Xuñ 032009
 

No cinema, na literatura, é frecuente o tratamento da amnesia como elemento definitorio de personaxes e de historias. Tamén nas series televisivas de asunto médico achamos casos de pacientes que despois dun accidente ou dun choque emocional fican ancorados nun momento do pasado, imposibilitados para lembrar nada do que sucedeu con posterioridade a esa data. Esa perda de memoria pode deberse a unha doenza, unha lesión ou a un evento traumático. Nun libro de Beatriz Vera Poseck, Imaxes da loucura: a psicoloxía do cinema, analízase o tratamento cinematográfico de todas estas doenzas a través dun bon número de filmes de todas as épocas. Lembro isto porque tal vez o Partido Popular e o seu Presidente están a interpretar un dos mellores filmes de tema amnésico da historia recente, seguro finalista dos próximos Premios Mestre Mateo, se non se decidir suspendelos despois de se divulgar que o Mestre Mateo falaba galego todo o día, mesmo co Rei Fernando, e tamén os canteiros do Pórtico da Gloria, e os bispos e os curas.

Dentro dos tipos de amnesia encontramos a amnesia disociativa, de carácter exclusivamente psicolóxico, pois o cerebro non sufriu dano físico, mais a mente do individuo "elixe" prescindir dunha parte dos seus recordos por lle resultaren traumáticos ou dolorosos. A amnesia disociativa, isto é a que non se debe a lesión física no cerebro, soe asociarse coas "lagoas de memoria" e pode ser de diferentes tipos, sendo a máis común a localizada, que é aquela que se refire a un momento concreto do tempo.

Tal parece ser a amnesia que afecta ao Partido Popular, que non lembran nada do sucedido neste país desde 2005, o annus horribilis en que o electorado galego decidiu que podía haber outras opcións de goberno diferentes ás dos 16 anos anteriores e o PP entrou na fase amnésica posterior á perda do Goberno, unha amnesia retrógrada na clasificación de Beatriz Vera.

Hai quen sostén que o Partido Popular non contaba gañar as eleccións. Pode ser. Mais cando despois do 1 de marzo o Señor Presidente espertou á realidade do goberno, fíxoo seguindo as pautas dun guión cinematográfico magnificamente urdido, filmando en diferentes escenarios e case sempre cun único actor principal que só cede algunhas escenas a especialistas, encargados de rodar as secuencias con máis efectos especiais: redución das listas de espera, consulta aos pais e nais sobre a lingua vehicular no ensino, etc. Sen esquecer, claro está, a lista de figurantes e de siglas que figuran nos créditos finais.

O guión deste filme ten como liña argumental non ter en conta nada do sucedido en Galiza entre o ano 2005 e o 2009, un tempo inexistente, innomeábel, situando os principais asuntos no pasado, cunha fixación que non se detén en nada: tanto dá modificar a lei da Función Pública para eliminar a posibilidade de realizar un exame en galego, como recuperar a imaxe pasada do Xacobeo aínda que iso supoña unha perda de diñeiro neste tempo de aforro; tanto ten derrogar as normas do hábitat como o Decreto de uso do galego no ensino ou utilizar o portal oficial da Xunta para censurar o labor do anterior goberno. Tanto dá, porque só interesa a recuperación do poder pasado, a execución dunha política retrógrada, por canto vai cara atrás no tempo, trátase de utilizar a retropopulsión como programa de goberno sen importar os custos.

Nos filmes a amnesia pode ser excitante. Xeralmente o ou a protagonista precisa recuperar fragmentos do seu pasado que restitúan a súa identidade. Gobernar baixo as consecuencias da amnesia supón manterse illados no presente e ser incapaz de imaxinar experiencias de futuro, non tendo tampouco a garantía de poder recuperar o pasado.
E mentres este filme segue a súa rodaxe, na Galiza real e actual, aqueles e aquelas que somos quen de lembrar, que facemos? 

 Posted by at 11:51
Xuñ 022009
 

Talvez debería este ser un artigo adicado a esa campaña electoral que nos vai levando de pobo en pobo e nos confirma a idea de que Bruxelas está lonxe, moi lonxe. Campaña por outra banda moi interesante para comprobar o nulo interese que teñen certos partidos políticos por abordar de qué Europa podemos falar agora que está en crise o presuposto básico sobre o que se asentou a Unión Europea.

Porén, hai un tema cunha certa raíz europea que por supostamente menor pasou desapercibido para moitos medios e supoño que para a maioría da cidadanía. Isto é, o Camiño de Santiago e o retorno ao vello logo do xacobeo. O Xacobeo 2010 está aí á volta do verán e o novo goberno no canto de presentarnos o seu proxecto decide pasar a facer oposición da oposición.

Así, nun primeiro momento volvemos ao vello esquema de incluír o Turismo na Consellaría de Cultura desaproveitando todas as sinerxías que un departamento de Industria ofrece para fomentar unha importante acitividade económica, mais no canto de aproveitar o aspecto máis identitario e cultural do turismo comezamos por estabelecer que a cultura galega limita. Non sabemos con qué ou se polo norte ou o sur, pero o conselleiro afirma que limita.  Máis tarde pasan a falar de que non están feitos os deberes para as exencións fiscais cando estas están recollidas na propia Lei de Orzamentos do Estado. E sen recoñecer nin unha liña do programado afirman que por gran novidade vólvese ao logo antigo de Xesús Pérez Varela.

Despois dun concurso de ideas, de todos os requerimentos legais para que sexa oficial, de ter dados os permisos necesarios para poder ser utilizado por outras comunidades se así o desexan ou dos tres anos de promoción do Camiño empregando o logo da frecha amarela co que se rotula albergues, sinalizacións, folletos…  decídese que a dirección de futuro cara a adiante que marca o logo en cuestión non é a máis acertada para os tempos que corren.

Os camiños que chegan a Compostela teñen tantas significacións como as mochilas dos peregrinos que os percorren. Agardamos que nunha delas viaxe ese espírito europeo do Camiño como construción colectiva

 

 

 

Este texto tamén se publicou en A Nosa Terra

 Posted by at 19:14
Mai 302009
 

Hai desinterese e confusión en moitos demócratas de vocación cosmopolita ou universalista polos resultados práticos da Unión Europea. Malia a súa propensión a aceitaren procesos de suposta modernización a calquera prezo, agora o desencanto abáfaos porque a unidade tiránica do mercado único é o dominante. Mesmo pesan máis a involución e a desigualdade política e social que os logros democráticos xeneralizados. Porén na Galiza aínda fican panexiristas irredutíbeis, non da idea favorábel a unha Europa unida na igualdade e na harmonía, senón desta UE. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, denominaos europapanatas. Algúns chegan mesmo a trocar a situación, na mellor tradición auto-agresiva, culpando, por exemplo, os nosos labregos produtores de leite de non saberen competir en mercado tan beatífico e neutral. Xa se sabe os galegos non valemos. Temos unha tara xenética. Non somos quen de modernizarnos. Resulta irritante a cegueira interesada de quen non ve o sufrimento, a tortura a que está sendo sometido o sector lácteo galego, precisamente pola súa capacidade para competir, polo seu esforzo por se modernizarse, mesmo con pautas, criterios e regras de xogo ao servizo doutros. O problema está na comercialización con dumping, na falsificación do libre mercado con regulacións discriminatorias para uns e favorábeis para outros, no abandono forzado da produción agraria. Está no deseño político deste espazo globalizado que é a UE, claramente xerarquizado e desigual. En grande maneira, non deixa de ser o vello modelo sobre o que se construíron os Estados centralistas e imperialistas que a hexemonizan.
Chegamos así ao cerne da cuestión. Calquera proceso de unidade económica ten que se fundamentar no respeito pola capacidade de decisión política dos pobos, das nacións, a soberanía. Non en balde, mesmo un presidente demócrata dos Estados Unidos, Wilson, idealista con certa vocación internacionalista, propuxo, após a primeira grande guerra, a aplicación do dereito de autodeterminación para conseguir unha Europa unida e en paz. A unidade positiva, incluída a económica, só é posíbel desde esta concepción. O pobo galego ten que ter capacidade de participación, de diálogo e de decisión nos deseños que o afectan. Os nacionalistas galegos, historicamente e no presente, sempre recoñecemos o valor positivo da interdependencia económica das nacións. Sabemos que a súa complementariedade económica é un factor chave para o seu progreso e para a súa convivencia pacífica. Interdependencia, complementariedade en función do beneficio mutuo. Curiosamente, na Conferencia Interparlamentaria de París, de 1937, no seo da Sociedade de Nacións, seis Estados danubianos (Austria, Bulgaria, Hungría, Romanía, Checoslovaquia e Iugoslavia) propugnaron a súa Unión económica, para romper as normas que impoñían, xa entón, as grandes potencias.
Non acreditemos na tiranía dunha suposta competencia nun imaxinario mercado libre. Na UE todo o que interesa está regulado. Non existe neutralidade senón normas ditadas politicamente en beneficio dos sectores transnacionalizados e da capacidade de presión específica da cada Estado. Resulta aberrante unha globalización económica que provoca o abandono total da agricultura nun país (o caso galego), mentres o obriga a consumir "alimentos que se producen a 6.500 quilómetros de distancia do fogar", como moi ben dixo o sociólogo filipino Walden Bello recentemente en Santiago de Compostela. A necesaria reestruturación do sistema ten que pasar polo equilibrio económico entre as nacións e, xa que logo, pola viabilidade dun tecido produtivo de seu, comezando polo sector agrario. A dependencia do sector público dos sectores estratéxicos da economía, concretamente o enerxético, é outra condición para unha planificación responsábel do futuro, incluída a capacidade de combater o cambio climático.
En 1947, no barco no que regresaba de París a Buenos Aires, após ter sido ministro do Goberno da República no exilio, Castelao escribía: "Europa é un conglomerado de vellas nacionalidades, que non se transloce no mapa dos seus Estados, porque alí a división política endexamais se axustou á vontade dos pobos, nin á lingua que falaban, nin sequera ao interese do conxunto, senón á lei que impuxo cada vencedor nas múltiples guerras que leva sufrido". A Unión Europea que defendemos os nacionalistas está no recoñecemento da soberanía dos pobos, das súas linguas sen excepcións, no diálogo e acordo que asegure o interese do conxunto, de todos, no pacifismo e, consecuentemente, no cambio de modelo socio-económico. Non é máis que a continuación lóxica da nosa proposta de transformación do Estado español.

 Posted by at 22:59
Mai 272009
 

Este é o texto, tomado de Vieiros.

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN

Somos
un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro
Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns
dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a
distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre
a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo.
Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e
opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben
consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben
ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma
pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E
vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non
seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non
se restrinxe ao ámbito privado. 

En declaracións ao “Faro de
Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos
de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía:
“Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas
nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos
retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente,
declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos
isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos
acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi
diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con
algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, 
modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación
científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o
francés, o alemán ou, desde logo, o castelán.  Ben é certo que o galego
non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a
grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o
castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés,
e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non
foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente
evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión
dun tema tan delicado e importante coma este.  E tamén reivindicar o
galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como
estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,

Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento – USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño,
Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de
Física e Instrumentação de Física de Partículas) – Lisboa (Portugal),
experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín,
Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal
Holloway University – Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento – USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University – Montreal (Canadá), experimento Atlas.

 Posted by at 23:26
Mai 242009
 

As palabras non poden ser correctamente interpretadas se non é no seu contexto discursivo e socio-cultural. No campo das ideas, do debate intelectual e político, da información, cómpre que o vocabulario abstracto sexa o máis preciso posíbel sen dar pé a malinterpretacións ou a confusións. O uso polisémico dun termo político é unha fonte de manipulación. Non axuda á clarificación da realidade concreta na que vivimos. Deste uso polivalente, calculado e interesado, provén unha ambivalencia moi útil para a manipulación ideolóxico-política.
A palabra nacionalismo padece este uso manipulado, nada alleo a unha dialéctica política que pretende a intoxicación. É a dialéctica ideolóxica dunha concepción presuntamente democrática que pretende o descrédito dos movementos nacionalistas, en especial no Estado español. A trécola consiste en empregar este vocábulo para designar realidades, movementos ideolóxicos, antitéticos. Ningunha das linguas das nacións sen Estado da Península Ibérica está ao marxe desta perturbadora utilización. Na pragmática do galego comezou a aparecer recentemente. É esta unha etapa histórica onde a utilización manipulada cobra especial relevo. Non hai que esquecer que estamos no paroxismo globalizador (aquí, xa se sabe, españolizador). Os ataques contra o nacionalismo catalán, vasco ou galego foron e son de tal entidade que os usos negativamente connotados do termo predominan no español. Mesmo nas filas nacionalistas catalanas, vascas e, en menor medidas, nas galegas, produciuse o fenómeno de denominar nacionalismo español as manifestacións políticas de ámbito estatal, de xestación centralista, agresivas cos dereitos de Catalunya, Euskadi e Galiza, a seren nacións normais. Desta maneira, desde perspectivas ideolóxicas e intelectuais democráticas o que, en puridade, é centralismo españolizador, colonialismo cultural e lingüístico, imperialismo e mesmo xenofobia, odio e intolerancia contra o diferente, vén denominarse da mesma maneira que a súa antítese. Con finalidade pexorativa, homológase quen ten o poder e o usa para o dominio con quen o padece e pretende rectificalo para conseguir unha relación de igualdade. Non podemos aceptar que a mesma palabra sirva para significar a defensa do dereito a existir con normalidade dunha nación sen estado, e a exasperación e intolerancia expansionista e destrutiva exercida con todo luxo e ostentación de poderes mediático, económicos e políticos contra eses dereitos nacionais. Pode haber maior cerimonia da confusión?
Estamos, pois, perante un termo problemático, pero imprescindíbel, inexcusábel. Acoutemos a cuestión: na pragmática lingüística en galego, na Galiza, deberíamos usar nacionalismo só para nos referir á “doutrina política que reinvindica o dereito das nacións a auto-gobernarse, constituindo mesmo un Estado propio, en consoancia co dereito de autodeterminación”. A agresiva política do Partido Popular contra o galego non é manifestación de nacionalismo español. Éo do españolismo centralista, asentado en poderes institucionais, económicos e mediáticos de ámbito estatal que perseguen a súa eliminación. Combaten a existencia do pobo galego como pobo diferenciado, comezando pola expresión máis xenuína desta diferencia: a lingua propia. Trátase de nos privar de conciencia colectiva, de choer unha saída política de nós, de imposibilitar a conformación dunha vontade política nacional. A vocación imperial do Estado centralista, as forzas que o sustentan, xera esta ideoloxía e esta práctica que, nunha tradición terminolóxica acaída, debemos coñecer como centralismo españolizador, imperialismo con asimilación cultural e lingüística.
Unhas veces ten un substrato fondamente fascista e outras, como agora, adubíase con pingas de ideoloxía democrática e liberal. En nome da liberdade individual, da democracia como expresión dunha maioría española, desprezando sempre dereitos humanos inalienábeis, négase o dereito dos galegofalantes a exerceren con normalidade na súa propia terra, e mesmo que o galego é o idioma propio de Galiza. España é a única nación existente e os españois constitúen un único pobo con dereitos políticos. Galiza só é unha variante menor de España e os galegos unha categoría inferior da españolidade. Coincidirán comigo en que o nacionalismo galego é a antítese desta concepción, que, por tanto, non cabe baixo a mesma denominación con distinto xentilicio.
Resulta malévolo denominar da mesma maneira a quen predica e practica unha política de exterminio cultural e lingüístico para o pobo galego deixar de ser un pobo con futuro político, que a quen combate esa concepción cunha alternativa antitética

 Posted by at 00:10
Mai 232009
 

Nos días previos á invasión do Iraq, os estrategos americanos mostraban ao mundo unhas imaxes, que o común dos mortais asociabamos claramente cun camión de reparto de conxelados, mais que houbemos de aceptar escondían tremendas armas de destrución masiva, despois da severidade con que nolo advertiron Bush e os seus asociados perante a mesmísima ONU. O Partido Popular, liderado a esa altura por Aznar, apoiou con entusiasmo a idea, por certo por boca das mesmas persoas e dos mesmos medios que agora disparan os dardos da imposición lingüística.

Cando, iniciada a guerra se aproxima a toma da Bagdad, de novo se ofrece ao mundo, en directo polas televisións americanas, por unha parte o ataque ao hotel Palestine en que se aloxaba a prensa e por outro o derrube da estatua ecuestre de Sadán, accións ambas con evidente simbolismo: amedrentar a liberdade informativa representada pola prensa internacional e simbolizar a caída do réxime, reafirmada despois coa execución pública de Sadán e as burlas dos seus verdugos.

Por mais que se demostrou unha e outra vez a falsidade de todas estas accións a única verdade é que os EEUU, e os seus axudantes, acadaron o seu obxectivo, ou polo menos unha parte.

A historia nunca se repite, mais as estratexias do colonizador soen ser as mesmas desde os tempos de Marco Antonio e Cleopatra, caendo nos mesmo erros de análise, ou cousa que é peor, manipulando a mentira para a ofrecer como verdade.

De aí que, novamente, os estrategos do Partido Popular, axudados na medida do posible polo PSOE que nuns casos ofrece consensos e noutros aparentes diverxencias, que nunca aceptaron a realidade plurinacional e plurilingüística do Estado Español, que están convencidos dunha prevalencia española na EU, e da posibilidade de pór novamente unha pica en Flandres, continúen con esa estratexia deturpadora da realidade. Como os iraquís, estamos dotados dunha terrorífica arma de destrución masiva: unha lingua propia, viva e útil, a máis mortífera das armas contra o uniformismo. Lingua e cultura son os símbolos que hai que derrubar.

E onde está o noso hotel Palestine ao que disparar? No ensino, o espazo onde se exemplifica a convivencia entre culturas e se forman individuos capaces de analizar a realidade sen intermediarios. Aí é a onde hai que dirixir o certeiro disparo que acabe con toda a idea de que o galego poida recuperar espazos e usos.

Por iso, deseñada a campaña previa sob a idea falsa da IMPOSICIÓN e en nome da LIBERDADE, é preciso ofrecer ao mundo, nos primeiros días de goberno, iniciativas que visen o derrube do principal símbolo de regulamentación do noso idioma nas aulas, atacando o único refuxio en que o noso idioma ten algunha cobertura de uso: o ensino.

Contra a guerra saíron millares de persoas á rúa en todo o mundo co obxectivo de facer patente a actuación ilexítima das lexións americanas; contra as medidas anunciadas polo Presidente da Xunta e confirmadas polo seu entusiasta Conselleiro de Educación, saíron 50.000 persoas o 17 de maio.

Agarrarse, como fai o Presidente, á idea de que os cidadáns xa votaron o 1 de marzo, para non tomar en consideración a manifestación, ou mesmo desprezala, é un erro no que novamente caen os estratexistas do PP. O 1 de marzo celebráronse unhas eleccións xerais, non un referendo sobre a Decreto 124/2007. Interpretar os resultados electorais en clave de referendo é un erro de cálculo só comprensible desde a prepotencia ou desde a planificación do destino final do galego similar ao do réxime iraquiano: a morte pública por asfixia, despois dun xuízo en que o tribunal estará composto por aqueles que planearon a estratexia e entre as burlas dos executores da sentenza. Daquela, chegará o consenso.

 Posted by at 09:30
Mai 222009
 

Tiñamos unha cita co noso idioma propio.
Entón non importou que a chuvia xa anunciase,
mentres abría o día, a segura presenza que
ao longo das horas, tería canda nós, na cita necesaria.
Así que camiñamos, con tempo, cara ao norte,
alá onde a pedra garda as voces de nós todos,
nese lugar de estrelas do que nos apropiamos,
unha vez e máis outra, por sempre e no futuro.

Entón, como era a data, a voz do Conselleiro,
de Cultura, nas ondas, acompañou a viaxe,
e soubemos así, dun feito nunca visto, a gran modernidade
que para nós reserva. Volveu asegurarnos que promoverá
a cultura, non galega, senón feita en Galiza,
así a Valle Inclán, tal vez a José Cela,
e por que non, abrirnos a terras estranxeiras,
representar aquí a Hamlet in english, naturally,
convidando a Royal Teather Company,
en galego os subtítulos. Entón imaxinei,
descúlpenme a broma, a Kenneth Branagh coa caveira
na man, nese momento intenso: to be or not to be,
mentres das bambolinas sae un mozo esvelto,
portando con estilo un cartel ben visíbel,
que para nós traduce

:
SER OU NON SER, AÍNDA É A CUESTIÓN.

E xa en Compostela deixamos aos máis novos,
na fronte desa marcha de miles e milleiros.
Alba e Aldán e Paula e Ana apropiáronse da lingua,
como sempre se apropian, porque a queren e a aman
e porque lles é propia. E ían reclamando que así lles siga sendo.

Eramos cincuenta mil, mais outros din que vinte,
trinta mil persoas tan só a diferencia (my god!),
todos apropiándonos do noso idioma propio,
mentres no extremo oposto, en Láncara o presidente,
apropiábase tamén do ideario de Piñeiro.
E eu digo como Callón berraba na Quintana,
aprópiese tamén do noso idioma propio,
cordialmente se quere.
Porque,
señoras e señores que van a gobernarnos,
cordialmente reclamamos, cordialmente:
sexan bilingües, fálennos galego.
Marta Dacosta

 Posted by at 19:26
Mai 182009
 

A comezos do século XX o goberno de Australia levou a cabo unha política de separación dos nenos mestizos dos seus pais levándoos fóra do seu contorno para os escolarizar. A idea respondía  ao suposto de que educados no mundo dos brancos os nenos prosperarían deixando atrás a idea de atraso da súa lingua e cultura. Isto rompeu familias e desfixo comunidades enteiras e os nenos foron, finalmente, educados para seren criados dos brancos. Tal opresión só pretendía arrebatar lingua e identidade aos nativos que cando finalmente se reencontraron coas súas familias non podían comunicarse con eles por non coñecer o idioma. Hoxe en Australia desapareceron o 95 % das linguas.
A comezos do século XXI, Mayor Oreja manifestou, en declaracións efectuadas en Cataluña, sentirse orgulloso do seu bisavó por ter prohibido falar éuscaro na casa. O tal señor fixo ese "esforzo", cualificado por Oreja como propio de mentes abertas, – en contraste coa mente "cerrada" de Sabino Arana, a quen cita como coetáneo e amigo do seu bisavó- para que os seus fillos falasen ben español. Insistiu, ademais, en que o que hai que facer é defender o español para que este se converta en lingua vehicular na UE, xuntamente co inglés. Unha vez máis, a lingua como instrumento do imperio.
Mentres estas declaracións se difundían en Cataluña, na Galiza, os correlixionarios de partido do señor Mayor Oreja, que -lembremos- é cabeza de lista para as eleccións europeas, manifestan unha actitude similar na forma e que persegue o mesmo obxectivo: tendo en conta que aínda non nos poden prohibir falar galego na familia e que arrebatar os nosos fillos e fillas para os escolarizar en espazos separados é custoso neste momento de crise mais non se desbota como solución final, ou polo menos é o que di o Conselleiro de Educación, faise necesario erradicar toda medida de promoción do ámbito público en base á suposta necesidade de garantir o consenso lingüístico.
Mais Galiza non é Australia, por máis que o eucalipto abunde, nin os modelos familiares da Galiza do século XXI son os mesmos que os do século XIX na casa dos antepasados de Mayor Oreja. Non podendo pois prohibir no seo familiar, o PP acode ao ámbito público e aí temos os seus dirixentes convertidos en sociolingüistas de ocasión ou de profesión, tanto dá, recitando a teoría do disparate da imposición e da perda de consenso.
Onte, 17 de maio, 146 anos pasados desde que Rosalía, por certo coetánea do bisavó de Mayor Oreja e que coñeceu ben as teorías impositivas do español, publicou Cantares Gallegos, 40.000 galegos e galegas enchemos as rúas de Compostela. Nos días previos outros 45.000 rapaces e rapaces manifestaron o seu dereito a seren educados en galego. A todos nos responde hoxe o conselleiro de Educación que ese Decreto se vai derrogar por ser un compromiso cos seus votantes.
Mais, cales son as verdadeiras razóns de derrogación do Decreto, pois ninguén cre xa o conto da imposición. Na miña opinión a explicación ven dada neste parágrafo do programa electoral da PP:
" A existencia dunha oferta plural de centros educativos constitúe un síntoma de apertura nunha sociedade aberta; pola contra limitar a capacidade de elección dos pais reduce a igualdade de oportunidades e afecta especialmente ás persoas con menos recursos e por iso cada vez máis pais demandan maior liberdade na elección da educación que queren para os seus fillos: elección de centro, de relixión, de ideario, de lingua… A administración, sempre tendo en consideración a necesaria homoxeneidade do sistema que garante a cohesión social, pode contribuír a incrementar as garantías da libre elección do tipo de educación, e inspirará a política de concertos educativos e de relación cos centros privados, en función da demanda das familias"
Trataríase de facilitar que os centros privados suxeitos a concerto poidan incluír no seu "ideario" un perfil lingüístico para que os pais elixan” libremente” o tipo de educación, evitando deste xeito situacións de incumprimento da norma que os podería levar á perda dos concertos educativos. Todo arranxado, as familias demandan ensino en español, a administración "incrementa as garantías" de libre elección do tipo de educación, os centros privados poden garantir os desexos das familias e, de paso, incrementar o seu peso no sistema educativo.
Dunha vez por todas acabamos de privatizar o sistema (despois continuamos coa sanidade) e matamos dous paxaros dun só tiro: eliminamos o problema do ensino público e o do galego.

Alguén o pode facer mellor?
Xoán Costa.

 Posted by at 20:02
Mai 172009
 

Pensemos con serenidade e subliñemos a evidencia en de especial confusión e crise. Ninguén máis necesitado de facelo que as sociedades, os pobos, en condicións de marxinalidade ou de anormalidade. No seu seo, os colectivos que se esforzan por rectificar a historia para lograren que o seu país teña unha existencia normal. Que outra cousa é o nacionalismo estrito senso, en particular o galego? Velaí o único instrumento político xenuíno, propio, criado desde un pensamento e para unha práctica focados na realidade da Galiza. Pode ter acertos ou erros, pero é o único ao servizo do país, porque é o único que acredita na súa existencia como suxeito con dereitos políticos. O seu empeño consiste en expresar a vontade de ser como pobo, como nación, como sociedade diferenciada, e por iso necesitada dunha dialéctica política de seu. O potencial do movemento nacionalista galego é enorme, por máis que o seu desenvolvemento estea condicionado polo contexto no que Galiza está inserida, polo acerto das súas estratexias e tácticas e polas dos seus poderosos inimigos, inflexíbeis na defensa do statu quo. Sería bo que os nacionalistas galegos tivésemos presente que a existencia do nacionalismo depende dunha necesidade obxectiva, pero tamén dunha forte dose de vontade ou de voluntarismo fronte a un proceso destrutivo, aniquilador. Xoga como unha forza antitética ao modelo económico-social e político-cultural hoxe dominante (capitalismo globalizador), pero non todas as antíteses deste modelo lle son favorábeis. Por suposto, os feitos demostran que non cabe dentro del.

Contamos cunha poderosa e valiosa tradición histórica nacionalista na Galiza. Porén levou moito tempo conseguir que o nacionalismo fose relevante no terreo organizativo, social e político. Dáse o paradoxo de, seguramente, sermos unha das nacións europeas sen Estado con máis abondosas e valiosas contribucións no terreo do pensamento nacionalista e, por suposto, no eido literario, sen que sexamos a que expresa unha consciencia ou vontade nacional máis notoria. Pero non cabe dúbida de que esta tradición axudou, e axuda, a compensar as fraxilidades na transmisión social e xeracional do nacionalismo, derivadas da incidencia de avatares violentos e represivos de orixe externa, e a informar, a descubrir o rostro real do país, a súa existencia diferenciada, negada na información e na formación oficiais. Canto non fixo o Sempre en Galiza, descuberto polas xeracións de posguerra, para a restauración do nacionalismo após a desaparición que representou o alzamento militar e a guerra? Existen moitas análises e alternativas desta tradición aínda vixentes, porque xurdiron xustamente na fase inicial da expansión do capitalismo imperialista que se manifestou conflitivamente na primeira grande guerra mundial (1914-1918). Non por casualidade As Irmandades da Fala xorden en 1916 e o Manifesto Nacionalista de Lugo é de 1918. Os principios e unha parte do actual programa do BNG remiten a este Manifesto e tamén ao PG de 1931. Simplemente, responden a unha interpretación pacifista e anti-imperialista do mundo e a unha opción a prol da "autonomía integral" ou soberanía das nacións sen Estado, coa opción dunha formulación republicana-confederal, consoante co exercicio do dereito de autodeterminación.

Desde logo, o nacionalismo galego tradicional, actuante socialmente e comprometido politicamente desde 1918, non foi nunca anti-marxista, mesmo contou con membros adheridos a este pensamento. Algúns podían refugar a aplicación dogmática das análises marxistas, en versión socialista ou comunista española, á realidade galega, por inadecuadas. Os menos, e co tempo encapsulados no escapismo culturalista, puideron ser abertamente hostís a calquera ideario que contase coa división da sociedade en clases e optase polo socialismo. Pode gustar ou non, pero houbo sempre como dominante na tradición nacionalista, xa desde Rosalía, unha crítica do capitalismo reinante, do concreto, precisamente por inseparábel da xerarquía imperial e da inxustiza social. Non pode resultar estraño que, a altura dos anos 1960, esta tradición anti-capitalista se encarnase en análises marxistas xenuínos, acordes aos de moitas colonias do terceiro mundo, para restaurar un nacionalismo capaz de actuar socialmente na Galiza. Por certo, foi esta encarnación a que máis batallou, durante a transición, contra o sucursalismo político da esquerda española "comunista", a prol da nosa auto-organización como pobo. Cómpre non esquecelo

 Posted by at 09:32
Mai 132009
 

Dúas traballadoras e un traballador da Capitanía Marítima de Burela denunciaron acoso laboral e discriminación no seu emprego pola única razón de pretenderen usar a lingua galega no seu posto de traballo. Un grupo de nais e pais demandan o dereito a escolarizaren en galego aos seus fillos en varias cidades do país. Estudantes da Faculdade de Dereito da Universidade de Santiago, en comparecencia pública, denuncian que só receben o 8’64% das aulas en galego (ou o que é o mesmo, o 91’36% en español). Todo isto só na última semana. E o galego, seica, imposto na Galiza. Non escoitei a ninguén do PP (agora que o penso, tampouco do PSOE), abrir a boca en defensa dos dereitos e da liberdade ao uso do noso idioma en casos tan extremos como os apontados.

    O que si escoitámos foron ameazas. O novo Presidente da Xunta anunciaba non no Parlamento Galego, senón nun programa televisivo dunha canle privada, dende Madrid, a súa intención de suprimir as xa de por si cativas condicións de capacitación lingüística en galego nas probas e oposicións que se realicen na Galiza. Non é posíbel respectar o dereito a usar a lingua galega na administración (ensino, sanidade, xustiza, servizos sociais, administración en xeral) se o funcionariado non é quen de poder prestar atención oral ou escrita aos administrados nese mesmo idioma.

    Continúan tamén as advertencias intimidantes de derogación do Decreto do Galego no ensino, de modificación da Lei de Normalización Lingüística para oficializar a deturpación toponímica (e tornarmos aos tempos de “Lage”, “Mugía”, “La Coruña”, “Vivero” e “Jove”), ou de suprimir as Galescolas. Comeza a súa andadura o novo Goberno cos seus membros falando en español no desempeño da súa función pública (e contrariando así o estabelecido polo Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega), e estabelecendo comunicacións internas nos seus departamentos excluindo a lingua galega…

    Faise cada vez máis evidente que o obxectivo real da política lingüística que pretende implementar o Partido Popular non é outro que a eliminación do idioma galego, a vulneración do (pírrico) marco legal vixente en materia lingüística, e a anulación do dereito democrático do pobo galego ao uso do seu idioma no seu propio país. Exclusión do galego, prexuizos, españolización da administración, conculcación da normativa, quebrantamento dos dereitos da poboación, discriminación e marxinación, destrución, en definitiva, de Galiza como comunidade humana diferenciada. Velaí as receitas que nos intentan aplicar para perpetraren o homicidio con asañamento dunha creación cultural da humanidade como é o idioma galego.

    Resulta máis que chamativo, neste contexto, que a propia Real Academia Galega (iso si, de xeito serodio e diletante), cunha actitude historicamente ben comprensiva e submisa dos ditados do poder político, tamén en tempos do Partido Popular, se vexa obrigada a acender públicamente as luces de alarma pola situación que está  padecer o noso idioma, e a enfrontar a política lingüística do PP. Ten que ser realmente grave o que está a acontecer. Veñen tempos duros.

    E agora é o momento do pobo. Do pobo galego. Estou convencido de que se o 17 de Maio a mobilización convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística se converte (como así parece que vai ser) na máis importante demostración histórica de adesión popular e defensa do noso idioma, non lles será tan doado, aos inimigos do galego, a posta en marcha das medidas previstas para a aniquilación da nosa lingua. Pensaranno dúas veces. En boa parte, xogámonos o futuro, cando menos a curto prazo, da saúde do galego. Nin máis nin menos. Teñámolo en conta.

 Posted by at 14:24