Dec 052008
 

Marta Dacosta

Días antes de conmemorarmos o noventa aniversario da asemblea nacionalista de Lugo, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) convocounos en Gondomar para homenaxear a Victoriano Taibo, o que foi mestre da escola de Guillufe (Morgadáns, Gondomar) desde 1930 a 1950 (coa paréntese do desterro entre 1938 e 1942).

Supoño que todos temos unha vaga idea de quen era este mestre, mais moi posibelmente non coñezamos minimamente cal foi o seu labor e o seu compromiso. Por iso hai que agradecer antes de nada o labor do IEM e, moi especialmente, o de Miguel Anxo Mouriño e José Luís Alonso, responsábeis de que a obra chegase ao remate e de que o seu resultado fose tan exitoso.

Porque só como éxito rotundo se pode cualificar unha actividade que encheu a escola daquel mestre cun público entregado e heteroxéneo. Alí estaba o pobo de Gondomar, os estudosos e, sobre todo, veciñas e veciños de Morgadáns, entre eles, os antigos alumnos do mestre, os que na segunda xeira da homenaxe lembraría a súa figura e recitarían de memoria os versos daquela aprendidos.

Foi, por tanto, unha homenaxe de xustiza poder recitar de novo ante os seus alumnos os poemas do mestre represaliado por ser galeguista, ante aqueles nenos e nenas de entón que lembran con singular nitidez o enfrontamento entre o seu mestre e o cura de Peitieiros, Cabaleiro, un cura que exerceu de censor e de quen queda triste memoria. De xustiza porque no mesmo lugar en que o mestre foi testemuña, sen sabelo, da fuxida de Alonso Ríos, volveron escoitarse os argumentos que Taibo esgrimiu un día, os mesmos que o levaron a asinar o Manifesto Nazonalista de Lugo. De xustiza porque aqueles nenos e nenas aos que lles roubaron a infancia e o dereito a se coñecer, escoitaban de novo as palabras do mestre, aquel mestre de quen contan que dicía “Fálame en galego neniña! En galego! Que é tan fermoso coma ti”.

Tantos anos despois a semente prende, ao seu xeito, e ao día seguinte da homenaxe cóntanme que en Morgadáns, unha parroquia das máis conservadoras do concello, non se fala doutra cousa, do ben que estivo o acto, de que había que facer máis cousas como esta, actos culturais que non consistan só en bailes e comilorias, actos para recitar poesía e encontrarse todas as veciñas e veciños. A semente prende, aos poucos.

A mediados de novembro, noventa anos despois da Asemblea de Lugo, volvemos escoitar as palabras de Taibo, as palabras do mestre de Guillufe que dedicou unha parte importante da súa produción literaria a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso político, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra, cunha decisión que tamén o levou a pensar noutros proxectos aínda máis combativos que, xunto coa súa obra literaria, dan mostra do seu pensamento e carácter.

“Na “Esfera” derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da “Esfera”, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.” (Carta a Manuel Antonio)

Victoriano Taibo, o poeta.

Victoriano Taibo foi un escritor da Xeración das Irmandades da Fala que pasou ao manuais de historia da literatura como unha referencia menor, pois se trasladou unha e outra vez que a súa obra era debedora de Cabanillas. Se cadra esta afirmación transmitida de tratado en tratado, deu lugar a que non lésemos a súa obra, para xulgarmos por nós mesmos canto había de certo nesa afirmación.

O IEM pediume que realizase un artigo sobre a súa obra poética, e debo agradecerllo, porque entón descubrín quen era realmente Victoriano Taibo, e asumín que estabamos diante dunha inxustiza co escritor e co home. Taibo gozou no seu tempo de ter a consideración de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, mais, como dicía, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos até este novembro cunha escasa obra poética publicada, amortece os logros que puideron quedar do autor. Sempre se considerou a Taibo como discípulo de Cabanillas, e isto non deixou que se lle dese o relevo merecido á súa obra, especialmente aos seus poemas máis líricos, aqueles que clasificamos como  intimistas. E a súa obra merece formar parte das antoloxías, pois como outras obras antologadas, contén os seus propios logros.

Mais, tamén temos que considerar ese “seguidismo de Cabanillas” no seu contexto. Pensemos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela os nosos escritores recibiron o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que levar á práctica a encomenda, pois era súa tamén a convición de formar o noso pobo. É dicir, estamos diante de obras poéticas que necesariamente debían confluír, pois foran xeradas por un mesmo propósito. E por outro lado, insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así o propio Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser “galeguista”.

Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre nas súas palabras, xa for para gabar a nación, xa for para criticar a quen lle viraba as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.

 Posted by at 14:11
Dec 012008
 

Museos Científicos Coruñeses (=mc2) é unha institución creada polo Concello da Coruña para a divulgación da ciencia. Concientes de que este labor tamén se pode facer desde o tempo de ocio e lecer, convocamos este I Campionato de Trivial, que se rexe polas seguintes bases.

BASES

Participantes.
Poderán participar todos os alumnos e alumnas matriculados en calquera Centro Escolar de Galicia no Ensino Primario e Secundario, tanto obrigatorio como posobrigatorio.
Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com.  
O Campionato rexerase polas normas do Trivial.Gz. O gañador ou gañadora será a persoa que, finalizado o campionato, figure no posto número 1 e con máis puntos na clasificación. Para este campionato non se considera máis que un único premio.

Inscrición.

O Campionato desenvolverase entre o 15 e o 25 de xaneiro de 2009. As datas de inscrición serán entre o 10 de decembro de 2008 e o 13 de xaneiro de 2009.
O nivel de dificultade será de 1 (Fácil) e xogarase con 6 temas. Haberá un tema obrigatorio (Ciencia) para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os cinco restantes.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 240 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 24 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.
 
Premios.
Establécese un único premio consistente nunha visita aos museos científicos coruñeses para trinta alumnos e alumnas do centro ao que pertenza o gañador ou gañadora, facéndose cargo os Museos dos gastos de desprazamento así como das entradas. A visita farase no mes de febreiro, en día previamente concertado. Os museos científicos farán entrega de un obsequio sorpresa á persoa gañadora do campionato e dun obxecto-recordo aos demais participantes.

A AS-PG contactará mediante correo electrónico cos gañadores ou gañadoras. A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido. Tamén é imprescindible facer constar o DNI.
Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 23:00
Nov 262008
 

Un artigo de Ermidas Valencia

Vivimos nun sistema que trata de  nos  educar de xeito diferente segundo sexamos homes ou mulleres.
 
Só temos que follear un catálogo de xoguetes, dos que estes días chegan ás nosas caixas de correo, para decatármonos  de  que ,  xa desde ben novos, temos que adestrar   naqueles oficios ou labores domésticos, para os que parecemos predestinados e predestinadas.
 
Sempre as nenas protagonistas do ámbito privado: coidado de crianzas e doentes, ou cociñeiras. Preocupadísimas polo seu  aspecto físico, pola beleza e a estética persoal.
 
As mulleres, sempre ideais de beleza, temos que estar e aparentar estar perfectas. Mentres os nenos constrúen barcos, pilotan avións, viaxan ao espazo ou  se pelexan contra o maligno, as nenas deben aprender a estar belas ou a ser futuras nais responsábeis.
 
Esta predisposición tamén marca como temos que falar as mulleres. En contextos monolingües, as mulleres sempre fan un uso do idioma máis coidado  e deixan os palabróns  para o sexo masculino.
 
No caso galego,  en que existen dúas linguas, unha de prestixio e outra, que durante anos foi a lingua á que o poder consideraba lingua dos pobres e incultos, non fai falta que expliquemos cal foi a lingua que se procurou para as mulleres.  Para que unha muller subise máis doadamente algúns chanzos na escala social, cumpría abandonar o galego  e cambialo polo idioma do imperio.

O 25 de novembro, día en que a sociedade reflexiona sobre a violencia que se exerce sobre as mulleres, queremos reivindicar que existen moitos tipos de violencia e que todos deben ser desterrados.
 
Temos que mudar a sociedade patriarcal  en que vivimos, que educa  as  nenas para que manteñan unhas regras de xogo inxustas e discriminatorias e que condena as mulleres ao traballo invisíbel para as cifras macroeconómicas.
 
Temos que mudar un sistema que condena a millóns de mulleres á pobreza extrema e que segue condenando, ás galegas que queren ser ben tratadas polos poderes establecidos, a mudar de idioma, deixar de usar a súa lingua materna e educar os seus fillos e fillas en español en nome do progreso social.
 

 Posted by at 17:00
Nov 202008
 

Un artigo de Francisco Rodríguez

 

O día 18 deste mes cumpríronse 90 anos do “Manifesto da Asambleia Nazonalista de Lugo”. Significou un salto cualitativo no terreo ideolóxico e na vontade de incidencia social do movemento defensor de Galiza, existente desde mediados do século XIX. Os autores do “Manifesto”, pertencentes ás Irmandades da Fala, fundadas en 1916, pasaron a nomeárense nazonalistas, no canto de rexionalistas. Representa un programa de “Autonomía Integral” para Galiza. Fundamentárono sen ambigüidade no dereito básico a sermos, como nación, donos absolutos de nós mesmos: un autogoberno real con verdadeiras competencias. Tres propostas dos “Manifesto” poden dar idea da soberanía que sustentaba o autogoberno que propoñían. Do goberno galego dependería o réxime tributario, “sen intervención do poder central, ao que soamentes pagará o autónomo a cantidade que se fixe nos concertos económicos”. Consideraban que “a función dos Tribunais de Xusticia rematará en recurso derradeiro en Galiza e sempre realizada por funcionarios galegos”. Eran partidarios duns camiños de ferro nacionalizados, con cargo ao poder autónomo a súa construción e administración… Como vemos a anos luz do Estatuto actual e na liña do que o nacionalismo defende hoxe como alternativa.

A proposta internacionalista das Irmandades contaba con Portugal, xa república desde 1910, como parte dunha futura “Federación da Iberia”. Esperanzados coa paz, após o horror da Primeira Grande Guerra, por fín rematada, soñaban mesmo coa fin dos exércitos permanentes, coa súa redución ao papel de policía. O goberno galego fixaría o número preciso para a orde interna de Galiza. Sen representación parlamentar e con pouca incidencia social, asumiron que Galiza non podía ficar muda en circunstancias tan tráxicas como esperanzadas. A fin da guerra inter-imperialista parecía traer “o alboreo das nacionalidades”. Entendíano así ao veren como exercía o dereito de autodeterminación moitos pobos do centro e leste de Europa que estiveran sometidos aos imperios turco, ruso e austro-húngaro, perdedores na contenda bélica. Mesmo reforzaba a súa esperanza o feito de que o propio presidente dos Estados Unidos, Wilson, na súa declaración de 14 puntos, defendese o dereito dos pobos á liberdade, como unha das vías para estabelecer unha paz duradeira na Europa. No Estado Español unha grave crise do modelo bipartito, da alternancia, alentaba aos cataláns e algunhas forzas minoritarias a solicitar Cortes Constituíntes para a elaboración dunha reforma constitucional que, entre outros avances democráticos, favorecese a integración dunha Catalunya autónoma. Cabía todo menos a pasividade…

Desta forma, o nacionalismo galego foi depurando progresivamente o seu programa: pacifista, anti-imperialista e internacionalista, a favor das maiorías sociais. Unha peza chave é a transformación do Estado Español en Estado Plurinacional. Esta transformación é antitética ao poder oligárquico que o sustenta. Somos debedores destes esforzos dos nosos devanceiros. Seguimos vivindo nun contexto internacional de capitalismo aínda máis globalizado. O seu pensamento segue a estar vixente e as súas propostas non logradas aínda sinalan o salto cualitativo político que necesitamos. Hoxe o nacionalismo galego ten máis presenza institucional e incidencia social e política que o de 1918. A realidade do país mudou en moitos aspectos, para ben e para mal. Pero continuamos o esforzo por unha “soberanía compreta e sin cativeces”.

 Posted by at 12:31
Nov 162008
 

Xosé Mexuto

Arrumbados no faiado da historia Hayek, Friedman, Fukuyama, agora os ollos do mundo víranse cara a John Maynard Keynes e toda a retórica de Bretton Woods. Ben, é un avanzo. É mellor avanzar un paso que viver permanentemente no Neolítico. Keynes non está mal como paliativo, para enmascarar os síntomas da enfermidade. Ten o efecto do paracetamol. A curto prazo é probábel que a cousa non dea para máis. Keynes o que propuña era que o Estado se convertese na man visíbel para resgatar o capitalismo das ensoñacións anarcoliberais. É bastante máis do que está a propor, por exemplo, ZP, que continúa sen soltar amarras coa ala máis dereitosa da Internacional Socialista tal e como pon de relevo sistematicamente coa súa política de emiliobotín-dependencia. A que imos a Washington de ganchete de Sarkozy? Bingo, a levar a boa nova de que temos o sistema bancario máis solvente do planeta, o mesmo ao que lle acabamos de regalar 30.000 millóns de euros a cambio de nada. De nada? Máis ben da opacidade máis absoluta: nen sequer imos saber que bancos van arrepañar fundos públicos. Un eclipse lunar de información moi pouco keynesiano.

E logo hai sectores que queren ir alén da superficie dos fenómenos e queren saber algo máis. Non só como se fai para que a crise se note menos, senón que queren saber por que se produce este cataclismo, que racionalidade se agacha tras o caos. Aí Keynes ten pouco que dicir. Aí hai que inevitabelmente recorrer de novo ao grande Karl. Até un arcebispo alemán que compartilla apelido co xenio de Tréveris vén de tirar do prelo un libro sobre o capitalismo intitulado, oh surpresa, Das Kapital. “Karl”, di o clérigo Reinhard Marx, “non está morto e hai que tomalo moi a serio”. En 1848 un Marx de 30 anos predixo a mundialización do capitalismo como xerme da súa descomposición. Os seus escritos son de lectura obrigada para entender que pasa no mundo agora mesmo. Hai que achegarse a eles cunha atitude desavergoñada e antidogmática. O mellor de Marx é a súa visión de que o home pode mudar a historia. De que non hai nada predeterminado. De que o progreso social é posíbel se se pon vontade e traballo na tarefa. Non está mal que nos deamos agora unha pasada por Keynes, mais non esquezamos que aínda temos un mundo por gañar e que a historia non se vai deter por moito que se fabrique un novo Bretton Woods.

 Posted by at 23:51
Nov 102008
 

A casualidade quere que para este mes poidamos contar con dous libros que teñen moito que ver coa data do 25 de novembro. Trátase da tradución da obra completa de Sylvia Plath, do poeta galego Xoán Abeleiras, e da novela A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, premio Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil.
A autora americana (a quen desexamos ler en galego) é un exemplo de muller maltratada psicoloxicamente, pola súa parella e pola sociedade do seu tempo. Porén sempre se falou do seu carácter “histérico”, da súa inadaptación. Mais a realidade é que Plath, como moitas outras mozas americanas do seu tempo, vivía nunha sociedade que lle reservaba ás mulleres o único papel de adorno doméstico, amas de casa intelixentes que preparaban marabillosamente unha cea de negocios e tiñan unha conversa axeitada, capaces de manter o fogar e a familia mentres o home estudaba na universidade e se forxaba o seu futuro. Esa foi a realidade de Plath, que nin puido atender aos seus estudos universitarios, nin dedicar tempo á escrita dos seus poemas, non era o que se agardaba dela, e ela non o puido soportar.
A cabeza de Medusa é unha novela sobre a violación de dúas adolescentes, mais non tanto sobre a violación física, senón sobre a violación social que logo se produce, os preconceptos que converten ás vítimas en culpábeis e que as someten a un xurado que xulga o seu comportamento e a súa forma de vestir e esquece o acto de violencia, esquece os verdadeiros culpábeis.
Non son obras para ler onte, non. Son para ler hoxe, para incomodarse na cadeira en que lemos e levantarnos indignadas e dispostas.

 Posted by at 23:27
Nov 062008
 

Un artigo de Xose Mexuto Seoane

Estou basicamente de acordo con Chomsky cando afirma que os dous partidos norteamericanos son na práctica dúas correntes de opinión dun único partido político, o Bussines Party, mais esa sentenza non o explica todo, a realidade sempre é moito máis complexa e escorregadiza e, sobre todo, volátil, non estática, está nun permanente estado de mutación. É moi facilón escribir agora que republicanos e demócratas son o mesmo e descolgarse coa profecía autocumprida de que BHO (onde o H é nada máis e nada menos que Hussein) non vai tardar nen unha décima de segundo en defraudar espectativas e en semear o mundo de desencanto. Nada é igual a nada (nen sequer un individuo, como sabemos, é igual a si mesmo, hoxe somos distintos de onte e quen diaño sabe o que seremos mañá), así que só desde a preguiza podemos argumentar que Mc Cain é o mesmo que Obama (algo tan falso como aducir que o mesmo era candidatar a Clinton II que ao líder afroamericano). A respecto do desencanto, todo depende de onde poñas o listón da esperanza. Polo que a min respecta, son da opinión de que o trunfo de Barack Obama xa é en si mesmo un cambio virtualmente revolucionario nun país onde hai nada Sammy Davis Jr tiña prohibida a entrada nos hoteis de luxo (aínda que ás veces entraba grazas aos bons oficios de Sinatra, farémoslles unha oferta que non podan rexeitar).

Infelizmente Mc Cain non ten razón, así que Obama non vai abolir o capitalismo nos EUA nen vai nacionalizar máis do que xa nacionalizou Bush, o neoliberal que nesta materia compite agora abertamente con Chávez ou Evo Morales. Non, Obama non é marxista, mais si chega ao poder grazas a unha coaligación social en que son decisivos os excluídos e os non satisfeitos (utilicemos a terminoloxía de John Kenneth Gallbraith: non satisfeitos son os que non se sentían até agora representados polo establishment político do seu país). Os votos procedentes dos sectores populares (os mesmos que hai oito anos non acharon razóns para votar a Gore nen hai catro para apoiar a Kerry) son os que colocan agora o fillo do economista keniano ao fronte do Imperio.

Nunca nos deixemos enganar polas aparencias. A vitoria de Obama non é só a vitoria dun individuo. É perante todo a vitoria dun movemento social moi plural e complexo cuxos lindes van moito alén das estremas dun Partido Demócrata que tiña como candidata natural a Hillary Clinton. Non esquezamos que Obama venceu primeiro o aparato do seu partido e logo ao candidato da dereita. Non esquezamos que desde 2000, ano en que Bush II rouba as eleccións a Gore, as clases dirixentes norteamericanas esgazaron en dúas fraccións de intereses virtualmente irreconciliábeis. Esas dúas correntes do Bussines Party de Chomsky nunca estiveron máis enfrentadas. A Administración Bush, un fato de fanáticos entregados ao complexo militar industrial e enfrentados ao capital produtivo do seu país, agudizou as contradicións até limites insospeitados. O espectro da Grande Depresión de 1929 pairando sobre o Dow Jones fixo o resto. As cabezas mellor equipadas do capital tiraron a conclusión de que isto só o pode salvar alguén que non lle teña noxos a facer un chisco de keynesianismo. A corrente demócrata viu entón con clareza que só podía gañar a partida convidando a entrar no xogo a sectores da esquerda social (herdeiros dos movementos pacifistas e anti-imperialistas e de defensa dos dereitos civís vinculados ás minorías raciais) que até o de agora non manifestaban o menor interese polas ordalías eleitorais entre azuis e vermellos. Só esa grande coaligación puido derrotar a formidábel maquinaria eleitoral do Partido Republicano ao elevar o índice de participación até cifras estratosféricas para a cultura política norteamericana.

A incógnita agora está en saber se Obama vai ter as mans suficientemente libres para manter unha mínima cohesión no interior do bloco social que o levou a inflixir unha derrota histórica ao partido que en 1980 lanzou a revolución conservadora no planeta.

Yes, he could. El puido. Pero non o fixo só. Non pequena parte da súa vitoria se debe a un movemento xenuíno do pobo norteamericano -tamén no Imperio existe pobo- que agora vai estar moi atento a todo canto BHO faga.
 

 Posted by at 16:16
Out 222008
 
Cando se nega oficialmente a verdade, adoitan producirse fenómenos, máis ou menos extramuros, que a reclaman. Defenderon filólogos e estudosos, durante séculos, que galego e portugués eran o mesmo idioma. Este criterio fundamentábase en sólidos razoamentos e comprobacións históricas, lingüísticas e xenéticas. Non se deixaron perturbar polo feito de ser Portugal un estado independente e a Galiza unha nación negada, convertida en provincia da España imperial. Tampouco por ser o portugués un idioma oficial, con uso normal, perfectamente estandarizado, mentres o galego era caracterizado despectivamente como dialecto, restrinxido a un uso coloquial e popular.

Curiosamente, coa chegada da democracia e a instauración da autonomía, foi desde a oficialidade científico-institucional, que se comezou a emitir o discurso de que galego e portugués eran linguas diferentes. A normativa do galego, lingua cooficial da Galiza, elaborouse con criterios totalmente alleos aos da normativa do portugués, enfatizando as diferencias. Optouse por afastar artificialmente, non por aproximar naturalmente. A orientación anti-portuguesa, parella moitas veces a unha posición ideolóxica españolista, argumentou en base á defensa do considerado xenuíno e peculiar da nosa fala, por moi mancada e contaminada que estivese polo español. Certamente non foi unha opción responsábel nin comprometida co idioma galego como ferramenta da uso normal para todo na nosa sociedade, con perspectiva de futuro e dentro da nosa tradición literaria. Esta política oficial lembra a mesma teima por afastar o valenciano do catalán. Obxectivamente ambas responden a un isolacionismo axitado pola españolía.

A aparición dunha Academia Galega da Lingua Portuguesa na Galiza provocou algunha reaccións desaforadas e sintomáticas. Certamente a solución non está en denominar o galego “portugués de Galiza”. Está en dar pasos claros, prácticos, para reintegrar o noso idioma no seu espazo natural, o galego-portugués. Un destes pasos, tímido, foi a “Normativa de Concordia”. Malia a súa legalidade, enfróntase a moi serias resistencias na súa aplicación xeneralizada nas administracións e institucións oficiais. É ignorada a mantenta ou usada na súas opcións non preferentes. Precisamente Alonso Montero, académico da RAG, aproveitou o seu ataque á nova Academia para deixar constancia de que a normativa legalmente vixente era de orientación lusista, facéndoa responsábel de non sei que dificultades para o alumnado de primaria e secundaria identificárense co galego.

Non é negativo que exista unha Academia Galega da Lingua Portuguesa. É simplemente a resposta extraoficial, filolóxica, e, en certa maneira, extrema a unha deformación e negación recorrente. O problema está en que necesitamos que o mundo administrativo, académico, social, económico e institucional avancen na práctica na dirección de asumir, con todas as cautelas e matices que se queiran, que o galego e o portugués son o mesmo idioma. É conveniente a maior aproximación da normativa oficial á do portugués. Esta aproximación esixe compromisos, conivencias e recoñecemento por parte dos países lusófonos, a comezar por Portugal. Tanto como de información e comprensión por parte da sociedade galega. Os obxectivos estratéxicos deben ser claros; as tácticas deben calibrarse, con debates serenos e propostas eficaces para avanzar…

 Posted by at 23:59
Out 142008
 

 

Un artigo de Francisco Rodríguez

Cómpre non deixarse arrastrar por unha atmosfera de confusión e apatía mesturada con medo e inseguridade. Malia pode parecer o contrario, a actual crise económica non caeu do ceo; é produto de formas de proceder e actuar dos que teñen o control do poder financeiro. Non é algo inextricábel. Non imos dar unha receita que aboe o optimismo simplista, por moito que for un proceder característico dos que levan moitos anos coa súa propaganda irresponsábel. Porén, temos que ter claro que esta crise só será superada positivamente para as maiorías sociais, se teñen claridade de pensamento e capacidade de acción. Isto é, se non se deixan atordar polos discursos dominantes.

Hai algúns razoamentos elementais e con sentido. Se imos pagar os contribuíntes a crise bancaria, non sería lóxico que sexa o Estado quen se apropie dos bancos que haxa que salvar?. Non se lle poden facer noxos ás “nacionalizacións”. No caso do Estado Español, deberían nacionalizar os gobernos autonómicos ou o goberno do Estado, segundo se tratar de caixas de aforro ou bancos de grande dimensión. Consecuentemente non se pode permitir que a opinión pública non conte cunha información veraz e controlada sobre cal é o montante da fraude. Son as entidade financeiras quen deben verse obrigadas a dar esta información, cando menos aos respectivos gobernos. Estes gobernos non poden tardar máis que o estritamente necesario en estabelecer novas regulacións ou normativas que impidan a especulación e que garantan os depósitos e os préstamos adecuados ás familias e ás empresas. Finalmente haberá que tomar medidas para que esta crise financeira afecte o menos posíbel á economía produtiva e ao mundo do traballo. Este é o principal obxectivo que debe asumir o goberno coas súa actuacións.

Sería inxenuo pensar que unha situación crítica para os traballadores pode ser superada con máis redución de impostos, con menos gasto público en investimentos e coa aplicación do que chaman “reformas do mercado de traballo”. Xustamente estas políticas que denominan neoliberais foron o complemento perfecto da irracional globalización financeira. É o momento oportuno para discutir e rectificar a política de superávit ou equilibrio orzamentario. Eliminar o gasto superfluo e combater o estrago nada ten que ver con adelgazar os compromisos públicos na dinamización da economía e no mantemento de servizos sociais universais. Certamente non parecen viábel que se poida manter un sistema económico con fundamento na construción e na industria automobilística. A hipertrofia destes dous sectores é un síntoma de especulación cun dereito básico e de incapacidade para asumir unha política de transporte público, acorde co respecto polo ecosistema. Na Galiza é unha oportunidade para avivar demandas sociais como a volta á construción naval civil da antiga Astano, contarmos con base agraria propia e “nacionalizar” as caixas de aforro galegas, entre outras necesidades.

Algúns bancos, mesmo algúns grandes accionistas, van perder, pero poden perder moito máis os traballadores e traballadoras, os pequenos e medianos empresarios. Precisamente agora que este modelo ten a menor lexitimidade que nunca tivo, é o momento de non sermos apáticos nin conformistas. Non sei se o que está en quebra é o modelo neoliberal ou o sistema de acumulación capitalista. O que si está claro é que o contexto debe ser utilizado para cambiar a correlación de forzas. Non podemos tolerar nin como nación nin como maiorías sociais que esta crise se utilice para cavar unha fosa aínda maior de irracionalidade, irresponsabilidade, descontrol e sufrimento por conta dos que adoran o deus ex machina do economicismo.

 Posted by at 18:56
Set 192008
 

O panorama intelectual, hexemónico na denominada cultura occidental, rende moitas veces tributo ás aparencias. Chegan a recoñecerse como grandes filósofos personaxes, con posición afamada en institucións universitarias elitistas e constante presenza en revistas e xornais anglosaxóns, cuxo pensamento non deixa de ser unha oportuna mestura de ocorrencias, máis ou menos inxeniosas, afán de escandalizar con dose calculadamente conveniente de heterodoxia, e actualizacións e vulgarizacións de filosofía clásica e irracionalista alemanas. Desta maneira, un profesor de literatura comparada, ensaísta de perspectiva claramente eurocéntrica, pode acabar sendo considerado como defensor das linguas minoritarias, neste mundo de aparencias mediáticas.

Vén este reflexión a conto de George Steiner, o ensaísta franco-americano, xudeu de ascendencia austríaca, obxecto de múltiples distincións honoríficas, incluído o premio Príncipe de Asturias (2001) de comunicación e humanidades. Estamos perante un produto, no plano intelectual, xenuíno do proceso globalizador: aparente preocupación universalista e limitada, restritiva e prexuízosa análise-avaliación da humanidade concreta (pobos con linguas e culturas diferentes). A respostas de Steiner a Juan Cruz na entrevista de El País (24-08-2008) resultan esclarecedoras. O euskera é un idioma “misterioso”, “raro”, “poderoso”, do que cecais proveña a incapacidade dalgúns vascos para aceptar o mundo exterior. Nada menos que un idioma convertido na causa do “terrorismo”. Porén resulta máis chocante, por desconsiderada e totalmente irracional, a súa animadversión contra o galego. É o propio Steiner o que de, motu propio, faise eco dunha falsidade: a suposta obrigatoriedade de falar en galego nunha universidade de España. Perante a aclaración do entrevistador de que en Catalunya hai que ensinar en catalán e en castelán, xorde fulminante a réplica: non hai punto de comparación, porque o catalán é un idioma “importante” e a súa literatura “impresionante”. Conclusión: o galego é unha categoría inferior, sen o desenvolvemento literario requirido para entrar na universidade. No fío desta argumentación, a defensa do galego está na órbita dos que provocan división, odio étnico… A contradición e a incoherencia é de tal calibre que, cando o entrevistador constata a existencia dun nacionalismo vasco e catalán con peso, Steiner decide saír pola tanxente nunha pirueta tan pretensamente inxeniosa como oportunista. Non pode opinar sobre nacionalismo porque “soña e fai o amor en catro idiomas”…

Steiner descoñece Galiza e a súa literatura. Opina, nembargantes, con contundencia. Xulga desde un canon occidental, con salóns de entrada restrinxida, o máis contrario ao afán dun coñecemento aberto e universal. Coñece Barcelona; foi agasallado alí; é traducido ao catalán. Catalunya está no seu mercado global, suficientemente como para incluíla na diversidade aceptábel, na Europa non sospeitosa. En contraste, o seu desprezo ignorante da lingua e literatura galegas parece propio dun xudeu dogmático que, cal inquisición, enuncia sen miramentos a súa sentenza: o pobo galego non vale, non pode entrar nos salón acoutados da alta cultura. Hai pobos e culturas superiores. É posíbel que o señor Steiner fose sensíbel para detectar a humanidade que fundamenta a obra de Tolstoi, Dostoievski, Melville ou Shakespeare. Resulta torpe, irracional e prexuizoso en non sospeitar, polo menos, canta literatura pode descoñecer, capaz de amosarlle aspectos da diversidade, faces da discriminación e esforzos de esperanza inusitados, concretamente a literatura galega.

 Posted by at 17:39