Set 222009
 

No inico de calquera curso son moitas as voces que opinan sobre educación. Pouco a pouco os ritmos mediáticos fan que todo volva ao seu curso e a educación ocupe o espazo que lle temos outorgado, isto é, un ben pequeno dentro das nosas preocupacións cotiás. Mais este ano o inicio de curso na nova era da liberdade plena en Galiza está sendo ben significativo da política que nos espera para todos os ámbitos. En primeiro lugar cómpre canalizar ben o descontento social que producen problemas moi complexos como son a crise económica ou a falta de respecto por case todo dunha xeración educada no hedonismo inmediato. En segundo lugar, ese descontento ten que ter un culpábel nítido e identificábel, pode ser un goberno ou a falla de tarimas nas aulas. Todo isto claro está acompasado das suficientes doses de venda mediática.

E unha vez realizadas as dúas operacións anteriores, a proposta de solución debe ser simple e fácil de repetir, tanto pode ser invocar a austeridade nas políticas públicas –reafirmando a idea creada de que a crise é produto do gasto e non un resultado do modelo económico–, inventar unha lei sobre a autoridade –como se esta fose o reflexo do papel e non o exercicio cotián– ou repetir que a liberdade de escolla mellorará a calidade educativa, sanitaria…

Asistimos á creación de diferentes discursos para lexitimar as decisións políticas que teñen como fío condutor unha noción de liberdade individual que esquece a condición previa da igualdade para a súa realización. Os debates sobre o ensino en galego, sobre a subvención con cartos públicos a colexios que segregan nenas e nenos, sobre o pulo á sanidade privada ou sobre a necesidade de que Touriñan teña por fin a piscifactoria que se merece, atopan na súa base un modelo de sociedade totalmente individualista que parte da premisa: “a mín dáme igual se me resolven o meu”. Fronte a un modelo baseado en crear as condicións para avanzar na igualdade entre a cidadanía como condición previa para poder elixir, agora proponse que elixir é un fin en si mesmo.

A xestión do público non é neutra nin carente de ideoloxía como constantemente escoitamos nos discursos xustamente de políticos en activo e con responsabilidades de goberno. Todo o contrario, xestionar sempre é decidir en base a unhas prioridades marcadas polo modelo de sociedade que se persegue. Xa sabemos que o goberno de Alberto Núñez Feixoó non é un bo xestor, mais tamén sabemos que o seu modelo social susténtase nun individualimo antigalego que maquillan coa palabra liberdade. Só coa palabraNo inico de calquera curso son moitas as voces que opinan sobre educación. Pouco a pouco os ritmos mediáticos fan que todo volva ao seu curso e a educación ocupe o espazo que lle temos outorgado, isto é, un ben pequeno dentro das nosas preocupacións cotiás. Mais este ano o inicio de curso na nova era da liberdade plena en Galiza está sendo ben significativo da política que nos espera para todos os ámbitos. En primeiro lugar cómpre canalizar ben o descontento social que producen problemas moi complexos como son a crise económica ou a falta de respecto por case todo dunha xeración educada no hedonismo inmediato. En segundo lugar, ese descontento ten que ter un culpábel nítido e identificábel, pode ser un goberno ou a falla de tarimas nas aulas. Todo isto claro está acompasado das suficientes doses de venda mediática.

E unha vez realizadas as dúas operacións anteriores, a proposta de solución debe ser simple e fácil de repetir, tanto pode ser invocar a austeridade nas políticas públicas –reafirmando a idea creada de que a crise é produto do gasto e non un resultado do modelo económico–, inventar unha lei sobre a autoridade –como se esta fose o reflexo do papel e non o exercicio cotián– ou repetir que a liberdade de escolla mellorará a calidade educativa, sanitaria…

Asistimos á creación de diferentes discursos para lexitimar as decisións políticas que teñen como fío condutor unha noción de liberdade individual que esquece a condición previa da igualdade para a súa realización. Os debates sobre o ensino en galego, sobre a subvención con cartos públicos a colexios que segregan nenas e nenos, sobre o pulo á sanidade privada ou sobre a necesidade de que Touriñan teña por fin a piscifactoria que se merece, atopan na súa base un modelo de sociedade totalmente individualista que parte da premisa: “a mín dáme igual se me resolven o meu”. Fronte a un modelo baseado en crear as condicións para avanzar na igualdade entre a cidadanía como condición previa para poder elixir, agora proponse que elixir é un fin en si mesmo.

A xestión do público non é neutra nin carente de ideoloxía como constantemente escoitamos nos discursos xustamente de políticos en activo e con responsabilidades de goberno. Todo o contrario, xestionar sempre é decidir en base a unhas prioridades marcadas polo modelo de sociedade que se persegue. Xa sabemos que o goberno de Alberto Núñez Feixoó non é un bo xestor, mais tamén sabemos que o seu modelo social susténtase nun individualimo antigalego que maquillan coa palabra liberdade. Só coa palabra

Este artigo tamén se publicou n´A Nosa Terra

 Posted by at 20:51
Set 172009
 

Levar a luta até o voto!

Nos vindeiros trinta días Portugal enfróntase a duas convocatorias electorais, as eleccións á Assembleia da República o 27 de setembro e ás Autarquías o 11 de outubro, e se temos en conta que no mes de xuño tamén tiveron eleccións europeas atopámonos cunha inflación electoral suficiente para deixar sen folgos a calquer organización política. E ademais dese empacho de eleccións Portugal enfronta ao igual que o resto do mundo unha grave crise económica que supón unha grande destrución de emprego e un aumento acelerado das desigualdades.

O Partido Comunista Português e os seus aliados do Partido Os Verdes na Coaligação Democrática Unitária (CDU) tiveron un bo resultado electoral nas pasadas eleccións europeas, aínda que o aumento de votos e porcentaxe non lles permitise acadar o terceiro eurodeputado; eses resultados e o ascenso da loita na rúa ao longo do último ano fan que encaren cun moderado optimismo as dúas vindeiras convocatorias electorais, moderado optimismo que non agacha a preocupación pola repercusión que poida ter no electorado a dura campaña que unha vez máis están a despregar os aparatos dependentes do poder económico e mediático, campaña tendente a instaurar dunha vez por todas o turnismo PS-PSD e provocar un cambio de posicións á esquerda do PS que supoña o aumento da opción representada polo Bloco de Esquerda e relegue a un cuarto lugar á verdadeira besta negra da dereita e da socialdemocracia portuguesa que é o PCP.  

"Levar a luta até o voto" é o empeño fundamental dos comunistas portugueses neste momento, conscientes das dificuldades existentes para que os milleiros de traballadores e traballadoras, funcionarios, agricultores, pescadores, pais e nais, usuarios do sistema público de saúde, etc…. que se mobilizan día a día en defensa dos seus postos de traballo, por unha política que defenda a produción propia, esixindo uns mellores servizos públicos e o aumento das prestacións sociais, dean o paso de transformar a súa acción de protesta nun voto afirmativo de apoio a aqueles que están día a día ao seu carón.

Na pasada fin de semana un comunista portugués dicíame que eran moi conscientes de que o seu voto para moita xente supoñía ter que facer un grande esforzo, e non porque riscar a casiña da CDU no colexio electoral sexa máis complexo mecanicamente senón porque asumir esa opción de voto supón enfrontarse a moitos anos de discursos e propaganda anti-comunista, moitos anos acusándoos de ser un obstáculo no avanzo e modernización do país por opoñerse ao desmantelamento da economía portuguesa coa entrada no Mercado Común, por defender o mantemento das nacionalizacións posteriores ao 25 de abril, pola súa aposta por un sistema público de ensino e saúde, e pola defensa da identidade nacional portuguesa fronte á globalización.

Esta conversa dábase no marco da festa do AVANTE!, que desde 1990 se celebra na fegresía da Amora no concello do Seixal (20 qm ao sul da capital portuguesa) un terreo que é propiedade deles, despois de ter pasado nos seus 33 anos de existencia por terreos pertencentes aos concellos de Lisboa e Loures. O PCP, segundo nos comentou un seu dirixente, chegou a barallar nalgún momento a non celebración da edición deste ano, tendo en conta as tres citas electorais co enorme gasto que supoñen e a grave crise económica; pero ao final decidiron asumir o reto e debo decir que acertaron dado que para min, e xa levo algúns anos asistinto á festa, foi unha das máis multitudinarias que recordo, acompañándose a cantidade de xente cunha grande carga política e un ambiente festivo e optimista.

Un ano máis a Festa do Avante! supuxo tres días de convivio nos que varios centos de milleiros de persoas visitaron o espazo de celebración do evento; sendo certo que son moi diversas as razóns que levan á xente a asistir (actuacións musicais, gastronomía de todas as rexións de Portugal e moitos países do resto do mundo, ampla oferta de libros de variada temática, debates e encontros políticos, bienal de arte, etc…) a ninguén se lle escapa que está organizada polos comunistas portugueses dado que as bandeiras vermellas, a fouce e o martelo, a estrela de cinco puntas e as proclamas á loita polo socialismo e pola defensa da soberanía nacional están presentes abondosamente no recinto. O feito de que moitas persoas que non son comunistas, ou que incluso se definen como simpatizantes doutras forzas políticas, participen na festa é un valor en si mesmo desta.

O nacionalismo galego voltou estar presente, coas nosas propostas políticas, a nosa cultura e a nosa gastronomía; unha presenza que ano a ano permite estreitar lazos co país irmán e cunha organización política que, pese ás distintas orixes e ao que poidan dicir algúns que se guían por preconceptos e esquematismos, defende postulados moi semellantes aos que defendemos nós.

Paseando nestes tres días polas avenidas da Atalaia un camarada comentábame o impacto que lle causaba o lema baixo o que englobaron as tres campañas electorais "Ruptura e mudança. Sim, é posíbel uma vida melhor", dúas frases contundentes que amosan forza e determinación, unha forza e unha determinación que amosaron os comunistas portugueses ao asumir o difícil reto de enfrontar en catro meses as tres convocatorias electorais e unha nova edición da festa.

Os resultados do 7 de xuño foron bos e a festa supuxo un novo éxito que amosa por unha banda a súa plena consolidación pese aos agoreiros e por outra a grande capacidade organizativa do PCP, agardemos que as lexislativas e autárquicas tamén supoñan un avance.

 Posted by at 18:36
Set 172009
 

Estiven nestes días lendo un moi exhaustivo estudo de J.F Correa Arias sobre o  papel da nobreza en Galiza desde o século XII ao XVI, centrándose especialmente  na evolución da casa de Andrade. O libro analiza as causas que inflúen no proceso de perda de peso de Galiza no ámbito da coroa de Castela, proceso no que os Andrade teñen un papel  fulcral,  e os correspondentes cambios sociopolíticos que a dinastía de Trastámara propicia ou impón, coa substitución da nobreza vella por outra cuxas familias proceden do mundo militar dos cabaleiros, foráneos en grande parte, e cuxo patrimonio deriva de vender a súa forza a quen máis pague e de espoliar os seus  administrados. Unha nobreza desarraigada, cuxas casas matrices estaban moitas veces fóra da Galiza, que unicamente era unha fonte de recursos. Unha nobreza carente de identificación cos intereses de Galiza, guiada só polos desexos de satisfacer os seus propios, lexítimos ou non, cousa á que dedican toda a súa enerxía, nun contexto político en que os reis de Castela necesitan a nobreza para consolidar o seu poder e os nobres venden o seu apoio a cambio de incrementar os seus beneficios, incluíndo neste grupo os bispos de Compostela, case sempre aliados do poder real, establecendo para isto un sistema de control e de goberno alleo á realidade da terra e que só favoreceu os reis e a nobreza señorial, que a cambio de lealdade política aos soberanos ven recoñecidos os seus privilexios.
Isto acontece  entre os séculos XIV e XV, mais a medida que lía o libro non podía deixar de pensar no paralelismo que se dá coa situación actual, no século XXI. Se naquel período o recadado en Galiza pasaba a engrosar o patrimonio dos  Zúñiga, ou dos Sarmiento, dos Benavente ou dos Enríquez de Castro, agora, cando as multinacionais e as grandes empresas  ocupan o espazo  da nobreza como soporte do poder, a nosa enerxía eléctrica, eólica, térmica  ou hidráulica, engorda o patrimonio de empresas  situadas fora do noso control, e o goberno do PP colabora imposibilitando que se poña en marcha a única medida elaborada por un goberno galego que pretendía ter un mínimo de control sobre os nosos recursos enerxéticos, especialmente os eólicos. Os gandeiros non poden desenvolver as súas potencialidades e o medio rural fica sen habitantes porque decisións tomadas ben lonxe de Galiza así o establecen, para favorecer outros intereses; coa pesca e a industria naval sucede outro tanto, sen falar das facilidades que o señor Feijoo dá para a nosa definitiva asimilación cultural ao propiciar que unha nova elite dirixente, desmesurada, verbalmente violenta e empeñada en crear un clima de desconfianza  social e autoodio, carente de identidade coa terra que a sostén, todo en consonancia con esa nova mentalidade de recentralización e de unidade, goberne agora Galiza, poñendo por encima de calquera valor a perda de poder e de peso de Galiza no conxunto do  Estado.
Ultimamente mesmo as decisións que afectan ao noso idioma se toman en tertulias radiofónicas ou televisivas situadas ben lonxe de aquí; ou en fundacións presididas por expresidentes, porque nesa idea de recentralización ten un papel predominante a exclusión do galego de todos os usos consolidados para o deixar á “libre elección” dos utentes .
No século XV os cidadáns galegos revoltáronse contra a extorsión nobiliar derrubando os símbolos da opresión e, embora fosen derrotados militarmente, gañaron en autoestima e dignidade, e sobre todo demostraron que era posíbel; agora, neste século XXI, as elites dirixentes non se apelidan Andrade, ou Sarmiento, mais a intencionalidade que os move é a mesma: contribuír todo o posíbel a asimilación de Galiza, sen reparar en nada e dando a volta, se é preciso, á realidade para apareceren como os oprimidos, como as vítimas que necesitan derrubar símbolos, especialmente  o noso símbolo por excelencia, a lingua.
Sabemos que é posíbel frear estes ataques e temos que facelo, a non ser que queiramos que o galego, e nós con el, sexa estranxeiro na súa patria.

 Posted by at 07:52
Set 102009
 

Meses afirmando que a misión do departamento de Educación era buscar o consenso en Galiza. E por fin está conseguido. Escasos cinco meses foron suficientes. Temos por unanimidade consenso no ámbito educativo. Aínda sendo este un espazo onde afortunadamente os puntos de vista son múltiples e diversos, neste inicio de curso reina o consenso. Xa non existe ningunha dúbida, estamos diante da xestión máis desastrosa, antigalega e reaccionaria, non que se recorde, senón que se podía ter imaxinado.
Nais e pais coa propaganda da gratuidade solidaria na casa e pagando os libros de texto, agardando a ver se poden ter unha praza de comedor e tremendo para que este inverno non sexa frío xa que se anuncia austeridade na auga, luz e calefacción das escolas. Será cousa de volver a escribir con luvas porque peor están os que lle pecharon as escolas. O profesorado agora sabe que cada vez que desde Educación se anuncie mediaticamente que unha materia é prioritaria, por exemplo a ensinanza de idiomas –que llo pregunten ao profesorado das Escolas de Idiomas ou a quen impartía francés primeira lingua–, teñen que poñer algo a remollo, porque serán os seguintes. Xa o dixo o presidente, estamos recortando o superfluo. Que pode ser máis superfluo que formar e transmitir coñecemento en tempos de crise?
O alumnado que se ande con coidado porque a pouco que se descoide pode considerarse a súa conduta ‘disruptiva’. Novo termo acuñado pola consellaría en cuestión para o antes denominado portarse mal e facerlle a puñeta aos profes. Este termo debe ser asumido pola Real Academia Galega en breve xa que non o atopamos no seu dicionario. Será porque están gardando o pasado e agora o que está de moda é outra lingua.
O termo pode semellar unha broma semántica máis deste goberno, se non for porque diante dos problemas tan complexos de comportamento que existen nas aulas, froito en boa medida dunha sociedade baseada no hedonismo inmediato e na exaltación do éxito fácil, non se recorre a redobrar esforzos en profesorado de reforzo ou a rebaixar o número de alumnado por aula.

Non.

Mellor eliminar as prazas dos formadores en valores durante o verán e dicirlles aos centros en setembro que teñen autonomía pedagóxica para coller os que se porten mal e encerralos todos xuntos nunha aula. Iso si, reducindo a plantilla do profesorado e baixo o epígrafe de atención a diversidade.

E isto só é o inicio do curso.

Este artigo tamén se publicou en Xornal de Galicia

 Posted by at 23:52
Set 102009
 

Celda 211. O Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia fotográfase orgulloso ao lado de Luís Tosar, protagonista do filme. O Conselleiro viaxa a Venezia, á mostra, para acompañar a presentación do filme, para demostrar o apoio institucional galego. Posa orgulloso e satisfeito no fotocol veneciano. Celda 211 está financiada en parte pola Compañía da Radio Televisión de Galicia, é dicir, con diñeiro público galego. O director é galego. Varios actores son galegos. Mais se procuramos información sobre a película veremos que a ficha di: película española baseada nunha novela de Pérez Gandul quen narra un motín nun cárcere sevillano e que foi rodada nun cárcere de Zamora.
A Tele galega presume da súa participación no filme, chámalle “película galega” (tamén é certo que hai que xustificar a inversión). En Tele 5 informan da grande acollida da película española en Venezia, falan de Luís Tosar, de Alberto Ammann, de Antonio Resines, emiten imaxes, non informan de quen é ese home de traxe gris ou azul que sorrí mostrando todos os dentes ao lado de Luís Tosar. Só algunhas galegas sabemos que é o Conselleiro que nos representa. En Tele 5 non contan que a película ten financiamento de diñeiro público galego. Na Primeira falan do Festival, dos filmes que obtiveron máis recoñecemento, non falan de Celda 211. Mágoa, porque parece que é unha magnífica historia.
Outra vez o mesmo de sempre. Seguimos na nora da confusión. Cómo é posíbel? Até un adolescente entende a situación e á hora do xantar, cando escoita na Galega iso de “película galega”, pregúntalle aos seus pais se no noso país imos poder ver a película en galego, porque iso é o que nos queda para preguntar, se a imos ver en galego, se despois de pagala imos poder vela no noso idioma. Os pais non responden, tal vez porque están pensando que a nora da confusión volve ser movida polo mesmo burro de sempre (con perdón para o burro, nobre animal onde os haxa), e que outra vez nos dan gato por lebre e nos falan dunha película galega cando non o é, porque se o for expresaríase no idioma de noso, presentaríase ao mundo como tal, e non é así, só hai que ler a prensa, ver a tele, navegar pola rede e comprobar como se recensiona o filme.
E chegar así á pregunta final, é este o modelo de cultura galega que pretende fomentar o Conselleiro Varela en nome da Xunta de Galicia?
Por favor, non respondan.

 Posted by at 09:19
Set 092009
 

Un vídeo do alumnado do IES Leiras Pulpeiro aportando razóns para falar galego. Foi 2º premio da
campaña "Entre Nós en Galego" no ano 2005.

 

 Posted by at 09:53
Set 092009
 

Sempre lamentei que institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega non tivesen unha actitude máis combativa e comprometida na defensa da lingua e da cultura de Galiza. Nunha palabra, que non estivesen máis impregnadas de dinamismo social e máis preocupadas por impulsar a normalización dunha lingua e dunha cultura marxinadas e agochadas para nós mesmos. Nunca fun dos que desprecei o valioso papel que podían desempeñar neste terreo. Non me foi, nen é, indiferente, a súa atitude perante os atrancos que poidamos padecer para restaurar usos do noso idioma, para establecer dereitos para os seus falantes . Por iso mesmo desacougoume que, en concreto, a RAG dese a impresión de estar vivindo nunha conivencia irresponsábel e suicida coa actual Xunta de Galicia, pensando en que as cousas non eran para tanto, que cabía con ela un diálogo proveitoso, e albiscando non se sabe que boas expectativas por mor do nomeamento de Anxo Lorenzo como responsábel de Política Lingüística. Mais non só non se rectificaron ou moderaron os obxectivos restritivos e destrutivos do PP, no plano teórico, senón que se están levando á prática cunha contumacia inflexíbel.

O cambio de actitude da RAG, expresado a través da intervención do seu Presidente, Xosé Ramón Barreiro, no acto en que lle foi entregado á Institución o premio Celanova, Casa dos Poetas, o día 6 deste mes, coa presenza do Presidente da Xunta, significa a recuperación da dignidade da Institución, a defensa da súa razón de ser legal e, moito máis importante, social. Este xesto pona en sintonía con amplos sectores da sociedade galega que acreditan en que os ataques ao noso idioma, a redución dos nosos dereitos lingüísticos, a destrución dos cativos pasos dados en sectores como o ensino perseguen que non teñamos conciencia como pobo diferente, que aceitemos un status de españolidade servil, que non nos recoñezamos nunca como galegos e galegas con dereitos plenos. Un ataque político en toda regra. Inocular máis desprezo contra a nosa lingua e a nosa cultura, secundarizala e minusvalorala aínda máis, dificultar a súa transmisión conducen ao seu exterminio e, con el, ao da consciencia de que somos pobo diferente.

Estiveron actuantes nas palabras do nada imprudente Xosé Ramón Barreiro, primeiro a legalidade: "Sr. Presidente, non podo desaproveitar a oportunidade; a Real Academia non pode ficar en silencio nin ollar cara outra parte cando se toman decisións e asinan decretos que atinxen á lingua ás súas costas". Quen debe opinar, segundo normativa legal, sobre o futuro decreto do ensino nen sequera foi consultado. Unha mínima dignidade esixía non calar e denunciar publicamente a falta de información, como así fixo Barreiro. En segundo lugar, estivo a rebeldía fronte á política aniquiladora do PP, a instancia á acción e ao compromiso, á loita, de "todos: políticos, intelectuais e pobo" para cumprir coa obriga de transmitirmos unha cultura, sen rebaixala, a cultura galega que, sen a lingua, non é nada, como se encargou de subliñar. Por suposto, foi tamén un convite á rectificación da política gobernativa en materia lingüística. Núñez Feijoo aparentou non inmutarse, limitándose a ler un discurso que levaba escrito, pero notábase cabreado, segundo recoñece, por exemplo, La Voz de Galicia, sen dúbida tamén cabreada cando cualifica a Barreiro de "provocador". Malia o Presidente da Xunta querer acoutar a RAG no mundo do pasado, nun residual enxebrismo soñador, tal e como se desprende sintomaticamente dos tópicos eloxios que lle dedicou, no seu discurso prefabricado, de certo que acusou como novidade inesperada a dignidade, a rebeldía e a censura pública do Presidente Barreiro. Probabelmente, o sr. Feijoo, con a súa hierática e espiritual expresión inquisitorial, cavilou en como facerllas pagar. Moitos galegos e galegas recibímolas con agradecemento e cavilamos en que a potencialidade do pobo galego, expresada na defensa e no uso da súa lingua, non vai ser destruída se todos os que, dalgunha forma, acreditamos nela, rexeitamos a política, fundamentada na mentira e na inversión da realidade, que o PP quer impor, para inxectármonos máis auto-desprezo e ignorancia… 

 Posted by at 08:03
Set 082009
 

Comeza un novo curso escolar marcado, entre outras moitas cousas, pola intención do Goberno de derrogar o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, despois dunha consulta ás familias que pretende lexitimar a política regresiva cara ao noso idioma previamente programada pola Consellaría de Educación.
Convén lembrar que foi a promulgación deste Decreto, aínda vixente e polo tanto de obrigada aplicación este curso que comeza, o que rompeu un "aparente consenso lingüístico" que duraba desde a aprobación do Plano Xeral de Normalización Lingüística.
E dicimos aparente porque quen agora goberna Galiza cunha política lingüística que transcorre do bilingüismo harmónico para o bilingüismo cordial, eríxese en firme defensor do castelán argüíndo que se rompeu o "equilibrio" entre as dúas linguas e identificándose plenamente coas teses de entidades que baixo a aparencia de defender dereitos individuais procuran simplemente o monolingüísmo en español, alcumado agora bilingüismo integrador.
Mais todos e todas sabemos que o equilibrio, a fin de contas, é un concepto comprobable mediante unha simple balanza. Coñecemos o funcionamento da balanza romana: para conseguirmos o equilibrio entre o obxecto que queremos pesar e o pilón temos que aproximar ou afastar este do punto en que pivota a barra. Canto mais o afastemos dese centro máis peso podemos colgar. Resulta evidente que, no momento presente, para mantermos o equilibrio entre galego e español o contrapeso ou pilón, o galego, se ten que afastar cada vez máis do fulcro porque o peso do obxecto a pesar, o castelán, é cada vez maior. E aínda así hai equilibrio, polo menos mentres non se acabe o brazo da balanza, cousa que ben lle podería agradar á Consellaría de Educación.
Mais está claro que a sociedade galega non quere ese tipo de equilibrio desequilibrador, e aí están as manifestacións como a do 17 de maio ou as diferentes plataformas xurdidas nos últimos meses e promovidas por persoas e entidades ideoloxicamente ben dispares. Faise necesario regular e establecer outro tipo de relación entre galego e castelán, fundamentado máis na balanza de pratos (cos diferentes contrapesos situados a igual distancia do punto de pivotación) do que na romana.
É nesta dirección que ten actuar calquera norma que regule a presenza do galego no ensino porque é ese camiño marcado no Plano Xeral de Normalización Lingüística elaborado baixo o goberno do PP, aínda que nunca acreditou nel, e que desenvolve o Decreto 124/2007. Trátase simplemente de establecer un novo tipo de relación, fundamentado nunha relación de igualdade entre galego e castelán, colocados ambos nun prato de balanza. Só así manteremos, polo menos no sistema educativo, o equilibrio. Outra cousa é o que suceda fóra do ámbito académico, sen balanzas legais que actúen de contrapeso e onde a política seguida por este goberno é simplemente non facer nada para que todo vaia a peor.
Podemos preguntarnos a razón pola que, no tempo das balanzas dixitais que meden con exactitude o peso de cada obxecto, e aí están todos os estudos científicos realizados nos derradeiros anos que confirman a perda de peso do galego, o PP quere medir a relación galego-español no ensino coa balanza romana? Pois porque quen algunha vez teña utilizado este instrumento para pesar, sabe que cando o obxecto a pesar ten moito máis peso que o contrapeso da balanza, un pequeno descoido pode facer que o pilón, neste caso o galego, saia disparado do brazo da balanza. Non outra cousa pretende o PP, que o galego saia do sistema educativo, ou senón que permaneza alí nun curruncho, afastado e en cuarentena.
Por iso non podemos descoidarnos, porque a galeguización do sistema educativo, na expresión e nos contidos, planificando en función da nosa realidade nacional, das nosas necesidades culturais, técnicas e profesionais, é unha tarefa imprescindíbel e inadiábel. Ese ten que ser o noso compromiso
PS.
Este goberno manifestou que o galego sería unha das súas prioridades. E está a cumprir. En pouco máis de 100 días derroga o Decreto do ensino infantil, suprime a proba en galego nas oposicións, suprime as axudas á tradución en galego, exclúeo dos SERGAS, fala de modificar topónimos. Quen dixo que non cumpría? O galego, a súa eliminación, é a súa prioridade.

 Posted by at 09:29
Set 032009
 

Castelo de Soutomaior, 29 de agosto. Acto, seica, de "apertura do curso político" do PP. Denominador común nas intervencións, a xenreira contra a lingua galega. Rafael Louzán –“Rafa”, no Casino de Pontevedra– esbardalla no seu mellor papel de paxe-bufón de Mariano Raxoi, e afirma que agora xa se pode falar en galego ou en español, libremente. Co anterior Goberno, non. Obrigábaselle á xente a falar en galego. Esta barballada recibiu aplausos dos cargos do PP asistentes ao evento.

O propio Raxoi, en entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia (grupo empresarial comprometido co combate contra o galego que acaba de ser beneficiado con máis de un millón de euros polo fomento do galego e a defensa da identidade de Galiza) asevera, en perfecto español, que “no me gusta hablar del gallego ni del castellano (…) a mi de lo que me gusta hablar es de libertad. Yo tengo dos hijos, y a mi me gustaría educarlos como yo quiero”. Aí temos o caso dun pai, analfabeto no idioma do país que o viu nacer –e do que renega–,  que pretende que os seus fillos sigan o mesmo camiño de ignorancia, incultura e alienación que o pai. O segregacionismo racista, a discriminación antigalega, transfigúrase en liberdade.

E aí temos a aposta pola liberdade do actual Goberno. Como se defende a liberdade? A resposta é doada. En apenas 100 días, substitución da imaxe corporativa das Galescolas polas xa denominadas “Galiñas Azuis”, derrogación do Decreto do ensino infantil, revogación do Decreto do galego no ensino non universitario incluíndo unha suposta “consulta” co correspondente suposto escrutinio e supostos resultados en prol do suposto bilingüismo amábel, supresión da proba en galego nas oposicións, supresión das axudas á tradución en galego, cursos en español para funcionarios e funcionarias na EGAP, anuncio de subsidio ás expresións culturais en español (tamén apoiadas polo goberno español), uso sistemático do español por membros do Goberno, definición do Plano Xeral de Normalización como “simple remuíño de ideas”, exclusión do galego nas comunicacións do SERGAS, silencio perante casos de discriminación laboral e vexacións polo uso do galego, máis de dous millóns de euros de subsidio a medios de comunicación que se rin do noso idioma e cultura, introdución do español nos informativos da TVG (de momento na G2), criminalización da Mesa pola Normalización Lingüística e ameazas de ilegalización… e así sucesivamente. En só 100 días. Este é o seu concepto de liberdade. A liberdade que nos nega e nos encadea. Como no franquismo.

Isto, e non outra cousa, é o que temos diante galegos e galegas. A besta. Por iso é indispensábel articular respostas populares masivas e coherentes, á altura da gravidade das circunstancias. Deixémonos de leas e de enguedellamentos. O que precisa o pobo galego é unidade, clareza, pedagoxía e mobilización social en defensa do que nos conformou historicamente como sociedade, como pobo diferenciado, como nación. A lingua. Non se trata de politizar o debate lingüístico. E que o galego é un problema político. E na saúde dun idioma, ou nos dereitos lingüísticos dos seus utentes, a política ten un papel determinante. Eles, os inimigos do galego, téñeno moi claro. E sería bon que nós actuásemos en consecuencia.

Queremos Galego é unha plataforma social de recente creación, participada tamén polo nacionalismo galego xunto a outros sectores sociais e ideolóxicos, empeñada en dinamizar e mobilizar o pobo galego nas próximas semanas en defensa do noso idioma. Naceu para iso. Todo esforzo social de concienciación, convencemento, clarificación e dinamización vai ser vital neste camiño. E nesa orientación temos que nos entregar. Eles, o PP (e non só), traballan para que as medidas que están a perpetrar teñan efectos devastadores e irreversíbeis no tempo. Daquela debemos ser conscientes do que nos xogamos colectivamente. Non é un problema meramente electoral, nin de primacía de liñas ideolóxicas no campo nacionalista. Vai alén. Trátase da nosa supervivencia nacional, e do futuro como pobo. E con iso non se xoga

 Posted by at 12:15
Set 022009
 

Na súa primeira declaración ao respecto das eleccións presidenciais celebradas en Afganistán o pasado día 20 a Unión Europea, que ten no país 250 observadores para facer seguimento dese proceso, manifestou que estas tiñan sido "correctas e equitativas" ao tempo que felicitaba ao pobo afgano pola súa vitoria, aínda recoñecendo que non foran unhas eleccións libres en todo o país. Nos días seguintes foron os secretarios xerais da ONU e da OTAN, Barak Obama e o goberno español entre outros os que voltaron amosar a súa satisfacción polo desenvolvemento do proceso electoral democrático con normalidade.

Afganistán é un país ocupado por máis de 100.000 soldados da OTAN e dos Estados Unidos, o día das eleccións houbo máis de 50 mortos en enfrontamentos armados e atentados, o día anterior foi bombardeado polos talibáns o Palacio Presidencial, non había censos fiábeis e curiosamente segundo dados oficiais nos listados de votación aparecían con dereito a voto cinco millóns de persoas máis que afganos maiores de 18 anos, o 70% do eleitorado estaba composto por mulleres (dado que podían inscribilas os seus homes sen a presenza delas), as tarxetas para identificarse nas mesas de votación carecían de foto polo que non era posíbel identificar a quen as portaba, a tinta coa que se marcaba a quen votaba co obxecto de que non poidera votar de novo eliminábase facilmente só con auga e xabrón; até aquí dados constatábeis pero ademais segundo diversas fontes as tarxetas de votación podían conseguirse no mercado negro ao prezo equivalente a seis euros e nalgúns distritos só foron votar duas de cada mil persoas inscritas.

Vai facer agora un ano a Unión Europea tamén enviou observadores a outras eleccións, neste caso as que se realizaban na República de Bielorrusia, unha ex-república soviética que ten fronteiras entre outros países con Polonia e Rusia. Nesa ocasión a UE manifestou que as eleccións foran fraudulentas e non cumpriran nin de lonxe cos requisitos que deben ter unhas eleccións democráticas.

En Bielorrusia non había militares estranxeiros defendendo a liberdade e a democracia dos seus habitantes e do resto do mundo fronte ao fundamentalismo e ao eixo do mal, os censos non foron cuestionados por ninguén, participou nas eleccións máis do 70% do censo, e ademais non se produciron mortes nin atentados na xornada electoral. Os 400 observadores internacionais non foron quen de amosar cuestións graves no proceso e só falaron de algunhas irregularidades no reconto e no voto antecipado, pero pese a esta realidade declararon que as eleccións foran un fraude.

O actual, e previsibelmente reeleito, presidente afgano Hamid Karzai é un escuro líder tribal que mantivo sempre excelentes relacións coa CIA, sendo un dos seus peóns na loita contra os soviéticos nos anos oitenta do século pasado e no apoio económico ianqui aos talibáns, separándose deles posteriormente e organizando un movemento opositor que de novo co apoio imprescindíbel do exército dos USA e da OTAN o levou ao poder dun país que sigue a ser o primeiro abastecedor de droga do mundo.
O presidente bielorruso Aleksandr Lukashenko sendo deputado opúxose á desaparición da Unión Soviética defendendo os principios comunistas e denunciando a corrupción do sistema, e desde que ocupa a presidencia o seu país pasou á estar á cabeza de entre os que formaban parte da antiga URSS en renda per cápita, esperanza de vida e alfabetización, mantendo a gratuidade do ensino e a sanidade, ademais de desenvolver como base da economía un complexo agro-industrial e manter o seu país moi lonxe do imperio das bandas mafiosas tan habituais noutros países do leste de Europa.

Terá algo que ver a orientación política dos presidentes de Afganistán e Bielorrusia na distinta cualificación que os observadores europeos deron a estes dous procesos electorais, ou será froito da casualidade que os amigos dos EEUU saiban facer eleccións limpas e os que buscan construír outro sistema sexan acusados sempre de cometer fraude electoral?

 Posted by at 16:21