A Sala Nasa colga na rede gran parte do seu fondo documental con 15 anos de gravacións de obras de concertos, obras de teatro, danza… O portal RedeNasa.tv, busca artellar unha rede social baseada en contidos enviados por artistas e espectadores. Un dos obxectivos finais, segundo explican dende a Sala Nasa, é crear unha "canle de televisión" na internet que mesture as novas creacións con gravacións do importante ‘fondo de armario’ da nave.
Esta páxina do Consello da Cultura Galega é un centro de documentación dixital para divulgar e investigar as contribucións das mulleres á sociedade e cultura galegas. Ligazón
Eufalo.TV é un defínese como un documental colaborativo sobre a lingua e os falantes. É un produto d´A Navalla Suíza.
Na seguinte ligazón
A sociedade é dinámica e está cambiando a cotío. Novas dúbidas que en tempos pasados existían en menor medida son na actualidade os problemas candentes que nos xorden á hora de educar os nosos fillos e filla. As novas estruturas familiares, o consumo de drogas, o tratamento que debemos darlle á aparición da sexualidade dos nosos nenos e nenas son temas que interesan e preocupan ás familias de xeito particular e á sociedade en xeral. E por suposto tamén temas como a educación en igualdade.
Mais esta preocupación xeral non impide que existan sectores da sociedade que se senten garantes dun sistema de valores que hoxe non son os maioritarios e que procuran, a través de institucións por eses mesmos sectores controladas, xa sexan educativas, relixiosas, económicas ou informativas, prolongar no tempo e estender socialmente un sistema de valores impropio da sociedade actual.
Naturalmente, os órganos de poder non son alleos a esta circunstancia e os Gobernos amparan este tipo de actuacións, case sempre en nome da liberdade de opción/elección de pais e nais, permitindo que prevalezan os dereitos de pais e nais sobre o dereito dos fillos e fillas a recibir unha educación que os forme como persoas capaces de poderen decidir, con coñecemento e fundamento, as opcións que no futuro mellor os capaciten como persoas.
Veñen estes comentarios a propósito dun vídeo que circula estes días por Internet e que nos mostra unha festa fin de curso do alumnado do 2º Ciclo de Educación infantil do Colexio Maristas de Sanlúcar la Mayor.
Podemos ver a patética escenificación do verdadeiro adoutrinamento, practicado de maneira máis brutal do que na etapa franquista, por canto o franquismo non se preocupaba aínda dos nenos e nenas destas idades, alonxados do sistema escolar e catequizador, e vémolo con todos os aditamentos, mesmo a división sexual de roles sociais: as nenas enfermeiras (ou damas auxiliares, na nomenclatura da época) e os nenos aguerridos militares dispostos a defender o propio honor en singular batalla, indo máis alá da realidade,ou é que non hai mulleres no exército e homes nos servizos de enfermería?
Os que traballamos no ensino sabemos que as festas fin de curso non se improvisan, que supoñen ensaio e planificación e que, en certa maneira, pretenden exteriorizar parte do traballo desenvolto nas aulas ao longo do curso. E cando se presenta publicamente, perante pais e nais, quere dicir que o centro educativo responde e se fai responsábel dos contidos e idearios que se transmiten.
Por iso causa pesar, por non dicir asco, comprobar como certos centros educativos e certos grupos de poder aproveitan o sistema educativo para adoutrinar e non para educar; por iso resulta decepcionante comprobar como pais e nais aproban cos seus risos de fondo a escenificación do machismo, do militarismo, da intolerancia.
En fin, de todos os valores que unha sociedade democrática non debe permitir por atentar contra a dignidade humana e por fomentar a exclusión social.
Un recompilatorio de recursos e novidades para as aulas que nos ofrece a CIG-Ensino. O web ofrece ademais a posibilidade de rexistrarse e poder subir novos recursos.
Pode verse nesta ligazón
Agrega é un proxecto que pretende xuntar os esforzos de xeración e aplicación de contidos dixitais curriculares en liña que veñen desenvolvendo as Administracións públicas e o sector privado, e sentar as bases para potenciar a participación de ambos os dous sectores na xeneralización do emprego destes contidos nas aulas.
Baixo o título O Clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo, a editorial Sotelo Blanco publica este traballo de María Pilar García Negro que propón a consideración de Rosalía como inauguradora do ensaio, como xénero literario, na literatura galega contemporánea. O libro foi, ademais, Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais. A autora analiza os prólogos de Cantares Gallegos e de Follas Novas, demostrando o seu carácter de obras que van moito para alén dos prólogos ao uso.
Ao longo da anterior semana estiven atenta aos comentarios que suscitaba a aprobación da Lei para as Mulleres Xestantes promovida por grupos antiabortistas. Aínda que non me causou sorpresa, si que sentín certo desencanto cando todo o debate público se quedaba na superficialidade da demagoxia, isto é, algo así como vida si ou vida non. Acaso existe alguén que non estea a favor da vida? Ese é o terreo de xogo e as regras que marcan os grupos ultradereitistas sobre o aborto e a familia mais coido que un tema tan complexo e tan enraizado nas nosas crenzas, expectativas e anceios vitais deberiamos ser quen de poñelo fóra desa lóxica infantil e bivalente dos bos e os malos.
En primeiro lugar, cómpre lembrar que foi o incremento lexislativo en materia de igualdade o que mellorou os dereitos e as axudas para as mulleres xestantes e as nais, e que tamén creou e desenvolveu redes de apoio e información para as mulleres. Incentivar unha rede paralela privada só para as mulleres embarazadas non trae outra cousa que non sexa financiamento a esa propia rede. A normativa para ese apoio existe e é a administración quen ten a obriga de desenvolver servizos que permitan o apoio efectivo. E só un exemplo a este respecto, pódese elixir redactar unha lei para enxalzar a maternidade ou abrir prazas públicas de gardería. O primeiro ten unha finalidade de propaganda e de voltar as mulleres ao seu rol tradicional. O segundo é desenvolver un dereito que beneficia a toda a sociedade, mais fundamentalmente as mulleres. Ese foi o compromiso do anterior goberno creando unha rede de escolas infantís. Pode que menos ideoloxizante mais sen dúbida máis práctico para as mulleres que necesitan este espazo de conciliación.
O mesmo poderiamos dicir sobre as declaracións desta fin de semana a respecto da próxima Lei de Familia. A propia conselleira Beatriz Mato vencellou a lei xa aprobada das mulleres embarazadas, o modelo que supoñen as familias numerosas, a próxima Lei de Familias e o suicidio demográfico de Galiza. Semella que voltamos ao discurso de culpar as mulleres dos cambios demográficos dunha sociedade que ten un dos seus deberes sen facer, isto é, crear unha rede pública de servizos. As sociedades onde se apostou por estes e por incrementar as medidas de igualdade entre mulleres e homes mudaron a súa curva demográfica.
A crise económica tamén está mudando o sistema de valores desta sociedade. O racismo e a xenofobia medra de forma alarmante, o discurso da familia como piar fundamental volve impoñerse desde as institucións, ao tempo que medra a desconfianza sobre estas… Falar en termos de suicidio demográfico e, de seguido, eliminar comedores e escolas no rural galego non é un acto azaroso. É parte dun proceso que vivimos en Galiza e que revertelo require que non miremos para outro lado.
Este artigo tamén se publicou n’ A Nosa Terra
A mediados da década do 1980 descubrín a Fernando Pessoa. Lin
apaixonadamente os seus poemas, coa sa inclinación pola lingua
portuguesa que arraigara en min nos anos do instituto. Talvez por iso,
cando volvía de Coimbra en xullo do 88, traía na miña maleta un exemplar
de O ano da morte de Ricardo Reis, de José Saramago. Foi así como
comezou a miña admiración polo escritor. Cando o 18 de xuño escoitaba na
radio a nova da súa morte, sentín como se nós mesmos perdésemos algo,
un escritor que contribuíra ao engrandecemento desta lingua nosa que
florece en Portugal. E reapareceron todas as preguntas que gardei
durante anos, especialmente cando a sensación é que algúns medios de
comunicación nos presentan un escritor afastado dos seus, adornándose co
prestixio do pensador incómodo, nunha manobra de apropiación non
confesada que fede ao imperialismo reseso que sementou de fortalezas as
beiras do río. E vendo para o lado da casa cos lentes mesetarios que
tanto nos teñen afastado dos nosos propios curmáns, aqueles que vivían
nas aldeas retratadas por Bernardo Santerno e que un día emprenderon
camiño do norte na procura dunha nova sorte para as súas vidas, deixando
o país sementado cos seus nomes. Esa tarde Carlos Callón lembrou unha
frase de Saramago: “no mundo hai dúas superpotencias: os EE UU e ti”,
unha frase que resume toda a confianza que o escritor depositaba no ser
humano, despois de denunciar a falsidade desta democracia en que
vivimos. Eu reclamo en herdanza esa afirmación e este poema: “Só direi,/
Crispadamente recolhido e mudo,/ Que quem se cala quando me calei/ Não
poderá morrer sem dizer tudo.”
Nunca me contaran nada diso. Nin cando no 1978, sendo un neno, chegou de México un tío meu, Manuel, ao que nunca coñecera. Pensaba que era emigrante, cando en realidade fora un exiliado político. Tardaron anos en falarme del, de como na guerra puido fuxir até Xibraltar, e dende alí marchar a México e botar 40 anos no exilio, para que non o liquidaran. Souben tamén moitos anos despois do sufrido por Xerardo e Antonio, tamén irmáns do meu pai, mariñeiros coma el, declarados fuxidos e en rebeldía, que foron quen de escapar por mar (nun bou) en 1936 até o País Vasco, onde se enrolaron voluntarios na Mariña Auxiliar de Euskadi e continuaron alí, xunto a outros moitos galegos, o combate antifascista. Os irmáns Lobeira, chamábanlles. E como despois, novamente, pasaron a Francia, a pé polos Pireneos. Alí seguiron a loitar contra a ocupación nazi, até que foron capturados e enviados a un campo de concentración. É a última noticia que se ten deles, aínda que o desenlace non é difícil de deducir. A miña avoa, seica, morreu de pena polos seus fillos. Así mo contaron. Eran mozos de 21 e 23 anos, galegos e mariñeiros, e sacrificaron a vida por Galiza, pola democracia e a xustiza social. Son heroes, e síntome orgulloso deles.
Lembro, e comprendo agora, cando o comezo da miña militancia nacionalista suscitaba medo ou crítica entre os vellos veciños da miña parroquia: “Este é da mesma raza”, “vénlle no sangue”, comentaban con menosprezo. Agora sei por que o dicían. Que persoas de extracción social popular e estatus económico máis que humilde, que traballaron como escravos no mar toda a súa vida, cheguen a interiorizar como negativo o compromiso e a loita levada até as últimas consecuencias por persoas que coñeceron e foron represaliadas, e positivamente a “paz” imposta polos verdugos, é consecuencia e pouso dun franquismo lamentabelmente non superado por unha parte da sociedade galega e que tan ben, por certo, é aproveitado polo PP.
De aí a necesidade imperiosa de lembrar, de non esquecer todo o dano que nos fixeron. De reivindicar a dignidade daqueles que que o deron todo polo seu pobo, tamén por nós. E nós temos a obriga de que non se esqueza a represión, o martirio e o sufrimento padecido. Por eles, pola súa memoria, mais tamén por nós.
O ínclito conselleiro de Cultura, Roberto Varela, vén de anunciar un novo proxecto para a Illa de San Simón, Cómpre abandoar e superar, segundo el, o vello esquema de lugar de recuperación da memoria histórica, e devolverlle a vinculación con outros contidos, que el mesmo definiu como “alegres”. A saber:
a) Espazo cultural de referencia iberoamericana. Xa sabemos o lugar que ocupará o noso idioma nacional.
b) Vincular a Illa, como non, á Cidade da Cultura, por ser un lugar que “namora e xera sentimentos e sensacións” por ser un espazo “único e marabilloso”.
c) Zona de residencia para artistas e intelectuais.
d) Consciente, iso si, de que no pasado albergou “unha cadea e un hospital de leprosos”, este espazo é ideal para a organización dun festival de artistas “Spoken Word”, así como actuacións musicais e actividades on-line.
e) Como non sei exactamente en que consiste, deito a literalidade das súas palabras: “gran laboratorio de ideas con proxección globalizadora e vocación multidisciplinar”.
Velaí unha concreción, no campo ideolóxico, da ofensiva que o sistema capitalista e os seus instrumentos políticos están a promover tamén noutros ámbitos. O baleirado de poder de gobernos e parlamentos en función dun mercado insaciábel e depredador, o recorte de dereitos sociais e laborais, a persecución contra a nosa lingua e cultura, a tiranía do capital financiero, as perversas regras de xogo das relacións internacionais (obsérvese a impunidade de Israel), e tamén a aniquilación dos elementos simbólicos e ideolóxicos que, como a memoria histórica, dan sustento e alimento de ideas tan necesarias a cantos integramos esa comunidade humana diferenciada que se dá en chamar pobo galego.
Todo coincide e todo encaixa. O sistema, para o seu avance e beneficio, precisa da eliminación de calquera mínima capacidade de análise crítica da sociedade, de redución do coeficiente intelectual colectivo, de liquidación de calquera sinal de reafirmación popular que poida desembocar en rebeldía e pór en cuestión a actual xerarquía. Esa é a súa estratexia. O acompañamento do proxecto económico saqueador de pobos e clases populares cunha ideoloxía que o avale. E aí é onde entramos nós. É obsceno reconverter a Illa de San Simón nun parque temático “alegre”. Porque enterraron semente. E dela saímos nós. Non o esquezamos nunca.