Dec 142008
 

Francisco Rodríguez

Os esforzos individuais e colectivos do pobo galego, en diversos ámbitos da actividade humana, deixaron un ronsel de pegada e influencia histórica. Cada ano podemos evocar figuras ou acontecementos de grande transcendencia polo seu significado, desde unha perspectiva galega. Esta perspectiva é a que nos permite avaliar os esforzos en función da súa contribución á consolidación dunha cultura nacional galega, dentro do contexto máis amplo da Humanidade. A evocación ou lembranza, en contextos como o noso, debe estar guiada por dous obxectivos: o combate contra a ignorancia e o menosprezo e a indicación da súa vixencia.

Hai tres efemérides de especial significado neste ano 2008 que está a rematar: o centenario da morte de Manuel Curros Henríquez na Habana e do traslado dos seus restos mortais á Coruña (1908); o 90 aniversario do Manifesto da Asamblea Nacionalista de Lugo ao pobo galego (1918) e o centenario do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle (1908). Sendo acontecementos distintos, por dinámica e transcendencia social, teñen unha conexión de fondo dentro do proceso histórico de toma de conciencia de Galiza como nación. Hai un elo condutor do prenacionalismo punxente de Curros, superando contradicións co seu ideario inicial ‘universalista’e democrático español, ao nacionalismo pleno que se manifesta en Marinhas del Valle. Dez anos máis tarde do pasamento dun e do nacemento doutro, as Irmandades da Fala, na súa Asemblea de Lugo, celebrada os días 17 e 18 de novembro de 1918, enunciaban no devandito Manifesto o salto cualitativo no terreo ideolóxico: “Tendo a Galicia, todas as características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos de hoxe para sempre , nacionalistas galegos, xa que a verba ‘rexionalismo’ non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.

A morte de Manuel Curros Enríquez significou a desaparición do poeta con máis lectores até aquel entón na Galiza. Era un símbolo de rebeldía democrática e, malia que fose o menos popularizado, de patriotismo galego. Non en balde se consideraba discípulo de Rosalía. Os dous mellores poemas a ela dedicados son obra súa (A Rosalía, de 1891, sobre o traslado dos restos mortais da poeta desde o camposanto de Adina en Padrón a San Domingos de Bonaval en Santiago; Na tumba de Rosalía –1904–, lido na ofrenda floral neste templo). Estaba na Galiza, após máis de 10 anos emigrado en Cuba. Alá tivo que retornar pois, malia homenaxes e coroamentos, ninguén lle ofreceu traballo. No poema Curros describe o proceso de alienación social do pobo galego (ignorancia e menosprezo do propio, renuncia á lingua nacional, mimetismo e loa do dominante imposto…), provocado pola fase finesecular da globalización capitalista. Profeticamente sinala como protagonistas, ansiosos da conquista de mercados a través de “bélicas empresas”, desta globalización, destrutiva para a cultura nacional galega, aos ianquis e aos xaponeses.

Milleiros de persoas no peirao e nas rúas recibiron o cadáver de Curros ao chegar a Coruña, marzo 1908. Algúns devotos decidiron espallar unha tarxeta postal coa foto de Curros na devandita ofrenda no anverso e o poema ‘Na tumba de Rosalía’ no reverso. Subliñaban o Curros pre-nacionalista e anti-imperialista, o máis profético e vixente. Ese Curros que, no conflitivo proceso de independencia de Cuba, defendeu o dereito de todos os pobos a seren libres, e a igualdade de todas as linguas e razas, confrontándose e desenmascarando a mítica historia da España imperial e excluínte.

O Manifesto Nacionalista de Lugo (1918) expresa a necesidade de incidir, de forma organizada, na vida social e política, a prol de Galiza, nunhas circunstancias críticas e esperanzadas. A esperanza, no remate da primeira gran guerra, está no ‘albeo’ das nacionalidades, o futuro libre que se albisca para os pobos sometidos polos imperios turco, ruso e austro-húngaro. Acompañaba a bendición do presidente dos USA, Wilson, partidario da autodeterminación, como fundamento da paz na Europa. A crise do sistema parlamentario bipartito, na España da Restauración, incita a unhas Cortes Constituíntes para unha reforma constitucional que traia verdadeira democracia e autonomía, especialmente para Cataluña, dotada dunha forte representación parlamentar xenuína. Os asembleístas reunidos en Lugo eran conscientes de que Galiza non podía quedar muda nin inactiva, por carecer de representación de seu nas Cortes. Había que definir un programa de ‘autonomía integral’.

Consideraban chegados os tempos da soberanía sen cativeces: “Galicia ten dereito, un dereito fundamental, a ser dona absoluta de si mesma”. Hai 90 anos, pois, que o nacionalismo galego formulou un programa que conducía a un Estado confederal, do que Portugal, entón xa república, debía formar parte. Da súa vixencia poden dar boa proba tres propostas: a) o sistema tributario, competencia do poder galego, que só pagará ao central “a cantidade que se fixe nos concertos económicos”; b) a construción e administración de ferrocarrís por cargo do poder autónomo; c) a administración de xustiza rematará en recurso derradeiro na Galiza…

Jenaro Marinhas del Valle formouse na atmosfera cultural nacionalista das Irmandades da Fala, no activismo das Mocidades Galeguistas xa na República, baixo o maxisterio de homes como Castelao ou Suárez Pícallo. A súa madurez intelectual coincidiu co franquismo. Foi elaborando, en silenciosa fidelidade ás súas conviccións, o teatro en galego máis valioso, por moderno e renovador, do século XX. Nunca foi representado polo Centro Dramático Galego, só por compañías amadoras ou algún grupo profesional, especialmente na Coruña co gallo deste centenario. Morto o seu admirado Carvalho Calero, abandonou a Real Academia Galega, da que era numerario, polo seu calo oficialista e sectario. Nos últimos anos da vellez colaborou coa súa oratoria e o seu maxisterio público á causa do nacionalismo galego.

Canto ignoramos, canto temos que redescubrir sobre nós mesmos! Endebén, os esforzos do pasado aboian exemplarmente no presente

 Posted by at 02:14
Dec 102008
 

Goretti Sanmartín Rei

Desde unha perspectiva científica, os estudos sociolóxicos coinciden coas análises lingüísticas en interpretaren a fala das mulleres como máis próxima á norma de prestixio, quer no interior dunha única lingua, quer na situación coñecida como contacto de linguas. A explicación deste feito reside na necesidade de as mulleres se construíren nun modelo non estigmatizado por mor da súa maior vulnerabilidade social, para fuxir, deste xeito, dunha posición aínda máis subordinada da que xa posúen socialmente. Bourdieu, no seu xa clásico Ce que parler veut dire? (1982), indica que se comprende, como tantas veces observaron os sociolingüistas, que sexan as mulleres as que antes adoptan a lingua ou a pronuncia lexítima e Pilar García Mouton, no seu Cómo hablan las mujeres (1999) insiste en que da análise das contradicións das enquisas dialectolóxicas o que se extrae como consecuencia é o rexeitamento xeral das mulleres polo que consideran lingüisticamente estigmatizado, de onde se deriva a súa adhesión á norma de prestixio. Non é, pois, casual nin específica do caso galego unha situación en que as mulleres (historicamente, por factores de conformación da sociedade galega, das pertencentes ás clases medias e elevadas, que eran as que podían exercer tal escolla) empregasen menos o galego e decidisen instalarse en español, abandonando a súa lingua inicial ou non dando os pasos necesarios para se construír na lingua propia do país.
Porén, este feito non significa nin que esas mulleres castelanfalantes sexan unhas consentidoras nin que os varóns españolfalantes sexan uns maltratadores, como demagoxicamente algunhas persoas están  a interpretar. A campaña que desenvolvemos as institucións que abaixo sinalamos e cuxo texto inicial é, fundamentalmente, da miña autoría, insiste en aspectos documentados en moita da tradición que a este respecto nos conformou. Trátase da descrición dunha realidade onde subxace unha violencia sutil, non expresada fisicamente, que está debaixo de moitos contextos onde se produce unha substitución lingüística. Cando falamos de violencia (de calquera tipo de violencia) non nos referimos unicamente aos extremos máis graves dese comportamento, a morte, senón que tamén debemos reparar nos diferentes graos e formas en que se manifesta, ás veces simbolicamente, e tamén a través da lingua (por exemplo, con insultos), para alén de ligar e procurar a solidariedade no combate contra todas as súas expresións. Ninguén dubidaría en cualificar como violenta a imposición do español a tantos territorios americanos cunha lingua propia hoxe desaparecida ou marxinada socialmente. Existe, pois, unha violencia social que fai que as mulleres sintan unha maior presión para abandonaren a lingua (ou a variedade lingüística) menos prestixiada socialmente? Existe. Significa iso cualificar de maltratadores os castelánfalantes? Non significa iso.
Por outra parte, no caso galego, os estudos cuantitativos máis relevantes indican esta tendencia de menor uso por parte das mulleres a respecto dos varóns, nun índices que non mudan co paso do tempo. No estudo realizado polo Consello da Cultura Galega en que se observa a evolución sociolingüística galega no período entre 1992 e 2003, datas de dúas importantes recollidas de información sociolingüística (o Mapa Sociolingüístico Galego e a Enquisa de Condicións de Vida das Familias), aparecen os seguintes datos significativos:

  • Hai unha maior incidencia de monolingües en castelán entre as mulleres.
  • Son menos as mulleres que se declaran bilingües con predominio do galego.
  • A categoría de "Só galego" crece máis no caso dos homes.

É tamén relevante o feito de que, a pesar de teren as mulleres uns usos lixeiramente máis favorables ao castelán, as diferenzas non mudan no intervalo que se considera no estudo (1992-2003), o que significa que ningunha das accións de política lingüística que se desenvolveron conseguiron corrixir este desaxuste que provoca, como coñecemos por percepción social, que fillos varóns castelánfalantes iniciais restauren o galego como lingua propia, lingua que tamén o era dos seus pais en moitas ocasións, fronte a fillas mulleres que non sofren ese proceso ou que, de o faceren, constitúen un grupo máis reducido que xustamente hai que apoiar por se decidiren a combater esa dependencia a respecto do imposto polo sistema.
A campaña, pois, desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña pretendía, por un lado, comprometerse publicamente contra a violencia de xénero no seu grao máis elevado a través da palabra, a través da lingua (e a análise de moitos dos textos que nos chegaron así o confirma) e contribuír, desde unha outra perspectiva tamén posible, á reflexión sobre distintas situacións de dominio e á análise das súas causas para, séndomos máis conscientes e coñecéndomonos mellor, podermos ser máis libres e podermos exercer a nosa vontade individual e reclamar os nosos dereitos colectivos.

 Posted by at 17:03
Dec 102008
 

Francisco Rodríguez

A Constitución Española é un híbrido de pouso franquista con adobío democrático para aplicar a unha realidade socio-política, económica e lingüística-cultural complexa. Plasma, de forma elocuente, quen controlou a “Transición”, cal foi a correlación de forzas. Obviamente expresa os medos e a negativa a enfrontar o problema da estrutura institucional do Estado conforme á súa realidade plurinacional. Insírese nunha forma de incardinación do réxime democrático nun elo no que o peso dun pasado antidemocrático goza de relevo. Ás veces preténdese xustificar este peso en nome dunha tradición española con forte incidencia social. Desgrazadamente non só a letra senón a aplicación da Constitución Española non fai máis que afortalar esta interpretación con frecuencia. Está alentada sen dúbida por aclaracións equívocas ou propostas contraditorias no propio texto constitucional. Por exemplo, no referido á aconfesionalidade do Estado ou ao sistema educativo. Curiosamente, nestes aspectos a letra do texto constitucional é interpretada cun ritmo e unha melodía que reforza o peso dunha tradición antidemocrática. Non de outra maneira se pode entender, após máis de 30 anos, a forza práctica da cooperación dos poderes públicos coa relixión católica. Esta cooperación sitúase por enriba da aseveración constitucional de que “ningunha confesión terá carácter estatal”. Nesta mesma liña, con máis artillaría constitucional, se aplicou o artigo 27 sobre o dereito á educación. As consecuencias á vista están: unha rede de ensino confesional privado, subvencionado con fondos públicos, nos que non é infrecuente a falla de respecto por principios constitucionais fundamentais; a presenza da relixión católica como asignatura no sistema privado e no público; a asunción da formación relixiosa e moral dentro do sistema educativo conforme ás conviccións dos pais. Non é de estrañar que mesmo nos centros de ensino público presidan espazos colectivos símbolos da relixión católica. A lexítima demanda da súa retirada, apoiándose en criterios constitucionais, mesmo avalada xudicialmente, chega a criar conflitos, nos que o goberno permanece indolente e esvaradizo. De forma paradoxal chega a afirmar que a presenza ou non destes símbolos debe resolverse no ámbito de cada centro… Parece tratarse dunha cuestión de gustos individuais ou de correlación de forzas. Non existe norma de valor constitucional, de aconfensionalidade, nin de respecto polo pluralismo relixioso ou de crenzas.

Se entramos na denominada cuestión territorial, a contradición é maior, os medos aínda máis ameazantes. Sabedores da existencia de pobos, de nacionalidades diferentes, decidiron, en renovada formulación da tradición orteguiano-xoseantoniana, que España era a única nación, “patria común e indivisible de todos los españoles”. Obrigadamente (o peso da tradición histórica transferido en indicación impositiva polo ditador) a democracia encarnouse en réxime monárquico. Os antecedentes democráticos parecían estar na restauración borbónica, após o sexenio revolucionario e a Primeira República no século XIX, deixando o período da Segunda República no limbo, paradoxalmente o antecedente democrático máis próximo. Velaí toda unha visión da historia, da que hoxe aínda se está intentando saír… Verdadeiramente, o marco autonómico resulta hoxe un galimatías e unha fonte de contradicións. Primeiro foi a súa malintencionada xeneralización. Máis tarde unha continua obsesión polos seus límite competenciais. Sempre a permanencia de burocracias inúteis. Resulta difícil de aceptar que se mantivese constitucionalmente a estrutura administrativa dun estado centralista (provincias e deputacións) con todas as súas secuelas. Porén, o exercicio da práctica política lembra que unha cousa son as nacións e outra as rexións, que non se pode falar de autonomía política ou de autogoberno cando non hai autonomía financeira, nin regras de xogo que garantan a igualdade e a lealdade entre os distintos poderes políticos que exercen tarefas de goberno. A concepción de soberanía e o seu exercicio na actual Constitución impón un concepto de unidade que se fundamenta na hierarquización, na subordinación e na secundarización respecto do poder político central. Eis unha das graves retos pendentes, que se expresa en termos ben incisivos en todo o que fai referencia a cooficialidade dos idiomas que non son o castelán nos seus propios territorios.

Rubio Llorente, un dos asesores dos poñentes da Constitución, vén de avogar (El País, 02-12-2008) pola conveniencia de abrir un debate sobre a reforma constitucional. Detecta “un exceso de veneración por ella”, como si for “un texto sagrado recibido de arriba”. O ex-presidente da Generalitat, Maragall, recoñeceu hai pouco que o novo Estatut catalán representa un intento de reforma constitucional sen tocar a Constitución. Vai na orientación de facilitar unha futura reforma, desde un ámbito máis favorábel á democratización e á ruptura co peso da tradición histórica española. Se se pecha esta vía de presión e lexitimidade democrática desde as nacións do estado, estase agoirando que as reformas posíbeis desde as propias Cortes irán sempre nunha orientación que non romperá con dous sarillos do pasado, dúas tradicións sacralizadoras: a relixión como fonte simbólica ou ritual lexitimador das institucións do estado, e o imperio como concepción do poder.

 Posted by at 12:02
Dec 052008
 

Marta Dacosta

Días antes de conmemorarmos o noventa aniversario da asemblea nacionalista de Lugo, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) convocounos en Gondomar para homenaxear a Victoriano Taibo, o que foi mestre da escola de Guillufe (Morgadáns, Gondomar) desde 1930 a 1950 (coa paréntese do desterro entre 1938 e 1942).

Supoño que todos temos unha vaga idea de quen era este mestre, mais moi posibelmente non coñezamos minimamente cal foi o seu labor e o seu compromiso. Por iso hai que agradecer antes de nada o labor do IEM e, moi especialmente, o de Miguel Anxo Mouriño e José Luís Alonso, responsábeis de que a obra chegase ao remate e de que o seu resultado fose tan exitoso.

Porque só como éxito rotundo se pode cualificar unha actividade que encheu a escola daquel mestre cun público entregado e heteroxéneo. Alí estaba o pobo de Gondomar, os estudosos e, sobre todo, veciñas e veciños de Morgadáns, entre eles, os antigos alumnos do mestre, os que na segunda xeira da homenaxe lembraría a súa figura e recitarían de memoria os versos daquela aprendidos.

Foi, por tanto, unha homenaxe de xustiza poder recitar de novo ante os seus alumnos os poemas do mestre represaliado por ser galeguista, ante aqueles nenos e nenas de entón que lembran con singular nitidez o enfrontamento entre o seu mestre e o cura de Peitieiros, Cabaleiro, un cura que exerceu de censor e de quen queda triste memoria. De xustiza porque no mesmo lugar en que o mestre foi testemuña, sen sabelo, da fuxida de Alonso Ríos, volveron escoitarse os argumentos que Taibo esgrimiu un día, os mesmos que o levaron a asinar o Manifesto Nazonalista de Lugo. De xustiza porque aqueles nenos e nenas aos que lles roubaron a infancia e o dereito a se coñecer, escoitaban de novo as palabras do mestre, aquel mestre de quen contan que dicía “Fálame en galego neniña! En galego! Que é tan fermoso coma ti”.

Tantos anos despois a semente prende, ao seu xeito, e ao día seguinte da homenaxe cóntanme que en Morgadáns, unha parroquia das máis conservadoras do concello, non se fala doutra cousa, do ben que estivo o acto, de que había que facer máis cousas como esta, actos culturais que non consistan só en bailes e comilorias, actos para recitar poesía e encontrarse todas as veciñas e veciños. A semente prende, aos poucos.

A mediados de novembro, noventa anos despois da Asemblea de Lugo, volvemos escoitar as palabras de Taibo, as palabras do mestre de Guillufe que dedicou unha parte importante da súa produción literaria a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso político, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra, cunha decisión que tamén o levou a pensar noutros proxectos aínda máis combativos que, xunto coa súa obra literaria, dan mostra do seu pensamento e carácter.

“Na “Esfera” derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da “Esfera”, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.” (Carta a Manuel Antonio)

Victoriano Taibo, o poeta.

Victoriano Taibo foi un escritor da Xeración das Irmandades da Fala que pasou ao manuais de historia da literatura como unha referencia menor, pois se trasladou unha e outra vez que a súa obra era debedora de Cabanillas. Se cadra esta afirmación transmitida de tratado en tratado, deu lugar a que non lésemos a súa obra, para xulgarmos por nós mesmos canto había de certo nesa afirmación.

O IEM pediume que realizase un artigo sobre a súa obra poética, e debo agradecerllo, porque entón descubrín quen era realmente Victoriano Taibo, e asumín que estabamos diante dunha inxustiza co escritor e co home. Taibo gozou no seu tempo de ter a consideración de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, mais, como dicía, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos até este novembro cunha escasa obra poética publicada, amortece os logros que puideron quedar do autor. Sempre se considerou a Taibo como discípulo de Cabanillas, e isto non deixou que se lle dese o relevo merecido á súa obra, especialmente aos seus poemas máis líricos, aqueles que clasificamos como  intimistas. E a súa obra merece formar parte das antoloxías, pois como outras obras antologadas, contén os seus propios logros.

Mais, tamén temos que considerar ese “seguidismo de Cabanillas” no seu contexto. Pensemos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela os nosos escritores recibiron o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que levar á práctica a encomenda, pois era súa tamén a convición de formar o noso pobo. É dicir, estamos diante de obras poéticas que necesariamente debían confluír, pois foran xeradas por un mesmo propósito. E por outro lado, insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así o propio Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser “galeguista”.

Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre nas súas palabras, xa for para gabar a nación, xa for para criticar a quen lle viraba as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.

 Posted by at 14:11
Dec 012008
 

Museos Científicos Coruñeses (=mc2) é unha institución creada polo Concello da Coruña para a divulgación da ciencia. Concientes de que este labor tamén se pode facer desde o tempo de ocio e lecer, convocamos este I Campionato de Trivial, que se rexe polas seguintes bases.

BASES

Participantes.
Poderán participar todos os alumnos e alumnas matriculados en calquera Centro Escolar de Galicia no Ensino Primario e Secundario, tanto obrigatorio como posobrigatorio.
Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com.  
O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz. O gañador ou gañadora será a persoa que, finalizado o campionato, figure no posto número 1 e con máis puntos na clasificación. Para este campionato non se considera máis que un único premio.

Inscrición.

O Campionato desenvolverase entre o 15 e o 25 de xaneiro de 2009. As datas de inscrición serán entre o 10 de decembro de 2008 e o 13 de xaneiro de 2009.
O nivel de dificultade será de 1 (Fácil) e xogarase con 6 temas. Haberá un tema obrigatorio (Ciencia) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os cinco restantes.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 240 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 24 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.
 
Premios.
Establécese un único premio consistente nunha visita aos museos científicos coruñeses para trinta alumnos e alumnas do centro ao que pertenza o gañador ou gañadora, facéndose cargo os Museos dos gastos de desprazamento así como das entradas. A visita farase no mes de febreiro, en día previamente concertado. Os museos científicos farán entrega de un obsequio sorpresa á persoa gañadora do campionato e dun obxecto-recordo aos demais participantes.

A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Tamén é imprescindible facer constar o DNI.
Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 23:00
Nov 262008
 

Un artigo de Ermidas Valencia

Vivimos nun sistema que trata de  nos  educar de xeito diferente segundo sexamos homes ou mulleres.
 
Só temos que follear un catálogo de xoguetes, dos que estes días chegan ás nosas caixas de correo, para decatármonos  de  que ,  xa desde ben novos, temos que adestrar   naqueles oficios ou labores domésticos, para os que parecemos predestinados e predestinadas.
 
Sempre as nenas protagonistas do ámbito privado: coidado de crianzas e doentes, ou cociñeiras. Preocupadísimas polo seu  aspecto físico, pola beleza e a estética persoal.
 
As mulleres, sempre ideais de beleza, temos que estar e aparentar estar perfectas. Mentres os nenos constrúen barcos, pilotan avións, viaxan ao espazo ou  se pelexan contra o maligno, as nenas deben aprender a estar belas ou a ser futuras nais responsábeis.
 
Esta predisposición tamén marca como temos que falar as mulleres. En contextos monolingües, as mulleres sempre fan un uso do idioma máis coidado  e deixan os palabróns  para o sexo masculino.
 
No caso galego,  en que existen dúas linguas, unha de prestixio e outra, que durante anos foi a lingua á que o poder consideraba lingua dos pobres e incultos, non fai falta que expliquemos cal foi a lingua que se procurou para as mulleres.  Para que unha muller subise máis doadamente algúns chanzos na escala social, cumpría abandonar o galego  e cambialo polo idioma do imperio.

O 25 de novembro, día en que a sociedade reflexiona sobre a violencia que se exerce sobre as mulleres, queremos reivindicar que existen moitos tipos de violencia e que todos deben ser desterrados.
 
Temos que mudar a sociedade patriarcal  en que vivimos, que educa  as  nenas para que manteñan unhas regras de xogo inxustas e discriminatorias e que condena as mulleres ao traballo invisíbel para as cifras macroeconómicas.
 
Temos que mudar un sistema que condena a millóns de mulleres á pobreza extrema e que segue condenando, ás galegas que queren ser ben tratadas polos poderes establecidos, a mudar de idioma, deixar de usar a súa lingua materna e educar os seus fillos e fillas en español en nome do progreso social.
 

 Posted by at 17:00
Nov 202008
 

Un artigo de Francisco Rodríguez

 

O día 18 deste mes cumpríronse 90 anos do “Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo”. Significou un salto cualitativo no terreo ideolóxico e na vontade de incidencia social do movemento defensor de Galiza, existente desde mediados do século XIX. Os autores do “Manifesto”, pertencentes ás Irmandades da Fala, fundadas en 1916, pasaron a nomeárense nazonalistas, no canto de rexionalistas. Representa un programa de “Autonomía Integral” para Galiza. Fundamentárono sen ambigüidade no dereito básico a sermos, como nación, donos absolutos de nós mesmos: un autogoberno real con verdadeiras competencias. Tres propostas dos “Manifesto” poden dar idea da soberanía que sustentaba o autogoberno que propoñían. Do goberno galego dependería o réxime tributario, “sen intervención do poder central, ao que soamentes pagará o autónomo a cantidade que se fixe nos concertos económicos”. Consideraban que “a función dos Tribunais de Xusticia rematará en recurso derradeiro en Galiza e sempre realizada por funcionarios galegos”. Eran partidarios duns camiños de ferro nacionalizados, con cargo ao poder autónomo a súa construción e administración… Como vemos a anos luz do Estatuto actual e na liña do que o nacionalismo defende hoxe como alternativa.

A proposta internacionalista das Irmandades contaba con Portugal, xa república desde 1910, como parte dunha futura “Federación da Iberia”. Esperanzados coa paz, após o horror da Primeira Grande Guerra, por fín rematada, soñaban mesmo coa fin dos exércitos permanentes, coa súa redución ao papel de policía. O goberno galego fixaría o número preciso para a orde interna de Galiza. Sen representación parlamentar e con pouca incidencia social, asumiron que Galiza non podía ficar muda en circunstancias tan tráxicas como esperanzadas. A fin da guerra inter-imperialista parecía traer “o alboreo das nacionalidades”. Entendíano así ao veren como exercía o dereito de autodeterminación moitos pobos do centro e leste de Europa que estiveran sometidos aos imperios turco, ruso e austro-húngaro, perdedores na contenda bélica. Mesmo reforzaba a súa esperanza o feito de que o propio presidente dos Estados Unidos, Wilson, na súa declaración de 14 puntos, defendese o dereito dos pobos á liberdade, como unha das vías para estabelecer unha paz duradeira na Europa. No Estado Español unha grave crise do modelo bipartito, da alternancia, alentaba aos cataláns e algunhas forzas minoritarias a solicitar Cortes Constituíntes para a elaboración dunha reforma constitucional que, entre outros avances democráticos, favorecese a integración dunha Catalunya autónoma. Cabía todo menos a pasividade…

Desta forma, o nacionalismo galego foi depurando progresivamente o seu programa: pacifista, anti-imperialista e internacionalista, a favor das maiorías sociais. Unha peza chave é a transformación do Estado Español en Estado Plurinacional. Esta transformación é antitética ao poder oligárquico que o sustenta. Somos debedores destes esforzos dos nosos devanceiros. Seguimos vivindo nun contexto internacional de capitalismo aínda máis globalizado. O seu pensamento segue a estar vixente e as súas propostas non logradas aínda sinalan o salto cualitativo político que necesitamos. Hoxe o nacionalismo galego ten máis presenza institucional e incidencia social e política que o de 1918. A realidade do país mudou en moitos aspectos, para ben e para mal. Pero continuamos o esforzo por unha “soberanía compreta e sin cativeces”.

 Posted by at 12:31
Nov 162008
 

Xosé Mexuto

Arrumbados no faiado da historia Hayek, Friedman, Fukuyama, agora os ollos do mundo víranse cara a John Maynard Keynes e toda a retórica de Bretton Woods. Ben, é un avanzo. É mellor avanzar un paso que viver permanentemente no Neolítico. Keynes non está mal como paliativo, para enmascarar os síntomas da enfermidade. Ten o efecto do paracetamol. A curto prazo é probábel que a cousa non dea para máis. Keynes o que propuña era que o Estado se convertese na man visíbel para resgatar o capitalismo das ensoñacións anarcoliberais. É bastante máis do que está a propor, por exemplo, ZP, que continúa sen soltar amarras coa ala máis dereitosa da Internacional Socialista tal e como pon de relevo sistematicamente coa súa política de emiliobotín-dependencia. A que imos a Washington de ganchete de Sarkozy? Bingo, a levar a boa nova de que temos o sistema bancario máis solvente do planeta, o mesmo ao que lle acabamos de regalar 30.000 millóns de euros a cambio de nada. De nada? Máis ben da opacidade máis absoluta: nen sequer imos saber que bancos van arrepañar fundos públicos. Un eclipse lunar de información moi pouco keynesiano.

E logo hai sectores que queren ir alén da superficie dos fenómenos e queren saber algo máis. Non só como se fai para que a crise se note menos, senón que queren saber por que se produce este cataclismo, que racionalidade se agacha tras o caos. Aí Keynes ten pouco que dicir. Aí hai que inevitabelmente recorrer de novo ao grande Karl. Até un arcebispo alemán que compartilla apelido co xenio de Tréveris vén de tirar do prelo un libro sobre o capitalismo intitulado, oh surpresa, Das Kapital. “Karl”, di o clérigo Reinhard Marx, “non está morto e hai que tomalo moi a serio”. En 1848 un Marx de 30 anos predixo a mundialización do capitalismo como xerme da súa descomposición. Os seus escritos son de lectura obrigada para entender que pasa no mundo agora mesmo. Hai que achegarse a eles cunha atitude desavergoñada e antidogmática. O mellor de Marx é a súa visión de que o home pode mudar a historia. De que non hai nada predeterminado. De que o progreso social é posíbel se se pon vontade e traballo na tarefa. Non está mal que nos deamos agora unha pasada por Keynes, mais non esquezamos que aínda temos un mundo por gañar e que a historia non se vai deter por moito que se fabrique un novo Bretton Woods.

 Posted by at 23:51
Nov 102008
 

A casualidade quere que para este mes poidamos contar con dous libros que teñen moito que ver coa data do 25 de novembro. Trátase da tradución da obra completa de Sylvia Plath, do poeta galego Xoán Abeleiras, e da novela A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.
A autora americana (a quen desexamos ler en galego) é un exemplo de muller maltratada psicoloxicamente, pola súa parella e pola sociedade do seu tempo. Porén sempre se falou do seu carácter “histérico”, da súa inadaptación. Mais a realidade é que Plath, como moitas outras mozas americanas do seu tempo, vivía nunha sociedade que lle reservaba ás mulleres o único papel de adorno doméstico, amas de casa intelixentes que preparaban marabillosamente unha cea de negocios e tiñan unha conversa axeitada, capaces de manter o fogar e a familia mentres o home estudaba na universidade e se forxaba o seu futuro. Esa foi a realidade de Plath, que nin puido atender aos seus estudos universitarios, nin dedicar tempo á escrita dos seus poemas, non era o que se agardaba dela, e ela non o puido soportar.
A cabeza de Medusa é unha novela sobre a violación de dúas adolescentes, mais non tanto sobre a violación física, senón sobre a violación social que logo se produce, os preconceptos que converten ás vítimas en culpábeis e que as someten a un xurado que xulga o seu comportamento e a súa forma de vestir e esquece o acto de violencia, esquece os verdadeiros culpábeis.
Non son obras para ler onte, non. Son para ler hoxe, para incomodarse na cadeira en que lemos e levantarnos indignadas e dispostas.

 Posted by at 23:27
Nov 062008
 

Un artigo de Xose Mexuto Seoane

Estou basicamente de acordo con Chomsky cando afirma que os dous partidos norteamericanos son na práctica dúas correntes de opinión dun único partido político, o Bussines Party, mais esa sentenza non o explica todo, a realidade sempre é moito máis complexa e escorregadiza e, sobre todo, volátil, non estática, está nun permanente estado de mutación. É moi facilón escribir agora que republicanos e demócratas son o mesmo e descolgarse coa profecía autocumprida de que BHO (onde o H é nada máis e nada menos que Hussein) non vai tardar nen unha décima de segundo en defraudar espectativas e en semear o mundo de desencanto. Nada é igual a nada (nen sequer un individuo, como sabemos, é igual a si mesmo, hoxe somos distintos de onte e quen diaño sabe o que seremos mañá), así que só desde a preguiza podemos argumentar que Mc Cain é o mesmo que Obama (algo tan falso como aducir que o mesmo era candidatar a Clinton II que ao líder afroamericano). A respecto do desencanto, todo depende de onde poñas o listón da esperanza. Polo que a min respecta, son da opinión de que o trunfo de Barack Obama xa é en si mesmo un cambio virtualmente revolucionario nun país onde hai nada Sammy Davis Jr tiña prohibida a entrada nos hoteis de luxo (aínda que ás veces entraba grazas aos bons oficios de Sinatra, farémoslles unha oferta que non podan rexeitar).

Infelizmente Mc Cain non ten razón, así que Obama non vai abolir o capitalismo nos EUA nen vai nacionalizar máis do que xa nacionalizou Bush, o neoliberal que nesta materia compite agora abertamente con Chávez ou Evo Morales. Non, Obama non é marxista, mais si chega ao poder grazas a unha coaligación social en que son decisivos os excluídos e os non satisfeitos (utilicemos a terminoloxía de John Kenneth Gallbraith: non satisfeitos son os que non se sentían até agora representados polo establishment político do seu país). Os votos procedentes dos sectores populares (os mesmos que hai oito anos non acharon razóns para votar a Gore nen hai catro para apoiar a Kerry) son os que colocan agora o fillo do economista keniano ao fronte do Imperio.

Nunca nos deixemos enganar polas aparencias. A vitoria de Obama non é só a vitoria dun individuo. É perante todo a vitoria dun movemento social moi plural e complexo cuxos lindes van moito alén das estremas dun Partido Demócrata que tiña como candidata natural a Hillary Clinton. Non esquezamos que Obama venceu primeiro o aparato do seu partido e logo ao candidato da dereita. Non esquezamos que desde 2000, ano en que Bush II rouba as eleccións a Gore, as clases dirixentes norteamericanas esgazaron en dúas fraccións de intereses virtualmente irreconciliábeis. Esas dúas correntes do Bussines Party de Chomsky nunca estiveron máis enfrentadas. A Administración Bush, un fato de fanáticos entregados ao complexo militar industrial e enfrentados ao capital produtivo do seu país, agudizou as contradicións até limites insospeitados. O espectro da Grande Depresión de 1929 pairando sobre o Dow Jones fixo o resto. As cabezas mellor equipadas do capital tiraron a conclusión de que isto só o pode salvar alguén que non lle teña noxos a facer un chisco de keynesianismo. A corrente demócrata viu entón con clareza que só podía gañar a partida convidando a entrar no xogo a sectores da esquerda social (herdeiros dos movementos pacifistas e anti-imperialistas e de defensa dos dereitos civís vinculados ás minorías raciais) que até o de agora non manifestaban o menor interese polas ordalías eleitorais entre azuis e vermellos. Só esa grande coaligación puido derrotar a formidábel maquinaria eleitoral do Partido Republicano ao elevar o índice de participación até cifras estratosféricas para a cultura política norteamericana.

A incógnita agora está en saber se Obama vai ter as mans suficientemente libres para manter unha mínima cohesión no interior do bloco social que o levou a inflixir unha derrota histórica ao partido que en 1980 lanzou a revolución conservadora no planeta.

Yes, he could. El puido. Pero non o fixo só. Non pequena parte da súa vitoria se debe a un movemento xenuíno do pobo norteamericano -tamén no Imperio existe pobo- que agora vai estar moi atento a todo canto BHO faga.
 

 Posted by at 16:16