Mar 192009
 

O día 9 de marzo estiven en dous centros de secundaria falando da cuestión feminina desde unha perspectiva literaria, desmontando personaxes como o de Ofelia, e falando dos problemas de espazo e recepción das escritoras, nomeadamente do caso de Rosalía, unha adiantada ao seu tempo, tamén nesta cuestión.

Días despois algúns alumnos trasladáronme esta pregunta: “Algúns rapaces sentímonos directamente aludidos como responsables da situación discriminada da muller. Temos a impresión de que só temos un papel negativo e gustaríanos que nos explicaras que opinas ti. Esperamos a túa resposta…” Respondín todo o rápido que puiden, mais é unha cuestión que me parece axeitada e central, porque falamos do papel que todos temos, da importancia da toma de conciencia de todas e todos, porque cando falamos da cuestión da muller, estamos falando, nin máis, nin menos, que da nosa sociedade enferma e, por tanto, da urxencia da súa transformación.

Dicía Alexandra Kollontai por volta de 1909: “as mulleres proletarias… non ven os homes como inimigos e opresores, pola contra, venos como compañeiros que comparten con elas a dureza do día a día e loitan ao seu carón por un futuro mellor. Tanto a muller coma o home proletarios atópanse escravizados polas mesmas condicións sociais, oprimidos polas mesmas cadeas odiosas do capitalismo que os privan das alegrías e praceres da vida. É certo que algúns aspectos específicos do sistema contemporáneo pesan o dobre na muller…”. Isto é o que subxace na resposta que lles din inmediatamente, que nos necesitamos as unhas aos outros, e que todos somos vítimas deses sistema que ten na opresión e na invisibilización da muller un dos seus síntomas principais.

Con isto non quero deixar de lado a realidade, unha realidade terríbel da que os nosos compañeiros de viaxe deben tomar consciencia e activarse contra dela, pórse tamén na primeira liña da denuncia e do combate para erradicar esta violencia que nos está matando. Aos nosos compañeiros correspóndelles estar atentos para identificar que actos son unha cruel reprodución dos estereotipos que nos relegaron a un plano escuro e rexeitalos, dialogando con nós para a necesaria construción da sociedade que todos precisamos. Mais tamén as mulleres debemos estar atentas, ao fin e ao cabo, mulleres e homes somos vítimas dunha educación social errada, que entre todos e todas debemos transformar.

Mais contamos con eles, contamos con vós, amantes e fillos, amigos e alumnos, porque as vosas mans firmes e decididas, comprometidas nesta loita que verdadeiramente é común, serán o noso mellor apoio para continuar e avanzar.

Para que quede un pouquiño máis claro, podemos botar man da palabra literaria, especialmente  do capítulo “Amor(ot)es ventureiros” de A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, un capítulo en que o amor e o entendemento aparecen como o mellor antídoto e a mellor cura para esta enfermidade social, como o mellor potenciador da valentía necesaria para enfrontar o traballo necesario.

“(Sofía) – … denunciar unha violación tería que ser tan normal como denunciar a un tipo que che atropela un pé cunha moto… mais a meirande parte non denuncia. E a miña situación é mellor que a de moitas rapazas, téñote a ti, teño o apoio de meus pais…
(Rubén) – Tesme a min, miña nena. Tes este caníbal en alma e corpo.”

Marta Dacosta, 19 de marzo de 2009.

 Posted by at 12:21
Mar 152009
 

Ás veces cómpre revisar ou simplesmente lembrar o pasado para comprender mellor o presente. O nacionalismo galego prestoulle sempre grande importancia ao noso idioma, como un elemento substancial da nación. Entre 1916 (nacemento das Irmandades da Fala) e 1936 (alzamento militar fascista), un período significativo do proceso de conformación e actuación do movemento nacionalista galego, os dirixentes e mesmo os militantes da causa tiñan un comportamento tendente ao monolingüísmo en galego en canto artistas e escritores, ou nas súas actividades políticas. Nas súas relacións familiares e sociais eran bilingües-diglósicos, isto é, o galego segundo con quen, en que función e en qué ámbitos, por máis que o sentisen como o seu idioma proprio. Vivían nunha atmosfera social predominantemente galego-falante, nos usos orais e coloquiais, en contacto cunha masa labrega e mariñeira naturalmente monolingüe que, polas súas condicións de existencia, non se vía forzada a penas a facer uso do castelán. Os nacionalistas non vían entón un problema de supervivencia para o noso idioma. Vían un problema de legalidade, de cooficilidade: a realidade politico-administrativa debía reflectir a realidade social. Desde logo sentían a desvalorización do galego, o menosprezo e a discriminación dos seus falantes, no conxunto da desconsideración negativa da nación galega.

O autodesprezo pola lingua nacional foi inoculado por séculos de política imperialista, isto é, de subordinación a un poder alleo, coa lóxica consecuencia da anestesia da dignidade colectiva, como Castelao explicaba. Como se actuou coa toponimia e os antropónimos orixinarios evidencia a saña destrutiva, caprichosa, do colonizador que, non contento con excluír a lingua do mundo oficial, se empeñou en deformala, acastrapala. Os nomes xenuínos de lugares e os das persoas, na mellor tradición colonizadora, foron rectificados sen pedir permiso ao indíxenas. Debía ficar claro que a dependencia e a subordinación se manifestaba nunha nova maneira de designar, deforme e sen sentido. A nosa terra e a nosa xente debía ser rebautizada desde unha imposición tiránica. Tiñamos que perder a fonte orixinaria, ficar sen memoria de nós. Defendémos e logramos unha legalidade toponómica que non fixo máis que restaurar a fonte prístina do que criamos, liberándonos do hibridismo e do esperpento. Castelao debeu pensar moitas veces que era esta unha tarefa inxente, unha conquista difícil Que mal o aceitan algúns e que resistencias indignas dentro, coa axuda poderosa de fóra!

Hoxe, agora, temos unha sociedade sometida a un proceso globalizador- españolizador máis intenso. A transnacionalización económica, a dependencia informativa, a inexistencia dun marco de comunicación de nós, a desprotección institucional, en fin, a estrutura do poder, en todas as súas dimensións, provoca maior desamparo, fraxilidade e fragmentación para os usos do galego. A consecuencia é unha sociedade maioritariamente diglósica, coa subordinación-eliminación oral do galego en ascenso. Non existe a masa ampla labrega e mariñeira ambientalmente monolingüe. Existen individuos diseminados que o son tendencialmente, con conciencia. Por primeira vez na historia, sen embargo, se teñen producido procesos limitados de normalización cualitativa do galego, de oficialidade restritiva, levándoo a usos, funcións e ambientes dos que estivera excluído, comezando polas institucións políticas e polo sistema educativo.
Desta maneira, os nacionalistas vivimos entre a angustia polo proceso negativo, os retrocesos nos usos sociais, a perda de falantes, e a expansión de sectores monolingües en castelán, e o esforzo político democrático por dotar ao noso idioma e aos seus falantes reais e potenciais de dereitos que os amparen perante as administracións públicas. Especialmente coa chegada do bipartito criouse máis expectativa ( o debate sobre un novo estatuto) e houbo pequenos logros (galescolas, decreto) que deixaban albiscar avanzos nesta xeira. Desde o exterior, con toda a artillaría mediática, e no interior co colaboracionismo oportuno dos intermediarios de sempre, lanzouse unha guerra brutal para derrubar os mínimos logros e demonizar o proceso ou aspiración normalizadora do galego. A xestación madrileña desta estratexia, contando con poderosos medios, responde á crenza de que a restauración social do noso idioma inflúe na restauración da dignidade colectiva, da conciencia sobre a realidade, na conformación dun espazo de comunicación xenuíno, na visión de que existe pobo galego e que a lingua é un dos seus símbolos e instrumentos de definición política e psico-social. Hai, logo, que aniquilar o proceso de raíz. A mensaxe insistente de que a lingua galega se impón, auténtica versión invertida da realidade, callou en amplos segmentos sociais por indefensión, por fraxilidade na conciencia da realidade, e tamén pola dualidade valorativa e o desequilibrio real que existe na nosa sociedade globalmente sobre o galego e o español, a nosa forma pretensamente aconflitiva de estarmos situados entre a nosa condición nacional de galegos e a de españois. Os inimigos de que Galiza exista como pobo gañaron unha batalla, non a guerra, desde logo contando cunhas armas e un poder moi superiores aos nosos.

Non tiremos conclusións erradas. Reducir ou ser máis laxos no uso do noso idioma, concretamente na actividade política, facer deixación da súa defensa prática, da necesidade de avances na conquista de dereitos lingüísticos, non vai valer para o nacionalismo tirar réditos electorais. Moito menos sería proveitoso para a sociedade galega. Un dos elementos fundamentais caracterizadores de Galiza como nación é o idioma. Non é o idioma en si o que provoca zunía, que tamén, na axitación contra a diferencia desprezada; é a aspiración a sermos unha sociedade que se autoapreza, se responsabiliza e se autogoberna, que ten vontade propia. O idioma simboliza esta aspiración. Virarlle as costas só pode traguer maior fraxilidade, desmemoria, falla de conciencia e integracións subordinada. Temos que asumir que precisamente o papel do idioma é tan revelador que resulta indicativo de como nos situamos perante a realidade galega. É un problema de conciencia. A nosa conciencia colectiva é limitada, porque, tamén, o é a nosa conciencia histórica como actuante e determinante do noso presente e do noso futuro. Non o descubrimos agora. Todo proceso de democratización lingüística é conflitivo, como todo proceso de democratización real dunha sociedade, dun pobo, tamén o é. Sen dúbida son momentos difíciles. Cavilemos nas formas e nas maneiras de axir. Vinculemos o problema do idioma ao conxunto social, económico, cultural e mesmo psicolóxico-social. Pero non renunciemos.

 Posted by at 20:15
Mar 102009
 

Coñecen vostedes a un cineasta que aos 78 anos poda entregar no mesmo exercicio dúas obras mestras? Ese cineasta -director, actor, compositor de bandas sonoras- é Clint Eastwood. Despois da extraordinaria Changeling, asina agora Gran Torino, unha película sobre a vida, a morte e a expiación. Un filme que mostra até que punto os EUA viven unha sorte de guerra civil encuberta -todos contra todos-, unha sociedade en que os espazos públicos están practicamente desaparecidos (o Estado substituído polas mafias) e os conflitos raciais e de clase se liquidan a tiros. Un Far West desolado e posmoderno fronte ao cal o lirismo dun John Ford non tería nada que dicir, pero fronte ao cal a visión humana e escéptica de Eastwood (nada condescendente, brutal na súa verdade) si que nos axuda a entender as cousas. É un filme sobre unha persoa que exorciza os seus demos -matou soldados adolescentes na guerra de Corea- e que mellora como ser humano ao abandonar o individualismo e tomar partido polos indefensos. O heroe de Eastwood xa non é un xinete pálido que non se emociona coa xente, un xusticieiro hierático que descarga o tambor do seu colt sen mover un músculo da súa pétrea face. En Gran Torino, rosmón ao principio, tenro ao final, descobre que sen os demais non somos ninguén (como diría Woody Allen, non podo ser feliz se sei que o meu veciño de escaleira o está pasando mal). Teño 42 anos e este día, por vez primeira na miña vida, asistín ao espectáculo de ver o público aplaudir ao termo da proxección. Gran Torino remata co regalo de Eastwood cantando o tema do filme, coescrito co seu fillo Kyle e con Jamie Cullen. Unha voz escangallada mais profundamente auténtica, sen un átomo de impostura, xusto como é o filme: duro como a vida, sen nengunha concesión demagóxica, a fita perfeita para ser ignorada pola Academia.

O Walt Kowalski que incorpora Eastwood neste filme evoca poderosamente ao Atticus Finch que interpretaba o inesquecíbel Gregory Peck en To Kill a Mockingbird (estreada aquí como Matar a un Ruiseñor). Hai veces en que ou actúas ou xa non te podes volver a mirar no espello.

 Posted by at 22:58
Mar 102009
 

Asistín á manifestación do 8 de marzo, coma sempre, e, unha vez máis, puiden comprobar o cinismo e a incoherencia que moitas persoas practican sen rubor.

Ao final da manifestación unhas mozas novas tiraban ao aire e, por tanto, ao chan, centos de papeliños coas súas consignas. Malia estar de acordo coa necesidade de lanzar consignas para concienciar, non comparto en absoluto métodos coma este, pois os ditos papeliños acaban quedando no chan sen que ninguén os colla ou os lea e, por tanto, non pasan de ser un acto de opulencia e contaminación: tirar o valioso papel, non reciclado, de cores con tintas contaminantes e así lixar a contorna urbana e darlle máis traballo ás sufridas asalariadas.

É o mesmo fenómeno que cando se soltan globos, parece que queda moi bonito, mais ser é unha maneira máis de botar lixo na atmosfera, que logo é transportado a lugares imprevisíbeis. Pois ben, pareceume axeitado darlles a miña opinión, porque se cadra elas non tiñan reparado no feito, e atopeime con que acabaron berrándome porque elas non falaban con persoas da organización política da que eu levaba un adhesivo no peito, e á que pertenzo, claro. Elas berráronme a min, mais se negaban a escoitarme… boa forma de dialogar, si. Así que non lle puiden dar as miñas razóns que son as seguintes.

Primeiro, paréceme unha incoherencia manifesta predicar o compromiso social da loita contra a destrución ambiental: oporse a portos deportivos ou instalacións acuícolas e logo botar papeliños polo aire, coma quen que iso nin emporca, nin contamina. Pois si emporca e contamina e ademais non ten efectividade ningunha. Por tanto, se noutro momento nos declaramos ecoloxistas, sexámolo a todos os efectos.

Segundo, o que me faltaba por oír nun acto do día da muller é que non fala comigo, e está falando, mellor dito berrándome, porque me identifico cunha organización política. Eu non sei se esta mociña se dá conta do que di, porque por un lado estame negando o meu dereito a identificarme politicamente, ou sexa, a pensar politicamente e expresalo, máis claramente, case está cuestionando o meu dereito a militar politicamente e facelo onde a miña liberdade mo pida e, por outro, está esquecendo que esa é, precisamente, unha das maiores reivindicacións das mulleres. Levamos anos e anos reivindicando o noso dereito a estar en todos os espazos, o laboral, o social e, por supostísimo, o político. Sobre todo no político, actuando e construíndo para acceder e estar no poder. Ese é un obxectivo fundamental, empoderarse, e para iso, hai que organizarse politicamente, formar parte das organizacións políticas e situalas no feminismo e nas súas reivindicacións.

Ou sexa que esta moza, desde o meu punto de vista, claro, está completamente errada ou practica o máis descarado cinismo, o cinismo dos e das que se declaran apartidarias e rexeitan ás que nos identificamos politicamente, cando lles convén. Son as que, os que, aceptan o apoio, o financiamento, a cobertura e o traballo desas organizacións políticas, mais logo dinlle que non poden pór a súa pancarta en determinado lugar.

O cinismo das que, dos que, queren que te deixes a pel nas loitas necesarias, que deas a cara cando veñen os golpes máis duros, mais logo pídenche sen se pór rubios que non esteas ao seu lado porque todo o mundo sabe en que partido militas, que pases a un segundo plano para non saír na foto, e iso que estás afectada por ese problema concreto, tanto ou máis ca eles, ou elas, que o que queren é ter unha plataformiña para se colocar no escaparate da poxa política.

En fin, cinismo e incoherencia, algo que, os aspirantes a estar sempre en contra, practican diariamente.

Marta Dacosta, 8 de marzo de 2009.

 Posted by at 11:40
Mar 082009
 

Para o nacionalismo galego os resultados das recén celebradas eleccións autonómicas foron negativos. Ao revés do que se dicía, a maior participación (a máis grande en todos os procesos desta caste) posibilitou un cambio a favor do Partido Popular. Había varios factores potenciais para provocar unha onda de fondo social para o cambio de Goberno na Galiza. Perante a crise económica existe unha tendencia a crer que o PP pode actuar mellor. A fórmula dun Goberno bipartito BNG-PSOE non parecía tampouco a máis adecuada para enfrontala e mesmo se considerou inapropiada en si, preferíndose unha maioría monocor. Esta foi a visión hexemónica socialmente. Os electores do PP, unha parte importante dos do PSOE e os desafectos ao BNG promoveron esta onda de cambio.

Naturalmente non abonda co contexto potencial. A forma como se percibiu a actuación do bipartito resultou decisiva. Limitareime ao BNG, sen dúbida o único que tivo intención de realizar políticas diferentes ás do pasado. Non se pode negar que iniciou a aplicación de importantes medidas de carácter estratéxico (Banco de terras, Lei de Montes, Seaga, reorientación da política enerxética…). Os efectos só se podían visualizar a medio ou longo prazo. Tamén comezou a sentar as bases dun sistema de benestar (Consorcio), contando co uso da lingua nacional (Galescolas). A hostilidade manifesta dos medios de comunicación hexemónicos de dentro e fóra de Galiza foi visceral, dentro da súa liña manipuladora sobre os "excesos identitarios" e a suposta imposición do galego. Non faltou tampouco o colaboracionismo do sindicalismo estatal no balbordo. Sen dúbida houbo intención, manifestada en normativa, de mellorar a calidade das vivendas e de potenciar a de iniciativa pública, contestada polo sector da construción. Son un pequeno botón de mostra. En definitiva, houbo moitas medidas positivas, que debemos defender, pero de incidencia social escasa durante a lexislatura. Sen embargo, unha cuestión tan importante como a aplicación da Lei da Dependencia, fundamentalmente por falla de medios atribuíbel ao Goberno do Estado, deixou que desexar, contrastando a propaganda oficial do inicio coa súa aplicación en relación coas expectativas creadas… O BNG, empeñado en executar alternativas de calado, recibiu ataques nos que se mesturaban dúas acusacións: a práctica clientelar e a orientación ideolóxica nacionalista. A acción do BNG no Goberno tiña unha incidencia contraditoria: o moito que se fixo de positivo era aínda de incidencia social limitada, e mesmo resultaba conflitivo. O negativo agrandouse mediaticamente de forma intensiva e manipuladora ou con destino a sectores especialmente sensíbeis. Desde logo, tampouco o noso socio de goberno, que controlaba o aparato xurídico-administrativo e contábel, favoreceu a axilidade da nosa acción nen as nosas iniciativas.

O Goberno (BNG) gozou dunha autonomía sen límite respeito do BNG organización. Paseniña e tardiamente foi habendo maior ósmose para rectificar erros, tanto no que afectaba á base social nacionalista organizada como en relación con temas de grande importancia. Debo recoñecer que a nosa actuación foi errática e absurda en relación coa RTVG. É claro que mesmo os informativos eran dun total sectarismo pro-PSOE e a programación non estaba á altura dos cambios mínimos que se esperaban. Non se elaborou sequera a lei para o Parlamento elixir o seu director, malia figurar no pacto de goberno. En relación cos medios privados seguiuse unha política incoherente, sen calibrar que tipo de empresas ideolóxicas estaban detrás.

Resulta inquietante o papel desempeñado dentro do país por La Voz de Galicia. Foi o xornal que máis diñeiro público recibiu do Goberno galego e da RTVG por programas externalizados. O seu anti-nacionalismo, xa tradicional, foi increscendo sen límite e reparo de ningún tipo. Participou activamente no deseño para levar o PP ao goberno. Promoveu aquí as campañas anti-nacionalistas, de xestación inicial madrileña, como a referida á imposición do galego. A teimosía obsesiva contra o Plano Eólico evidenciou o seu servizo a intereses materiais concretos. A perda dun deputado por A Coruña é inexplicábel sen a incidencia negativa do xornal coruñés: o 77% dos votos perdidos polo BNG está nesta circunscrición electoral.

Cecais cómpre cavilar no rubicón moral que se atravesou nestas eleccións. Os dirixentes do PP deben calibrar cal pode ser o resultado se todos nos adicamos a enlamar as campañas con mentiras, medias verdades ou mesmo verdades enteiras sobre a vida persoal e íntima dos candidatos e candidatas.

Os resultados foron así por esta interacción de factores. Certamente existía unha imaxe do BNG distorsionada que afectou aos sectores desafectos ou descontentos coa nosa política no goberno. Foi quen retirou o apoio. Sen afán de auto-xustificar nada, sería tamén necio non ver que o debate ideolóxico produciu unha españolización política, ideolóxica e cultural (incluída a lingua), que ten especial incidencia nas cidades. Como parece evidente, dentro da onda xeralizada na Europa, que esta crise está a provocar máis confusión e individualismo en amplas campas sociais. A reacción perante estes resultados ten que ser crítica pero serea e activa, quer no plano político, quer no plano organizativo. A nova situación vainos posibilitar eliminar distorsións do noso perfil político. Realizaremos unha oposición útil ao servizo dos intereses do pobo galego. Non son momentos para o desánimo.

Benvida sexa a crítica, a auto-crítica, os cambios necesarios no BNG. Porén non resulta pedagóxico nen construtivo nen leal que desacrediten o BNG aqueles que, ocupando postos de responsabilidade na organización, e mesmo nas institucións, nunca abriron a boca nos organismos para facer valoracións concretas da actuación no goberno galego. Mesmo practicaron o absentismo máis irresponsábel e anti-democrático. Como resulta tamén chamativo que algúns comentaristas, incluso de profesión académica, antes aduladores, resulten agora os primeiros en desacreditar o bipartito. O rigor intelectual e moral esixe certa coherencia.

O nacionalismo é unha necesidade para Galiza. Non é indiferente a forma de encarar procesos difíceis e mesmo críticos. Non somos unha fanquicia dunha grande empresa exterior. Colectivamente enfrontaremos a situación. O BNG segue a ser o principal instrumento de defensa do pobo galego. O labor do BNG na Xunta, malia as deficiencias e eivas, ten significado acertos, dos que non imos renegar. Estase xa a comprobar como o PP está disposto a destruír ou cambiar a orientación do que o BNG ergueu. Hai mellor proba de que algún cambio houbo?

 Posted by at 00:00
Mar 072009
 

As promesas do PPdG durante a campaña electoral e as actuacións levadas a cabo durante a precampaña fan que, novamente, o tema da lingua se sitúe en primeira liña de fogo, nunha batalla sen fin e nun momento en que todos os indicadores de uso e todas as comprobacións sobre o cumprimento da lexislación en materia lingüística coinciden en salientar a marxinalidade que o galego ocupa no sistema educativo. Por iso non resulta estraña a persistencia que o candidato a Presidente da Xunta de Galiza mostra ao anunciar que a primeira medida a tomar polo seu Goberno será a derrogación do Decreto 124/07 de uso e promoción da lingua galega no ensino, só para contentar unha mínima parte da poboación que vive instalada na fábula dunha hipotética imposición lingüística e do perigo en que estaría o español, recollendo así os presupostos ideolóxicos dun grupúsculo que se fai ver por contar cunha

Normal
0

false
false
false

GL
X-NONE
X-NONE


/* Style Definitions */
table.MsoNormalTable
{mso-style-name:”Táboa normal”;
mso-tstyle-rowband-size:0;
mso-tstyle-colband-size:0;
mso-style-noshow:yes;
mso-style-priority:99;
mso-style-qformat:yes;
mso-style-parent:””;
mso-padding-alt:0cm 5.4pt 0cm 5.4pt;
mso-para-margin-top:0cm;
mso-para-margin-right:0cm;
mso-para-margin-bottom:10.0pt;
mso-para-margin-left:0cm;
mso-pagination:widow-orphan;
font-size:11.0pt;
font-family:”Calibri”,”sans-serif”;
mso-ascii-font-family:Calibri;
mso-ascii-theme-font:minor-latin;
mso-hansi-font-family:Calibri;
mso-hansi-theme-font:minor-latin;}

Voz moi poderosa. Mais todos e todas sabemos que, mesmo aquel alumnado que recibe maioritariamente a docencia en galego, unha minoría insignificante, remata os estudos con máis competencia en español do que en galego e que a escola continúa a ser o espazo de desgaleguización que sempre foi, tal e como o proban as estatísticas que constatan como é maior o número de alumnado que entra no sistema falando en galego que o que sae falando na nosa lingua.

Resulta preocupante que o futuro Presidente de Galiza pretenda borrar un dos sinais de identidade máis visíbel que temos e un dos elementos de unión do galeguismo desde o século XIX. O noso idioma, sinal fundamental de identidade, é usado cada vez menos. Isto resulta indiscutíbel. Daí que só desde posicións que perseguen a súa desaparición se poda entender que a única lexislación existente que vela pola súa normalización se abandone á lei do máis forte, á lei da libre competencia, sobre todo se temos en conta que esta lexislación non aspira a que a nosa lingua pase do 50% das materias.
O Parlamento galego aprobou por unanimidade, tendo como agora o PP maioría absoluta, co voto favorábel de Núñez Feijoo como parlamentario e vicepresidente da Xunta nese momento, o Plano de Normalización Lingüística que recolle nas medidas 2.1.26 á 2.1.30 que “como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego” Por iso, só desde unha perspectiva de pouco respecto pola nosa lingua e claramente antigalega, por máis que o señor Feijoo manifeste que “ama profundamente” o galego se pode ver como un demérito a presenza da nosa lingua no sistema educativo, a non ser que se pretenda a súa desaparición. Parece obvio que á lingua galega, á cultura galega en xeral, non lle convén un amante como o Sr. Núñez Feijoo

 Posted by at 10:52
Mar 012009
 

Eduardo Blanco Amor, após anos na emigración americana (1919-1964), comezou a preparar o seu regreso definitivo a Galiza, desde 1956, cando menos. Nesta preparación cumpriu unha función catártica, do ponto de vista persoal, e expresou a súa disposición a contribuír de novo ao fortalecemento e modernización da literatura nacional galega desde dentro, A esmorga. Este ano 2009, concretamente en abril, hai 50 anos que foi publicada esta novela, non aquí senón na editorial Citania de Buenos Aires. Porén, a intención fora editala en Galaxia xa en 1956. Nunha autocrítica (abril de 1959), na revista Galicia, do Centro Galego da capital arxentina, da que era director, Blanco Amor deixou constancia de que saía alí pola mestura de dous impedimentos: o ditame do Consello de Redacción da Editorial Galaxia, para a que fora escrita, e o non da censura española vixente entón, que prohibiu a súa publicación. Aproveitaba a ocasión para denunciar que, na España franquista, funcionaba un aparato policial para a persecución das obras literarias e os seus autores, exercida por un dos organismos máis “arbitrarios, sinistros e corruptos”. O organismo censor, tamén por aquelas datas, impedía a impresión da Obra Completa de Ramón Cabanillas, entón octoxenario e enfermo. As dilacións na publicación da novela, desde que fora escrita, seguramente xa ao longo de 1954, indicaban as dificultades para o retorno. As previsións e cautelas a respeito da súa situación económica, das súas posibilidades de subsistencia como escritor tamén en galego, colaboraban a demorar a realización do anceio de volta definitiva á patria, que abandonara, mozo de 22 anos, en 1919.

A aparición da novela tivo eco na Galiza. A recepción crítica (casos de Fernández del Riego ou Ánxel Fole, en Faro de Vigo e El Progreso, respectivamente) subliñou o acento orixinal e insólito de A esmorga dentro da literatura galega e mesmo que era “unha das mellores novelas nosas”. A edición de A esmorga na Galiza debeu esperar a 1970, cando xa estaba o noso autor aquí instalado. Novamente catalogouse como unha das novelas máis importantes dos últimos anos. Para o portugués Rodrigues Lapa, “unha pequena obra mestra”. Mais comeza a subliñarse un suposto carácter picaresco ao que xa tiña aludido un crítico anónimo de La Región de Ourense co gallo da primeira edición en Buenos Aires. A maiores atribuíuselle un suposto ton humorístico e irónico. A novela era así reconducida a tópicos, non xa reducionistas, senón infundados e desviadores. Esta operación de asimilismo, de intencionalidade moralista e ideolóxica, non favorecía unha correcta análise do sentido da novela e da súa carga reveladora. A editorial Galaxia, nas lapelas desta súa edición, falaba do “humor” que caracterizaría unha boa parte da obra e “dun mundo de picaresca” que sería a súa materia fundamental. Ficaba convertida A esmorga así “na primeira narrativa da picaresca galega, feita con ar trouleiro que se axeita ao temperamento do pobo, retranqueiro e ledo”. Novamente, unha obra mestra, xenuína, reducíase a enxebrismo ou tipismo retranqueiro. Nada de realidades nacionais, de problemáticas sociais e psicolóxicas, de dialécticas históricas e ideolóxico-morais, de estruturas de poder e a súa manifestación artística, de traxedias de fundamentación material humana…Iniciouse así unha avaliación con xuízos ben lonxe da verdade…

O significado de A esmorga é crucial no contexto da obra de Blanco Amor e na historia da literatura galega. Foi produto da súa decisión de se enfrontar cunha realidade opresiva, violenta, represiva e destrutiva, da que el fuxira aos 22 anos. Resulta da catarse do autor para obxectivar un sistema colonial que aniquila os marxinados a través da violencia institucional, representada pola Garda Civil e a Xustiza. Son os marxinados producidos pola opresión económica, cultural e lingüística, nunha sociedade rexida pola alienación e pola desintegración e atomización sociais, sen clases dirixentes. Nela as clases populares viven como unha especie de criaturas estrañas ao mundo oficializado. En efecto, os protagonistas son tres xornaleiros, traballadores eventuais nas estradas. Dous deles xa caloteiros e lumpen ( O Bocas e o Milhomes). O outro, O Castizo, aínda aspira a viver do traballo e a se integrar socialmente, pensando no matrimonio cunha ex-prostituta da que ten un fillo. El é o protagonista narrador, nunha situación de declaración como acusado, perante un xuíz que está, pero que non ouvimos, indo e vindo desde o cuartel da Garda Civil para cada interrogatorio (os 5 capítulos da novela). O ambiente é o proprio dunha urbe galega na transición finisecular, arrabaldos, rúas, espazos concretos de Ourense. Nel móvense estes personaxes, caracterizadamente individuais, pero simbolicamente arquetípicos. Cada un deles é representativo dunha conduta sexual: o homosexual –O Milhomes–; o “bisexual” machista, de aspecto viriloide, necesitado do efecto da bebida para se achegar ás mulleres –O Bocas–; o heterosexual –O Castizo. No seu percorrido de 24 horas sen acougo, co alcol e a chuvia lenta e insistente como compañía, chegarán ao ponto climático ascendente: a violación da pobre Socorrito, a toliña, polo Bocas, o asasinato deste por Milhomes, entolecido por tanto sufrimento dunha relación sadomasoquista, e o desfalecemento do Castizo, incapaz de impedir o suicidio de Eladio Vilarchao. O único sobrevivinte será aniquilado polo poder establecido, após narrar os sucesos, como acusado, perante o xuíz, desde a súa peculiar interpretación e moralidade. Pero esta historia non pode chegar a nós se non hai autor-cronista, para lle dar voz a estes personaxes oprimidos, sen voz na historia, nunha nación negada. Tamén para darnos conta do final desta historia (o narrador-protagonista, asasinado pola Garda Civil), que descoñeceríamos, como tantas outras anónimas, que suceden nos países colonizados, “sen historia”, se alguén nos furgase nos papeis e na tradición oral, como historiador, para elaborar máis tarde esta obra literaria. A estrutura global da novela é tan simbólica e representativa que dela se deriva toda unha imaxe do país, malia a súa fragmentariedade. O que non está, podemos intuílo por indicios, por derivacións implícitas, por ausencias que están presentes como opresivas e ameazantes…

É unha moi boa oportunidade para espallar novamente a narrativa de Blanco Amor, en xeral, mesmo a que está escrita en español, outra cara da realidade da nación colonizada, tan anulada e desconsiderada na literatura española, e tan descoñecida por nós. De certo, que a leitura de A esmorga pode resultar hoxe un descubrimento para moitos. A nosa política cultural non pode prescindir da continua revalorización e espallamento dos nosos escritores clásicos. Convenzámonos de que a súa capacidade para engaiolar leitores de hoxe é potente.

 Posted by at 07:55
Feb 242009
 

O nacemento de rosalía o 24 de febreiro de 1837 nunha casa entre o Camiño Novo e a estrada de Conxo, en Santiago de Compostela, marca o inicio do camiño vital da persoa, unha muller, que Galiza, como pobo, como nación, necesitaba para mirarse no seu verdadeiro rostro e para asumirse sen autonegacións. Non se repara o suficiente no feito de sermos a única nación europea que ten unha muller como símbolo, alén de ser o máis excelso entre os poetas clásicos do Primeiro Renacemento (século XIX), a tríade da que forman parte tamén Pondal e Curros, de grande calidade e vixencia. Rosalía optou pola súa condición de galega, e chamou as xentes á guerra para nos converter en pobo consciente, usando a lingua galega como lingua de cultura e afirmando o dereito a existirmos como diferentes, a non renunciar a nós mesmos, a vivirmos libremente na nosa Terra.

Foi esta muller da fidalguía rural arruinada, pobre, criada en contacto coas clases populares, pero ben formada e informada culturalmente, contra o que se adoita dicer, a que expresou a conciencia nacional, nacionalista, xenuína no século XIX.

Nunca veremos na súa obra literaria, da que ela aspiraba a vivir como profesional, o menor indicio de sentimento español, xustamente nun momento no que o progreso capitalista e a “modernidade” se identificaban coa españolización.

Moral e ideoloxicamente moi avanzada, nunca se avergoñou por ser filla de solteira, nen por ter un pai crego, a quen coñeceu e recoñeceu publicamente, nen se acovardou para expresar os verdadeiros sentimentos dos seres humanos, os seus de muller heterodoxa.

A súa vida non foi fácil. Acabou por converterse nun martirio, asumido con dignidade patriótica. O seu discípulo Curros tíñao claro: “comesta dos lobos/comesta morreu”. O mito veu máis tarde, post-mortem. Naturalmente, adulterado… 

 Posted by at 00:00
Feb 232009
 

Do pouco que lembro das clases de Crítica literaria, está o concepto de literalidade, como calidade da obra literaria que pode ser lida a través do tempo e non perde nunca interese, enriquecéndose coas lecturas que imos facendo dela.
Porén iso non implica a descontextualizacion dun poema, nin que esquezamos os motivos que o converteron en obra escrita. E falo a propósito de Cabanillas, do seu poema “En pé!” que o outro día foi citado por Núñez Feijóo nun mitin electoral, polo mesmo candidato que sostén que derrogará o Decreto 124 que concreta que se debe impartir en galego no ensino.
Cando Cabanillas escribe o poema “En pé!”, dedícallo a Lois Porteiro Garea, un compañeiro das irmandades da fala, do que Cabanillas dicía que era dos que levaba na fronte unha estrela. É un poema escrito en honra dun “irmán”, dun loitador pola Terra, pola lingua, por Galiza.
A prensa recolle que Feijóo citou os catro primeiro versos do poema: “en pé, sereos, a limpa fronte erguida, envoltos na brancura da luz que cai de riba”, e tamén di que pasou desapercibida a cita do poema, e claro, porque foron escollidos só estes versos orfos da palabra coa que se inicia o poema: “Irmáns!”, e dos que continúan a estrofa e forman con eles un todo: “o corazón aberto a toda verba amiga, e nunha man a fouce e noutra man a oliva, ó redor da bandeira azul e branca, ó redor da bandeira de Galicia, cantémo-lo dereito á libre, nova vida!”. Non foi pouco o que deixou atrás o popular, pois, verdadeiramente, os versos por el citados e os que lle seguen forman unha unidade de significado inequívoca, que, aínda que Cabanillas non poida dicírnolo da súa voz, están nas antípodas do que defende este candidato (tal vez Cabanillas se remexeu na súa tumba o sentirse así citado).
Feijóo “esqueceu” a primeira palabra do poema, e incluíu o poeta no seu discurso. Mais como é posíbel que quen hoxe promete que nos privará das escasas ferramentas que temos para normalizar o noso idioma cite ao cambadés, ao poeta máis representativo das Irmandades da Fala, outro irmán máis dos que decidiron loitar polo noso idioma e empregalo sempre e en todo lugar. Por que non cita Feijóo os versos que falan da bandeira, da fouce e da liberdade… Por que non segue lendo que a patria foi escravizada polos reis de Castela, vendida por traidores na noite da Frouxeira, que están asoballados e que “O día do Medulio con sangre quente e roxa mercámo-lo dereito a libre, honrada chouza!”… Tal vez porque non foron escritos para el, nin para outros, os versos que pechan o poema: “berremos alto e forte “¡A nosa Terra é nosa!”.
Hai quen pensa que en campaña electoral todo é posíbel, que todo vale para pedir o voto, e aínda por riba estamos no Entroido, tempo de disfraces e caretas. Mais non, non vale todo, ou non debería valer.
Eu recoméndolle a Núñez Feijoo que lea o poema enteiro, se non o leu, que lea todo o libro de Da terra asoballada, mesmo que lea as obras completas deste poeta central da nosa historia literaria, mais que lea o que Cabanillas escribiu, e que, antes de citar unha obra literaria, teña moi en conta cal é o seu significado exacto.

Marta Dacosta
23 de febreiro 2008

 Posted by at 21:03
Feb 222009
 

Unha das eivas máis graves que padece a sociedade galega é a de non contar cunha información suficiente e axeitada sobre o seu devalar histórico. É posíbel que se trate da nación europea que padece a maior ocultación, anulación e manipulación sobre o seu pasado, especial e significativamente o medieval. Sen dúbida a operación consistiu en proxectar a situación actual de dependencia, secundarización e marxinalidade, o noso papel político periférico, cara atrás. Mellor dito, en facer cadrar a nosa integración e dependencia da España hoxe coa visión retroactiva da historia, como se nunca existisemos por nós mesmos, de forma autónoma e diferenciada. Isto obrigou a unha operación manipuladora iniciada xa hai séculos, desde o XV, pero consolidada e construída ad hoc, sobre todo desde mediados do século XIX, cando realmente se articulou, contando entre outros factores poderosos, cun discurso histórico oficial e dominante, o que o hispanista norteamericano Inman Fox denominou “ a invención de España”. Identificouse o Estado capitalista e centralista coa a idea dunha única nación, a española, de base cultural e lingüística castellano-andaluza, de existencia mítica secular.

Ás veces esta proxección retroactiva chega até a Hispania romana, que era en realidade unha conceptualización xeográfica, e non política. Nesta construcción ideolóxica hexémonica da historia de España, a nación que máis padeceu a desfiguración foi Galiza. A súa historia, desde o século IV deica o século XV, sobre todo, resulta incompatíbel cos mitos da historiografía española. É máis, debe ser anulada, menosprezada ou suplantada para non recoñecer o seu papel central, non periférico,na Península Ibérica e mesmo para non constatar a súa función irradiadora e nuclear, na parte occidental, do ponto de vista político, demográfico, económico e cultural. Hai que atribuírlla a outros: Asturias, León e Castela, de forma progresiva. O resultado: Galiza, o reino que nunca existiu. Non son poucas as consecuencias sociais desta manipulación.

O nacionalismo galego quere prestarlle, como fixo sempre, agora de forma máis premente, a debida atención a esta carencia, que desgrazadamente non se puido afrontar desde o sistema educativo aínda, nen sequera do universitario. As contribucións de historiadores como Francisco Carballo, Lois Ovelleiro, Bieito Alonso e Anselmo López Carreira, rescatando e continuando, en certa maneira, a nosa tradición historiográfica decimonónica, Manuel Murguía , Benito Vicetto e Antonio López Ferreiro,resultaron vitais para recuperar a verdadeira historia política do noso país e para a súa divulgación, malia for de maneira limitada. Os aparatos académicos e institucionais estiveron á marxe e en contra da revelación necesaria.

Acomodáronse á visión imperial española, embora moitos dos seus membros fosen conscientes da ocultación ou desfiguración operada, entre outras cousas por teren prestado algunha atención investigadora a períodos ou sucesos cruciais para a nosa evolución como nación. Dentro da perspectiva de espallamento público da historia oculta ou negada, temos que entender a celebración do I Simposio de Historia en Terra de Lemos, celebrado en maio de 2007, en Monforte, e a exposición Da Terra de Lemos ao Reino de Galicia, que se nos ofrece estes días no Centro Cultural da Deputación de Ourense, de grande interese didáctico e importante impacto social neste caso. Ambos baixo a dirección e coordenación de Anselmo López Carreira, quen contribuíu e contribúe poderosamente a desvelar a historia medieval galega en todo o seu esplendor e conflitividade, agora contando co patrocinio da Consellaría de Innovación e Industria. Toma a así corpo a proposta formulada no seu día por Ramón Ermida, membro do Consello nacional do BNG e responsábel comarcal da Mariña, sobre a necesidade de recuperar a información sobre o importante papel xogado polos Castro, a familia condal galega, como clase dirixente do Reino de Galiza, especificamente na segunda metade do século XIV, e as súas influencias na Corte portuguesa e na do Rei de Galiza, León e Castela, Don Pedro, denominado na historiografía española, “el Cruel”. Un bo motón de mostra para enfiar o discurso histórico que permita evidenciar a etapa anterior de reino orixinario e central entre os occidentais da península e a posterior de integración subordinada na Coroa de Castela. A exposición de Ourense é modélica e sintomática de canto temos que revisar e canto cómpre coñecer.

Desde hai moito tempo veño considerando que a evolución da Galiza, desde o esplendor á subordinación, é inexplicábel sen termos en conta a segunda metade do século XIV, desde 1350 a 1400. Dentro do panorama europeo da guerra dos cen anos, as contradicións na Península Ibérica desembocaron nun conflito de clases, de nacións, de relixión e de culturas, incluída a lingua. A alternativa galega, representada por Don Fernando de Castro, Conde de Trastámara, Lemos e Sarria, Gobernador de Galiza, unha especie de primeiro ministro e xeneral de Pedro I, significaba a amizade e o acordo, a identificación con Portugal, o amparo da burguesía mercantil das cidades e portos galegos, moita dela de relixión xudea, a convivencia co Reino mouro de Granada e unha colaboración coa nobreza eclesiástica, de lealdade interna. Podemos falar dunha alternativa nacional galega, expresada elocuentemente no prestixio de Fernando como dirixente e na fidelidade da maioría do pobo galego á causa que el representaba,durante 50 anos, mesmo após a súa morte. O deseño político contemplaba a unidade con Portugal, causa que tiña nos seus medio irmáns, Inés de Castro, amante e esposa secreta do príncipe portugués Pedro, máis tarde rei, e Alvar Péres de Castro, conde de Arraiolos, valedores eficaces, alén doutros moitos nobres galego-portugueses, xa que non se podía facer entón unha distinción clara entre estes dous xentilicios, nen por terras posuídas nen por lealdades ou fidelidades. Xa Victoria Armesto tiña reparado, na súa Galicia feudal, nesta vocación de unidade, de tendencia natural, que, de terse consumado, tería posibilitado outro mapa político da Península e outra sorte histórica para Galiza, como nación e como pobo. A morte no exilio de Fernando, como a de centos do seu bando, o asasinato de Inés, o expolio das terras galegas dos Castro, o roubo dos seus títulos, levados a cabo polo denominado(ironías da historia!)Enrique de Trastámara, significaron un golpe mortal para o deseño político dunhas clases dirixentes que falaban galego, escrebían en galego e comprendían o importante papel económico e social do comercio entón…Este é só un episodio da historia que espera a ser revelada de forma masiva…

 Posted by at 00:00