Comeza un novo curso escolar marcado, entre outras moitas cousas, pola intención do Goberno de derrogar o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretende lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación.
Convén lembrar que foi a promulgación deste Decreto, aínda vixente e polo tanto de obrigada aplicación este curso que comeza, o que rompeu un "aparente consenso lingüístico" que duraba desde a aprobación do Plano Xeral de Normalización Lingüística.
E dicimos aparente porque quen agora goberna Galiza cunha política lingüística que transcorre do bilingüismo harmónico para o bilingüismo cordial, eríxese en firme defensor do castelán argüíndo que se rompeu o "equilibrio" entre as dúas linguas e identificándose plenamente coas teses de entidades que baixo a aparencia de defender dereitos individuais procuran simplemente o monolingüísmo en español, alcumado agora bilingüismo integrador.
Mais todos e todas sabemos que o equilibrio, a fin de contas, é un concepto comprobable mediante unha simple balanza. Coñecemos o funcionamento da balanza romana: para conseguirmos o equilibrio entre o obxecto que queremos pesar e o pilón temos que aproximar ou afastar este do punto en que pivota a barra. Canto mais o afastemos dese centro máis peso podemos colgar. Resulta evidente que, no momento presente, para mantermos o equilibrio entre galego e español o contrapeso ou pilón, o galego, se ten que afastar cada vez máis do fulcro porque o peso do obxecto a pesar, o castelán, é cada vez maior. E aínda así hai equilibrio, polo menos mentres non se acabe o brazo da balanza, cousa que ben lle podería agradar á Consellaría de Educación.
Mais está claro que a sociedade galega non quere ese tipo de equilibrio desequilibrador, e aí están as manifestacións como a do 17 de maio ou as diferentes plataformas xurdidas nos últimos meses e promovidas por persoas e entidades ideoloxicamente ben dispares. Faise necesario regular e establecer outro tipo de relación entre galego e castelán, fundamentado máis na balanza de pratos (cos diferentes contrapesos situados a igual distancia do punto de pivotación) do que na romana.
É nesta dirección que ten actuar calquera norma que regule a presenza do galego no ensino porque é ese camiño marcado no Plano Xeral de Normalización Lingüística elaborado baixo o goberno do PP, aínda que nunca acreditou nel, e que desenvolve o Decreto 124/2007. Trátase simplemente de establecer un novo tipo de relación, fundamentado nunha relación de igualdade entre galego e castelán, colocados ambos nun prato de balanza. Só así manteremos, polo menos no sistema educativo, o equilibrio. Outra cousa é o que suceda fóra do ámbito académico, sen balanzas legais que actúen de contrapeso e onde a política seguida por este goberno é simplemente non facer nada para que todo vaia a peor.
Podemos preguntarnos a razón pola que, no tempo das balanzas dixitais que meden con exactitude o peso de cada obxecto, e aí están todos os estudos científicos realizados nos derradeiros anos que confirman a perda de peso do galego, o PP quere medir a relación galego-español no ensino coa balanza romana? Pois porque quen algunha vez teña utilizado este instrumento para pesar, sabe que cando o obxecto a pesar ten moito máis peso que o contrapeso da balanza, un pequeno descoido pode facer que o pilón, neste caso o galego, saia disparado do brazo da balanza. Non outra cousa pretende o PP, que o galego saia do sistema educativo, ou senón que permaneza alí nun curruncho, afastado e en cuarentena.
Por iso non podemos descoidarnos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. Ese ten que ser o noso compromiso
PS.
Este goberno manifestou que o galego sería unha das súas prioridades. E está a cumprir. En pouco máis de 100 días derroga o Decreto do ensino infantil, suprime a proba en galego nas oposicións, suprime as axudas á tradución en galego, exclúeo dos SERGAS, fala de modificar topónimos. Quen dixo que non cumpría? O galego, a súa eliminación, é a súa prioridade.
Castelo de Soutomaior, 29 de agosto. Acto, seica, de "apertura do curso político" do PP. Denominador común nas intervencións, a xenreira contra a lingua galega. Rafael Louzán –“Rafa”, no Casino de Pontevedra– esbardalla no seu mellor papel de paxe-bufón de Mariano Raxoi, e afirma que agora xa se pode falar en galego ou en español, libremente. Co anterior Goberno, non. Obrigábaselle á xente a falar en galego. Esta barballada recibiu aplausos dos cargos do PP asistentes ao evento.
O propio Raxoi, en entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia (grupo empresarial comprometido co combate contra o galego que acaba de ser beneficiado con máis de un millón de euros polo fomento do galego e a defensa da identidade de Galiza) asevera, en perfecto español, que “no me gusta hablar del gallego ni del castellano (…) a mi de lo que me gusta hablar es de libertad. Yo tengo dos hijos, y a mi me gustaría educarlos como yo quiero”. Aí temos o caso dun pai, analfabeto no idioma do país que o viu nacer –e do que renega–, que pretende que os seus fillos sigan o mesmo camiño de ignorancia, incultura e alienación que o pai. O segregacionismo racista, a discriminación antigalega, transfigúrase en liberdade.
E aí temos a aposta pola liberdade do actual Goberno. Como se defende a liberdade? A resposta é doada. En apenas 100 días, substitución da imaxe corporativa das Galescolas polas xa denominadas “Galiñas Azuis”, derrogación do Decreto do ensino infantil, revogación do Decreto do galego no ensino non universitario incluíndo unha suposta “consulta” co correspondente suposto escrutinio e supostos resultados en prol do suposto bilingüismo amábel, supresión da proba en galego nas oposicións, supresión das axudas á tradución en galego, cursos en español para funcionarios e funcionarias na EGAP, anuncio de subsidio ás expresións culturais en español (tamén apoiadas polo goberno español), uso sistemático do español por membros do Goberno, definición do Plano Xeral de Normalización como “simple remuíño de ideas”, exclusión do galego nas comunicacións do SERGAS, silencio perante casos de discriminación laboral e vexacións polo uso do galego, máis de dous millóns de euros de subsidio a medios de comunicación que se rin do noso idioma e cultura, introdución do español nos informativos da TVG (de momento na G2), criminalización da Mesa pola Normalización Lingüística e ameazas de ilegalización… e así sucesivamente. En só 100 días. Este é o seu concepto de liberdade. A liberdade que nos nega e nos encadea. Como no franquismo.
Isto, e non outra cousa, é o que temos diante galegos e galegas. A besta. Por iso é indispensábel articular respostas populares masivas e coherentes, á altura da gravidade das circunstancias. Deixémonos de leas e de enguedellamentos. O que precisa o pobo galego é unidade, clareza, pedagoxía e mobilización social en defensa do que nos conformou historicamente como sociedade, como pobo diferenciado, como nación. A lingua. Non se trata de politizar o debate lingüístico. E que o galego é un problema político. E na saúde dun idioma, ou nos dereitos lingüísticos dos seus utentes, a política ten un papel determinante. Eles, os inimigos do galego, téñeno moi claro. E sería bon que nós actuásemos en consecuencia.
Queremos Galego é unha plataforma social de recente creación, participada tamén polo nacionalismo galego xunto a outros sectores sociais e ideolóxicos, empeñada en dinamizar e mobilizar o pobo galego nas próximas semanas en defensa do noso idioma. Naceu para iso. Todo esforzo social de concienciación, convencemento, clarificación e dinamización vai ser vital neste camiño. E nesa orientación temos que nos entregar. Eles, o PP (e non só), traballan para que as medidas que están a perpetrar teñan efectos devastadores e irreversíbeis no tempo. Daquela debemos ser conscientes do que nos xogamos colectivamente. Non é un problema meramente electoral, nin de primacía de liñas ideolóxicas no campo nacionalista. Vai alén. Trátase da nosa supervivencia nacional, e do futuro como pobo. E con iso non se xoga
Na súa primeira declaración ao respecto das eleccións presidenciais celebradas en Afganistán o pasado día 20 a Unión Europea, que ten no país 250 observadores para facer seguimento dese proceso, manifestou que estas tiñan sido "correctas e equitativas" ao tempo que felicitaba ao pobo afgano pola súa vitoria, aínda recoñecendo que non foran unhas eleccións libres en todo o país. Nos días seguintes foron os secretarios xerais da ONU e da OTAN, Barak Obama e o goberno español entre outros os que voltaron amosar a súa satisfacción polo desenvolvemento do proceso electoral democrático con normalidade.
Afganistán é un país ocupado por máis de 100.000 soldados da OTAN e dos Estados Unidos, o día das eleccións houbo máis de 50 mortos en enfrontamentos armados e atentados, o día anterior foi bombardeado polos talibáns o Palacio Presidencial, non había censos fiábeis e curiosamente segundo dados oficiais nos listados de votación aparecían con dereito a voto cinco millóns de persoas máis que afganos maiores de 18 anos, o 70% do eleitorado estaba composto por mulleres (dado que podían inscribilas os seus homes sen a presenza delas), as tarxetas para identificarse nas mesas de votación carecían de foto polo que non era posíbel identificar a quen as portaba, a tinta coa que se marcaba a quen votaba co obxecto de que non poidera votar de novo eliminábase facilmente só con auga e xabrón; até aquí dados constatábeis pero ademais segundo diversas fontes as tarxetas de votación podían conseguirse no mercado negro ao prezo equivalente a seis euros e nalgúns distritos só foron votar duas de cada mil persoas inscritas.
Vai facer agora un ano a Unión Europea tamén enviou observadores a outras eleccións, neste caso as que se realizaban na República de Bielorrusia, unha ex-república soviética que ten fronteiras entre outros países con Polonia e Rusia. Nesa ocasión a UE manifestou que as eleccións foran fraudulentas e non cumpriran nin de lonxe cos requisitos que deben ter unhas eleccións democráticas.
En Bielorrusia non había militares estranxeiros defendendo a liberdade e a democracia dos seus habitantes e do resto do mundo fronte ao fundamentalismo e ao eixo do mal, os censos non foron cuestionados por ninguén, participou nas eleccións máis do 70% do censo, e ademais non se produciron mortes nin atentados na xornada electoral. Os 400 observadores internacionais non foron quen de amosar cuestións graves no proceso e só falaron de algunhas irregularidades no reconto e no voto antecipado, pero pese a esta realidade declararon que as eleccións foran un fraude.
O actual, e previsibelmente reeleito, presidente afgano Hamid Karzai é un escuro líder tribal que mantivo sempre excelentes relacións coa CIA, sendo un dos seus peóns na loita contra os soviéticos nos anos oitenta do século pasado e no apoio económico ianqui aos talibáns, separándose deles posteriormente e organizando un movemento opositor que de novo co apoio imprescindíbel do exército dos USA e da OTAN o levou ao poder dun país que sigue a ser o primeiro abastecedor de droga do mundo.
O presidente bielorruso Aleksandr Lukashenko sendo deputado opúxose á desaparición da Unión Soviética defendendo os principios comunistas e denunciando a corrupción do sistema, e desde que ocupa a presidencia o seu país pasou á estar á cabeza de entre os que formaban parte da antiga URSS en renda per cápita, esperanza de vida e alfabetización, mantendo a gratuidade do ensino e a sanidade, ademais de desenvolver como base da economía un complexo agro-industrial e manter o seu país moi lonxe do imperio das bandas mafiosas tan habituais noutros países do leste de Europa.
Terá algo que ver a orientación política dos presidentes de Afganistán e Bielorrusia na distinta cualificación que os observadores europeos deron a estes dous procesos electorais, ou será froito da casualidade que os amigos dos EEUU saiban facer eleccións limpas e os que buscan construír outro sistema sexan acusados sempre de cometer fraude electoral?
Como portavoz do BNG no Congreso entón expresei o apoio do nacionalismo galego ao Estatut saído do Parlament catalán na sesión plenaria que o admitiu a trámite. Esa data, xuntamente coa do día en que Ibarretxe actuou como defensor do Estatuto de Nación para Euskadi, que tamén apoiamos, pero que infelizmente non foi aceitado a trámite, figura como unha experiencia singular no meu labor político parlamentar. Persoalmente tiña claro, como así o consideraba o BNG, que o Estatut representaba abrir un camiño ao Estado plurinacional, de deseño confederal, após trinta anos de marco autonómico esgotado. En certa maneira, a súa aplicación, acabaría por favorecer unha reforma constitucional positiva para os pobos e as maiorías sociais do Estado. Era unha opción a prol dun autogoberno con base claramente política, asentado na existencia do pobo catalán como un pobo con dereito a decidir e con aspiración a convivir en igualdade. No texto latía a concepción dun marco competencial exclusivo no que a palabra última e determinante era a do goberno e o Parlament de Catalunya. A vontade política e o marco competencial xenuíno expresábanse, de forma especial e senlleira, en todo o que facía referencia á lingua. Da consideración preliminar de que Catalunya era unha nación deviña a vontade de decisión política propia, dereitos políticos a asumir e respeitar polo Estado. O nacionalismo galego tiña que aproveitar a conxuntura, o debate aberto en Catalunya, a alternativa plasmada e o impacto na política estatal, para formalizar e defender, como así o fixo, unha aspiración homóloga. Fun plenamente consciente de que aquel texto exprimía ao máximo unha leitura moi aberta, democrática no senso xenuíno do termo, da Constitución española, quer no plano nacional, quer no plano social. Era unha leitura política que optaba polo acordo desde o respeito á diferenza, pola igualdade e non pola submisión.
Naquel momento político, o zapaterismo perseguía unha maior e mellor integración de Catalunya no Estado, polo seu peso económico e demográfico, pola súa consciencia lingüística, cultural e política e por ser un celeiro de votos para o PSC-PSOE, por primeira vez á fronte dun goberno tripartito na Generalitat. Aparentaba asumir o que o Parlament de Catalunya decidise. Acabou non sendo así. Desde o inicio, o outro partido estatal da alternancia, o PP, despregou a campaña máis hostil e intoxicadora contra o Estatut e mesmo contra Catalunya, acusando ao Presidente do Goberno de romper o pacto constitucional ( a antidemocrática, bipartita e inamovíbel leitura da Constitución española) e de colaboracionismo cos partidos nacionalistas dispostos a romperen a unidade de España. A intoxicación da opinión pública española contra Catalunya raiou a xenofobia. De nada valeu que o Estatut fose gravemente recortado, peneirado, nas Cortes. No nivel simbólico preliminar a idea de nación permanecía. Na parte prescritiva, o referido á lingua tamén: a lingua propia de Catalunya era a preferente para a administración catalana, de obrigado coñecemento para os cataláns, con dereitos plenos a usárena, o que conleva os deberes conseguintes para os poderes públicos. O status xurídico do catalán é o dun idioma verdadeiramente oficial e propio dun territorio, dunha nación, nun Estado plurinacional. Ningún aspecto da vida social, económica, política ou cultural fica á marxe deste deber de usar o catalán para os seus utentes poderen exercer consecuentemente os dereitos lingüísticos. Tampouco seguía sen gostarlles, por consideralo atentatorio contra o poder corporativo xudicial, unha das esteas desta onerosa e reaccionaria unidade de España, a configuración dun poder xudicial catalán, por máis que se rexer por leis e normas xerais a todo o Estado… O texto modificado foi tamén votado favorabelmente polo BNG tanto no Senado como no Congreso, atendendo ao criterio maioritario dos partidos cataláns, deixando claro o rexeitamento da forma de proceder dos partidos maioritarios nas Cortes e considerando que aínda ficaban aspectos, como os sinalados, que significaban avances cualitativos. Un voto negativo sería ser insensíbel ao valioso que ficaba en pé, non ter en conta a estratexia do PP nen a histeria que se induciu no conxunto do Estado coa campaña de catalanofobia máis agresiva da historia…O Estatut, após de ser mancado, seguía sendo conflitivo para os aparatos do Estado, para a dereita política e mediática española, para os grandes grupos empresariais, mesmo problemático e mal asumido polo PSOE, orientado finalmente polo taticismo oportunista e inquieto pola súa preponderante españolía. Os resultados do referendo en Catalunya expresaron, en parte, a inibición por tan poderosa e agresiva maquinaria intimidatoria, por máis que foren positivos…Curiosamente ERC parece estarse decatando agora, perante as ameazas sombrizas do Tribunal Constitucional, de que o seu non no referendo non foi un acerto…
Con todo este percorrido previo, con todos os filtros aos que foi submetido, parece que o Tribunal Constitucional está disposto a anular o que restaba de paso adiante, de cambio cualitativo, a instancia de parte política interesada, o PP, concretamente naquilo que mesmo para Zapatero era a maior singularidade a ter en conta: a lingua…Pode argumentarse o que se queira, mais resulta gravísimo, do ponto de vista democrático, que un Tribunal, coa composición e os intereses do Constitucional, en relación cun tema deste caste, estea capacitado e poida ditar unha sentencia que desprece e anule o aprobado progresivamente polo Parlament, as Cortes do Estado e, sobre todo, polo pobo de Catalunya en referendo. Se esta circunstancia se producir, normal será que o goberno entre en crise, as relacións de Catalunya co Estado se volvan máis problemáticas e a sensación de que vivimos nunha democracia vixiada e despótica na que non existe a política como expresión da vontade de resolver problemas, para avanzar e non retroceder, vaise agudizar…
Os galegos e galegas nacionalistas de calquera tendencia, en primeiro lugar, deberíamos cavilar sobre as portas que abría o Estatut, o seu sentido positivo como prática autodeterminista. Era un paso adiante politicamente falando, alén de que se enmarcase formalmente nunha Constitución restritiva, con posibilidades abertas ao arbitrio do Goberno central, a correlación de forzas no conxunto do Estado e as necesarias alianzas. O recurso ao Tribunal Constitucional, e o seu papel de control sobre a concepción da unidade con desigualdade na cuestión nacional, responde á consciencia de que se abría unha vía para o cambio da estrutura institucional do Estado, mesmo para favorecer un cambio constitucional nunha dirección que os poderes fácticos non desexan. Malia resultar algo contraditoria a expresión estatuto de nación, alguén pensa que sería positivo que Galiza ficase á marxe do debate, da aspiración e dunha proposta homóloga? Foi acertada a posición do BNG de formalizar unha alternativa similar, malia non chegase desgrazadamente a debaterse na anterior lexislatura. Por máis choída que agora poida estar esta saída, xa antes moi problemática coa correlación de forzas na Galiza, o nacionalismo galego non debería descargarse da responsabilidade nen do compromiso de levar a iniciativa no previsíbel debate sobre a necesidade dun novo estatuto, de nación, para Galiza.
O proceso do Estatut non podemos lelo como un fracaso absoluto, de ser a sentencia do Tribunal Constitucional a que se albisca. Tamén é a demostración de que cómpre empregarse a fondo nas institucións de representación democráticas de ámbito nacional para debater e formalizar alternativas incisivas socialmente e mesmo para evidenciar as limitacións represivas e a inadecuación do Estado español aos intereses e necesidades dos distintos pobos que o constitúen, entre eles o noso. Axuda a criar un estado de opinión máis consciente sobre o seu deseño e os intereses
que agacha. Se o Tribunal Constitucional, un tribunal político, con membros designados polos partidos alternantes no poder na España, é capaz de descualificar o resultado dunha política democrática de acordos e pactos entre representantes da soberanía popular e desprezar a expresión directa desta soberanía, conforme ás regras de xogo do réxime, en nome da Constitución española, haberá que pensar que as súas leituras reais non serven máis que para aferrollar e meter medo a unha parte da sociedade, como xa dicía Castelao na República. Unha tese que ten moito de certa, a xulgar pola experiencia democrática que levamos vivido no que atinxe ao problema das nacionalidade, e que xa proclamou o nacionalismo galego actual hai moito tempo.
Porén, nas actuais circunstancias aínda máis, non ficamos eximidos de dar batallas concretas nas institucións para lograrmos a maior incidencia social posíbel, para a nosa política repercutir en avances, en contextos precisos. Debemos experimentar posibilidades por máis que non se lograren ou teren resultados non avalábeis polo nacionalismo. Non pensemos que a panacea consiste agora en centrarnos en atacar a Constitución española e facer propostas de reforma explícitas, por máis que non veña mal enuncialas. O resultado non vai ser mellor a curto ou medio prazo. Nada máis que hai que pensar no marco institucional onde se dirimirá exclusivamente este debate, cal é a correlación de forzas no Estado e no interior de cada unha das nacións. Alí xogaremos á defensiva, con absoluta inferioridade de condicións e nun marco de protagonismo e control abafante do bipartidismo. Teremos que facelo, pero sen caer no esquematismo pendular que prescinda de criarlles contradicións desde aquí, desde as institucións de autogoberno galegas, por limitadas que estean, con alternativas e esixencias concretas e necesarias para defenderen os nosos intereses tanxíbeis a curto prazo, premendo desde abaixo. Hai moito que facer, precisamente pola intransixencia e o inmobilismo dos que se empeñan en que o Estado español non deixe de ser nunca a España imperial.
Podemos albergar unha dúbida: foi o devalar do proceso político- a durísima e brután reacción de hostilidade desde tantos frontes españois- o que estrangulou cada vez máis a aparente disposición inicial zapaterista a dar un paso ao fronte, controlado, pero cualitativo, ou estivemos sempre perante unha concesión que o PSOE, como partido español alternante, esperaba fose valeirada progresivamente, incluída a intromisión do Tribunal Constitucional? Con Euskadi, non toleraron que o seu novo estatuto fose aceitado a trámite, en cómoda conivencia co PP, para ser descafeinado polas Cortes e pasar máis tarde o control de constitucionalidade. Simplemente foi o non frontal nunha sesión na que Ibarretxe foi tratado con tan pouca cordialidade e respeito institucionais que, estou por asegurar, ficou gravada na súa consciencia. Alén de non se sabe que tufo soberanista do texto saído do Parlamento Vasco, non maior que o do texto saído do Parlament, o pretexto foi que o prioritario era acabar coa violencia e que o Estatuto apresentado era de parte non dabondo maioritaria…A forma de integrar Euskadi pasaba prioritariamente polo desprazamento do PNV do goberno vasco…
E nós? Nen nos ían nen nos van regalar nada. Nen a homologación co texto catalán aprobado finalmente en referendo sería doada. Habería que conquistalo con participación activa da sociedade. O BNG estaba disposto a esta batalla. Debe estar disposto a non acomplexarse, intimidarse ou auto-limitarse. Os resultados serán agora dubidosos, pero o noso deber é facer o que teña máis impacto social, faga medrar a conciencia colectiva e force a avances competenciais, mesmo que o resultado final non poida ser asumíbel por nós por non significar cambio cualitativo algún, precisamente os que o Estatut tan ben expresaba. Convenzámonos: o importante é actuar, non ficar desconcertados ou pasivos, reducíndonos a reivindicacións puramente ideolóxicas. A soberanía debe estar no fundo do cadro, a autodeterminación debe mostrarse na nosa vontade de acción prática para avanzar. O nacionalismo non pode limitarse ou contentarse, por máis que non deba agachalos, con expresar só os seus obxectivos estratéxicos, sexan estes a soberanía nacional ou a independencia, se quer de verdade incidir na nosa sociedade…
Os cristiáns da Galiza contan desde hai un días cun novo pecado: o de limitación lingüística, pecado de validez só local mentres o Sr.Vázquez, Don Francisco, grande pecador nesta materia, non o comunique ao Vaticano. A mentora desta nova falta é Dona Pilar Farjas, Conselleira de Sanidade, que acaba de o incluír no catálogo de pecados: "Es pecado limitar el uso de un elemento de comunicación como la lengua" parece ser que dixo como participante na Semana de Teoloxía e Pastoral que organiza cada ano a Fundación Fogar Santa Margarita, na Coruña, onde tamén defendeu o seu compromiso cristián e a súa convicción de que a actuación política debe vivirse desde a fe.
Creo entender que se está a referir á lingua española e á hipotética limitación de usos que sofre na Galiza mais non vou pecar de mal pensado e aceitarei que tamén inclúe a limitación de usos que o galego sofre e mesmo recoñece, farisaicamente, o Partido Popular.
Consecuente co seu pensamento, debería evitar rodearse de pecadores e falar co Conselleiro de Educación para lle dicir que é pecado ignorar que o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo está aínda vixente por máis que lle pese e é polo tanto unha norma que se debe cumprir, con independencia de que o goberno teña intención de o derrogar. Non cumprilo, na norma civil, chámase delito e é sancionábel, mais acepto que lle chame pecado e lle impoña unha penitencia ao Sr. Vázquez, Don Jesús. Tamén lle podería dicir que dilapidar diñeiro publico en cambios de logos para poñer a galiña da pluma azul antes que o ovo dunhas escolas infantís de calidade é pecado, por non dicir malversación.
Dona Pilar, que anima os cristiáns, supoño que se poderá estender a todos os cidadáns e cidadás sexan de outras crenzas ou de ningunha, a reflexionar sobre as repercusións morais das accións dos gobernantes debería falar co goberno en pleno, e en especial co seu Presidente, para lle explicar que é inmoral contribuír desde o Goberno a dividir a sociedade desenvolvendo políticas apoiadas en mentiras, ou en ideas falsas en nome da liberdade individual duns poucos (quen non lembra a idea da imposición lingüística?).
"Somos la presencia viva de Jesús en la sociedad", proclamou Farjas; “Eu non vin para chamar os xustos, senón os pecadores” dixo Xesús Cristo nun encontro con publicanos e fariseos. Ao mellor o Goberno galego inspira a acción de goberno nesta idea para chegar ao ceo, a un ceo sen un sistema público de ben estar social; sen lexislación en materia lingüística no ensino; no que Galiza non poida beneficiarse das súas propias fontes de enerxía; no que non poidamos ser donos da nosa produción agrícola; no que non teñamos o control sobre os nosos recursos enerxéticos, paisaxísticos, económicos, culturais. Ao ceo dun país asimilado, aínda que para iso millares de galegos e galegas permanezamos no purgatorio, agora que Ratzinger fechou o limbo dos xustos. Pero temos esperanza e non renunciamos a alcanzar a gloria, a gloria de vernos libres dun goberno teocrático que actúa e lexisla contra a propia razón de ser de Galiza.
Bivir é un proxecto da Asociación de tradutores Galegos que quere ofrecer literatura universal no noso idioma.
17 de agosto de 1936 un pelotón militar fusila a Alexandre Bóveda, 12 de agosto de 1975 a policía asasina a Moncho Reboiras. Curiosamente estes feitos coinciden co inicio e o fin da longa noite de pedra que supuxo o réxime franquista, si cando foi fusilado Alexandre Bóveda había un mes xusto do levantamento fascista contra a II República Española Moncho Reboiras caeu en Ferrol só tres meses antes da morte do ditador.
O nacionalismo galego como todos os anos lembrou hai uns días a ambos mártires e non me corresponde a min facer un panexírico deles, nin tampouco son practicante dese deporte que consiste en teorizar sobre que tería acontecido si Bóveda ou Reboiras non tiveran sido asasinados; deixo eses exercicios para quen disfrutan dando leccións de estratexia diante dun café ou dun cubata mentres o país pelexa polo seu futuro.
Bóveda e Reboiras eran nacionalistas e ollando con atención as súas vidas atopámonos con dúas persoas asasinadas cunha diferenza de 39 anos que poden unirse perfectamente ao nacionalismo de hoxe. Tiñan en común o interese polo estudo e a formación, a elaboración de alternativas; e compartían a preocupación por converter o nacionalismo nun movemento de masas. O traballo como Secretario de Organización do Partido Galeguista, a creación dos primeiros xermes sindicais que deron lugar ao Sindicato Obreiro Galego, as propostas para unha organización fiscal e financieira propia, o pulo pola creación da Fronte Cultural, son só algúns exemplos da preocupación que tiñan por conxugar teoría e acción.
Hoxe estamos nun momento complexo cunha forte ofensiva da dereita e do españolismo, nun marco estatal e europeo pouco propicio marcado pola desgaleguización e aculturización que camiñan baixo o manto dunha moderna globalización que supostamente nos iguala a todos, o individualismo vendido coa cantinela "non te movas, para que te vas meter en líos se a fin de contas todos son iguais", e tamén porque non dicilo a desmobilización e o pesimismo de parte da nosa base social despois duns resultados electorais que nos fixeron perder o importante instrumento que supoñía a presenza do nacionalismo en áreas importantes do goberno galego.
Volta estar á orde do día o debate sobre cara onde debe ir o nacionalismo; e compre aprender do camiño andado fuxindo dos cantos de serea, xa sexan os que nos din que a alternativa está en soltar lastre para podermos facer o camiño máis rápido ou os que recomendan converternos nos gardiáns do tarro das esencias salvagardándoo de contaminacións. Ambos respostan aos intereses do inimigo, os primeiros á hora da verdade queren que renunciemos á defensa dos nosos principios, ao idioma, ao compromiso coas clases populares, á nación, para homologarnos e formar parte do sistema; e os outros buscan converternos en secta alonxándonos do pobo. Na historia do nacionalismo houbo alternativas "lights" que non cuestionaban o sistema e tamén alternativas "puras" sen incidencia na sociedade; e pese a que nalgúns momentos unhas e outras crearon espellismos a realidade amosou que eran camiños sen saída.
Todo bon estratega sabe que unha das súas funcións é observar atentamente aos adversarios e iso debemos facer nós co PP, observalo e analisar os seus movementos; ao facelo decatarémonos de que nas súas actuacións non hai casualidades, se na súa acción de goberno destacan as medidas contra o noso idioma, o desmantelamento das galescolas, a paralización do concurso eólico, os ataques ao sindicalismo nacionalista en Caramelo, o silenzo no debate sobre a absorción das caixas galegas, a pasividade diante do novo sistema de financiamento das CC.AA.?, é porque teñen moi claro que actuar de xeito contrario sería darlle bazas ao nacionalismo.
Bóveda e Reboiras actuaron en contextos complexos con decisión, entrega e convición, analisando cada un a súa realidade e deseñando propostas teóricas e organizativas; unhas propostas que en moitos aspectos seguen a estar vixentes.
E nós hoxe tamén debemos conxugar teoría e acción; a loita polo idioma e os nosos sinais de identidade son continuación da fronte cultural, un novo sistema de financiamento e unha lei de caixas son ferramentas para unha economía propia, un BNG activo disposto a pelexar por un futuro de Galiza comprometido coas maiorías sociais e reivindicativo; son froitos da mesma árbore que traballaron Alexandre e Moncho. Unha árbore que sempre precisou, e sempre precisará de compromiso e esforzo, dado que ao nacionalismo galego nada lle foi regalado
Galicia é un país habitado por homes e mulleres de carne e óso pero tamén por
seres que bulen nun mundo fantástico ou encantado, pero tan real coma o outro.
Aquí atoparás a historia da Galicia imaxinaria, mitos, lendas, ritos,
contos, romances e aventuras que se resisten ó esquecemento e que siguen vivindo
na nosa memoria colectiva.
É curiosa a tendencia dos nosos círculos intelectuais ao silencio cando se producen actuacións chamativas por negativas, protagonizadas pola Xunta coa cumpricidade e conivencia dalgún sector do stablihsment cultural. Este ano, precisamente, divagouse algo sobre o que era o piñeirismo, as súas pegadas e secuelas. Vimos, xustamente hai dous días, de comprobar na prática no que consistía e consiste. A única realidade respeitábel, a única normalidade e universalidade están na democracia existente, co seu benemérito bipartidismo. A nosa lingua e cultura deben adaptárense aos lindes da permisividade e tolerancia que, no marco, nos dispensen. Tanto ten que sexa tan estreito que nos esgane? O caso é figurar?. Quizais non debese estrañarme a decisión de dona Kristina Berg, viúva de don Carlos Casares, de ceder "desinteresadamente" á Xunta do PP a imaxe da galiña azul, personaxe dun contiño do narrador galego, convertido así en símbolo do novo modelo de gardarías. Si, ese modelo que se vai encargar xustamente de arrasar todo indicio ou tufo de uso ou contacto co galego na etapa infantil, pecado nefando agochado nas denostadas galescolas. Unha operación destrutiva e sañuda en contra do noso idioma adózase cun carameliño solicitado á ecuánime, por europea, española e galeguiña, por esta orde, factoría piñeirista, á que, con coñecemento de causa, o réxime autonómico dominante cedeu o control da cultura nacional institucionalizada. Nada menos que furgaron nunha herdanza xenuína e conspicua, no legado casarista. D. Carlos Casares, non hai que esquecelo, alén de deputado autonómico honorífico do PSOE, foi tamén presidente do Consello de Cultura Galega, durante o Goberno Fraga.
Porén, non deixa de doer e irritar este combinado, esta maridaxe dun Goberno agresivamente anti-galego cunha obra e un autor da cultura literaria galega, nun contexto tan arrepiante e con intencións gobernativas tan descaradas. Moito máis cando a manipulación se fai coa anuencia e beneplácito da familia do autor falecido, presente a súa dona na primeira fila da farsa esperpéntica, debidamente adulada e ponderadas as súas excelsas virtudes por Conselleiros acomplexados pola súa condición de galegos até o extremo de non sentir o mínimo complexo en atacaren a nosa lingua e os seus dereitos, a condición definitoria básica de sermos un pobo diferente. A súa falla de pudor lévaos a proseguir coa operación de inversión da realidade. O simbólico personaxe da galiña azul convértese, na locuaz bocaza consellaril, en símbolo da "liberdade", e a historia en metáfora das "persecucións". Da liberdade e o dereito a usarmos o galego? Non!!. Do dereito á diferencia e de denuncia da persecución e discriminación do galego e dos seus utentes? Nanai!!! Implícita e sinuosamente na forma, descaradamente polo fondo e o contexto, vaise contra a aparición do galego na escola, contra o contacto dos picariños coa lingua do país. Porque, xa se sabe, o contacto coa vida, a realidade propia e agochada, é "adoutrinamento" e "politización". Un contiño, esquemático, de intención democrática contra o franquismo, a intolerancia e a persecución do diferente, retórcese para coar de matute a españolización máis intransixente e, a bo seguro, a confesionalidade relixiosa máis obsesiva e dogmática. A Sra.. Mato, especialmente, espallou á súa exuberancia expansiva no terreo ideolóxico concluíndo que o modelo PP pretende que se formen "cidadáns librepensadores" desde ben nenos, nunha cabriola de desvergoña sen cancelas…Pode haber maior tortura moral, máis desfachatez á hora de camuflar os obxectivos que se perseguen e de se apropiar, mudándoos, desnaturalizándoos, determinados conceptos e valores?
Dona Kristina Berg ten todo o dereito do mundo a facer o que quixer coa obra do seu defunto marido. Mais a opinión pública debe estar informada de que se agacha nas manobras e nos discursos manipuladores deste goberno, recorra a quen recorra para lles dar lexitimidade aos seus obxectivos destrutivos. Os que padecemos discriminación como utentes do galego, os que sentimos a falta de dereitos para o noso idioma no noso país, os que queremos a súa normalidade social, os que pretendemos e avogamos por que, na Galiza, se poida desenvolver a vida na nosa lingua, non imos calar nen permanecer pasivos e resignados. Non sei se Carlos Casares escribiu a súa obra en galego só como ocupación ocasional sen máis aspiración que a de lograr algún proveito persoal no seo dunha cultura marxinada e secundarizada. Ou se, con todas as contradicións que se queiran, desexaba contribuír á continuación, dotándoa de solidez tamén no último cuarto do século XX, dunha rica e valiosa cultura literaria nacional galega, con perspectiva de permanencia no tempo. O que si é seguro é que, de se consolidar a intención do PP, non haberá leitores para a súa obra, nen o seu nome significará nada vital, útil, significativo e admirábel para os galegos e as galegas no futuro. Por suposto, tampouco teremos papel algún na cultura literaria universal, que é diversa afortunadamente. Ten, necesariamente, o piñeirismo que chegar mesmo á lexitimación do matute máis velenoso e letal que se pretende inxectar contra o pobo galego? Acredito en que a galiña azul nunca estaría disposta conscientemente a aceitar unha redución do seu espazo de liberdade como para se converter nun animal totalmente cativo e destinado á extinción…
Nestes días estamos a asistir a un novo capítulo da cruzada de determinados medios de comunicación contra a República Bolivariana de Venezuela, desta vez o problema semella ser a Lei Orgánica de Educación (LOE) aprobada o pasado xoves pola Asemblea Nacional, e se nos deixamos levar polo que nos contan esta lei supón o adoutrinamento dos alumnos en función da ideoloxía revolucionaria defendida por Chávez e outra agresión ás liberdades do pobo venezolano, incluso algún fai referencia ao perigo que supón que o estado se reserve o control da formación dos docentes ou que as universidades non poidan escoller o seu alumnado.
Onte tiven curiosidade por coñecer a lei de primeira man, os venezolanos puideron facelo hai unhas semanas dado que o goberno encartou o proxecto de lei na prensa do país; e despois de consultar en internet interpretacións en contra e a favor entrei na páxina web da Asemblea Nacional de Venezuela e imprimín o documento. Dispúxenme a ler con tranquilidade as súas vintesete páxinas e teño que recoñecer que ao rematalas quedei fondamente defraudado, non atopei por ningures referencias á materia obrigatoria de marxismo-leninismo nin tampouco aparecen o "socialismo do século XXI" ou o "pensamento guía do compañeiro comandante Chavez", realmente dentro dos conceptos clásicos de manual de que é "algo revolucionario" non podemos incluír unha lei que mantén o ensino privado, permite ás universidades privadas conservar os seus currículums ou mantén a relixión nas escolas aínda que sexa de xeito voluntario.
Está claro que esta polémica é só unha nova excusa para seguir transmitindo a imaxe dunha Venezuela bananeira na que non se respetan os dereitos humanos e o único que se busca por parte de Chávez é impoñer a súa ideoloxía ultraesquerdista e fanática; e así ao día seguinte da aprobación desa lei catro dos xornais que máis se len na Galiza referíanse a ese feito con "Venezuela aprueba la polémica nueva Ley de Educación en medio de incidentes callejeros" (Faro), "Estudiantes y periodistas protestan contra la ley de educación chavista" (País), "Chávez aprueba su polémica Ley de Educación entre disturbios"(Xornal), "Periodistas y estudiantes protestan contra el Gobierno" (Voz). Casualmente catro titulares moi semellantes que destacan a violencia e esquecen o contido da lei, e se nos metemos no corpo das noticias máis do mesmo, moitas opinións da oposición, algunha do goberno pero nada de nada sobre o que realmente di a lei aprobada.
Se houbese pluralidade real de prensa ou cando menos verdadeiro interese polo tema do que están a falar, algún medio, aínda que só fora un, tería investigado e diríanos que o proxecto de lei tivo un longo proceso iniciado coa discusión na Asemblea, no ámbito educativo e na sociedade hai oito anos, que a lei introduce a obriga do estado de garantir unha educación gratuíta para todos e todas até o preuniversitario co apoio aos máis desfavorecidos para que accedan á educación, a garantía da autonomía universitaria, sancións contra os medios que transmitan contidos que inflúan negativamente en nenos e nenas, a apertura da posibilidade de xubilación dos mestres con 25 anos de servizo co 100% da pensión, o control social sobre a educación e sobre os seus recursos o respecto á realidade multiétnica do país, a participación do estudantado na toma de decisións, a importancia que se lle dá á formación de futuros adultos con espírito crítico, etc?
En Venezuela seguro que as cousas poderían facerse moito mellor, é certo que hai erros, excesos e infinidade de cuestións para criticar, pero cando menos no eido educativo até o de agora o proceso bolivariano deu exemplo de como se pode avanzar, e así Venezuela foi declarada pola UNESCO Territorio Libre de Analfabetismo no 2005 logro acadado grazas ao apoio cubano e ao método de alfabetización "eu sí podo", a taxa de escolarización en preescolar no ano 2008 era do 84,8% fronte ao 53,4% no 1999, o investimento en educación pasou do 3,9% do PIB en 1998 ao 5,8% no 2007, etc?. Pero de todo isto curiosamente apenas se fala