Xul 252009
 

Outlet é a denominación dun establecemento comercial especializado na venda de produtos de marcas coñecidas, quer sexan defectuosas quer fóra dos catálogos de actualidade do produtor. Os produtos son postos á venda a un prezo inferior ao habitual e a mercadoría está exposta de forma a favorecer o autoservizo.

Na Galiza hai varios establecementos deste tipo desde finais dos anos noventa, mais un deles, situado en Tui, chamou recentemente a miña atención. Emprazado face á cidade de Valença, resulta inevitábel facer comparacións para quen coñeceu Valença e as case 150 tendas que se congregan  dentro da fortaleza medieval. Esta cidade si foi un verdadeiro  outlet durante varias décadas pois alí tanto se podían comprar toallas ao peso como bacallau; viño verde ou unha motoserra marca Husqvarna pola metade de prezo que custaba aquí na Galiza. Nas estreitas ruelas, os sábados, falábase máis galego do que portugués e os comerciantes, homes e mulleres portugueses de fala e orixe, pretendían atraer a atención do comprador dirixíndose a el, se era preciso, en español, ou algo parecido, ignorantes de quen eramos, pois o que importaba non era a corrección idiomática, senón a comunicación de cara a unha hipotética operación comercial. Eran, en todo o caso, vendedores e vendedoras que tiñan conciencia de pertencer a un país e a unha cultura e só utilizaban outra lingua con ánimo de se aproximar ao comprador e facerlle máis fácil a compra ou a obtención de información sobre determinado produto.
Nada disto está presente na moderna fortaleza situada desta banda do Miño, un Oulet Fashion onde podemos comprobar como o público fala galego, quizá non maioritariamente, español e portugués, estes case a partes iguais. Esta mestura de linguas que podemos escoitar nos espazos comúns, desaparece en canto cruzamos as portas das diferentes loxas. Agora as vendedoras, pois en todas as tendas en que entrei só achei mulleres para atender o público, non sei se é sempre así, falan español ou portugués, dependendo da lingua do cliente ou clienta con que estiveren a tratar. Mesmo, igual que acontecía en Valença, comprobei como unha vendedora de lingua portuguesa lle falaba español a un cliente que se dirixira a ela en galego, se ben agora non era a necesidade de se aproximar ao comprador, ou de lle ofrecer información, o que motivaba esta actuación da rapariga: era, simplemente, confirmarlle a este galegofalante que se enteire dunha vez por todas que  vive dentro dunhas fronteiras políticas que non admiten máis lingua que a oficial do estado, nin mesmo no período de rebaixas e para comprar uns zapatos fabricados na China sob licenza italiana.
Tampouco vin neste establecemento ningún indicador, nin texto de ningunha outra clase, en galego ou que fixese referencia á lingua deste país. Sei, porque os vin, que noutros establecementos similares situados en territorios con características sociolingüísticas equiparábeis a Galiza, isto non é así e que a información está en máis dun idioma. Naquel espazo de compra convulsiva non podemos encontrar nada que nos indique que nos encontramos en Tui, un solar da Galiza baixomiñota, e non en Cáceres ou en Huelva ou en Salamanca, territorios tamén fronteirizos con Portugal, se non for porque desde un lateral acristalado se ve, ao fondo, a  Praça Forte de Valença, a fortaleza. É o que se ve desde o Outlet Fashion Center, o centro da moda no que o galego non está, figura en stock out .
Será que non é fashion, digo eu.
 

 Posted by at 00:00
Xul 232009
 

A censura e deformación que opacan, desfiguran ou minimizan persoas ou sucesos da nosa historia cultural e política abrangue o presente e o pasado. Só temos que decatármonos de como se filtra hoxe a realidade do país, con que óptica e criterios, ao servizo de que intereses, para sospeitar de como se foi construíndo a versión da historia. A forma de integrar na cultura oficial a moitos dos protagonistas fundamentais da nosa traxectoria cultural ou política é máis que sintomática. Adáptanos sempre ao statu quo, ao que está permitido e ao que non rechía. Desta forma a integración faise mesmo sen molestias, claro que nun plano secundario.

Rosalía é un caso paradigmático, quizais o de maior importancia polo seu significado real en contraste coa imaxe estereotipada, deformada, que lograron oficialmente estampar. Primeiro foi sometida a martirio en vida, xustamente pola causa patriótica e popular que defendía e praticaba co seu afán de construír unha literatura nacional e pola súa independencia e determinación como muller librepensadora. Mesmo após morta os seus defensores e devotos se achaban entre a emigración americana e en individuos e pequenos grupos, católicos, demócratas, republicanos, socialistas, moitos deles pre-nacionalistas, que a coñeceran en vida, que partillaran, en todo ou en parte, as súas aspiracións, e que recoñecían, polo menos no ámbito literario, o seu valor, ou que a consideraban como símbolo político. Precisamente, a súa morte, acontecida o 15 de xullo de 1885, non acadou as proporcións dun acontecemento nacional galego. Non houbo fúnebre procesión composta por elementos de todas as clases sociais, encabezados por autoridades oficiais. Tampouco se levantou un rico e artístico mausoleo no cemiterio de Adina onde foron depositados os seus restos mortais. O eco mediático foi irregular, ás veces tardío e marxinal. Un vello amigo seu da mocidade no Santiago dos anos 50, Luís Rodríguez Seoane, catedrático de Medicina da Universidade de Santiago, nada sospeitoso naquela altura por estar xa integrado no réxime da Restauración, informa nun artigo necrolóxico en Gaceta de Galicia (17 de xullo de 1885):"…su entierro creemos que no haya sido más que la soledad que para muchos precede a la tumba".

Sintomaticamente, o 5 de outubro de 1885, Antón Claridades, un articulista da revista El Magisterio gallego, contaba desolado a súa visita ao cemiterio de Adina. Esta é a súa descrición : "En un apartado rincón y toda cubierta de tristes yerbecillas, hállase el sitio donde se guardan los restos de la insigne cantora, gloria de Galicia, sin que una mala losa ni una carcomida cruz indiquen que aquel pedazo de tierra es el lugar donde reposa la que ha llevado una vida de tantos padecimientos y amarguras, sufridos con resignación envidiable". En 1886 seguía sen sinalarse a tumba de Rosalía . Só sabían cal era os pobres campesiños que a viron enterrar, segundo o xornal Gaceta de Galicia..Non había lápida indicativa. A cruz de madeira desaparecera…

A Casa da Matanza en estado ruinoso, os fillos de Rosalía na pobreza, sen posíbel acceso á Universidade, as obras da escritora sen reeditarse…Esta é a situación real após morta. Ten mellorado a información que se ofrece aos visitantes da Casa Museu en Padrón, pero falta moito para estar próxima á verdade…Descoñecendo, desprezando por ignorancia ou manipulación, os esforzos que levamos feito como individuos e como pobo para existirmos, nada bo podemos esperar do futuro…

 Posted by at 17:02
Xul 192009
 

De fala a lingua: un proceso inacabado, é un volume en que se recollen artigos, estudos e traballos de María Pilar García Negro elaborados durante a última década, seguidos dun apéndice con interesantes documentos. Útil para se aproximar á situación sociolingüística do noso idioma na primeira década do século XXI.

Vídeo da súa apresentación

 Posted by at 09:13
Xul 172009
 

Os e as xogadores de xadrez teñen un número case infinito de posibilidades cando comezan unha partida. O taboleiro de xadrez permite unhas xogadas fixas e as regras son claras. No caso do financiamento, que estes días monopoliza case todo menos o cotián da cidadanía, tamén existía un taboleiro previo, unhas regras prefixadas e só un certo número de xogadas posíbeis.

Mais a partida tiña unha peculiaridade que tamén coñecían, ou deberan coñecer, os xogadores, isto é, durante o propio desenvolvemento das xogadas e contando coas regras dadas poderían establecerse outras regras que mudaran as anteriores. Así Cataluña fai os seus movementos, os que ter un estatuto que blinda o financiamento lle permite.

Como ben sabemos Galiza non ten un novo estatuto. E as responsabilidades non están repartidas por igual. O PP opúxose no seu momento e tentou crear o estado de opinión de que era por unha cuestión semántica, que si o problema era o termo “Nación” ou “nación de Breogan” ou mellor “nación” con ‘n’ super minúscula. O certo é que nin se quixo nin se quere dicir aos galegos e galegas que era unha oportunidade para non quedarse nas regras coñecidas do pasado cando outros xa están modificando as súas. Que era unha oportunidade para non perder iso que se denomina peso político e que non ten relación co peso demográfico senón cun querer estar no mundo que vai máis alá de ser unha parte do noroeste.

A situación xeográfica de Galiza penso que ninguén a pon en cuestión. Mais a búsqueda das alianzas que o novo Goberno emprende significa renunciar a xogadas máis interesantes en beneficio da estratexia partidaria. A dispersión poboacional nin foi nin é unha característica dos asentamentos de Castela e León e, entendemos, que moito menos o é a promoción da lingua propia. En calquera caso, a dispersión vai camiño de ser unha forma de vivir o territorio do pasado á luz das políticas que o Goberno establece para o medio rural e do segundo pouco podemos dicir porque como diría o refrán “obras son amores e…” e nos primeiros 100 días de Goberno viviuse un retroceso nesta materia inimaxinábel se existise a mínima vontade de promoción.

Ser quen de modelar a identidade colectiva nun sistema de normas que recoñezan os dereitos dos galegos e galegas é algo que vai máis alá de ser noroeste e que require da vontade política do recoñecemento. Recoñecemento porque esta é a primeira condición da liberdade dos iguais. A cuestión non era tanto laiarse ante Madrid senón ter a capacidade política para pactar como iguais. Mágoa que para algúns Galiza sexa o territorio atlántico para o seu retiro político e para outros para o seu lanzamento e promoción.

Só así entendemos que se optara polo estancamento no taboleiro e non querer mover a xogada cara un novo estatuto, por demonizar a quen si o ten e por dar discursos acotío sobre a “cordialidade”. Termo este último que ven a ser a versión moderna e “fashion” dese ser submisos e boiños dos galegos que tanto gustaba na iconografía madrileña.

Este artigo tamén foi publicado en Xornal de Galicia

 Posted by at 08:08
Xul 132009
 

Por motivos persoais estiven en Alcalá de Henares hai uns días. Mentres estaba sentado ás sete da tarde nun banquiño baixo árbores a carón da estación dos camiños de ferro, tres mociñas entre 16 e 19 anos parolaban, sentadas noutro, perto de min, sobre as súas vidas familiares. Observeinas, desenvoltas, locuaces, produto de ambientes populares con pingas de diversidade nacional, pero españolísimas de lingua e gostos musicais. Unha canción sobre amor, morte e destino, a cargo dun cantaor de flamenco, se enleaba con aquela conversa coloquial case en chave de revista do corazón ou programa de televisión lixo. A dor perante a morte por cancro dun ser querido, non sei se fillo, amante ou amada, provocaba a enxurrada melódica para consumo popular, focada na inclemencia do destino na vida das persoas. As mociñas repetían anaquiños da letra desgarrada e consoladora.

O sol forzou a unha delas a se sentar no meu banco á sombra, no momento en que estaba falando, enviso, por telefone en galego. Axiña comecei a sentir ao meu arredor a presenza de máis xente, agora tamén mozos, e como algún aludía a Ourense e á Coruña. Incrédulo, pensei que estaba sendo vítima da miña mala audición e dunha interpretación nesgada. Pero non. Rematada a conversa telefónica, virei á dereita: topei cun rapaciño lanzal que me falaba en galego. Dous máis, un de media estatura, atrigado, e outro pequeno, mouro, completaban a panda que as mociñas estiveran a esperar. Baixo a ollada expectante e interrogativa dos outros e o sorriso sorprendido da súa moza de circunstancias, o maior ( 20 anos) contoume que era de Ourense, que a súa familia fora tratante de cabalos e ovellas, negocio en decadencia, e decidiran vir para Madrid. Vivían como ambulantes, en caravana. Agora recollía cartón, prezos polo chan. Traballara de asalariado, pero estaba no paro. Falaba a cachón, entre admirado por tanto tren e metro e case asustado por tanta violencia, droga e puta vida. Que dimensión arcádica tomaba entón Ourense!! Se houber tanta xente como en Madrid, sería moito máis rico e un paraíso de boa vida!! Aproveitei para animalos a voltar, polo menos comerían mellor e a vida sería menos perigosa.

Que locuacidade e clareza comunicativa! Casara aos quince anos cunha cigana, tiña dela dous fillos, divorciara. Os ciganos eran a hostia, cun senso de grupo absorbente, en confronto co pai e os irmaos da súa muller. As mulleres non eran de fiar. Sempre acaban por írense con outro que lles goste máis. Como os homes, retruquei. A moza daquela tarde era temporal. De traballar, non estaría alí, senón na casa, coa familia. O avó estaba escarallado con pouco máis de sesenta anos…O pequeno, de Mérida, falaba tamén galego; non sei por que formaba parte da familia ambulante, igual que o mediano, tamén de Ourense… Entusiasmo na afirmación: non perderan o idioma, o galego, de uso exclusivo no seo familiar, especie de endogrupo, á defensiva fronte a outros, como coesión e protección …

As rapazas encamiñaron os seus pasos á pasarela elevada que cruzaba as vías do tren, fartas de esperar a que rematase aquela imprevista conversa dos seus mozos de ocasión co señor galego. As protestas a distancia pola tardanza eran contestadas cunha fala española, meridional, andaluzada, perfeitamente homologada, polo mozo lanzal, con certo desprezo ou indiferencia, que fosen indo.Un señor, acompañado da súa dona, sentados no banco onde antes estiveran as rapazas, berrou: claro, que las españolas se vayan a Rumanía, no? .Non entendín entón a que viña aquilo. Fiquei admirado pola transformación lingüística tan radical, operada naqueles mozos na relación social, neste caso con aquelas mozas, tanta que era imposíbel detectar a súa procedencia nacional galega…Despedíronse após estreitar a miña man o maior…Axiña o señor español, algo estrañado daquelas compañías, perguntoume se eran marroquinos. Non, contestei; son galegos como min. Cara de estupefacción notoria. Entón entendín a súa intervención anterior.

Levanteime do banco. Cavilei se era o meu destino atopar aqueles compatriotas en Alcalá. Unha casualidade indiciaria. Había moitos máis en tais circunstancias na zona, de Ourense especialmente. Andamos por moitas partes do mundo. Para proveito de quen? Que papelón o noso!, pensei. Canta potencialidades desaproveitadas para Galiza!! É o noso destino? Pero tiven un contraste positivo. Malia ás picarescas transformacións para subsistir, aquel mozo expresaba unha adesión natural, familiar, á súa lingua, un sentimento de pertenza a un grupo nacional, que funcionaba como esperanza. Algo que non vin nunca en moitos galegos "cultos" e cosmopolitas que presumen de triunfaren polo mundo e vinculan este triunfo á ocultación e desprezo da súa lingua e á negación da capacidade e o dereito do seu pobo a existir con normalidade. Como o conselleiro de Cultura, por exemplo.

 Posted by at 22:13
Xul 122009
 

Sobre o racismo lingüístico, María Pilar García Negro (ed.), Celia María Armas García, María Pilar
García Negro, Manuel Ferreiro Fernández, Xosé Ramón Freixeiro Mato,
Xosé Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín Rei, Francisco Rodríguez
Sánchez, Luís Villares Naveira.Edicións laiovento, 2009

Trátase dun libro coral ou sinfónico, en palabras da coordinadora, onde aparecen convocadas moitas voces. María Pilar Garcia negro, ademais da coordinación, dedica un capítulo á cuestión do racismo lingüístico e a súa funcionalidade.Xosé Ramón Freixeiro fai unha síntese da historia do idioma; Manuel Ferreiro ocúpase dos nosos topónimos e nomes de persoas, que tanto padeceu dun proceso de deturpación; Xosé Manuel Sánchez defende a necesidade de modernizar lexicalmente o galego, como todas as linguas normais fixeron no seu momento e seguen a facer; Goretti Sanmartín explica a necesidade dun modelo culto de lingua; Luís Villares, xuíz da Fonsagrada, a inconstitucionalidade da segregación do estudantado por razón de lingua, que é o que de forma golpista pretenden agora executar as autoridades educativas; Celia María Armas, que é profesora no ensino medio, compón a historia dunha imposición, a historia da imposición verdadeira, a única real e obxectiva en termos históricos e sociais, que é a do español sobre o galego; finalmente, Francisco Rodríguez cerra o libro cun epílogo, que é un artigo moi interesante e moi esclarecedor, titulado "Lingua galega e cinismo español".

Intervención de Luís Villares na presentación do libro na Coruña o 9 de xullo 

 Posted by at 10:42
Xul 082009
 

Non, non me estou a referir ao tan gastado como falso argumento da “imposición do galego” que, seica, practica A Mesa Pola Normalización Lingüística, segundo a versión dos que –estes si- impoñen o español e exclúen o galego sen ningún tipo de escrúpulos. Trátase doutro sentido, doutra acepción. A Mesa, efectivamente, impón, infunde respecto coa súa mera existencia, funcionalidade e traballo diario en defensa do idioma galego. Por iso lles doe tanto aos inimigos do galego.

Hai que lle botar valor para, desde un medio de comunicación tan absolutamente hostil contra a lingua e cultura galegas como é La Voz de Galicia, lanzar sen remorsos, sen o menor reparo, ataques contra A Mesa –nada menos que por finanzamento ilícito!!–, utilizando ademais a figura de Carlos Negreira, concelleiro coruñés e deputado do PP, pintoresco individuo distinguido precisamente polo seu odio contra a lingua galega e a súa disposición plena a infrinxir e quebrantar as leis en materia lingüística. Iso si, simultaneamente censúrase a voz da entidade social criminalizada. Aquí non hai código deontolóxico nin nada que se lle pareza. Contra A Mesa, contra os defensores do galego, vale todo.

Ben sei que a candidez, no mundo xornalístico, non existe. A imparcialidade, a neutralidade, o respecto ao pluralismo e a obxectividade son principios, agás honrosas excepcións, botados ao caldeiro do lixo de moitas redaccións. Tamén nos medios de comunicación de titularidade pública, caso da Televisión de Galiza, bochornoso exemplo de manipulación. Contodo, asusta comprobar como, precisamente o xornal que se caracteriza pola súa agresión ao país e á lingua, inculcando boas doses de autoodio á sociedade galega, é xustamente o máis subvencionado polas administracións polo… fomento da lingua galega!

Si, señoras e señores. Imaxínense o titular escandaloso: “O xornal La Voz de Galicia recibe máis cartos do erario público para a promoción da lingua galega que A Mesa pola Normalización Lingüística”. Vergoñento, non si? Mais rigurosamente certo. E coidadosamente ocultado. Cartos dos impostos de galegas e galegos para un xornal que emprega o galego nada menos que o 4,8% (95,2% en español). Vaia imposición do galego! E ademais en tempos de crise. Decididamente, para estes señores non hai austeridade.

É así. A Mesa non lles pon. A Mesa imponlles. Por iso a atacan. Porque saben que A Mesa é un valiosísimo instrumento do pobo galego en defensa do que é seu. Do que é noso. Da lingua galega.
Tamén publicado n´A Nosa Terra

 Posted by at 23:52
Xul 082009
 

O ourizo azul é un web sobre o fabuloso mundo dos libros. Conta con varias seccións:

O lagarto pintado, con recomendacións de lectura por tramos de idade;  a túa biblioteca, con información sobre títulos da historia da literatura infantil e xuvenil galega; o teu club de lectura, un espazo aberto de comentarios; os nosos creadores e creadoras; premios, con información sobre concursos e a nosa literatura infantil e xuvenil cos catálogos de Galix en pdf.

 Posted by at 10:10
Xul 072009
 

Teño pouco aprezo pola traxectoria da Real Academia Galega durante o actual réxime democrático. Apenas dou algunha resposta pública positiva perante as hostilidades ou agresións padecidas pola nosa lingua e cultura nacionais. Envisa nas intrigas propias dun elitismo mesquiño, dependente ou reverencial, recoñézase ou non, do poder político español, en versión autonómica, expresa as limitacións e contradicións do holding dominante na cultura galega. Porén recoñecemos que non nos son indiferentes as súas accións, as súas posicións, tratándose dunha institución oficial que podería cumprir un papel nada desprezábel á hora de emitir xuízos e facer propostas, con autoridade moral e intelectual ao servizo do pobo galego, sobre o conflito lingüístico que padecemos ou para espallar e actualizar os nosos valores culturais en todos os campos. Mais a RAG, como institución, nada entre a covardía, o servilismo, a queixa egótica e o medo escénico, mal disimulado, a desagradar a quen manda, por máis desprezo que este sinta xustamente por aquilo que é a súa razón de ser . A forma de proceder do seu presidente, incluídos os seus silencios, perante a agresiva política lingüística do PP, nada ambigua e de feitos destrutivos contundentes, entristura. Pode máis o espírito de secta, o seu posibilismo elitista no seo dunha cultura nacional agredida e desprezada, a leiriña, que un mínimo patriotismo ao servizo colectivo. E chama a atención aínda máis que os silencios corporativos non alporicen aos supostos marxistas e independentistas da corporación, tan obedientes ao espírito de elite sectaria como demagogos confusionistas en moitas das súas intervencións sociais a través dos xornais hexemónicos…

A decisión académica de negarlle, máis unha vez, a Ricardo Carvalho Calero un DIA DAS LETRAS GALEGAS, o de 2010, pasma pola zunia que expresa, pola intolerancia teimosa do holding, pola falta de mínima ponderación, entre a covardía e o desafecto, e pola maquiavélica utilización dun nome benquerido, o dun home bondadoso e poeta senlleiro, Novoneyra, para contrarrestar a evidencia. Segundo parece, non consideraron conveniente homenaxear a Carvalho Calero no 2010, cen anos do seu nacemento, por resultar "conflitivo" nas actuais circunstancias. De ser certo, retrataría máis unha vez o carácter acomodaticio da institución, se ben agora nunha dose tal que a converte en mero apéndice do poder autonómico máis confesamente españolista que ten habido na Galiza, disposto a aplicar unha estratexia en materia de idioma que merece un rexeitamento claro, contundente, desde unha posición conscientemente galega. Tenderase a pensar que a motivación fundamental para a negación de Carvalho, académico no seu día da RAG, sexa a súa declarada e activa opción reintegracionista nos quince últimos anos da súa vida. Pode ser un dos motivos para a maioría dos corporativos, adictos ao isolacionismo recalcitrante, de xestación universitaria. Mais coido que a zunía non se pode explicar sen o desgosto perante a independencia de criterio intelectual, político e cultural de Carvalho, xustamente cando comeza o réxime democrático, Constitución española incluída, e se instaura o marco autonómico actual. Afástase do holding, das súas opcións partidarias, da súa concepción lingüística e cultural para aliñarse implícita ou explicitamente nunha concepción claramente nacionalista, especialmente entre 1982 e 1990. Non llo perdoan.

Para quen, como min, tivo que compaxinar o activismo político co traballo intelectual de investigación e pedagoxía sobre historia e crítica literaria galega, foi unha fortuna tratalo e un amparo a súa actitude. Lembro aínda como presidiu en 1988 o Tribunal que xulgou a miña tese de doutoramento, a primeira sobre Rosalía nunha Universidade Galega. Con emoción, con entusiasmo, con entrega xenerosa perante un traballo que avanzaba no descubrimento da verdade sobre unha muller galega, escritora, e a súa obra á que el xa adicara importantes esforzos intelectuais. Quero pensar que non foi o criterio do Sr. Barreiro, outro dos membros do tribunal cualificador, un factor decisivo para a negativa da RAG a homenaxear Carvalho. Sei si que, de non estar Carvalho vivo entón, tería dificultades para o meu traballo de investigación abrirse paso academicamente. Era un individualista á forza, por circunstancias históricas. Mais no intre preciso en que as circunstancias tamén lle indicaron o valor da seu aceno, do seu maxisterio, para unha causa patriótica recuperada, nun contexto español formal e limitadamente democrático, non dubidou onde tiña que situarse e con quen, desde a súa independencia de criterio, tiña que colaborar. A RAG, como institución, non acaba de asumir o pluralismo real, prático, da nosa cultura nacional. Segue prisioneira de prexuízos, medos e tabús. Resístese a pensar en chave dun país soberano e con dignidade, a librarse de sectarismos e da dependencia e vixilancia mal disimulada do poder español de turno.

 

 

Tamén publicado en GZnación

 Posted by at 09:32
Xul 042009
 

A política lingüística neste País desenvólvese  con directrices claramente contrarias ao que sería necesario, non digo xa para avanzar, mais para non seguirmos retrocedendo no que a usos e presenza pública do galego se refire. Cun Plan Xeral aprobado no Parlamento por unanimidade en 2004, que agora o PP se empeña en non considerar, cuns inquéritos realizados nos centros educativos e agora perdidos non se sabe en que sala de San Caetano, cando se tiña prometido que en poucos días se darían datos (a verdade é que tanto dá, pois se hai que cumprir programa electoral xa sabemos cal vai ser o resultado), cunha política de persecución do galego no interior do país, pois resulta que o urxente é criar oito lectorados máis, polo visto co obxectivo de difundir a lingua propia no exterior.

Non vou ser eu quen negue a importancia de dar a coñecer a lingua e a cultura galega no exterior, mais quero lembrar aos responsábeis da política lingüística deste Goberno –desde o Sr. Lorenzo ao Sr. Vázquez,  sen esquecer o Sr. Feijoo, que unha lingua non se perde porque non a aprendan os estranxeiros, senón se deixan de a falar aqueles e aquelas que a saben.
E aquí é onde se botan en falta políticas lingüísticas que aposten decididamente pola promoción social do galego e pola elevación dos seus niveis de uso, e nisto fallan estrepitosamente os planos da Secretaría Xeral, incapaz de contrarrestar a presión de algunhas entidades e persoas cunha forte capacidade de incidencia no actual goberno. Desenvólvense en paralelo políticas de promoción exterior con outras de  destrución interior, mais non vexo nada que diga respecto á necesidade de, dunha vez por todas, explicar a todos os galegos e a todas as galegas por que é necesario falar galego, porque é necesario que o sistema educativo teña como lingua vehicular o galego, que vantaxes ten, nun mundo globalizado medrarmos na nosa lingua para desde ela aprender unha ou dúas ou as que cada quen poida, a máis.
Na Galiza, o galego segue a estar en acusada relación de inferioridade, en todos os ámbitos, co español e os informes que se dan a coñecer son cada vez máis pesimistas. Sería desexábel que os responsábeis da Política Lingüística comprendesen que non é tan urxente ir ensinar galego alí onde non o saben como desenvolver políticas normalizadoras aquí, na casa, onde hai aínda moitos e moitas por converter á nosa lingua, entre eles varios membros do Goberno.
Non deixa de ter o seu aquel que se poda “aprender” galego en Salvador de Bahia, onde xa o falan, e se cuestione o dereito a aprender galego na Galiza. Exportamos lingua e destruímos País.

 Posted by at 11:38