Mar 012011
 

FlocosA Consellaría de Educación está a pór en marcha o proxecto Abalar, unha iniciativa que, entre outros obxectivos , pretende ” maximizar o aproveitamento dos recursos” e acadar “o aproveitamento efectivo dos contidos dixitais
Da improvisación con que se está a levar a implantación deste proxecto xa se ten falado moito, así como da falta de perspectivas didácticas e pedagóxicas que o orientan e que ceden o seu espazo ao equipamento en infraestruturas, moito máis rendíbel.

Esta  carencia de perspectivas mesmo se fixo máis evidente estes días, cando, nun momento en que se aduce a necesidade de aforro como unha xustificación para recortar prestacións do sistema, se entregan sen problema, millóns de euros a multinacionais do software  para traducir
os interfaces dos seus programas a galego tendo, como temos, software coas mesmas prestacións libre e en galego ou, cousa aínda máis chamativa, nen siquera se traducen os ODE (obxectos dixitais educativos) que figuran no espazo Abalar. Sabe a Consellaría de Educación da existencia en Extremadura ou en Castilla-La Mancha de ferramentas como Cuadernia ou Constructor, postas a disposición de toda a comunidade educativa para a creación e difusión de materiais educativos dixitais?

A abundancia de recursos dixitais en galego non é moita e en todo o caso non é suficiente para desenvolver os contidos curriculares que os centros educativos han de levar a cabo.

Flocos.tv, viña ocupando para moitos e moitas docentes un espazo único para a presentación ao alumnado de contidos educativos, creativos ou documentais, que agora fica baleiro. E fica baleiro non por falta de usuarios ou por ofrecer recursos inadecuados. 
Mais ben fica baleiro por esa constante e ben planificada actitude da Xunta de Galicia, neste caso a través da Consellaría de Cultura, de fechar todos os espazos posíbeis para que a nosa lingua e a nosa cultura, xa non digo que medren senón, simplemente, para que non se asfixien.

Abalar. Haberá que abalar as conciencias dos nosos gobernantes até conseguir que Flocos.tv
poda estar de novo presente nas aulas porque os nosos alumnos e as nosas alumnas teñen dereito a coñecer, e a valorar, materiais de valor
educativo contrastado e que en moitos casos foron realizados con fondos da propia Consellaría que agora, como Cronos, devora os seus propios
fillos.

 

Xoán Costa

 Posted by at 15:46
Feb 142011
 

Un artigo de Marta Dacosta

 

Desde o século XX ollabamos cara ao século que andamos imaxinando unha modernidade que seguía os deseños dunha película de Woody Allen. Ás veces había un certo tufo apocalíptico e o certo é que o cambio climático que hoxe invocamos a cada nova treboada ou sol intenso acompaña estes anos difíciles e escuros que avanzan cara á negrume absoluta.

“Un golpe de calor para os incendios e a desesperación do nacionalismo panhispánico para os atentados” eran as conclusións que, na novela de Antón Lopo, se empregaban, entre outras, para explicar a independencia e creación da República de Compostela. O deterioro do clima e a natureza xunto cos ataques á lingua converxían nos albores dun cambio político que levaba Galiza á independencia e o galego a lingua única, despois da extinción do español. Agradábel ciencia fición afastada un século máis, imposíbel para a nosa vida.

O certo é que o século XXI anda entre arroiadas sen límite e tremores de terra, a golpe de normas contra a lingua e de recortes económicos que primeiro pechan medios de comunicación e despois afogan compañías de teatro, case impiden a realización de congresos, reducen á mínima expresión a creatividade da mocidade, tan dada noutro tempo á contestación máis radical, etc., etc., etc. Poderiamos estender a nosa listaxe, porque unha tesoira de dimensións ciclópeas recorta cada día outro lugar de refuxio para a nosa existencia. E no rexeitamento que nos producen volvemos á novela e máis alá da ciencia fición, preguntámonos: serán estas as primeiras causas para unha transformación que nos leve á emancipación tan agardada?

Onte volvín á Alba de Gloria. E como tantas outras veces non puiden evitar emocionarme ao repasar as palabras de Castelao. Fala alí da Santa Compaña dos inmortais galegos, e ao ler os seus nomes ía sumando á memoria colectiva as horas de entrega e sufrimento, aldraxes, incomprensión, mais tamén o optimismo e o alento que os impulsou e desexei que este “substractum insobornábel da patria galega” saíse esta mesma noite cara ás rúas vellas de Compostela, que andase a súa pedra e o cemento, que rodease os edificios en que conspiran contra a súa memoria e coa súa presenza lles fixese comprender aos que se negan a si mesmos cal é o tamaño da súa destrución.

O inverno vai rematando, mais aínda poden vir nevaradas intensas para o idioma, bategadas veloces contra a liberdade, ondas xigantescas contra a tecido cultural que co esforzo de tantos viñemos construíndo. E logo virá o verán e con el, se cadra, a secura e o lume.

E aínda así, non pode haber lugar para a resignación, porque cada inclemencia deste tempo presente, ha de ser carraxe de futuro

 Posted by at 13:16
Xan 182011
 

Un artigo de Marta Dacosta

Todos os informativos da Radio e da Televisión galegas abren falando da Cidade da Cultura. Unha e outra vez insisten na grandiosidade dos edificios e, sobre todo, na unanimidade dos visitantes que declaran sentirse impresionados ante o espectáculo arquitectónico. Incúlcannos que os centos de visitantes que a obra tivo nos seus escasos días de apertura ao público se mostraron marabillados e desde o momento en que a entrada foi libre a xente correu outeiro arriba para comprobar polos seus ollos a importancia da obra. Nas imaxes da televisión só conseguimos albiscar enormes paredes brancas e os andeis do arquivo. Mais despois de oír as reiteradas mensaxes imaxinamos milleiros de homes e mulleres embelecados e risoños ante a nova “catedral”. Impresionante.
O día 11 do mes 1 do ano 11 do segundo milenio da nosa era inaugurouse unha cidade sobre un outeiro e para iso foron convocados os representantes da coroa española, facendo coincidir o acto co 800º aniversario da consagración da catedral. Nada quedou ao azar e a data e os encargados da inauguración envían a mensaxe certa: monarquía, catolicismo. O home que deseñou a cidade fachendea de que o produto final superase a obra que el imaxinara e asegúralle ao ex ministro de Franco que verán rematado o seu soño. Impresionante.
O certo é que estamos ante un alarde de propaganda, outra vez. A presenza dos príncipes españois e do arquitecto norteamericano trasladan unha imaxe positiva dun proxecto que recibiu duras e constantes críticas. Hai esa mensaxe subliminar perenne de que a obra é magnífica e os que critican non saben do que falan e son os de sempre… agora vai parecer que a obra era necesaria, porque acabado o Xacobeo, esta mole de formigón vai ser o destino das novas peregrinacións que o presidente anuncia. Impresionante.
Algún día camiñarei até os impresionantes edificios do outeiro, para comprobar por min mesma se a alma do meu pobo cabe entre as súas paredes, se aqueles que visiten a obra arquitectónica sairán cara a Compostela sabendo un pouco máis do que significamos, de quen somos os galegos e cales son as nosas obras, cales foron os homes e as mulleres que abriron as nosas mentes e puxeron a Galiza no mesmo centro do universo, se sobre o seu chan pode estar o obradoiro da nosa creatividade incansábel. Sentirei que nesa dimensión esta cidade é impresionante e é miña?

 Posted by at 20:14
Nov 282010
 

Non sei por que, dun tempo a esta parte, xeneralizouse a idea de que abrir debates -non importa o tema nin o espazo – é algo necesario socialmente e case inherente ao propio comportamento democrático. Mesmo hai quen pensa que é posíbel debater en estado de ideoloxía pura, nun universo anterior ao Big Bang,  sen condicionantes externas que terxiversen o fío da argumentación.

Mais nada máis enganoso.

E cando eses debates se establecen sobre sinais de identidade como a lingua a cousa nace xa de por si desnaturalizada pois o propio uso dunha ou outra terminoloxía, dun ou outro concepto, dun ou outro punto de partida, condiciona o posicionamento dos debates e, polo tanto, os resultados.

 E ademais confunde.

Recentes informes sobre o futuro do galego sitúanse neste contexto de abrir debates sen máis e de crear confusión. Primeiro porque parten da idea de que os actuais discursos normalizadores, e non estamos a nos referir aos discursos oficiais senón xustamente a aqueles que levan anos traballando na restauración de usos do galego, están caducos, non serven por estaren ligados a ideoloxías algo pasadas de moda, cousa moi lonxe da realidade. Outra cousa é que non se teñan logrado o cento por cento dos obxectivos propostos, mais iso non invalida nin avellenta os discursos nin as propostas.

Por outra parte, a pretensión, ou as propostas, de alcanzar a competencia comunicativa en galego e castelán o conxunto da poboación, especialmente a través do sistema educativo, é algo tan fóra da realidade como aquelas propostas do Partido Popular, gobernando Don Manuel Fraga, que falaba de bilingüismo harmónico e que o Señor Feijoo transformou en bilingüismo cordial. O sistema educativo é unha ferramenta importantísima para a consolidación da competencia lingüística, sobre todo en contextos en que a lingua do sistema educativo é continuación da lingua ambiental, mais en contextos diglósicos o sistema educativo só representa unha pequena parte das posibilidades de restauración lingüística, se ben ten todas as posibilidades para a adquisición de competencia.

Estes debates de que falamos, difundidos en informes e redes sociais, pretenderían de dar carta de normalidade a políticas lingüísticas bilingüistas partindo da idea de que se a totalidade dos e das galegofalantes son bilingües, isto é somos individuos capaces de falarmos en galego e en castelán, tamén a totalidade dos casteláns falantes en Galiza deberán ser capaces de falaren en galego ou en castelán indistintamente. Fermosa teoría, mais na práctica o que condiciona o uso dunha lingua é o contexto e na sociedade galega actual os contextos están perfectamente delimitados e inclinados cada vez máis a favor do español. Porque vivimos nunha situación de conflito lingüístico -aínda que o termo poda parecer anticuado e contrario á cordialidade- e a diglosia, no seu significado clásico, funciona de maneira eficaz. A este respecto, podería pór un pequeno exemplo. Recentemente estiven ingresado no CHUAC nun servizo onde as enfermeiras (eran todas mulleres menos dous homes) falaban perfectamente galego e español. Son polo tanto un paradigma de competencia bilingüe. Mais cal é o uso das dúas linguas? Cos doentes de máis idade falan galego ou español dependendo de cal sexa a lingua do doente e con aqueles de menos idade, aínda que sempre lles falamos en galego, falaban invariablemente en español. Que é o que leva a esta situación? Obviamente os prexuízos lingüísticos propios de toda situación diglósica.

E aí é onde deben actuar primeiramente as políticas normalizadores, en marcar contextos de uso para o galego. Porque é evidente que, sobre todo a través do sistema educativo, podemos conseguir, nun espazo de tempo maior ou menor, que a totalidade da poboación de Galiza sexa competente en galego e en español. Mais pensar que de aí derivará unha situación en que se usarían indistintamente en calquera contexto unha ou outra lingua é pensar que podemos alcanzar a liña do horizonte. E é que, e perdoen a comparanza, para os falantes a lingua é como a relixión. Poderíamos pensar nunha sociedade ideal en que todas as persoas coñecesen, poñamos por caso, os principios cristiáns e musulmáns. O coñecemento de ambas as relixións seguramente aportaría concordia e respecto dos dereitos de cada quen, mais á hora do culto, á hora da práctica, cada persoa acreditaría no seu deus como o único verdadeiro. O mesmo sucede coa lingua.

Concordo con quen pensa debemos anovar o discurso sobre a lingua, mais utilizando o termo anovar  co significado da cultura agrícola,  mais dubido que a solución para o futuro do galego como lingua sexa aceptarmos a solución bilingüe, chámese este bilingüísmo harmónico, cordial ou restitutivo. Prefiro pensar nunha Galiza  maioritariamente monolingüe en galego, seguindo a tradición do galeguismo e acreditar que  Galiza ou é monolingüe en galego ou non será Galiza tal como a coñecemos e, algúns, a desexamos. Será outra cousa.

 

 

Xoán Costa

 Posted by at 21:55
Nov 252010
 

Segundo leo, e escoito, en moitos medios de comunicación, -os mesmos que animan o capital a devorar as conquistas sociais- Europa afúndese no pesimismo. Exemplifican estas teses coas protestas no Reino Unido, coa folga xeral en Portugal, con Irlanda obrigada -din- a baixar a cabeza para anunciar redución do gasto e o que foi milagre económico, sustentado en boa parte nos fondos recibidos e na facilidade para a instalación de grandes empresas (tamén podemos lembrar o que dixera Don Manuel Fraga: o milagre económico irlandés xustifícase polo feito de teren o inglés como lingua). Todo iso torna agora en despedimentos, subidas de impostos e reducións sociais (iso si, os máis ricos nin tocalos, que por algo son os rescatadores que hai que rescatar).

No mesmo sentido irían os paros en Grecia, ou en Roma, onde o Papa para aliviar a crise non considera pecado ir de burdel en burdel provistos de preservativo, que é unha maneira de santificar a prostitución.

Está Europa deprimida?

Non. Europa, xentes e nacións, está farta de especuladores e sobre todo está viva. Por iso os cidadáns se levantan contra os raptores, contra os secuestradores que se rescatan a si mesmos co diñeiro, o esforzo e o traballo de todos e todas, incluídos por suposto os galegos e galegas que sufriron unha reconversión naval ou agrícola para que quen agora solicita axuda (a banca fundamentalmente) puidese enriquecerse máis.

Igual que na mitoloxía grega Zeus, deus supremo rapta e viola a Europa despois de se disfrazar de manso touro branco, tamén agora o deus supremo do capital, encarnado non en touro senón en forma de grandes bancos, corporacións financeiras e outras mutacións, rapta os gobernos, e con eles os cidadáns, e viola as conquistas sociais-educación e sanidade en primeiro lugar-logradas no derradeiro século.

Non é logo un rescate de nada, é un simple rapto.

Zeus violaba doncelas e, como deus supremo non tiña que responder dos seus actos perante ninguén, como moito sufrir o divino enfado de Hera.

Tamén van quedar impunes os modernos violadores de Europa restándonos só aos cidadáns e cidadás o humano enfado?

 Posted by at 21:35
Out 242010
 

O Día da Ciencia en Galego é unha xornada dirixida ao mundo do ensino e a toda a sociedade co obxectivo de expresarmos que o galego é unha lingua axeitada para a transmisión do coñecemento científico e tecnolóxico e para divulgar experiencias escolares pensadas e desenvolvidas en galego.O Día da Ciencia en Galego está adicado a Ramón Mª Aller Ulloa, Afonso X e James Clerk Maxwel.

A xornada terá lugar o día 4 de novembro de 2010 e o profesorado, xunto co alumnado, pode participar organizando libremente unha actividade de divulgación adaptada a cada realidade e aos diferentes niveis educativos. A AS-PG, que participa nesta convocatoria, convoca un Campionato de Trivial sob as seguintes

BASES

  • Participantes.

Poderá participar calquera membro da comunidade educativa de Galiza (pais e nais, profesorado ou alumnado de calquera Centro educativo e de calquera nivel, desde o Ensino Infantil ao Secundario, tanto obrigatorio como postobrigatorio e universitario)
Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com.  
O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz.

  • Inscrición.

O Campionato desenvolverase durante o día 4 de novembro de 2010. As datas de inscrición serán entre o 24 de outubro e o 2 de novembro.
O nivel de dificultade será de 1 (Fácil) e xogarase con 6 temas. Haberá tres temas obrigatorios (Ciencia, Astronomía e No Mundo) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os tres restantes.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 180 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 18 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.
 

  • Premios.

Para este campionato non se consideran premios en metálico. A as-pg obsequirá co documental Canto de permanencia ás persoas que queden na lista final entre o posto 1 e o 20, os dous incluídos, sempre e cando o soliciten expresamente e acrediten a súa relación cun centro educativo (como alumnado, profesorado ou pais e nais). Así mesmo, obsequiará con copias de vídeo dos documentais producidos pola as-pg: A danza do planeta Terra, A mensaxe das estrelas, Pesos e medidas e O bosque, a árbore, a vida.

A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Tamén é imprescindíbel  facer constar o número de Documento de Identidade (DI).
Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 17:08
Ago 302010
 

O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade.

 Posted by at 00:00
Ago 242010
 

aCentral Folque é un proxecto fundamentado no estudo,
promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e
contemporáneo. Exerce a súa actividade nas áreas de docencia regular en
escolas de Santiago e Pontevedra e de produción profesional de eventos
escénicos e pedagóxicos.
aCentral Folque vén avalada pola experiencia de sete anos de funcionamento do CMTF
de Lalín nos que se consolidou como centro de referencia nacional e
internacional, atraendo a alumnado de toda a xeografía galega e
estudantes chegados de Estados Unidos, Estonia, Portugal, Romanía… a
pesar da carencia dunha titulación oficial para este tipo de ensinanza
na Galiza.

http://www.folque.com/

 Posted by at 23:36