Xan 102009
 

Terra Santa é nestes días de festividade cristiá unha santa barbarie. Hoxe en día, os Reis Magos teríano complicado para chegar ao portal de Belén. Din que a ofensiva terrestre non comeza porque chove e  anda nubrado… que non se preocupen as súas maxestades porque se non ven a Estrela de Oriente sempre poderán seguir a estela dun F-16 de regreso a Tel Aviv despois dunha dura xornada de “asasinatos selectivos” ás costas, como o último onde ademais dun dirixente de Hamas de propina asasinaron a súa muller e aos seus oito fillos. Incienso, mirra e mellor que cambien o ouro por un chaleque antibalas para o neno Xesús.

Incluso antes desta ofensiva, nese infinito campo de concentración que é Gaza –o ghetto de Varsovia do noso tempo en formato familiar- e no que malviven millón e medio de persoas, calculabase que máis de 50.000 menores padecen de malnutrición e que case a metade dos menores de dous anos ten anemia. Non hai comida –no campo de refuxiados de Yabila existen filas de case medio quilómetro de persoas agardando por pan, non hai medicinas, non hai nada. En Gaza “non hai crise humanitaria” di a ministra exteriores israelí, Tzipi Liuni sen nin tan sequer se enrubiar cando despacha cun contundente “non” á proposta francesa dun simple alto o fogo de 48 horas para introducir axuda humanitaria en Gaza. Ten razón nunha cousa, a este paso non haberá crise humanitaria porque non quedarán persoas vivas. A día de hoxe levan máis de 400 mortos e preto de 2000 feridos, por certo 38 nenos… pero a Israel como a Anibal Smith “le encanta que los planes salgan bien”.

Non hai aquí torturas, violacións e secuestros por parte dos servizos secretos de Israel? Non hai aquí crimes de estado? Non hai aquí un apartheid? Non hai aquí vulneración do dereito internacional e dos dereitos humanos? Non hai aquí un exterminio planificado? Non hai unha nación ocupada a que non só non se lle permite decidir libremente o seu futuro senón que non se lle permite existir? Pois parece ser que non. Cando menos, non se ven moitos cascos azuis defendendo Gaza, nin moito observador internacional (están vetados até os xornalistas), nin moitas peticións do Tribunal Penal Internacional, nin propostas de sancións, embargos ou bloqueo a Israel….

Que máis ten que pasar para escandalizar á opinión pública e condicionar as posicións das grandes potencias mundiais sobre o que acontece en Palestina? As fotos das torturas de Guantánamo ou Abu Ghraib deron á volta ao mundo. Palestina é hoxe unha tremenda cárcere onde se viola, tortura e asasina a pracer e ante os ollos dunha “comunidade internacional” cómplice. Guantánamo equivale tan só a un grao de area desta inmensa praia de vulneración dos dereitos máis elementais que se chama Palestina.

E namentres onde está a grande esperanza negra? En Hawai xogando ao golf e ante o seu primeiro gran desafío moral e político non sabe ou non contesta. Que lonxe parece que xa queda aquel “Yes, we can” Pero claro que podedes!, o que pasa é que non queredes.

Hai dous Barack importantes nesta historia: Barack Obama oe Ehud Barak (ministro de Defensa de Israel). Ogallá que só coincidan no nome e non nas súas posicións sobre a guerra en Palestina, mais por desgraza moito me temo que non vai ser así. Hawai fica moi lonxe de Gaza e moitos amigos-doantes de Obama o que agardan del e da nova administración norteamericana a respecto de oriente medio e máis do mesmo.

Mal comezamos, cando nin sequera son capaces de ceder na política dos xestos, cando novamente e con toda a que está caendo EEUU e Gran Bretaña rexeitan a proposta de borrador para o alto o fogo que presentou a Liga Árabe na reunión extraordinaria do Consello de Seguridade da ONU. Nin tan sequer tiveron a decencia de aprobala aínda que tan só fose para facerlle compañía a todas as outras aprobadas que están no caixón dos olvidos da ONU.

Israel sempre ten xustificación para todo, chamábase Arafat onte, Hamas hoxe, e vai ti saber quen será mañá. Baixo unha maquillaxe de autodefensa contra o integrismo islamista e baixou un maquiavélico “o fin xustifica os medios”, barra libre: “morto o can, morta a raiba”.

Mais por moitos quilos de maquillaxe que se lle poñan enriba, un xenocidio é un xenocidio, sexa co exterminio físico das bombas, sexa con muros de formigón que oprimen e matan de fame. As balas e a as bombas nunca son orfas. Teñen nai e pai. Aquí non fai falta o ADN de ninguén para saber os nomes dos proxenitores da criatura: Israel capital Washington DC.  

Hai anos dicíase aquilo de que todos somos vietnamitas. Hoxe os galegos e galegas de boa fe, somos palestinos e cada neno morto sentímolo como propio. O único que lle pediría aos reis magos, é que se finalmente se atreven a cruzar o muro da vergoña de Gaza, leven ás nenas e nenos palestinos que sigan vivos xunto cun sentido abrazo desde Galiza, o mellor agasallo posíbel: un futuro de paz e liberdade para a súa Terra.

 Posted by at 10:26
Xan 102009
 

O capitalismo superou historicamente as súas cíclicas crises a bombazo limpo e destruíndo traballo. Bombazo limpo: velaí temos as gadoupas xenocidas de Israel a esmagar por enésima vez a un pobo tamén elixido, pero non para a gloria, senón para o martiroloxio. Destruíndo traballo: as estatísticas do paro acadan novas cifras récord e volven amosar as dificuldades do sistema de produción hexemónico para distribuír a riqueza equitativamente.

O paro é unha condición estrutural do capitalismo. Sen paro os traballadores e as traballadoras non estarían polo labor de se vender barato no mercado. Sen paro os que non se conforman con determinada taxa de beneficio non se animan a investir. O Exército de Reserva dos millóns de parados é imprescindíbel para que a máquina continúe avante.

Non é certo que fose o New Deal o que salvou a economía norteamericana da Grande Depresión: foi a entrada na Segunda Guerra Mundial, a activación do complexo militar industrial. Keynesianismo, si, mais keynesianismo militar. O drama é que quizá o de Gaza sexa só o limiar de algo de maior envergadura, o sanguiñento aperitivo para ampliar a campaña de Afganistán e Iraque e enfrentar un obxectivo de caza maior, se cadra o Irán dos aiatolás.

Hai un pequeno problema. A historia non sempre se repite idéntica a si mesma. É certo que o paro anima aos capitalistas a investir, pero tamén deprime o consumo e a deflación está xa á volta da esquina. E o expansionismo militar tamén ten os seus límites: até os talibáns se poden converter na tumba dun Imperio.

As vellas receitas non serven. E non, Sarkozy, non hai que refundar nada. Hai simplesmente que criar un mundo novo: sen masacres de nenos e sen millóns de persoas amoreadas ás portas das oficinas de desemprego.

 Posted by at 10:01
Xan 072009
 

A teimosía e radicalidade inquisitorial coa que o Vaticano rexeita e condena a homosexualidade, a condición homosexual, resulta inquietante. É verdade que esta actitude continúa unha tradición ideolóxica, socio-política e médica que a considerou unha patoloxía, desde a metade do XIX até ben pouco. Unha perversión da natureza que podía considerarse vicio e atentado contra a norma social, institucional, heterosexual, verdadeiro ideal humano. O rexeitamento abalou sempre entre o prexuízo biolóxico e o prexuízo social e moral. Non se podía concebir a atracción entre persoas do mesmo xénero e do mesmo sexo biolóxico. Só unha deformación da natureza ou unha perversión do espírito podían explicalo. En ambos casos, o afán por ser normal conducía á renuncia, á autorrepresión, á reeducación, ao auto-control, á sublimación para non enlodarse na vileza. Un aspecto, tan íntimo e á vez tan necesitado de sanción social na vida das persoas ficaba, para as de condición homosexual, encapsulado no corredor do medo, da prevención, do sufrimento e mesmo da auto-negación e, como non, da fobia e da agresividade. Deste corredor parece que estamos comezando a saír, non sen dificultades e con moitas contradicións e oposicións de calado.

Falo do Vaticano. Pero é verdade que podíamos, loxicamente, extender este xuizo á Igrexa católica e a todos os seus ministros, comezando pola xerarquía, de forma particular a española, con Rouco e Cañizares á cabeza. Eles, de forma especial, representan a belixerancia dogmática contra a homosexualidade (o seu recoñecemento e legalización pública), como un dos pecados que atenta gravemente contra a orde moral e social fundamentada na familia heterosexual e na procreación sacralizadas. A xerarquía católica non se limita, actuando dentro das súas competencias, a negar o matrimonio canónico, como sacramento, aos homosexuais, senón que aspira a impedir que accedan ao matrimonio como contrato civil, isto é, a un dereito social, político, humano. A súa cruzada continua contra a reforma da lei do matrimonio civil, que abriu esta posibilidade para os homosexuais, significa que aspira, non a preservar os seus valores, senón a impoñelos aos demais, porque os considera superiores. A obsesión preventiva é de tal calado que o Vaticano o derradeiro día do 2008 anunciou, mediante un artigo do presidente da súa Corte de Apelación, publicado en L´Osservatore Romano, que deixaba sen efecto unha parte do Tratado de Letrán, de 1929, para non ter que aplicar no seu Estado automaticamente o ordenamento xurídico italiano, perante a posibilidade remota de reformas legais, entre outras, a do recoñecemento das parellas homosexuais.

A extraña defensa da vida que fai o Vaticano

Pero a cuestión é aínda máis fonda e grave. Como é posíbel unha condena moral dunha condición sexual que se dá nas persoas, e temén por certo nos animais, como algo natural, non escollido, ou como algo, tamén, determinado e construido social e culturalmente, pero que sempre ten que ver coa atracción polo outro/a e coa posibilidade de convivencia, placer e afecto? É ben extraña a defensa da vida de que fai gala o Vaticano. É tamén paradoxal e inevitabelmente cínica. Paradoxal, porque unha relixión que predica o celibato e a virxinidade para os seus ministros, e ás veces tamén para os seus fieis – entre eles, os de condición homosexual–, non debería predicar o valor sagrado e superior do matrimonio e da procreación. Cínica, porque inevitabelmente ( é unha cuestión de condición humana) a segregación eclesiástica de homes e mulleres conduce ao cultivo da homofilia, trascendidada ou non espiritualmente, ou a ver nela a protección contra toda sospeita ou persecución, en momentos históricos determinados. Inconscientemente a obsesión vaticana contra a homosexualidade expresa os seus propios e inevitábeis fantasmas. Non sería máis que un síntoma se non os proxectase socialmente, para o exterior, como arma política, de concepción da sociedade. Agredir aos outros para permanecer na autorrepresión e forzar a actual concepción xerárquica romana, como se a Igrexa católica non tivese outras posibilidades. Non as ten realmente? Que pensan moitos dos seus ministros silenciosos e moitos dos seus fieis, especialmente homosexuais e mulleres?

Debemos a un dos mellores ensaístas galegos, Xosé Chao Rego, ex-crego, un libro moi clarificador sobre “A condición homosexual”. Vai facer agora 10 anos da súa publicación. Foi entón unha aportación bibliográfica orixinal e única en calquera das linguas peninsulares. Hoxe continúa a ser un libro revelador, en xeral, e moi necesario para coñecer cal foi o proceso que conduciu a esta hipoteca relixiosa. Constatamos nel que até o século XII non hai preocupación pola homosexualidade na Igrexa cristiá e ironicamente que a vida cristiá foi o xeito de vida homosexual máis destacado de Europa Occidental desde a primeira Idade Media até a Reforma protestante. Entrar nunha comunidade relixiosa era moitas veces o camiño máis curto para bater con outros homosexuais. É a partir do século XIV, co avanzo dos gobernos absolutos, o pensamento único e a súa fundamentación relixiosa, abenzoada polo Papado, que a pauliña contra a homosexualidade resulta criminal. Dinos Chao Rego: “Ese século XIV –xa rematada a Idade Media, que leva indebidamente culpas–, coñece un dos episodios máis tristes, oscuros e vergoñentos para a Santa Sé: a persecución da Orde dos Templarios e a súa disolución, aproveitándose dos seus non escasos bens e calumniándoos, entre outros crimes, de gais”. Idolatría e inxustiza social parecen ser os albos críticos nos evanxelios cristiáns. O deslizamento cara o pecado de sodomía e o concepto de lei natural forma parte dun proceso histórico manipulador ao servizo do poder.

Que poder defende o Vaticano? Parece disposto a cumprir unha función dentro dun deseño global xerarquizador, desigual, discriminador. A énfase, o activismo contra a igualdade e dignidade de todas as persoas de calquera condición sexual, expresa un paroxismo idealista que nega a realidade e a necesidade histórica, a da acción política para integrármonos, todos, “na normalidade social, deixando culpabilidades e sensación de anormalidade”, como propuña Chao Rego en 1999. Desgrazadamente, prefere abonar o campo para a patoloxía mesmo dentro da propia institución.

Denuncias por abusos sexuais e pederastia aboian contra ilustres príncipes da Igrexa e contra humildes párrocos, vítimas da mensaxe represiva que os leva a “exercer unha sexualidade mal asimilada e peor tolerada”. Con Chao Rego afirmamos: “Non é a debilidade de eses membos o que aquí xulgamos, senón o cinismo da Empresa”

 Posted by at 08:29
Dec 242008
 

TEORÍA DA INFORMACIÓN II

Hai tempo xa que tomei a decisión de non gastar en comprar xornais. Farteime. Ademais de discrepar da maneira en que moitas novas eran recollidas, ou de que non se publicasen novas que eu consideraba de interese, houbo momentos nos que me sentín mesmo desinformada. Si, porque é posíbel sentirse así, un exceso de información ben planificado contribúe á desinformación, ou peor, a que o destinatario se forme unha idea errada da actualidade e do contexto en que vive. Non hai mellor receita para esquivar un tema, que insistir e buscar información relacionada con outra noticia pretendidamente impactante.

Hoxe pasei a mañá tentando informarme debidamente sobre a situación en que queda o ex alcalde de Gondomar e outros cinco concelleiros, que acaban de ser sentenciados por un delicto continuado de prevaricación urbanística. Lin varios xornais e sigo sen ter claro se a sentenza debe ser cumprida xa ou non, en concreto no que fai referencia para a inhabilitación de cargos públicos.

Logo atopei unha noticia en que se falaba de que o tribunal de contas atopaba irregularidades contables e exceso de gasto nas finanzas de seis partidos políticos, mais curiosamente, soamente se cita un. Quen decide que partido hai que citar?, por que ese si e os outros cinco non?

Podería seguir: fotos en que parece que houbo menos xente da que realmente había, siglas que estaban presentes e que non aparecen nas fotos, información que procede dunha fonte concreta que non é citada… mais serían demasiados exemplos.

Estes días tivemos a oportunidade de facer xornalismo comparado e analizar como se estrutura a información. Foi sobre o tratamento do concurso eólico. Puidemos comprobar como dependendo do medio consultado había ou non había un problema, cal era, onde estaba, por que se producía…. Hoxe mesmo un medio galego sitúa na portada a reclamación de ecoloxistas, empresarios e donos de montes que piden que se atrase a resolución do concurso. Nese mesmo medio dise que Touriño se nega a falar de crise no goberno, o que non é exactamente o mesmo que dicir, como recollen outros medios (outros, ou sexa, varios) que Touriño nega un conflito no goberno, ou mesmo que apoia a mesa eólica.

O tipo de enunciado, afirmativo ou negativo, e o uso de determinadas palabras, crise ou conflito, introducen elementos que inciden na recepción da mensaxe por parte do lector ou lectora. Hai claras diferencias entre “nega un conflito político”, porque se di expresamente que se nega a existencia de tal conflito, e “se nega a falar de crise”, porque esta maneira de presentar a información, introduce a variante de que a crise existe e non se quere recoñecer. Son pequenos matices, ou non tan pequenos, que inciden, como dicía, na recepción da información. Da mesma maneira na administración da información, hai un xornal que xa adianta a posibilidade de que poidan existir problemas xurídicos e remítese para o caso a expertos xuristas, mentres outros medios recadan información de altos cargos do PSOE para incidir en que o venres haberá unha resolución do concurso.

Nestes casos cobran un valor especial as declaracións directas dos protagonistas, poñamos por caso o propio Conselleiro de Industria, a quen lle puidemos escoitar, na Radio Galega, que non entendía a posición dos representantes de Medio Ambiente e de Política Territorial que podían ter manifestado as súas dúbidas desde o primeiro momento, cousa que non fixeron, e que ademais negou rotundamente que houbese problemas para consultar a documentación, citando as actas da comisión como demostración do dito. Ou a reprodución dalgunhas das intervencións no debate parlamentario que nos lembraron que existe unha investigación xudicial sobre a adxudicación de megavatios de enerxía eólica concedidos durante o goberno dos que agora din que hai máis “sospeitas que garantías” neste concurso.

O caso é que, se outros dicimos o que pensamos verbo da forma en que se presenta a información, debemos calibrar as palabras que usamos, non vaia ser que toda a profesión dos xornalistas nos pidan que rectifiquemos. E que pasa cando comprobamos que as novas que se reproducen nos xornais non se corresponden coa información emitida, ou que se lle atribúe a outros a información que unha mesma asina? Que pasa entón? A min pasoume, queixeime ao xornalista que… en “compensación” á miña queixa… nin el, nin o medio en que traballa, volveron recoller ningunha información da que se seguiu enviando. 

Cousas veredes.

 

 Posted by at 00:00
Dec 232008
 

Entre os meses de novembro de 2008 e xaneiro de 2009, en conmemoración do 90 aniversario da Asemblea Nacionalista de Lugo, organizadas pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo e pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) tivo lugar a ciclo A Galiza das Irmandades, unha perspectiva actual, ciclo que finaliza o día 31 de xaneiro. Coincidindo co final do ciclo de conferencias convocamos este campionato de trivial, que se rexe polas seguintes bases.

BASES 

Participantes.

Poderán participar neste campionato todas as persoas que o desexen con independencia do seu lugar de residencia. Para recoller o premio será necesario identificarse mediante DNI. Os premios entregaranse o 31 de xaneiro de 2009 en Lugo durante o acto: Lugo desde os nosos ollos. Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com. O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz. O gañador ou gañadora será a persoa que, finalizado o campionato, figure no posto número 1 e con máis puntos na clasificación. Para este campionato non se considera máis que un único premio.

 

O Campionato desenvolverase entre o 15 e o 22 de xaneiro de 2009

As datas de inscrición serán entre o 28 de decembro de 2008 e o 13 de xaneiro de 2009.

O nivel de dificultade será de 2 (Medio) e xogarase con 6 temas. Haberá tres temas obrigatorios (Historia, Lingua e Literatura, Xeografía) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os tres restantes.

O tempo máximo para xogar o campionato será de 240 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 24 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.
Premios.

Establécese un único premio consistente nunha estadía de dúas noites (a do 30 de xaneiro e a do 31 de xaneiro) no Hotel Méndez Núñez de Lugo (onde tivo lugar a Asemblea de 1918). Así mesmo, a persoa gañadora recibirá 150 € que lle serán entregados o día 31 de xaneiro, ás 10 horas, durante a derradeira das actividades do Ciclo A Galiza das Irmandades. O gañador ou gañadora deberá asistir a esta actividade, dispoñendo do resto do tempo da súa estadía en Lugo como quixer.
A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Tamén é imprescindible facer constar o DNI. Calquera cuestión
non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 17:14
Dec 212008
 

Francisco Rodríguez

Hai homes carismáticos que enuncian discursos sintomáticos en momentos cruciais. Algúns considéranos, con razón, pezas de oratoria soberbas. Malia os seus eufemismo e o seu enlevo idealista, enguedellante, dan para detectar algunhas intencións preocupantes. O discurso de Obama en Grant Park (Chicago), perante milleiros de simpatizantes, a madrugada do 5 de novembro, xa gañador dos comicios, non defraudou ás persoas que, arelantes, esperaban as súas palabras desde a proximidade. Estaba pensado para eles, nunha noite vitoriosa.

Obama foi debullando todos os tópicos do “soño americano”. O cambio (a súa propia biografía exemplificaríao) demostraría que Estados Unidos é “un lugar onde todo é posíbel”, unha nación de espírito inmorrente ao longo da historia (“somos e seremos sempre os Estados Unidos de América”), exemplar para o resto do mundo. Facendo unha piscadela aos sectores das clases populares, invocándoos directamente, tan entusiastas e sacrificados en toda a campaña, afirmou: “un goberno do pobo, polo pobo e para o pobo é posíbel na Terra”. Valores abstractos (democracia, liberdade, oportunidade e esperanza firme –sic–), propios da peculiar e xa tradicional mentalidade progresista americana, salpicaron o discurso, encarnado e incardinado habilmente para buscar a complicidade de todos: ricos, pobres, mozos, vellos, demócratas, republicanos, negros, brancos, hispanos, indíxenas, homosexuais, heterosexuais, discapacitados ou non discapacitados. En fin, discurso moi matizado nos acenos para procurar a resurrección dunha nova lexitimidade para o poder político en crise, nunha sociedade dividida e desmoralizada.

Esta fasquía retórica, idealista, tan eficaz como simplona, non renuncia, nembargantes, a xustificar dúas guerras de agresión na que Estados Unidos está directamente comprometido: Irak e Afganistán. Esta é a arista máis preocupante, veraz, que denuncia a indisposición a prescindir do cinismo, a inmoralidade e a mentira para manipular ao pobo americano. Debe aceitar, con espírito de sacrificio, o papel imperial de Estados Unidos, que o discurso asume sen rubor: “chega un novo amencer do liderado estadounidense”… “A aqueles que queren derrubar o mundo: imos vencervos”. Como vemos, o idealismo interno asenta na visión maniquea do mundo exterior, na autodesignación como pobo escollido, no providencialismo (Deus está con eles na súa misión…). Non pode estrañar que o Secretario de Estado de Defensa con Bush, Robert Gates, o vaia ser tamén con Obama. Porén, os tempos esixen unha revisión estratéxica, xa xestada pola actual administración e anunciada por Condoleezza Rice. Fálase da retirada de Irak en 2011, previa a de Gran Bretaña en 2009. O idealismo americano é afecto ao eufemismo. Deixarán alí un réxime títere, un país debilitado e empobrecido económica e moralmente, cunha grande división interna debidamente instrumentalizada, múltiples bases militares, servizos secretos e de seguranza impunes e compañías estranxeiras apropiadas controlando as riquezas petrolíferas. A súa aparente retirada levará nas costas a sádica satisfacción do papel exemplarizante e intimidador cumprido nun contexto tan conflitivo como o de Oriente Medio. En todo caso, habería que preguntarse, como o facía Eça de Queirós, en referencia ao que Inglaterra consideraba a súa “grande vitoria do Afeganistão” en 1880: “E de tanto sangue, tanta agonia, tanto luto, que resta por fim?”… O agudo observador da política imperial británica advertía que para manter o que deixan (“uma invasaôn arruinadora”, así a cualificaba), terían con certeza que “recomeçar daquí a dez anos ou quinze anos”.

A revisión estratéxica consiste tamén en centrarse en Afganistán: a prioridade de Obama. Agora xa non recorren ao cínico ideal da “superioridade do modelo de democracia occidental” como soño liberador dun pobo oprimido para xustificar unha guerra de ocupación. Despois de oito anos de guerra, a popularidade da insurxencia é maior que nunca. Hoxe ten presenza no 72% do territorio e a mesma capital, Kabul, é vulnerábel. Causa arrepío ler as xustificacións da necesidade de cambio de estratexia, tal e como as expoñen Paddy Ashdown, alto representante europeo en Bosnia, e Daniel Korski, ex-conselleiro do Ministerio Anti-Drogas do goberno afgano, destinadas á opinión pública española, no seu artigo “No es hora de retirarse de Afganistán” (El País, 03-12-2008), xustamente no momento da morte dos dous soldados españois. Segundo eles, como non é posíbel “alterar de manera fundamental el carácter del país” e vai ser difícil unha vitoria rotunda, haberá que ir a un “labor de contención”, de forma que Afganistán non sexa utilizado para actividades contrarias aos intereses de Occidente. Estes sinistros diplomático-asesores transnacionalizados venden esta guerra como paz e tranquilidade para os países europeos, concretamente para España, e como unha forma de manter a raia a todos os estados musulmáns. Hai que combater, pois, a insurxencia afgana “de maneira implacábel”, pero hai que lograr as maiores complicidades para un réxime títere viábel e a configuración dun estado de recursos limitados… Un despoxo vivinte…

Como ronsel lóxico, o eco chega ao goberno español. A Ministra de Defensa esixiu o cambio de rumbo no Congreso o 17 de novembro. Premida por USA e a OTAN para aumentar as tropas españolas en Afganistán, xa expresou a disposición española a contar con máis efectivos no exterior. Desgrazadamente, esta posibilidade está contemplada legalmente nos deseños globalizadores, de forte tufo idealista, como non podía ser menos, contidos na Lei Orgánica da Defensa Nacional (5/2005). Sabe que está a seguir un deseño de cada vez máis difícil xustificación idealista, cunha opinión pública progresivamente máis crítica coa presenza española alí. Non deixa de ser curioso que os sinistros aludidos intenten intimidar a opinión pública lembrando que a retirada tería un custe para as mulleres e as nenas afganas en atención e educación médica. A esta altura resulta incríbel esta sensibilidade pola dor allea por quen está disposto a provocala de forma tan masiva.

Afganistán é un estado plurinacional, plurilingüe e pluricultural. Foi xa invadido por Inglaterra en 1847 e 1880, debido ao seu papel estratéxico fronte ao imperio ruso e como acceso á India. En 2001 foino por USA, por motivacións similares, agora de control global: fronteira con China, Paquistán, Irán, ex-repúblicas soviéticas. No século XIX eran “as fortes necesidades dun grande imperio”. Hoxe sono as dunha grande potencia que recorre á intimidación, ao medo, para asegurar a súa hexemonía global. Afganistán é a súa prioridade, e a dos seus servís aliados. Aos afganos non lles queda máis que seren “homes fanáticos, batalhadores e hostís”, como dicía Eça de Queirós en 1880 (“Cartas de Inglaterra”).

 Posted by at 10:11
Dec 192008
 

Xosé Mexuto

Vale o pensamento convencional para entender o que está a pasar no mundo? (Por convencional entendo o que era hexemónico e indiscutíbel hai apenas cinco minutos: o catecismo neoliberal, o sector público é ruín, etc). Cito a Bush II: “Abandonei os principios da economía de mercado”. Non era el un home de conviccións pétreas, un reaccionario dunha peza? O emperador abanéase non só para evitar o impacto do zapato iraquiano, senón para que a máquina capitalista non faga un definitivo crack no seu país. Bush II –convencional, pero pragmático– vén de patrocinar unha operación tan heterodoxa como inevitábel: apartir de agora a Reserva Federal convértese non só en emisor de moeda, senón no único prestamista fiábel de todo o sistema bancario norteamericano. Banca Pública Neocón: imposíbel ser máis posmoderno!

Abandonemos o Imperio central e voltemos ao noso continente. Aquí na beatífica UE a vangardista Eurocámara acaba de tumbar a semana laboral de 65 horas. Pero de que diaños estamos falando? E que tan derrotados estamos como para que un debate deste tipo se abrise paso até o ponto de devir nunha ameaza real? Puxemos a barricada tan atrás que neste moribundo 2008 damos por boas conquistas laborais que datan do primeiro terzo do pasado século. O pensamento convencional, que se resiste a morrer, está tan instalado entre nós que valoramos como progresista o que no fondo non é máis que un instinto conservador. Axitan perante nós a pantasma das 65 horas e ollamos cara ás 48 con outra cara: oes, pois non están tan mal, case que botamos outro século con elas. O obxectivo de que nen nos plantexemos a xornada das 35, plenamente conseguido. O pensamento convencional élles útil aos poderosos para manternos aletargados. 

 Posted by at 00:00
Dec 142008
 

Francisco Rodríguez

Os esforzos individuais e colectivos do pobo galego, en diversos ámbitos da actividade humana, deixaron un ronsel de pegada e influencia histórica. Cada ano podemos evocar figuras ou acontecementos de grande transcendencia polo seu significado, desde unha perspectiva galega. Esta perspectiva é a que nos permite avaliar os esforzos en función da súa contribución á consolidación dunha cultura nacional galega, dentro do contexto máis amplo da Humanidade. A evocación ou lembranza, en contextos como o noso, debe estar guiada por dous obxectivos: o combate contra a ignorancia e o menosprezo e a indicación da súa vixencia.

Hai tres efemérides de especial significado neste ano 2008 que está a rematar: o centenario da morte de Manuel Curros Henríquez na Habana e do traslado dos seus restos mortais á Coruña (1908); o 90 aniversario do Manifesto da Asamblea Nacionalista de Lugo ao pobo galego (1918) e o centenario do nacemento de Jenaro Marinhas del Valle (1908). Sendo acontecementos distintos, por dinámica e transcendencia social, teñen unha conexión de fondo dentro do proceso histórico de toma de conciencia de Galiza como nación. Hai un elo condutor do prenacionalismo punxente de Curros, superando contradicións co seu ideario inicial ‘universalista’e democrático español, ao nacionalismo pleno que se manifesta en Marinhas del Valle. Dez anos máis tarde do pasamento dun e do nacemento doutro, as Irmandades da Fala, na súa Asemblea de Lugo, celebrada os días 17 e 18 de novembro de 1918, enunciaban no devandito Manifesto o salto cualitativo no terreo ideolóxico: “Tendo a Galicia, todas as características esenciais da nacionalidade, nós nomeámonos de hoxe para sempre , nacionalistas galegos, xa que a verba ‘rexionalismo’ non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.

A morte de Manuel Curros Enríquez significou a desaparición do poeta con máis lectores até aquel entón na Galiza. Era un símbolo de rebeldía democrática e, malia que fose o menos popularizado, de patriotismo galego. Non en balde se consideraba discípulo de Rosalía. Os dous mellores poemas a ela dedicados son obra súa (A Rosalía, de 1891, sobre o traslado dos restos mortais da poeta desde o camposanto de Adina en Padrón a San Domingos de Bonaval en Santiago; Na tumba de Rosalía –1904–, lido na ofrenda floral neste templo). Estaba na Galiza, após máis de 10 anos emigrado en Cuba. Alá tivo que retornar pois, malia homenaxes e coroamentos, ninguén lle ofreceu traballo. No poema Curros describe o proceso de alienación social do pobo galego (ignorancia e menosprezo do propio, renuncia á lingua nacional, mimetismo e loa do dominante imposto…), provocado pola fase finesecular da globalización capitalista. Profeticamente sinala como protagonistas, ansiosos da conquista de mercados a través de “bélicas empresas”, desta globalización, destrutiva para a cultura nacional galega, aos ianquis e aos xaponeses.

Milleiros de persoas no peirao e nas rúas recibiron o cadáver de Curros ao chegar a Coruña, marzo 1908. Algúns devotos decidiron espallar unha tarxeta postal coa foto de Curros na devandita ofrenda no anverso e o poema ‘Na tumba de Rosalía’ no reverso. Subliñaban o Curros pre-nacionalista e anti-imperialista, o máis profético e vixente. Ese Curros que, no conflitivo proceso de independencia de Cuba, defendeu o dereito de todos os pobos a seren libres, e a igualdade de todas as linguas e razas, confrontándose e desenmascarando a mítica historia da España imperial e excluínte.

O Manifesto Nacionalista de Lugo (1918) expresa a necesidade de incidir, de forma organizada, na vida social e política, a prol de Galiza, nunhas circunstancias críticas e esperanzadas. A esperanza, no remate da primeira gran guerra, está no ‘albeo’ das nacionalidades, o futuro libre que se albisca para os pobos sometidos polos imperios turco, ruso e austro-húngaro. Acompañaba a bendición do presidente dos USA, Wilson, partidario da autodeterminación, como fundamento da paz na Europa. A crise do sistema parlamentario bipartito, na España da Restauración, incita a unhas Cortes Constituíntes para unha reforma constitucional que traia verdadeira democracia e autonomía, especialmente para Cataluña, dotada dunha forte representación parlamentar xenuína. Os asembleístas reunidos en Lugo eran conscientes de que Galiza non podía quedar muda nin inactiva, por carecer de representación de seu nas Cortes. Había que definir un programa de ‘autonomía integral’.

Consideraban chegados os tempos da soberanía sen cativeces: “Galicia ten dereito, un dereito fundamental, a ser dona absoluta de si mesma”. Hai 90 anos, pois, que o nacionalismo galego formulou un programa que conducía a un Estado confederal, do que Portugal, entón xa república, debía formar parte. Da súa vixencia poden dar boa proba tres propostas: a) o sistema tributario, competencia do poder galego, que só pagará ao central “a cantidade que se fixe nos concertos económicos”; b) a construción e administración de ferrocarrís por cargo do poder autónomo; c) a administración de xustiza rematará en recurso derradeiro na Galiza…

Jenaro Marinhas del Valle formouse na atmosfera cultural nacionalista das Irmandades da Fala, no activismo das Mocidades Galeguistas xa na República, baixo o maxisterio de homes como Castelao ou Suárez Pícallo. A súa madurez intelectual coincidiu co franquismo. Foi elaborando, en silenciosa fidelidade ás súas conviccións, o teatro en galego máis valioso, por moderno e renovador, do século XX. Nunca foi representado polo Centro Dramático Galego, só por compañías amadoras ou algún grupo profesional, especialmente na Coruña co gallo deste centenario. Morto o seu admirado Carvalho Calero, abandonou a Real Academia Galega, da que era numerario, polo seu calo oficialista e sectario. Nos últimos anos da vellez colaborou coa súa oratoria e o seu maxisterio público á causa do nacionalismo galego.

Canto ignoramos, canto temos que redescubrir sobre nós mesmos! Endebén, os esforzos do pasado aboian exemplarmente no presente

 Posted by at 02:14
Dec 102008
 

Goretti Sanmartín Rei

Desde unha perspectiva científica, os estudos sociolóxicos coinciden coas análises lingüísticas en interpretaren a fala das mulleres como máis próxima á norma de prestixio, quer no interior dunha única lingua, quer na situación coñecida como contacto de linguas. A explicación deste feito reside na necesidade de as mulleres se construíren nun modelo non estigmatizado por mor da súa maior vulnerabilidade social, para fuxir, deste xeito, dunha posición aínda máis subordinada da que xa posúen socialmente. Bourdieu, no seu xa clásico Ce que parler veut dire? (1982), indica que se comprende, como tantas veces observaron os sociolingüistas, que sexan as mulleres as que antes adoptan a lingua ou a pronuncia lexítima e Pilar García Mouton, no seu Cómo hablan las mujeres (1999) insiste en que da análise das contradicións das enquisas dialectolóxicas o que se extrae como consecuencia é o rexeitamento xeral das mulleres polo que consideran lingüisticamente estigmatizado, de onde se deriva a súa adhesión á norma de prestixio. Non é, pois, casual nin específica do caso galego unha situación en que as mulleres (historicamente, por factores de conformación da sociedade galega, das pertencentes ás clases medias e elevadas, que eran as que podían exercer tal escolla) empregasen menos o galego e decidisen instalarse en español, abandonando a súa lingua inicial ou non dando os pasos necesarios para se construír na lingua propia do país.
Porén, este feito non significa nin que esas mulleres castelanfalantes sexan unhas consentidoras nin que os varóns españolfalantes sexan uns maltratadores, como demagoxicamente algunhas persoas están  a interpretar. A campaña que desenvolvemos as institucións que abaixo sinalamos e cuxo texto inicial é, fundamentalmente, da miña autoría, insiste en aspectos documentados en moita da tradición que a este respecto nos conformou. Trátase da descrición dunha realidade onde subxace unha violencia sutil, non expresada fisicamente, que está debaixo de moitos contextos onde se produce unha substitución lingüística. Cando falamos de violencia (de calquera tipo de violencia) non nos referimos unicamente aos extremos máis graves dese comportamento, a morte, senón que tamén debemos reparar nos diferentes graos e formas en que se manifesta, ás veces simbolicamente, e tamén a través da lingua (por exemplo, con insultos), para alén de ligar e procurar a solidariedade no combate contra todas as súas expresións. Ninguén dubidaría en cualificar como violenta a imposición do español a tantos territorios americanos cunha lingua propia hoxe desaparecida ou marxinada socialmente. Existe, pois, unha violencia social que fai que as mulleres sintan unha maior presión para abandonaren a lingua (ou a variedade lingüística) menos prestixiada socialmente? Existe. Significa iso cualificar de maltratadores os castelánfalantes? Non significa iso.
Por outra parte, no caso galego, os estudos cuantitativos máis relevantes indican esta tendencia de menor uso por parte das mulleres a respecto dos varóns, nun índices que non mudan co paso do tempo. No estudo realizado polo Consello da Cultura Galega en que se observa a evolución sociolingüística galega no período entre 1992 e 2003, datas de dúas importantes recollidas de información sociolingüística (o Mapa Sociolingüístico Galego e a Enquisa de Condicións de Vida das Familias), aparecen os seguintes datos significativos:

  • Hai unha maior incidencia de monolingües en castelán entre as mulleres.
  • Son menos as mulleres que se declaran bilingües con predominio do galego.
  • A categoría de "Só galego" crece máis no caso dos homes.

É tamén relevante o feito de que, a pesar de teren as mulleres uns usos lixeiramente máis favorables ao castelán, as diferenzas non mudan no intervalo que se considera no estudo (1992-2003), o que significa que ningunha das accións de política lingüística que se desenvolveron conseguiron corrixir este desaxuste que provoca, como coñecemos por percepción social, que fillos varóns castelánfalantes iniciais restauren o galego como lingua propia, lingua que tamén o era dos seus pais en moitas ocasións, fronte a fillas mulleres que non sofren ese proceso ou que, de o faceren, constitúen un grupo máis reducido que xustamente hai que apoiar por se decidiren a combater esa dependencia a respecto do imposto polo sistema.
A campaña, pois, desenvolvida polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña pretendía, por un lado, comprometerse publicamente contra a violencia de xénero no seu grao máis elevado a través da palabra, a través da lingua (e a análise de moitos dos textos que nos chegaron así o confirma) e contribuír, desde unha outra perspectiva tamén posible, á reflexión sobre distintas situacións de dominio e á análise das súas causas para, séndomos máis conscientes e coñecéndomonos mellor, podermos ser máis libres e podermos exercer a nosa vontade individual e reclamar os nosos dereitos colectivos.

 Posted by at 17:03
Dec 102008
 

Francisco Rodríguez

A Constitución Española é un híbrido de pouso franquista con adobío democrático para aplicar a unha realidade socio-política, económica e lingüística-cultural complexa. Plasma, de forma elocuente, quen controlou a “Transición”, cal foi a correlación de forzas. Obviamente expresa os medos e a negativa a enfrontar o problema da estrutura institucional do Estado conforme á súa realidade plurinacional. Insírese nunha forma de incardinación do réxime democrático nun elo no que o peso dun pasado antidemocrático goza de relevo. Ás veces preténdese xustificar este peso en nome dunha tradición española con forte incidencia social. Desgrazadamente non só a letra senón a aplicación da Constitución Española non fai máis que afortalar esta interpretación con frecuencia. Está alentada sen dúbida por aclaracións equívocas ou propostas contraditorias no propio texto constitucional. Por exemplo, no referido á aconfesionalidade do Estado ou ao sistema educativo. Curiosamente, nestes aspectos a letra do texto constitucional é interpretada cun ritmo e unha melodía que reforza o peso dunha tradición antidemocrática. Non de outra maneira se pode entender, após máis de 30 anos, a forza práctica da cooperación dos poderes públicos coa relixión católica. Esta cooperación sitúase por enriba da aseveración constitucional de que “ningunha confesión terá carácter estatal”. Nesta mesma liña, con máis artillaría constitucional, se aplicou o artigo 27 sobre o dereito á educación. As consecuencias á vista están: unha rede de ensino confesional privado, subvencionado con fondos públicos, nos que non é infrecuente a falla de respecto por principios constitucionais fundamentais; a presenza da relixión católica como asignatura no sistema privado e no público; a asunción da formación relixiosa e moral dentro do sistema educativo conforme ás conviccións dos pais. Non é de estrañar que mesmo nos centros de ensino público presidan espazos colectivos símbolos da relixión católica. A lexítima demanda da súa retirada, apoiándose en criterios constitucionais, mesmo avalada xudicialmente, chega a criar conflitos, nos que o goberno permanece indolente e esvaradizo. De forma paradoxal chega a afirmar que a presenza ou non destes símbolos debe resolverse no ámbito de cada centro… Parece tratarse dunha cuestión de gustos individuais ou de correlación de forzas. Non existe norma de valor constitucional, de aconfensionalidade, nin de respecto polo pluralismo relixioso ou de crenzas.

Se entramos na denominada cuestión territorial, a contradición é maior, os medos aínda máis ameazantes. Sabedores da existencia de pobos, de nacionalidades diferentes, decidiron, en renovada formulación da tradición orteguiano-xoseantoniana, que España era a única nación, “patria común e indivisible de todos los españoles”. Obrigadamente (o peso da tradición histórica transferido en indicación impositiva polo ditador) a democracia encarnouse en réxime monárquico. Os antecedentes democráticos parecían estar na restauración borbónica, após o sexenio revolucionario e a Primeira República no século XIX, deixando o período da Segunda República no limbo, paradoxalmente o antecedente democrático máis próximo. Velaí toda unha visión da historia, da que hoxe aínda se está intentando saír… Verdadeiramente, o marco autonómico resulta hoxe un galimatías e unha fonte de contradicións. Primeiro foi a súa malintencionada xeneralización. Máis tarde unha continua obsesión polos seus límite competenciais. Sempre a permanencia de burocracias inúteis. Resulta difícil de aceptar que se mantivese constitucionalmente a estrutura administrativa dun estado centralista (provincias e deputacións) con todas as súas secuelas. Porén, o exercicio da práctica política lembra que unha cousa son as nacións e outra as rexións, que non se pode falar de autonomía política ou de autogoberno cando non hai autonomía financeira, nin regras de xogo que garantan a igualdade e a lealdade entre os distintos poderes políticos que exercen tarefas de goberno. A concepción de soberanía e o seu exercicio na actual Constitución impón un concepto de unidade que se fundamenta na hierarquización, na subordinación e na secundarización respecto do poder político central. Eis unha das graves retos pendentes, que se expresa en termos ben incisivos en todo o que fai referencia a cooficialidade dos idiomas que non son o castelán nos seus propios territorios.

Rubio Llorente, un dos asesores dos poñentes da Constitución, vén de avogar (El País, 02-12-2008) pola conveniencia de abrir un debate sobre a reforma constitucional. Detecta “un exceso de veneración por ella”, como si for “un texto sagrado recibido de arriba”. O ex-presidente da Generalitat, Maragall, recoñeceu hai pouco que o novo Estatut catalán representa un intento de reforma constitucional sen tocar a Constitución. Vai na orientación de facilitar unha futura reforma, desde un ámbito máis favorábel á democratización e á ruptura co peso da tradición histórica española. Se se pecha esta vía de presión e lexitimidade democrática desde as nacións do estado, estase agoirando que as reformas posíbeis desde as propias Cortes irán sempre nunha orientación que non romperá con dous sarillos do pasado, dúas tradicións sacralizadoras: a relixión como fonte simbólica ou ritual lexitimador das institucións do estado, e o imperio como concepción do poder.

 Posted by at 12:02