Xul 012010
 

Ao longo da anterior semana estiven atenta aos comentarios que suscitaba a aprobación da Lei para as Mulleres Xestantes promovida por grupos antiabortistas. Aínda que non me causou sorpresa, si que sentín certo desencanto cando todo o debate público se quedaba na superficialidade da demagoxia, isto é, algo así como vida si ou vida non. Acaso existe alguén que non estea a favor da vida? Ese é o terreo de xogo e as regras que marcan os grupos ultradereitistas sobre o aborto e a familia mais coido que un tema tan complexo e tan enraizado nas nosas crenzas, expectativas e anceios vitais deberiamos ser quen de poñelo fóra desa lóxica infantil e bivalente dos bos e os malos.

En primeiro lugar, cómpre lembrar que foi o incremento lexislativo en materia de igualdade o que mellorou os dereitos e as axudas para as mulleres xestantes e as nais, e que tamén creou e desenvolveu redes de apoio e información para as mulleres. Incentivar unha rede paralela privada só para as mulleres embarazadas non trae outra cousa que non sexa financiamento a esa propia rede. A normativa para ese apoio existe e é a administración quen ten a obriga de desenvolver servizos que permitan o apoio efectivo. E só un exemplo a este respecto, pódese elixir redactar unha lei para enxalzar a maternidade ou abrir prazas públicas de gardería. O primeiro ten unha finalidade de propaganda e de voltar as mulleres ao seu rol tradicional. O segundo é desenvolver un dereito que beneficia a toda a sociedade, mais fundamentalmente as mulleres. Ese foi o compromiso do anterior goberno creando unha rede de escolas infantís. Pode que menos ideoloxizante mais sen dúbida máis práctico para as mulleres que necesitan este espazo de conciliación.

O  mesmo poderiamos dicir sobre as declaracións desta fin de semana a respecto da próxima Lei de Familia. A propia conselleira Beatriz Mato vencellou a lei xa aprobada das mulleres embarazadas, o modelo que supoñen as familias numerosas, a próxima Lei de Familias e o suicidio demográfico de Galiza. Semella que voltamos ao discurso de culpar as mulleres dos cambios demográficos dunha sociedade que ten un dos seus deberes sen facer, isto é, crear unha rede pública de servizos. As sociedades onde se apostou por estes e por incrementar as medidas de igualdade entre mulleres e homes mudaron a súa curva demográfica.

A crise económica tamén está mudando o sistema de valores desta sociedade. O racismo e a xenofobia medra de forma alarmante, o discurso da familia como piar fundamental volve impoñerse desde as institucións, ao tempo que medra a desconfianza sobre estas… Falar en termos de suicidio demográfico e, de seguido, eliminar comedores e escolas no rural galego non é un acto azaroso. É parte dun proceso que vivimos en Galiza e que revertelo require que non miremos para outro lado.

Este artigo tamén se publicou n’ A Nosa Terra

 Posted by at 09:09
Xuñ 282010
 

A mediados da década do 1980 descubrín a Fernando Pessoa. Lin
apaixonadamente os seus poemas, coa sa inclinación pola lingua
portuguesa que arraigara en min nos anos do instituto. Talvez por iso,
cando volvía de Coimbra en xullo do 88, traía na miña maleta un exemplar
de O ano da morte de Ricardo Reis, de José Saramago. Foi así como
comezou a miña admiración polo escritor. Cando o 18 de xuño escoitaba na
radio a nova da súa morte, sentín como se nós mesmos perdésemos algo,
un escritor que contribuíra ao engrandecemento desta lingua nosa que
florece en Portugal. E reapareceron todas as preguntas que gardei
durante anos, especialmente cando a sensación é que algúns medios de
comunicación nos presentan un escritor afastado dos seus, adornándose co
prestixio do pensador incómodo, nunha manobra de apropiación non
confesada que fede ao imperialismo reseso que sementou de fortalezas as
beiras do río. E vendo para o lado da casa cos lentes mesetarios que
tanto nos teñen afastado dos nosos propios curmáns, aqueles que vivían
nas aldeas retratadas por Bernardo Santerno e que un día emprenderon
camiño do norte na procura dunha nova sorte para as súas vidas, deixando
o país sementado cos seus nomes. Esa tarde Carlos Callón lembrou unha
frase de Saramago: “no mundo hai dúas superpotencias: os EE UU e ti”,
unha frase que resume toda a confianza que o escritor depositaba no ser
humano, despois de denunciar a falsidade desta democracia en que
vivimos. Eu reclamo en herdanza esa afirmación e este poema: “Só direi,/
Crispadamente recolhido e mudo,/ Que quem se cala quando me calei/ Não
poderá morrer sem dizer tudo.”

 Posted by at 18:35
Xuñ 112010
 

Nunca me contaran nada diso. Nin cando no 1978, sendo un neno, chegou de México un tío meu, Manuel, ao que nunca coñecera. Pensaba que era emigrante, cando en realidade fora un exiliado político. Tardaron anos en falarme del, de como na guerra puido fuxir até Xibraltar, e dende alí marchar a México e botar 40 anos no exilio, para que non o liquidaran. Souben tamén moitos anos despois do sufrido por Xerardo e Antonio, tamén irmáns do meu pai, mariñeiros coma el, declarados fuxidos e en rebeldía, que foron quen de escapar por mar (nun bou) en 1936 até o País Vasco, onde se enrolaron voluntarios na Mariña Auxiliar de Euskadi e continuaron alí, xunto a outros moitos galegos, o combate antifascista. Os irmáns Lobeira, chamábanlles. E como despois, novamente, pasaron a Francia, a pé polos Pireneos. Alí seguiron a loitar contra a ocupación nazi, até que foron capturados e enviados  a un campo de concentración. É a última noticia que se ten deles, aínda que o desenlace non é difícil de deducir. A miña avoa, seica, morreu de pena polos seus fillos. Así mo contaron. Eran mozos de 21 e 23 anos, galegos e mariñeiros, e sacrificaron a vida por Galiza, pola democracia e a xustiza social. Son heroes, e síntome orgulloso deles.

 

Lembro, e comprendo agora, cando o comezo da miña militancia nacionalista suscitaba medo ou crítica entre os vellos veciños da miña parroquia: “Este é da mesma raza”, “vénlle no sangue”, comentaban con menosprezo. Agora sei por que o dicían. Que persoas de extracción social popular e estatus económico máis que humilde, que traballaron como escravos no mar toda a súa vida, cheguen a interiorizar como negativo o compromiso e a loita levada até as últimas consecuencias por persoas que coñeceron e foron represaliadas, e positivamente a “paz” imposta polos verdugos, é consecuencia e pouso dun franquismo lamentabelmente non superado por unha parte da sociedade galega e que tan ben, por certo, é aproveitado polo PP.

De aí a necesidade imperiosa de lembrar, de non esquecer todo o dano que nos fixeron. De reivindicar a dignidade daqueles que que o deron todo polo seu pobo, tamén por nós. E nós temos a obriga de que non se esqueza a represión, o martirio e o sufrimento padecido. Por eles, pola súa memoria, mais tamén por nós.

O ínclito conselleiro de Cultura, Roberto Varela, vén de anunciar un novo proxecto para a Illa de San Simón, Cómpre abandoar e superar, segundo el, o vello esquema de lugar de recuperación da memoria histórica, e devolverlle a vinculación con outros contidos, que el mesmo definiu como “alegres”. A saber:

a) Espazo cultural de referencia iberoamericana. Xa sabemos o lugar que ocupará o noso idioma nacional.

b) Vincular a Illa, como non, á Cidade da Cultura, por ser un lugar que “namora e xera sentimentos e sensacións” por ser un espazo “único e marabilloso”.

c) Zona de residencia para artistas e intelectuais.

d) Consciente, iso si, de que no pasado albergou “unha cadea e un hospital de leprosos”, este espazo é ideal para a organización dun festival de artistas “Spoken Word”, así como actuacións musicais e actividades on-line.

e) Como non sei exactamente en que consiste, deito a literalidade das súas palabras: “gran laboratorio de ideas con proxección globalizadora e vocación multidisciplinar”.

Velaí unha concreción, no campo ideolóxico, da ofensiva que o sistema capitalista e os seus instrumentos políticos están a promover tamén noutros ámbitos. O baleirado de poder de gobernos e parlamentos en función dun mercado insaciábel e depredador, o recorte de dereitos sociais e laborais, a persecución contra a nosa lingua e cultura, a tiranía do capital financiero, as perversas regras de xogo das relacións internacionais (obsérvese a impunidade de Israel), e tamén a aniquilación dos elementos simbólicos e ideolóxicos que, como a memoria histórica, dan sustento e alimento de ideas tan necesarias a cantos integramos esa comunidade humana diferenciada que se dá en chamar pobo galego.

Todo coincide e todo encaixa. O sistema, para o seu avance e beneficio, precisa da eliminación de calquera mínima capacidade de análise crítica da sociedade, de redución do coeficiente intelectual colectivo, de liquidación de calquera sinal de reafirmación popular que poida desembocar en rebeldía e pór en cuestión a actual xerarquía. Esa é a súa estratexia. O acompañamento do proxecto económico saqueador de pobos e clases populares cunha ideoloxía que o avale. E aí é onde entramos nós. É obsceno reconverter a Illa de San Simón nun parque temático “alegre”. Porque enterraron semente. E dela saímos nós. Non o esquezamos nunca.

 Posted by at 08:52
Xuñ 072010
 

Levo varias semanas visitando centros de ensino para falar con compañeiros e compañeiras sobre a necesidade de mobilizármonos fronte ás medidas regresivas impostas polo goberno español, e observo como en cada asemblea as intervencións dalgunha xente amosan o efecto das mensaxes coas que son bombardeadas día sí e día tamén: "a necesidade de ser solidarios", "arrimar o ombreiro", "os privilexiados por ter un traballo fixo deben sacrificarse", "o país vai mal e debemos axudar", "non estamos tan mal como os que están no paro", "mellor non moverse, total non se consigue nada", "é un problema do mundo e nós sós non o solucionaremos".

Diante deste bombardeamento contínuo moitas persoas non dan atopado  forzas suficientes para reaxir e déixanse vencer polo efecto narcotizante que teñen as mensaxes do sistema, agardando que todo sexa un mal soño ou que o problema o veña solucionar algún superheroe.

Outros, normalmente aqueles que se autodefinen como apolíticos ou como verdadeiramente radicais, fanlle o caldo gordo aos poderosos repetindo os argumentos anteriores e engadindo algúns a maiores claramente ditados polos que buscan que o narcótico faga o seu efecto o máis rapidamente posíbel e impida respostas conxuntas que fagan perigar a ruta trazada: "os sindicatos vides agora", "estades a defender os vosos intereses particulares e non os da xente", "sodes todos iguais"?.

Entre uns e outros hai unha  maioría que está indecisa, escoitan atentamente os nosos argumentos e cando interveñen concordan co que decimos, pero non saben aínda que facer.

Diante desta situación tócanos unha vez máis ir contracorrente; é complexo tendo en conta o marco no que nos estamos a mover pero sabemos que enfrontándose aos problemas e non deixándose levar pola marea é como o nacionalismo conseguiu consolidarse como único referente transformador na Galiza.

O vindeiro martes haberá unha folga xeral no sector público, unha folga xeral necesaria pero non suficiente. A CIG leva moito tempo chamando á mobilización do mundo do traballo e da maioría da sociedade para amosar a resposta dos perxudicados pola crise, diante daqueles que a provocaron e dos que despreciando o significado das palabras "goberno" e "democracia" adícanse simplemente a aplicar os ditados do FMI, do Banco Mundial e da Comisión Europea.

Despois do martes a CIG seguirá mobilizando, outros xa se verá; o 17 de xuño convoca unha nova xornada reivindicativa e posteriormente virán outras accións dado que a crise vai para longo e non estamos dispostos a que se dea hoxe unha nova versión do que deixou escrito no 1946 o pastor protestante alemán Martin Niemoeller nun texto que se lle atribue erroneamente a Bertolt Brecht.

Primero van polos funcionarios pois teñen mala fama,

mais eu non me movo pois non o son.

Despois irán  polos sindicalistas porque provocan conflitos,

a min dame igual pois son demasiado radicais;

a continuación tocaralles aos que un día protestaron por atreverse falar,

eu salveime porque só o pensei e non o dixen.

Seguirán quitando dereitos ao resto da clase traballadora

pero a min non me tocará pois son amigo do xefe.

E agora que veñen por min

non hai quen me bote unha man.

Os culpábeis da crise teñen nome, e hai alternativas para sair dela; denunciémolos e expliquémoslle á xente que é posíbel construir un sistema distinto e máis xusto. 

 Posted by at 18:50
Mai 302010
 

Darth Vader avanza cara ao Obradoiro desde a Estrela da morte que hoxe ocupa o mesmo lugar da Cidade da Cultura. Atrás del as tropas imperiais. Atravesando as rúas da cidade vai deseñando na súa cabeza a estratexia a seguir para destruír Alderaan, porque é o seu obxectivo converter o país-planeta temperado de fermosas paisaxes nunha poeirenta nebulosa de asteroides, símbolo da súa destrución final. Atrás del camiña o Conde Dooku, quen acaba de demostrar definitivamente a súa conversión. Despois de perpetrar o crime, poñendo os seus coñecementos ao servizo do Imperio, recibirá en premio o nome de Darth Tyranus e guiará as tropas androides, tan inconscientes e manipulábeis, contra a República.
Darth Vader pasará a historia como o exterminador dos que nobremente gardaron as tradicións da República e a súa identidade. O seu nome produce terror a uns e repulsión a outros. Alí onde a Alianza Rebelde se mobiliza para reclamar os dereitos que lle corresponden, preséntase Darth Vader para ocultar coas súas repulsivas artimañas a lexítima loita dos rebeldes. Todo o destrúe e manipula, sempre ao servizo de Darth Sidious, que comodamente observa desde a capital do Imperio.
Por iso camiña cara ao Obradoiro, corazón de Alderaan, será o primeiro lugar en ser destruído, derrubará todos e cada un dos edificios que o rodean, esfarelará as pedras do chan, para que non quede proba das manifestacións rebeldes. É a súa misión estender o Imperio, e nada, nada se pode interpor.
Só co derradeiro alento de vida, Darth Vader asumiu o erro cometido e, sen folgos xa, renunciou ao lado escuro. Teremos que agardar tanto?

Marta Dacosta, maio de 2010.

 Posted by at 09:08
Mai 262010
 

Hai cifras que adquiren especial significado nas nosas vidas, e a outras a memoria transpórtanos unha e outra vez, cunha insistencia  que mesmo dá medo. Cifras que son referentes supersticiosos, relixiosos, eróticos, históricos etc. Acaba de se publicar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e só ler Decreto 79 rexorden en min episodios dun tempo pasado, de hai máis de trinta anos. Non podo deixar de o asociar con aquel Decreto, chamado de Bilingüísmo, promulgado en xullo de 1979 nacido como resposta ao previsto nai Lei Xeral de Educación de 1970 e nos documentos ideolóxicos que a sustentaban. Por sermos herdeiros daquel contexto e daquela situación,  non debemos esquecer que nos debates que se deron nas Cortes, con Antonio Rosón – despois Presidente da Xunta- comeza a falarse da necesidade de introducir no sistema educativo o aprendizado das "linguas maternas" para desde aí  aprender mellor o castelán. É o tempo, tamén, en que comeza a abandonarse o termo español e pasa a falarse de “castellano”. Aquel Decreto do 79 serviu de instrumento legal para iniciar unha persecución do elemento que debía ser legalizado, isto é, o ensino en galego. Non por casualidade o apartado 2 do artigo 3  condicionaba esta posibilidade  “a la lengua materna de la población escolar” e “ a las opciones manifestadas por los padres de los alumnos a quienes afecte”

Desde aquela, e xa van anos, nin o ferrete da lingua materna nin a espada do dereito dos pais foron tan partidista e ideoloxicamente  utilizados como alicerce da política lingüística da Administración como o foron na elaboración do Decreto que agora o DOG fai norma, mais, proba de que aquela filosofía nunca foi desbotada e se mantivo hibernada, móstrao con total evidencia a conduta da actual Administración, cun Presidente máis preocupado en intereses alleos que nos propios de Galiza.

Un proceder que leva a practicar a lexislación preventiva, xa que non de outro modo se pode entender que, despois de todas as análises e estudos que demostran a precaria situación do galego, moitas delas avaladas por quen ostenta a máxima representación en materia de Política Lingüística, se poda argumentar, como se fai na exposición de motivos do Decreto, que o Decreto 124/2007, que se derroga,  ao non establecer o número mínimo de materias impartidas en lingua castelá “podería chegar a cambiar o modelo de conxunción de linguas desenvolvido en Galicia desde o inicio da autonomía”. Claro que si, o mesmo argumento polo que se eliminaban os xudeus: poderían chegar a contaminar a raza aria.

Agora xa temos Decreto.

Decreto 79.

Un Decreto que utiliza a sociolingüística de modo perverso, que procura xustificación na enxurrada da forza dos votos do Partido Popular (cando xa sabemos que foron menos que os da oposición) nas elección de marzo de 2009.

79.  Unha cifra para a memoria que agora nos transporta  cara o 24 de agosto do ano 79 en tres cidades itálicas. Como un novo Vesuvio este Decreto 79 ameaza o noso dereito a existir, a vivir en galego e pretende converter a nosa lingua nun parque arquelóxico no que os turistas admirarán a gloria do seu pasado.

Mais non ha de ser así xa que o volcán verdadeiro é o que desde hai un ano sae á rúa, en erupcións cada vez mais fortes. Ríos de lava que sepultarán as intencións lingüicidas de quen agora nos goberna, de quen en palabras de Novoneyra, só loitou contra o seu pobo.

 Posted by at 17:17
Mai 212010
 

Hai agora tres meses publicaba neste mesmo medio un artigo  no que falaba sobre os acontecementos que se daban naquel momento na Grecia, advertindo de que non era o do pobo grego un problema illado senón que aquel país servía como coelliño de laboratorio, e que nel estaban a experimentar medidas con idea de aplicalas a outro pobos, entre eles o noso.

Dito e feito, xa está aquí de novo a chamada socialdemocracia quitándolle as castañas do lume aos poderes financeiros e facendo que os de sempre teñamos que apertarnos o cinturón, pois dinnos que de non facelo a cousa vai ir a peor dado que a economía segue mal e o estado español está obrigado a reducir o déficit público e situalo nun 3% en 2013, por iso o goberno español quere reducir o gasto en 15000 millóns de euros entre o 2010 e o 2011.

Pero resulta que a crise non afecta a todo o mundo por igual e cando podíamos pensar que tamén o grande empresariado podería estar a pasar os seus apuros os datos amosan que seguen acumulando beneficios.
O IBEX-35, que inclúe ás 35 empresas con maior liquidez das que cotizan nas catro bolsas do estado, indica que esas empresas en conxunto gañaron nos tres primeiros meses deste ano un 31% máis que nos tres primeiros meses do 2009, pois de xaneiro a marzo de 2009 tiveron uns beneficios de 8.853,76 millóns de euros e de xaneiro a marzo do presente ano os seus beneficios ascenden a 11.598,53 millóns de euros. Só por poñer os exemplos máis avultados dicir que Endesa aumentou os seus beneficios nun 201,57% , Repsol nun 30,6%, Iberdrola nun 16,24% e o Santander nun 5,68%.

Hoxe no mundo da información semella que eses datos non son noticiábeis, por iso non os tivemos día tras día nas primeiras páxinas dos xornais como temos outros e para atopalos houbemos de meternos nas aburridas páxinas económicas; pois de ser de coñecemento público ao mellor as chamadas continuadas que fan os partidos do sistema a sermos solidarios e apertar o cinturon non terían tanta audiencia.

Na Grecia levan meses mobilizándose contra as medidas que lles queren aplicar o seu goberno, a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional; na Galiza até hoxe foi o nacionalismo en solitario quen puxo enriba da mesa alternativas á crise, e en concreto a CIG xa hai máis dun ano que está chamando ás organizacións sindicais españolas que actúan no noso país a mobilizarse conxuntamente en contra da crise e por un novo modelo económico e social.

Até a semana pasada a resposta foi o silencio e agora veñen de saírnos cunha convocatoria mediática; xa veremos si o espírito reivindicativo lles chega até o 8 de xuño, e se esa data para eles é algo máis que unha escenificación. Cando menos os primeiros contactos e a negativa dos sindicatos españois a asinar co sindicalismo nacionalista unha táboa reivindicativa conxunta e un calendario amplo de mobilizacións na función pública son sinais moi pouco esperanzadoras.

 Posted by at 20:43
Mai 182010
 

Sr. Presidente da Xunta, 

Falou onte vostede, no Courel dos tesos cumes, da necesidade dun pacto pola lingua baseado en catro principios: cooficialidade entre o galego e o castelán; consideración da lingua galega como lingua propia de Galiza; acción positiva para a extensión do seu coñecemento e uso e  aplicación do principio de non discriminación por razón de lingua. Catro principios, Sr. Presidente, cos que seguramente concordan millares de persoas, mais a realidade é que estes catro  puntos reproducen, textualmente,  o artigo 5 do vixente Estatuto de Autonomía.

"ARTIGO 5

1.A lingua propia de Galicia é o galego.

2.Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3.Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilita-lo seu coñecemento.

4.Ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua."

O pacto a que se refire, Sr. Presidente, tamén xa existe e ten nome: Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, de setembro de 2004, aprobado por unanimidade no Parlamento.

Que propón, daquela, de novo o Sr. Presidente en día tan sinalado, cando nas súas propias barbas a Academia lle reclama unha rectificación na súa política lingüística e no Obradoiro millares e millares de persoas lle recordamos que foi o PP quen rompeu ese pacto por unha presa de votos e que algúns dos seus conselleiros colaboraron activamente coas súas declaracións a crear centos de falsías en torno á lingua?

Habemos de crer na palabra dun Presidente que mantén como responsábel de política lingüística unha persoa que se gaba de non ter ouvido as críticas ao proxecto de decreto?

E que dicir das palabras do Sr. Rueda, un día antes de vostede  nos convidar a un pacto, cando afirma que os que nos manifestamos só saímos "ás rúas para criticar a política lingüística do equilibrio e da liberdade e para clamar por unha ditadura que se baseaba en que os políticos decidisen en que lingua se tiñan que expresar os cidadáns"  O Sr. Rueda, que acode ás manifestacións de Galicia Bilingüe, fálanos de equilibrio e liberdade!!!

Oh tempora, oh mores! Ou o que dicía unha veciña miña, que non sabía ler nin sabía latín mais  amaba o galego: Tempo andando, cousas vendo.
Habemos de o crer, Sr. Presidente, cando nos dea algunha mostra de credibilidade, pois aquí sómoslle moitos os que cremos despois de meter o dedo na chaga e despois de tanta mentira pareceralle razoablemente humano que non o creamos: retire o decreto, cese o Conselleiro de Educación e con el o Secretario Xeral de Política Lingüística, lea, cada día, unhas páxinas do Plan Xeral  de Normalización e baixe da burra, pois non o vexo como un imitador de  Saulo, caendo do cabalo, e xa que o Secretario Xeral de Política Lingüística non ouve nada, polo menos abra vostede os ollos á realidade e abandone a ficción da imposición, que os premios de Cannes, deste ano, xa están dados.

 Posted by at 00:00
Mai 122010
 

Había unha vez un país e nese país había eleccións. Tamén había campaña electoral e candidatos e candidatas. E contan as vellas crónicas que, nunha ocasión, estando un candidato abrindo o fardel das promesas durante un mitin, en plena euforia discursiva,  anunciou a construción dunha ponte para unir as dúas marxes do caudaloso  río que atravesaba a cidade. E o público asistente, afervoado, aplaudía e prometía un apoio sen equivalente no proceso electoral que se aveciñaba. Advertido o candidato polos seus asesores de que a cidade non tiña río e que a auga era transvasada doutras paraxes e era máis ben escasa, parece ser que respondeu cun rotundo:
-Non importa, traeremos tamén o río.
Algo parecido lle aconteceu ao Sr. Feijoo na campaña electoral de 2009 e nos días previos en que, alá lonxe,  nunha terra sen ríos que cruzar, se xestou a idea da carencia de liberdade lingüística: prometeu construír unha ponte e os cidadáns terían liberdade de a cruzar ou non, e máis faría, construiría varias pontes e poderían elixir por cal delas cruzar o río do conflito resultante do que el chamaba “imposición” do galego e a perda de espazos do español.
Cando desde todos os sectores sociais se lle advertiu que o galego continuaba perdendo espazos, que o sistema educativo estaba aínda moi lonxe de garantir a plena igualdade de usos e de competencias, que non existía tal imposición nin tal conflito, parece ser que respondeu cun rotundo:
–    Non importa, criaremos o conflito.
E para iso contrataron os mellores especialistas. Foi así como se iniciou o proceso de substitución do Decreto 124/2007, un texto con apenas un ano de vixencia e que contara con todos os avais políticos, sociais e mesmo xurídicos para a súa elaboración e posta en marcha, alegando que ese texto era un foco de conflitos no ensino, un foco que cumpría erradicar, controlar. Abórdase a elaboración dun novo texto que, en toda a súa tramitación, non contou co informe favorábel de ningún grupo nin entidade representativa da cultura galega e parece que, polo que se filtrou, tampouco contará co informe favorable do Consello Consultivo que, lembremos, foi o grande argumento do PP para xustificar a derrogación do Decreto 124/2007.
 Mais resulta que Galiza ten ríos, e os ríos teñen pontes e os galegos e galegas cruzamos pontes e pontellas cando queremos e cando non cruzamos o río a pé, ou choutando dunha a outra beira. Por iso resulta difícil de comprender o empeño do  Goberno do Sr. Feijoo en seguir adiante e en gobernar sen escoitar a opinión da sociedade por máis que o Secretario Xeral de Política lingüística teime nas bondades dun texto rexeitado pola totalidade do sector educativo e mentres os galegos e as galegas seguimos a nos organizar para resistir as agresións dun Goberno teimoso en desmontar todo o que teña a ver cos nosos sinais de identidade  e a construírmos todas as pontes necesarias para cruzarmos ese río de autoodio que erosiona desde hai tanto a nosa pel, o río dos que nos queren deixar sen nome, sen soños, sen futuro.
O 17 de maio acudiremos a un OBRADOIRO de pontes. Millares de pontes para millares de ríos que reflectirán unha única idea: queremos galego, queremos Galiza.

 Posted by at 17:00
Mai 112010
 

Había unha ameixeira ao pé da casa
en que eu sen saber, souben da lingua
aquela que tiñamos agachada
aínda que sempre alí, ao pé da casa.
(Setembro, 1998)

Cando era pequena pensaba que as ameixas e as "ciruelas" eran cousas distintas. O certo é que as ameixas soamente as había na miña casa, verdes por fóra e marelas por dentro, con aquela pel que cegaba os dentes e a carne brandiña e doce. Porén, as "ciruelas" adoitaban ser brancas, e soamente as vira na tenda. Pode parecer unha anécdota un pouco parva, mais a min resúltame triste e volvo a ela porque é o resumo da realidade do Vigo dos anos setenta: a cidade cada vez máis distante da súa identidade.

Nas rúas urbanas da cidade en que nacín, fun descubrindo aos poucos unha lingua agachada. Era a lingua das donas do supermercado que falaban entre si cando a clientela non estaba presente. Era a lingua das peixeiras da Ribeira. Era a lingua dos meus avós, a que usaban entre eles, a que nunca lle falaron ás súas fillas, e que só lle falaron á súa neta máis vella cando tomou a decisión máis importante da súa vida.

A lingua en que falaba a ameixeira da miña casa non estaba na escola. Apareceu timidamente no curso 80-81 nas aulas do instituto. Con grandes dificultades conseguimos ter unha profesora de galego aquel ano, pois o profe que nos correspondía, Freixanes, accidentárase e tivo que ser substituído, mais a substituta non daba chegado. Así que, mentres, Xosé Manuel Rodríguez deunos clase a dúas aulas xuntas, con aquel libro branco cun enorme título: LINGUA. Eramos moitas e moitos na aula e o profe facía o que podía, eu só lembro o moito que gozaba naquelas primeiras aulas de galego, primeiro con Xosé Manuel e logo con Loli. Máis tarde foron Anxos ou Mercedes.  

O certo é que en Vigo, en varios centros educativos, por exemplo no mesmo instituto en que eu comezaba ver o mundo, había varias profesoras e profesores que daban as súas aulas en galego desde había tempo. Así que, moitas mozas e mozos estudaron as matemáticas en galego daquela, e ben que lles aproveitou.

Non podo explicar por que a nena que pensaba que as "ciruelas" e as ameixas eran cousas distintas, a que nunca falara en galego, sentía tal inclinación por esta lingua. Tampouco de onde me saía a forza para defender en solitario que as aulas no instituto debían, ou podían, ser en galego. E non cansaba porque, aínda que aquelas alumnas e alumnos de 3º de BUP do IES Santo Tomé de Freixeiro no curso 1982-83 non o entenderan, estabamos falando da nosa lingua. Da nosa propia lingua. Como moitos outros e outras fixeron tamén naquela mesma altura.

É a miña historia de amor. A que hoxe me fai erguer a voz, premer o teclado, saír da casa, pensar e pensar e pensar… porque non quero que un día as posíbeis netas que non sei se terei crean que no noso país non se dan as "ciruelas" ou non sexan quen de entender que significa que un lugar se chame Ameixeiras.

E non aceptarei que, despois de anos de ocultarme a lingua, tentando educarme nunha realidade que non era a miña, despois de anos de negarme o que son realmente, tentando que me sentise culpábel polas miñas ideas e os meus feitos, hoxe veña ninguén a dicirme que impoño nada ou que acabei con paz ningunha. Levo anos sendo responsábel, responsábel de manter viva a miña identidade e de lla transmitir aos meus. Porque esta lingua é miña, tan miña como de todos e todas as que con fachenda e amor saen cada día á rúa dándolle vida, poñéndoa no lugar que lle corresponde, levándoa do Caurel a Compostela ou de Ortegal ao Miño. Ou como no Correlingua de Santiago a Vigo, pasando por A Coruña, Ferrol, Ribadeo, Lugo, Monforte, Ourense, Verín, Tomiño, Pontevedra, Vilagarcía, a Estrada e Rianxo.

Para volver de novo o 17 a Compostela, ao Obradoiro, onde fagamos resoar de novo toda a forza do noso amor, o noso existir. 

 Posted by at 00:00