Nov 292020
 

E quen mellor para pechar esta serie de vídeos sobre Carvalho que a voz do propio autor?

O video recolle 38 minutos da entrevista que, por encargo da AS-PG e durante case tres horas, realizou a Carvalho Calero Francisco Salinas e que permanecía, videograficamente falando, inédita. A entrevista foi feita en 1989 e é, con toda seguridade, a derradeira entrevista dada por Carvalho que morreu en 25 de marzo de 1990.

Este vídeo forma parte das XXIX Xornadas de lingua e literatura organizadas pola CIG e a AS-PG. Ambas as organizacións poñen en aberto os materiais das mesmas.

Mai 172020
 

Así foi a ofrenda floral da Plataforma cidadá Queremos Galego no monumento a Carvalho Calero en Compostela :)Falamos con Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego

Publicada por Nós Televisión en Domingo, 17 de mayo de 2020

Queremos Galego realizou esta mañá en Compostela unha ofrenda floral diante da estatua homenaxe de Carvalho Calero, onde representantes de entidades a prol da lingua galega deron lectura do manifesto do Día das Letras 2020.

Participaron na lectura Ana Rodiño (da CIG), Ana Pontón (do BNG), Mercedes Espiño (da AC O Galo – Federación Galiza Cultura), Anna R. Figueiredo (da AELG), Eduardo Maragoto (da AGAL) e Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización.

A nosa asociación estivo representada pola presidenta, Patricia Varela, que na súa lectura enxalzou a figura do profesor Carvalho Calero.

Igual que Carvalho Calero, a AS-PG comparte a idea de Carvalho de que a nosa lingua é unha lingua universal.

Mil primaveras máis para a nosa lingua!

Mai 172020
 

Desde o día 6 de maio ata hoxe, Día das Letras Galegas, quixemos facerlle a nosa particular homenaxe a Carvalho Calero desde o blog Son de poetas.

Cada día, desde ese mércores, ata hoxe, diversos poemas deste autor foron publicados na antoloxía. Neste traballo colaboraron coa AS-PG Carme Suárez (IES David Buján), Pilar Tobar (IES Monelos). Algúns textos foron proporcionados por Pilar Pallarés.

Estes poemas foron versionados por moi distintos grupos e cantantes galegos. Os estilos son moi variados, con estilos moi diferentes, como podedes escoitar en Son de Poetas.

Podedes acceder a eles desde a etiqueta Carvalho Calero: preme aquí.

Queremos recoñecer o labor de AGAL que no ano 2010 organizou o concurso Musicando Carvalho Calero, iniciativa que propiciou que hoxe tivésemos unha gran selección de poemas musicados; e tamén agradecer aos músicos e músicas que se puxeron en contacto connosco, implicados na difusión da literatura galega mediante a música.

O galego é un idioma universal.

A música é un idioma universal.

Abr 292008
 

A AS-PG apoia a manifestación do día 18 en Santiago cuxo manifesto reproducimos abaixo. 

Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO

As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego” este 18 de maio de 2008, declaramos:

  1. Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza, e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza, e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
  2. Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
  3. Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
  4. Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos: comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.
 Posted by at 08:42