Feb 222010
 

O pasado sábado asistín en Arcade a unha homenaxe a Lois Obelleiro Piñón organizada polos seus compañeiros e compañeiras de militancia do concello de Soutomaior; alí estabamos camaradas, compañeiros e compañeiras de loita, familiares e veciños que o trataramos e que notamos a súa falla.

Mentres interviña Bieito Lobeira lembrei que falei con Lois por primeira vez no Porriño, eu ía desde Vigo para falar cuns rapaces de ensino medio co obxectivo de montar un grupo de ERGA; ao chegar ao instituto no que el daba aulas atopei un tipo barbudo que ía disfrazado, non lembro ben se de bispo ou de Cristo; estaban co antroido e tiven que agardar ao remate para falar cos rapaces. Aquilo a decir verdade, a min descolocoume porque da súa imaxe o único que cadraba coa miña composición do que debía ser un profesor nacionalista era a súa barba.

Pasaron os anos e seguín coincidindo con el de cando en vez, saúdos, pequenas conversas, pero sen aprofundar na relación até setembro do 90. Recén aprobadas as oposicións matriculárame nas xornadas do ensino organizadas pola UTEG e a AS-PG en Vigo e el era o encargado de impartir o seminario de historia. Un luns ás catro da tarde Lois chegou coa súa cazadora vaqueIra e os seus tenis, presentouse e dixo que teríamos que sair en coche porque parte do seminario sería sobre o terreo;  levounos a un alto entre Redondela e Arcade, se non lembro mal era o Viso, e alí recibín a miña primeira aula de xeografia e historia de Galiza sobre o terreo. As salinas da ría, a primeira industrialización, as organizacións agrarias, Pontesa, as escolas construídas con cartos da emigración sobre as que despois faría a súa tese doctoral, foron elementos da súa explicación.

Posteriormente as responsabilidaes de ambos fixéronnos coincidir e convivir imnumerábeis veces, e como froito desa convivencia podo afirmar que Lois era exemplo de militancia cunha combinación axeitada de teoría e práctica; un camarada e un amigo, sempre disposto cando lle pedías unha opinión ou que che botara unha man en calquera actividade.

Unha persoa con profunda formación ideolóxica e histórica, marxista convencido; pero non era dos que fardaban dos seus coñecementos, pola contra sempre daba a imaxe de que o seu eran o fútbol de veteranos e botar unha parrafada diante dun albariño.

Nas nosas conversas escoitéille moitas veces referirse á importancia dunha base ideolóxica firme e do coñecemento da historia negada do noso país; por iso aproveitaba calquera oportunidade para traballar coa mocidade e cos non tan mozos fornecéndoos de coñecementos e de instrumentos para a análise da realidade; diso poden dar testemuño quenes pasaron polas súas máns en diversos  institutos de Galiza, desde Ferrolterra até Pontevedra, e toda a xente que asistiu a palestras organizadas por diversas entidades e impartidas por el, o sábado Bieito referiuse a unha delas e poderíamos referenciar outras moitas por toda Galiza.

Para el esa base teórica tiña unha única función, axudarnos a mellorar a nosa práctica, por iso pelexaba contra os que sempre estaban buscando a teoría máis novidosa só por estar á útima nos debates de cenáculo e café, e facía o mesmo cos que negaban a realidade galega e precisaban sempre ter un modelo externo a imitar xa fora este Euskadi, os países do leste ou a filosofía Juche que se puxo de moda en Pontevedra cando a famosa viaxe a Corea.

Como internacionalista tiña os ollos ben abertos ao que acontecía no mundo e como patriota sabía que só traballando co noso pobo era posíbel facer a aportación de Galiza á loita da humanidade. Falabamos moitas veces sobre os procesos políticos que se daban no mundo. Brasil, Portugal, Europa, eran lugares comúns das nosas conversas comentando o que tiñamos lido ou falado con outra xente, sinalando as cuestións que nos parecían máis interesantes deses procesos e chegando sempre á conclusión de que se Galiza sigue existindo no mundo como unha realidade é froito do traballo do nacionalismo galego.

Esa conclusión levábao a ser inflexíbel na defensa da autoorganización do noso pobo, consciente do esforzo que supuxera nunha nación negada erguer instrumentos políticos, sindicais, culturais? propios entre os anos sesenta e principios dos oitenta; pelexando contra aqueles que tiñan o monopolio da esquerda e a introdución social, aqueles que o acusaban a el e a outros moitos compañeiros e compañeiras daqueles anos de querer rachar a unidade da clase obreira creando organizacións de obediencia unicamente galega e empregando exclusivamente o idioma galego.

Curiosamente hoxe ese debate volta a darse en determinados sectores que falan de diversidade e piden pluralidade, cando o que realmente amosan trinta anos despois é a mesma desconfianza na capacidade do noso pobo para dotarse de instrumentos teóricos e organizativos propios sen dependencias foráneas. Son de novo tempos difíciles, é certo,  Galiza no seu conxunto e o nacionalismo en particular estamos a ser agredidos duramente,  pero diante das dificuldades non podemos desandar o camiño feito; temos que rearmarnos partindo da nosa propia experiencia  histórica.

Na actual situación o exemplo de camaradas e amigos coma Lois Obelleiro permitiranos sortear mellor os obstáculos e facer que o camiño sexa máis doado, porque como escribiu Francisco Rodríguez referíndose a el "hai persoas que representan xenuinamente o mellor do espírito dun pobo."

 Posted by at 00:00
Feb 172010
 

Semella que neste momento o pobo grego é culpábel de todos os males de Europa; a súa situación económica está poñendo moi nervosos ao resto dos membros da Unión, que rapidamente ten que adoptar medidas para socorrelo ou mellor dito, para socorrerse a si mesma. Todos os focos fixos no país helénico, falándonos dos graves problemas que ten, do irresponsábeis que foron os seus gobernantes, da picaresca institucionalizada na vida económica e laboral do país, etc?

E a Europa caritativa non vai deixar morrer a un irmán aínda que a súa situación crítica sexa por non ter feito caso do que recomendaban os gurús económicos e financieiros. Para salvar a Grecia recetámoslles entre todos uns medicamentos que son verdadeiramente novidosos e amosaranse eficaces para tratar a súa grave enfermidade; rebaixa de salarios ao funcionariado de entre o 10 e o 40%, posíbel eliminación dunha das pagas extras para todos os traballadores, suba do IVA e de outros impostos indirectos,  aumento da idade de xubilación, etc?

Realmente na Grecia o campesiñado, os traballadores e traballadoras, o funcionariado, o pequeno empresariado, xubilados, mocidade e parados son culpábeis da situación económica pola que están a pasar?
A inmensa maioría do pobo grego é simple sofridor da oligarquía financieira que ao longo dos últimos anos fíxose de ouro especulando en bolsa, das prácticas clientelares das dinastías políticas Papandreu e Karamanlis que se turnan no poder, e das tácticas coas que os banqueiros de Wall Street axudaron a maquillar as contas, unha maquillaxe que impedía a saída á luz do inmenso déficit público do estado grego.

Pero á hora da verdade a Joaquín Almunia, ao Banco Central Europeo e aos ministros de finanzas da UE o que menos lles importa é atopar e castigar aos verdadeiros culpábeis. A crise grega pasa a ser unha grande oportunidade para rebaixar os dereitos sociais e laborais da súa poboación.

E esa eliminación de dereitos non queren que sexa só para Grecia, senón que coa excusa da non desexábel pero sempre posíbel extensión da crise, quérese vacinar ao resto da Unión Europea. Esa e non outra é a razón de que levemos case un mes no estado español cos xornais e articulistas de cabeceira, as axencias de prensa e os noticiarios lanzando, todos a unha e machaconamente, a mensaxe de que non sendo tan grave a situación deben adoptarse medidas para garantir a estabilidade económica e financieira. Entre esas medidas curiosamente destacan, o aumento da idade de xubilación e do período de tempo cotizado para o cálculo das pensións, a conxelación ou as subas salariais irrisorias e o aumento  do IVA.

E nesas receitas coinciden os xestores do sistema, tanto os de rosa como os de azul, que só se permiten discrepar sobre cando será o mellor momento para apertarlle a gorxa ao enfermo, de xeito que sexa máis doado quitarlle os michelíns que supoñen os dereitos sociais.

Fronte esta situación e ás amenazas dos verdadeiros culpábeis e dos cómplices da actual situación económica hai duas saídas, en Grecia algunhas organizacións sindicais e políticas empezaron a mobilizarse en esixencia dunha nova política económica e financieira que non supoña perda de dereitos para aqueles sectores maioritarios da sociedade que nin quitaron beneficio na época de vacas gordas nin son culpábeis da actual crise do modelo económico neoliberal; outros pola contra piden responsabilidade e apoio de todos ao goberno para sair da crise. No estado español a na Galiza a situación non é moi distinta, uns presentamos propostas para sair da crise, que pasan por garantir as conquistas sociais e cambiar o actual sistema económico especulativo por un sistema baseado na economía produtiva. Outros asinan con nocturnidade e alevosía coa grande patronal topes do 1% para as subas salariais e reúnense co rei no seu palacio para buscar non se sabe que acordo.

Co medo ao terrorismo internacional quitáronnos liberdades e co medo á crise económica queren quitarnos dereitos sociais. Ollo, porque do que pase en Grecia debemos aprender para articular unha resposta contundente. 

 Posted by at 22:59
Feb 112010
 

Os que somos de Vigo, e aquelas persoas que vivían nesa cidade nos anos oitenta, lembramos que un dos lemas da famosa movida viguesa era “Vigo se escribe con M de Madrid”, lema que compartía protagonismo con outros como o da canción dos Resentidos “Con reconversión ou sen reconversión Vigo é unha nación”. Naqueles anos a movida viguesa atraía a curiosidade de moitos e as mobilizacións contra a reconversión naval eran exemplo de loita obreira e social contra unha política imposta polos que defendían intereses alleos a Vigo e a Galiza.
A primeira grande manifestación na que participei na miña vida creo que foi a celebrada na folga xeral de Vigo do 15 de abril de 1983; Abel Caballero era deputado no Congreso polo PSOE e dous anos despois chegaría a ministro dun dos gobernos de Felipe González; un partido e un goberno que coa excusa de modernizar España e integrala definitivamente en Europa foron responsábeis do desmantelamento dos sectores produtivos básicos galegos, agrario, pesqueiro e industrial.
Van alá 27 anos e un cambio de século pero algunhas cuestións, as básicas, non mudaron; eles siguen escribindo Vigo e Galiza con M de Madrid e nós en Vigo e no conxunto de Galiza seguimos defendendo os intereses colectivos, pese a quen lle pese. Daquela era o nacionalismo en solitario quen se enfrontaba á falsa modernidade que supoñía o Mercado Común, e agora seguimos sendo os e as nacionalistas defendendo o dereito de Galiza a poder decidir sobre o seu futuro, neste caso sobre o futuro das caixas de aforro.
Nesta nova batalla comprobamos unha vez máis que uns só fan o que lles manda a metrópoli, amosando que o “G” é un abalorio froito da casualidade dado que o día que llo engadiron ás súas siglas foi porque non deron atopado unha argola para colocar no nariz. E os outros van mantendo o tipo, aínda que non sabemos até cando, pois consideran que rentúa máis na carreira interna no seu partido para facerse un oco que lles permita acadar o seu obxectivo real, que é o de chegar a ministro algún día, dado que xa nolo dixo Manuel Fraga, España es lo único importante.
Diante desta situación o nacionalismo fixo o que tiña que facer, tomando a iniciativa e poñendo enriba da mesa que Galiza ten dereito e por tanto debe defender o que é seu. É certo que tiñamos outra alternativa; pois tería sido moito máis doado, e seguro que tamén máis aplaudido por algúns, quedarnos en declaracións de principios criticando as decisións adoptadas en Madrid e agardando a que o mundo se aviñera algún día ás nosas posicións. Pero ese xeito de proceder suporía unha autentica traición ao país, porque Galiza precisa un nacionalismo activo, un nacionalismo que dea respostas concretas, que analise cada momento político e actúe en función das necesidades dese momento. A nosa propia historia amósanos que avanzamos cando combinamos firmeza de principios e propostas en positivo

 Posted by at 12:46
Feb 072010
 

Na derradeira semana de xaneiro celebrouse en Porto Alegre a 10ª Edición do Foro Social Mundial, un evento que ven marcando moitas axendas políticas e mediáticas desde a súa primeira edición alá polo 2001. O FSM xurdiu nun momento complexo co obxectivo de abrir un espazo de debate,  coordenación de actuacións e intercambio de experiencias entre persoas e organizacións que se posicionaban contrarias ao actual estado do mundo e ao proceso globalizador; así popularizou os lemas "Outro mundo é posíbel" en referencia a que o planeta precisa dun cambio en beneficio das maiorías e "pensar globalmente, actuar localmente" en referencia á necesidade de que os obxectivos comúns sexan levados adiante en función da realidade na que actúa cada un fuxindo de modelos prefabricados.
A súa estrutura supostamente aberta e horizontal fixo do Foro un grande escaparate visual con múltiples actividades simultáneas, e este atractivo fixo que as distintas edicións pasaran a ser referencia e en moitos casos lugares de peregrinación de persoas, tamén do noso país, que buscaban a solución aos problemas do mundo e en non poucos casos a apócema máxica para que a esquerda transformadora avanzara máis rapidamente.

Xunto con algúns aspectos positivos que tivo, ao servir de revulsivo para algunhas persoas e estruturas que estaban acartonadas e favorecer que a ollada dunha parte do planeta se fixara nunha latinoamérica a piques de entrar nun período de procesos de cambio político e gobernos progresistas, o FSM caeu en actitudes que co tempo se comprobaron totalmente erróneas. E á hora da verdade, sen ser esa a intención de moitos dos seus organizadores, axudaron a inocular en moita xente con inquedanzas e boas intencións a vacina da ideoloxía dominante do apliticismo fronte á cada vez máis necesaria politización da sociedade.
A súa Carta de Principios, aínda hoxe vixente, impide que as organizacións políticas poidan participar directamente na programación oficial, e pola contra  ao longo destes anos tiveron un importante protagonismo nas súas distintas edición diversas ONGs claramente dependentes económica e ideoloxicamente dos que detentan o poder no planeta, e ten sido moi discutido o papel xogado por fundacións como a Ford ou a Rockefeller. Sendo moitas destas entidades xestoras do sistema e nalgúns casos verdadeiros cabalos de troia coa súa práctica asistencialista que só busca poñer parches aos problemas concretos e impide unha análise das causas que axude a crear conciencia de que para rematar de verdade coas situacións de inxustiza precísanse actuacións políticas de fundo.

Ao longo das súas dez edicións moitos intelectuais teñen desembarcado nas sesións do FSM ao atopar nelas un medio que permitía unha grande amplificación mediática para os seus discursos e teorías; discursos e teorías as veces de grande interese, pero que outras moitas veces eran simples produtos de laboratorio ou froito da dexeneración ideolóxica e dun egocentrismo exacerbado que considera que só o que un di é o certo. Casos  como os de Toni Negri ou John Holloway son os máis chamativos de persoas que foron tratados como grandes gurús debido a aspectos positivos da súa traxectoria no pasado, e hoxe están a ser uns peóns máis do sistema.

Noutros casos o horizontalismo esaxerado do FSM permitiu ter o seu momento de gloria a profesionais do debate polo debate, que moitas veces só teñen tras de si unha páxina web moi ben deseñada que aparenta unha grande introdución social ou un posto de profesor ou profesora nunha universidade do corazón do sistema que lles permite desde a súa tarima dar leccións maxistrais a aqueles que sofren as inxustizas e loitan de verdade na rúa ou nas institucións  por rematar con elas.

As actitudes de uns e de outros son moi propias dunha elite intelectual que da famosa frase de Lenin que todos eles empregaron algunha vez  "Non hai teoría revolucionaria sen práctica revolucionaria e viceversa"  só lembran a primeira parte e deixan o da práctica para outros, que son os que luxan as mans e curiosamente segundo eles sempre acaban por equivocarse.

Agás a xornada internacional contra a guerra de iraq celebrada en marzo de 2004, até agora foi case imposíbel que do FSM sairan acordos concretos de actuación; e impúxose a realidade dos feitos, uns feitos que amosan a esterilidade dun debate abstracto e sen conexión real coa actuación diaria á hora de atopar puntos de encontro. Sendo a até o de agora positiva evolución do proceso político latinoamericano a que fixo voltar a ollada dos sectores máis conscientes do FSM á importancia fundamental da actuación política como un dos mecanismos para de verdade cambiar o mundo.
Así, xa desde as primeiras edicións as actividades con maior repercusión nas edicións do FSM foron as organizadas paralelamente á programación oficial por entidades con actividade real e nas que se ten debatido sobre as alternativas políticas e sociais ao actual sistema, partindo sempre da necesidade de actuar na sociedade. E nalgunhas delas téñense producido encontros multitudinarios con políticos como Chávez, Lula, Evo, Correa, etc?, líderes de procesos que coas súas contradicións e partindo das súas realidades concretas tentan mudar o mundo en interese das maiorías, e todos eles teñen como un dos seus principais obxectivos crear un instrumento político conscientes de que é fundamental para poder avanzar e resistir os ataques do imperialismo.

Desde hai uns anos os sectores máis preclaros e menos subsidiarios do egocentrismo e do eurocentrismo veñen advertindo do perigo de considerarse o embigo do mundo ou a verdadeira e única representación dos excluídos; conscientes de que a maioría das persoas que asisten ás sesións do Foro Social Mundial non son nin por estración social nin intelectual representativas da maioría da sociedade e de que se non se acordan propostas para a acción todo queda nun diletante debate entre aqueles que non teñen problemas. Como advertiu un asiduo participante nas edicións do FSM, o marxista exipcio Samir Amin, se non se abre ás organizacións políticas e non deixan de ser tan determinantes as ONGs occidentais e aqueles que non representan nada quedará convertido nun instrumento máis para a auto-satisfación de algúns, dado que loitas moi importantes no mundo non están presentes no Foro Social Mundial.

 Posted by at 17:07
Feb 022010
 

Señor secretario xeral de Política Lingüística:

Reclamamos a súa atención para unhas breves consideracións que queremos transmitir ao goberno galego e que recollen o noso sentir unánime. O sentido da responsabilidade e o respecto que nos merece a súa persoal traxectoria docente e investigadora serán o contrapeso que nos permita conseguir continencia verbal á hora de lle expresar o noso malestar.

Aínda que para vostede non sexa agradábel escoitar as nosas queixas –e tampouco para nós formulalas-, temos a obriga moral de transmitirllas aquí e agora. Coa máxima cordialidade e co máximo respecto, nesta que debería ser xornada de xúbilo, temos que alzar a nosa voz para clamar contra a involución manifesta (redución do número de premios; dotación económica testemuñal; cambios regresivos na convocatoria de axudas para os equipos de normalización; actitude de desprezo polo patrimonio literario por parte do conselleiro do ramo; e, como colofón, as chamadas Bases do Decreto do Plurilingüismo).

A que era tenue e incipiente normalización nos centros foi posíbel grazas á implicación de profesoras e profesores comprometidos, ás veces para o alumnado os únicos referentes de uso do galego en todos os ámbitos. Con que fin pretenden que este profesorado teña que renunciar á docencia vertebradora? Cal é o fin de que se pretenda responsabilizar do ensino en galego a determinadas persoas sen competencia nin motivación para esta encomenda? A mellor garantía da presenza normalizada do galego no ensino é o profesorado que leva varios anos desenvolvendo en galego a docencia e a vida. Mais este histórico contributo de recuperación da identidade colectiva será cercenado polo marco legal proposto, que acentúa os comportamentos diglósicos e nega a posibilidade de ofrecer ao alumnado modelos de usos lingüísticos normalizados.

Por todo o exposto, os representantes aquí presentes dos Equipos de Normalización Lingüística que están a desenvolver en colexios e institutos proxectos cuxa calidade ten sido recoñecida nos premios de innovación convocados pola Secretaría que vostede dirixe solicitámoslle a retirada destas bases e o mantemento do Decreto en vigor, o que desenvolve as medidas consensuadas no Plan de Normalización da Lingua Galega e o máis axeitado para poder cumprir a tarefa que a propia administración educativa nos encomendou: promover o galego para normalizar o seu uso entre a comunidade educativa, asentando así as bases dun ensino plurilingüe.

Asdo.:

Premios á Innovación en Normalización Lingüística 2009-2010

Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do CEIP Aguiño (Ribeira), CEIP A Gándara (Carballo), CEIP A Pedra (Bueu), CEIP Bergantiños (Carballo), CEIP Quintela (Moaña) IES Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sardiñeira (A Coruña), IES Félix Muriel (Rianxo), IES Perdouro (Burela), IES Rodeira (Cangas) e IES Porto do Son (Porto do Son).

 Posted by at 19:01
Feb 012010
 

O sentimento de españolidade, trasunto da subordinación, que se vive como dependencia necesaria e desexada, cústanos moi caro aos galegos. Non é casual que a chamada á recuperación da nosa condición de galegos e galegas, por enriba de outra impostada, se expresase na contundente aseveración rosaliana "Galicia, non debes chamarte nunca española?" ( "A Gaita galega", resposta ao eminente poeta republicano español, Ventura Ruíz Aguilera, que non gostou nada dela). Hoxe, máis que nunca, segue a ser esta unha das chaves para a nosa rexeneración como pobo (autoestima, confianza na nosa capacidade e na potencialidade do país, fraternidade e igualdade). A españolidade nen provoca nen conduce a nada disto. Provoca desafección, desconfianza, individualismo, admiración papona pola hierarquía do poder?

Os poderes que construíron o Estado español fixérono cun deseño nada favorábel para os intereses colectivos de Galiza. A súa obsesión foi aproveitarse, ademais de reforzalo, dese sentimento de españolidade para a submisión, a falta de perfil e asimilación seren máis fáciles. Para nos desnacionalizar e nos aniquilar como pobo diferente, con dereitos e aspiracións e un futuro de nós. Tiveron, e teñen, abondosos colaboradores internos, dentro da tradición da procura do éxito persoal, individual, conforme ao deseño imposto. Agora, neste intre preciso, están a xirar o parafuso aniquilador contra dous elementos básicos: as aspiracións á normalidade social da nosa lingua, o galego, e a posibilidade de contarmos con poder financeiro propio. Queren fechar o camiño do futuro. O seu primeiro obxectivo, a postergación aniquiladora do noso idioma no sistema educativo, foi seriamente contestado por unha parte moi relevante e activa do pobo galego. Nunca imaxinaron tal masiva e contundente resposta os que, acreditando na fácil manipulación do noso autoodio e a nosa fraxilidade, desde poderosos aparellos mediáticos, pensaron que o choio estaba chupado. Máis españolidade, menos Galiza e, por suposto, combate contra o nacionalismo. O resultado, como un boomerang, foi a reactivación de conciencias adurmiñadas ou confusas a prol do noso idioma. Após mobilizacións masivas e unha folga contundente no ensino, impulsadas e dinamizadas por quen acredita no país, na súa capacidade, o goberno do PP vese obrigado a rectificar, en parte. Parece que non temos vocación suicida. Non somos unha sociedade inerme nen totalmente manipulábel. Boa ensinanza.

O PSOE e o PP tiñan configurado, aproveitando a inevitábel concentración financeira en curso, un novo mapa de Caixas de Aforro, repartindo como cabaleiros a influencia de cada quen. O reparto do botín debía servir, como non, para maior centralización do Estado. Naturalmente, Galiza non debe contar. O seu destino é servir como espolio da españolidade. Boa oportunidade para andar un paso máis e deixala economicamente exhausta, sen o instrumento potencial da súa capacidade de aforro. Caixa Galicia, Blesa confesa, está destinada á fusión con Caixa Madrid, todo preparado para o Sr. Rato cerrar a operación. Por que tanto silencio cómplice da caste caciquil coruñesa?. Caixa Nova, co balbordo esperpéntico do alcalde vigués, sustentado nunha seudoburguesía localista e parasitaria, está orientada cara a unha alianza externa con Caixa Astur e outras, de monicreque, con clara influencia do PSOE. Fica aínda alguén que non o vexa? Pobre Galiza, como queren facer negocio á nosa conta, a conta da nosa confusión, da nosa fraxilidade colectiva, da nosa desinformación e dos nosos complexos?Afortunadamente aínda hai pobo dabondo como para, de actuarmos na dirección que se necesita, o obxectivo aniquilador non resultar fácil. Non é estraño que, unha vez máis, o nacionalismo puxese en marcha iniciativas para reventar o deseño perpetrado na Corte de España. A comezar, unha Lei de Caixas, transparencia, democracia, responsabilidade, compromiso coa nosa sociedade e a nosa economía. O Presidente, após botar balóns fóra durante meses, non tivo máis remedio que xogar do bando que o país necesita, a fusión interna e non o espolio exterior. Con que sinceridade? Con que compromiso? Irémolo vendo. Seguirémolo premendo e obrigando, desde aquí. Xa viron canto tardou Mariano en pronunciarse a favor do que o Parlamento galego decidiu. O que non deixou lugar a dúbidas foi o absoluto servilismo do PSOE co deseño externo, o amañado na Corte madrileña entre o PP, o Banco de España, o Goberno e Caixa Madrid, pacificada e con aspiracións a reinar, sob a dirección de Rato, e previa entrega do bocado reclamado polo PSOE. Cómpre vertebrar España, con Madrid como centro. Galiza debe ser provincia, autonomía sen folgos, administración sucursalista, caricatura de si mesma, sempre mímese esperpéntica da españolidade que nos despreza e maltrata. Galiza? Naturalmente inexistente, pensan para si.

Están a intentar destruír dous elementos chaves do noso presente e do noso futuro. Vailles a vida. Actúan como cans doentes unha vez que comprobaron que a ,pretensamente, mansa e resignada lebre non está disposta a se deixar cazar con facilidade. Que chasco levaron ao comprobar que non somos os cans domesticados que esperaban!! Cómpre librarnos dese tóxico da españolidade do que sempre se aproveitan para nos anestesiar, para permanecermos inermes e aparvados.

 Posted by at 17:29
Xan 272010
 

Hai unhas días un compañeiro da CIG comentábame que mentres participaba nunha mobilización en defensa dun colectivo de traballadores e traballadoras que tiñan en perigo o seu posto de traballo asisteu a unha conversa entre varias das persoas afectadas por ese problema laboral, conversa na que unha lle decía ás outras que para acadar unha solución ía sendo hora de abandonar ao sindicato, dado que os sindicatos teñen intereses políticos e iso impide atopar unha solución aos problemas; e como alternativa decía que precisaban buscar o apoio dalgún persoeiro coñecido, dado que o apoio de intelectuais, artistas, etc? era o que facía moverse á sociedade na defensa de causas xustas.  Diante das dúbidas dos seus interlocutores ao respecto dese camiño, poñía como exemplo o feito de que polo visto foi a presenza deses artistas e intelectuais a que fixo andar Nunca Máis, as manifestacións da guerra ou as mobilizacións en defensa do idioma, e foron as organizacións políticas e sindicais as que fixeron fracasar moitos proxectos.

É comprensíbel que persoas nunha situación límite como pode ser a da perda dos seus postos de traballo busquen calquer tipo de saída e incluso desconfien da organización ou organizacións que están a carón delas na loita ao ver que esta é moito máis difícil do que pensaban, e que ter a razón non lles serve para salvar a situación pola que están a pasar. Diante destas situacións é obriga de aqueles que dirixen as organizacións realizar o labor pedagóxico de guiar a esas persoas ou colectivos ao longo de todo o conflito, facéndolles ver que moitas veces a xustiza e a lei non están do mesmo lado e que ter a razón non chega para que cho recoñezan.

Desgrazadamente as anteriores son opinións que escoitamos acotío as persoas que facemos traballo social ao estaren moi interiorizadas en grande parte da sociedade galega; foron decenios de discurso franquista e postfranquista tratando de nos convencer de que a participación na vida política só trae problemas sendo unha actividade propia de quen quere quitar tallada. Foi e segue a ser un discurso moi efectivo que deixa unha grande pegada en forma de individualismo e apoliticismo.
Inclusive en organizacións transformadoras hai o perigo de en circunstancias adversas considerar que a saída está nesas actitudes; así manifestacións do tipo "non lle damos á sociedade o que quere", "debemos ser correa de transmisión das inquedanzas da xente", "hai que adaptarse á sociedade" son os seus síntomas.

Unha sociedade como a galega, cunha media de idade cada vez máis alta, uns patróns de vida e consumo propios da opulencia occidental aínda que sexa da periferia desa opulencia occidental, e séculos de negación da nosa capacidade para podermos desenvolvernos por nós mesmos é lóxico que tenda ao inmovilismo, ao conservadurismo e ao individualismo; por iso compre que o nacionalismo sega a exercer o seu labor de vangarda consciente. Foi o nacionalismo quen ao longo da historia desbrozou roteiros despois transitados por sectores importantes do noso pobo, e hoxe temos a sorte de seguir contando con persoas que tanto no mundo político, como no sindical poden falarnos dese inmenso labor, un labor que permiteu chegar até aquí.
Un exemplo deses roteiros abertos polo nacionalismo, e transitados hoxe felizmente por moitos outros, tivémolo o pasado día 21 coa grandiosa mobilización do mundo do ensino fronte á política lingüística do PP. Cando iniciamos o camiño conscientes da necesidade de dar unha resposta contundente recibimos ataques unhas veces por medio da descalificación e outras co ferinte silenzo; e porque non recoñecelo, tamén  tiñamos dúbidas en canto ao resultado; pero finalmente e froito fundamentalmente do noso intenso traballo acadouse unha unidade total, participando incluso na mobilización algúns dos que máis nos atacaron.

Foi un novo paso adiante, agora temos que traballar para que esa marea de dignidade que encheu o Obradoiro non fique nun feito puntual. 

 Posted by at 19:23
Xan 262010
 

Neste ano 2010 celebramos o 125 aniversario da morte de Rosalía, o primeiro centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero e de Luís Seoane. Uxío Novoneira é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Todos eles e ela piares da cultura galega actual. A AS-PG levará a cabo ao longo do ano unha serie de iniciativas tendentes a divulgar e popularizar a obra destes autores e autora.

A primeira iniciativa é esta nova edición do concurso Procurando poema e poeta.

Durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio imos presentar un texto dun destes autores combinado con outros dous textos de poetas contemporáneos. Haberá catro probas consistentes en recompor os textos sabendo que un destes textos será de Rosalía, Carvalho, Seoane ou Novoneira e os outros dous que aparecerán misturados con este serán de outros dous autores ou autoras. Publicaranse neste enderezo, onde tamén aparecerán as Bases. Para entrar pode facelo como usuario/a rexistrado ou como convidado/a.

Para quen consiga recompor todos os textos (as catro probas) haberá un premio de 350€. Se ademais esa persoa é socio ou socia da AS-PG ese premio será de 450 (podes aproveitar e asociarte)

Poderán participar tamén neste concurso, ademais de persoas a título individual, os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros escolares. Neste caso a persoa responsábel do equipo realizará a inscrición indicando que é en nome do equipo. Para iso deberá enviar un correo a webquests@as-pg.com e o correo remitente deberá ser o do centro educativo. No caso de resultar gañador un Equipo de Normalización e Dinamización o premio será considerado como se dun socio ou unha socia da AS-PG se tratar, isto é 450€.

O período de inscrición está aberto desde o 27 de xaneiro ao 27 de febreiro. Pasado ese día non se admiten máis inscricións. Para participar é imprescindíbel facer a inscrición previa, quer enviando un correo a webquests@as-pg.com quer facendo a inscrición no enlace http://www.as-pg.com/teleformacion/ e seguindo as indicación que van aparecendo

 Posted by at 11:55
Xan 222010
 

Ás nove da mañá saímos da casa, o autobús recollíanos ás 9:30. Con tan só cinco minutos de atraso saímos cara ao noso destino: Compostela. Percorremos Galiza desde o Miñor ao Ulla, coa forza do noso amor no corpo todo.
    O noso autobús ía completo e aínda houbo xente que non se puido anotar nel, algunha moza, que finalmente non puido acudir.
    Viaxabamos cara ao norte, coa intuición certa de que iamos encher a praza do Obradoiro. Estaba certa, si, porque nestas dúas semanas atopei o que non atopara en tantos anos de sindicalismo, profes que ao verme entrar no centro para lles levar a propaganda da manifestación reuníanse comigo improvisando unha reunión non convocada na que falabamos, eles e elas tamén, do que significan realmente as bases do Decreto, de que significa unha agresión á nosa lingua, de que é aberrante, antipedagóxico, irrealizábel, un instrumento para crear conflitos nos centros, sustentado nun debate fraudulento, a aprendizaxe do inglés.
    Lembraba que en todas as reunións convocadas estes días, que foron todas as que puiden facer, houbo a maior afluencia de profes que non houbo nunca. E cando en nome da Plataforma me dirixín a un auditorio de mozos e mozas atopeime con que alí estaban enchendo o seu salón de actos e nunca, nunca tiven unha aula máis atenta e silenciosa. Eu estaba abraiada, emocionada mesmo.
    Lembraba que non parabamos de recibir chamadas nos locais da CIG preguntando polos buses a Compostela, que nunca nos soou tanto o teléfono.
    Por iso, cada día que pasaba confirmaba non só o rotundo rexeitamento ao plurilingüismo da Xunta, senón tamén que a folga ía ser un éxito e que Compostela ía quedar pequena, como quedou.

Mais hai unha cruz nesta moeda dos días previos á folga, esa foi a entrevista co Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística. Unha entrevista tensa en que o Secretario Xeral interrompía ao Secretario Nacional da CIG-Ensino na súa exposición, incapaz de escoitar, inflexíbel, como o Conselleiro, nas súas propostas, tan militante como os altos cargos do PP. Resultounos todo algo esperpéntico de máis, semellaba que tentaban ocultarnos nun lugar a parte, evitando o contacto entre as entidades que asistiamos ás entrevistas ou afastándonos das cámaras da TVG. E na sala B de xuntas respirábase a tensión, a tensión de quen está a defensiva ante a evidencia de que están sós, completamente sós, a horas dunha manifestación histórica, de dimensións inimaxinábeis aínda.
    Fixeron todo o posíbel por ocultarnos, convocáronnos ás 18:30 e recibíronnos ás 18:50, deixaron para o final á organización sindical maioritaria e convocante da folga, establecendo unha orde nas entrevistas que só se explica desde o punto de vista mediático: recibiron primeiro a aqueles que entenderon podían ter posicións máis favorábeis para a Consellaría. E aínda así a folga foi un éxito.
Se cadra Castelao diría hoxe: que despois de miles de enquisas amañadas, distribuídas con toda riqueza de propaganda e prohibicións ao profesorado, despois de presentar as bases case o derradeiro día do ano e de noite, despois de cartas individuais e anuncios no portal web, a folga que convocamos foi un éxito. Sodes, pois, uns plurilingüistas fracasados.

E nós… hoxe nós somos máis dos que imaxinamos ser, non só porque enchemos o Obradoiro, senón porque comprobamos, día a día, que cada vez somos máis, que medra o número dos que amamos a nosa lingua, que as mozas e os mozos móvense polo seu idioma, que estiveron alí, porque quixeron estar, unindo as súas voces, declarando os seus sentimentos, as súas ideas, comprobando que cando usan o noso idioma, cando o defenden non son raros individuos, nin extremistas, nin ensimesmados, nin acomplexados, son mozos e mozas que están no mundo, que fan o mundo.

Por todos eles, por todos os adolescentes que hoxe nos acompañaron eu, hoxe… son feliz.

Marta Dacosta, 21 de xaneiro de 2010.

 Posted by at 07:41
Xan 202010
 

O Conselleiro de Cultura volveu falar (ou será mellor dicir que abriu a boca?).
Xa coñeciamos as súas simplicidades. Aínda lembramos cando dixo: “Eu a Galicia prefiro añorala a vivir nela” e despois aterrou aquí de Conselleiro. Debeu ser aí onde se inspirou para a campaña Agora é cando, Galicia é onde, lema do Xacobeo 2010.
E logo aquilo de que a cultura galega está ben pero limita.
Pois nada, o home segue. Agora resulta que a cultura galega “É unha cultura que segue ensimesmada e acomplexada”
Debemos recoñecer que é un privilexio ser gobernados por xente que ten esta altura de miras e esta claridade expositiva!!!
Mais chegando aquí quero deixar o meu ensimesmamento e acomplexamento e tomar prestadas unhas palabras que encontrei na bitácula No vento de Cavanardá. 

Din así:

“Ocorre, porén, que o discurso non se mantén de pé nin con muletas. É poñerse a buscar o tal ensimesmamento e dá un con Rosalía , coas Irmandades da Fala (Galiza, célula de universalidade), coa Xeración Nós (é preciso volver, outra volta, á repetida referencia ao Ulysses?), con Suárez Picallo, con Castelao, con Seoane e Maside, con Cunqueiro e Blanco Amor, … e do ensimesmamento ese … nada, nin noticia. Será que os óculos meus van mal de lonxe e ven mellor de cerca, penso. Busco de novo e tropezo con Fernández Paz e Xabier Docampo, coa literatura galega infantil e xuvenil, coa música de raíz -Mercedes Peón, Berrogüetto, Milladoiro, Luar na Lubre-, coa banda deseñada. Todos andan dun lado para outro, un algo cansos de ter que pasar por Barajas e non poder saír directamente de Santiago a recoller os premios que, por Europa e polo mundo adiante, lles van concedendo ano a ano. U-lo ensimesmamento, u-los complexos? Quen cho sabe, chico! Non hai maneira de dar con eles. Proba un a mercar lupas novas e tampouco: velaí o Carlos Núñez facendo o disco no Brasil, a Descarga ao Vivo tecendo pontes e investigando en Cuba, o Narf máis atlántico mesturando lingua e ritmos na Guiné Bissau ou Moçambique, as Batuko Tabanka achegando Cabo Verde a Galiza. Pola beira daló os mozos e mozas de Rede.cat, en Barcelona. As Ialma e Muziek Publique en Bruxelas. Uns xaponeses chegan cos cedés de Galician Tunes e preguntan se este ano a Galiza estará en Womex, en Popkomm, en Midem, e outro pasea pola Alameda cun catálogo de Galician Books, a ollar para os novos escritores do país. Pregúntolles a eles se viron por alí o tal ensimesmamento, os tais complexos, e dinme que non pero que saben o camiño de Conxo, amabelmente. Buscarei no Sons da Diversidade, no Cantos na Maré, no Festival dos Abrazos, nas propostas de Sinsal ou do Centro Coreográfico Galego, en Manolo Rivas, Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Teresa Moure, Ferrín. E neste 2010, en Carvalho Calero e Novoneyra. A ver se neles…”

 


Non deixen de ler o artigo completo, e mañá saian dese ensimesmamento para acudir á manifestación en Santiago. Que nos vexan na rúa sen complexos.
Segundo o Sr. Varela: “ O decreto só poderá traer cousas boas para xente coma min”
Ben mirado, ten razón, non ten?
O decreto só traerá cosas boas para xente coma el, xente que odia o galego, a lingua e a cultura e quen sabe se, de paso, non se odiarán a si mesmos.

 Posted by at 17:48