalgúns casos, custounos máis e tivemos que pedir axuda aos concellos e a asociacións próximas a rapaces e rapazas con problemas.
En dous días as familias tiveron que aprender a acceder a distintas plataformas educativas, conseguir imprimir tarefas e buscar un lugar axeitado para o estudo nunha casa en confinamento, atender o benestar emocional dos fillos e fillas, ademais de atender ao seu propio traballo ben na casa, ben fóra dela. As familias fixeron un gran traballo durante este tempo, poñendo moito esforzo da súa parte.
A educación é un feito social, colectivo, de grupo e compartido. Queremos reivindicar que non somos substituíbles por ningún medio tecnolóxico por moderno que sexa.
Por iso, queremos deixar constancia de que as tecnoloxías existentes en cada momento deben ser unha ferramenta que contribúa a desenvolver os proxectos docentes, mais nunca poden ser nin o fin nin o obxectivo.
Nas últimas datas xorde, de súpeto, a preocupación da Consellería polas condicións que existen nos fogares para acceder a determinadas canles de información, como se até o de agora non estivésemos afectadas por esas diferenzas, e non estamos a referirmos só ao acceso ás TIC, consellería debería asegurar o acceso a elas por parte de todo o alumnado en todo momento como tamén asegurar o acceso aos libros ou á cultura en calquera das súas dimensións.
Antes do estado de alarma, era patente a preocupación da sociedade pola adición ás novas tecnoloxías por parte da xente nova. En cambio, agora estamos fomentando que pasen moitas horas mirando unha pantalla porque se considera que o alumnado só pode aprender a través dese medio?.
Coidamos que nesta crise se esqueceron outras fontes de coñecemento, como a literatura, que podían ter axudado a adquirir coñecemento desde a casa, guiados polo profesorado.
Pensamos que non é o momento de camiñar cara adiante sen reflexionar. É o momento de poñer en valor o noso labor como axentes activos, de vital importancia para mirar o futuro con optimismo. É o momento de reivindicar que non hai educación sen aula.
A educación infantil, primeira etapa do sistema educativo, non é obrigatoria, mais non por iso é menos importante. Na mesma estanse a instaurar os alicerces do que serán as aprendizaxes posteriores e o desenvolvemento máis ou menos harmónico de cada nena ou neno. Son idades para sumerxirse en contextos estimulantes, nos que sorprenderse, enredar, relacionarse, brincar, experimentar, emocionarse, amar, … nunca substituíbles, dentro ou fóra da escola, por unha ficha ou unha tarefa especialmente formal. Os contextos poden mudar, mais as necesidades son as mesmas. O sistema educativo, como a sociedade e as aulas, é diverso, cada etapa ten as súas esencias e as mesmas deberían terse en conta á hora de deseñar as adaptacións e propoñer intervencións, desde as iniciais como a educación infantil, ás finalistas como bacharelato ou a FP.
Neste contexto, observamos con preocupación como xorden iniciativas de atención ao alumnado, confinado nos seus fogares, baseadas na proposta de inxentes cantidades de tarefas que dificilmente conxugan coas necesidades reais das crianzas e do momento. E o máis triste é que ese estilo docente, auspiciado pola presión exercida, por acción e por omisión, desde a Administración esténdese polas diferentes etapas educativas, incluída a educación infantil.
Cando os cerebros están centrados na supervivencia neles non poden atopar acougo os contidos que sementamos a través das propostas de traballo e tarefas que lles enviamos. A escola ten entre as súas principais funcións a compensación das desigualdades e é precisamente en situacións de crise cando estas tenden a acentuarse. A escola nunca debería contribuír a ese feito. Máis ben, debería aproveitar todo o seu potencial para fortalecer as redes de protección á infancia nun momento tan singular e distópico.
Ata o 27 de abril non sabíamos a repercusión que ía ter o traballo que o alumnado realizara ata ese momento na súa cualificación final de xuño. Desde ese momento, tivemo un prazo ata o 12 de maio para modificar as programacións e establecer o procedemento para obter dita cualificación final. Houbo que agardar ao 27 de abril para ler a palabra cualificación en ditas publicacións oficiais. Estabamos propoñendo actividades, o alumnado estaba a realizalas, pero nin eles nin nós sabíamos como ían ser valoradas ditas actividades. A falta de información para o alumnado e as familias, igual que para os docentes xenerou unha carga importante de incerteza en todo este proceso.
Achegamos un seguimento de como foi tratado o tema da avaliación e da cualificación nas sucesivas instrucións publicadas no portal da Xunta ou enviadas ás direccións dos centros educativos.
Queremos subliñar a capacidade do profesorado para adaptarse a estas novas situacións que se nos foron presentando en 60 días. Agora que se ve preto a cualificación final queremos subliñar todo o traballo que se fixo tendo sempre como obxectivo o benestar do alumnado nuns tempos tan difíciles.
12/03/2020 As actividades serán xenéricas, relacionadas cos contidos curriculares. Non serán avaliables.
27/03/2020 Cualificar en base ao que se impartiu ata o 12 de marzo e cos instrumentos que se dispuxese ata ese momento.
13/04/2020Repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave.
17/03/2020 A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas, Informe individual valorativo
27/04/2020 A avaliación e cualificación adaptarase e realizarase das aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso, así como sobre as actividades de reforzo, recuperación ou ampliación realizadas dende a declaración do estado de alarma
Establecerase o procedemento para o cálculo da cualificación final que se consignará na avaliación ordinaria. Deberanse detallar os criterios de avaliación e cualificación e establecer as datas e os procedementos para a avaliación das materias pendentes
A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas. En todo caso, a avaliación das actividades realizadas na fase non presencial so poderá ter valor positivo para a cualificación do alumnado.
A repetición de curso deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación.
Os centros educativos revisarán e flexibilizarán os criterios de titulación en todas as etapas educativas.
Desde a AS-PG queremos destacar o esforzo do profesorado galego por adaptarse ás instrucións que a consellaría foi publicando durante estes meses, que modificaban o seu traballo e por resolver os problemas que foron xurdindo neste novo sistema de ensino-aprendizaxe, sen percibir o recoñecemento por parte das institucións.
Na primeira parte deste terceiro trimestre, a consellería publicou catro anuncios con instrucións distintas, que eran coñecidas polos profesionais do ensino e polos equipos directivos a través do portal.
Hai poucos días, o día 12 de maio, todos os departamentos dos centros enviaron á inspección educativa as súas programacións coas modificacións pertinentes e tomáronse acordos sobre o sistema de cualificación do alumnado. Porén, o terceiro trimestre xa levaba andando catro semanas.
Consideramos que houbo pouca previsión por parte da consellaría, que tiña competencias para ter organizado mellor a tarefa do profesorado co que tería evitado a incerteza coa que traballou e tería achegado tranquilidade a todos os que formamos parte do ensino: alumnado, familias e docentes.
Desde a Xunta lanzouse a información de que a crise do coronavirus está superada, pero a realidade é que os expertos din que non hai estudos fiables da evolución desta crise máis alá dos datos de hospitalización e mortes
É inxusto que descarguen nos equipos directivos a responsabilidade de salvagardar a saúde dos profesionais e do alumnado. A estas alturas non se sabe de que medios van dispoñer ou de que cartos van dispoñer ou como van adquirir material como máscaras, luvas, pantallas, xel para protexer, etc.
A consellería está ocultando á poboación a unha realidade. Incorporarse ás clases implica riscos de aumentar contaxios. É algo que a poboación ten que asumir se decide enviar aos seus fillos.
Canto ao alumnado de 2º BACH
O profesorado está moi implicado traballando con este alumnado. Están a facer un labor que vai máis alá do seu deber porque están preocupados polo alumando e queren que vaian nas mellores condicións.
Neste momento están atendidos e atendidas na súa maioría e teñen unha idade preuniversitaria que lles permite dominar unha serie de medios técnicos similares aos que van ter dentro duns meses na universidade (aulas virtuais)
O alumnado de 2º BACH debe enfrontarse ás ABAU, unhas probas que sempre lles xeneraron dúbidas e inseguridades. Máis aínda neste caso cando non saben aínda como se van realizar as probas.
Alumnado de 2º FP
Agora sería o momento para realizar as prácticas e presentar os proxectos finais o que pode ser realizado de maneira telemática para evitar o risco de reunir nunha mesma habitación durante varias horas a alumnado con varios profesores e profesoras
As medidas que se tomarán deben ser negociadas, explicadas e cómpre que o profesorado sexa escoitado e tido en conta. Desde a AS-PG queremos que a nosa consellería xestione e non delegue nos equipos directivos a responsabilidade de protexer a alumnado e profesorado nesta crise sanitaria.