Xuñ 082008
 

 Non parece moi sensato nen equilibrado criticar a modernización da infreastrutura ferroviaria do Eixo Atlántico como unha aposta pola “des-comunicación”, tal e como pretende unha pintada estampada na nova estación de Ordes, en clara resonancia mimética dos ataques ás obras do AVE en Euskadi. O ferrocarril galego necesitaba, e necesita, melloras sustanciais, nas infraestruturas e nos servizos. O que se está a facer no Eixo Atlántico é posibilitar o uso do tren entre cidades, como un transporte público. Unha posibilidade real de abandonar o carro individual. É lamentábel que, por desidia das autoridades locais respectivas, e por insensibilidade dos que planifican desde Madrid, non se ubiquen as novas estacións na proximidade dalgunhas vilas con entidade, como Ordes, Padrón ou Pontecesures. Porén, os que usan o tren, como transporte público, de forma frecuente, comproban e valoran que, por fin, se teña asumido unha mellora real.

Ter que ir desde Ferrol á estación de San Cristovo na Coruña para abandonar o carro individual e poder dirixirse en tren, en condicións asumíbeis, a Santiago, Vilagarcía, Pontevedra ou Vigo, evidencia onde está a “des-comunicación”. Tamén podemos comprobar que sectores e clases sociais son as máis beneficiadas de que o tren na Galiza funcione. Mesmamente ratificamos o que intuimos: que inhumano, agresivo e deplorábel é o urbanismo de cidades que presumen de modernidade!! O edificio da estación de San Cristovo, construído con pedra granítica en 1935, de evocacións históricas, din que neorrománico, resulta hoxe senlleiro e agradábel no medio dunha edificación deplorábel, sen zonas verdes, e vías cheas de tráfico. Consecuentemente procuran amparo e refuxio no seu interior centos de persoas da terceira idade, especialmente polas mañás. Dan o paseio de mantimento, co paso adecuado ás posibilidades de cada quen, polos andéns máis longos da estación, protexidos xa do sol, xa da chuvia, e como non, de coches e ruídos persistentes e agresivos. Non falta a oportunidade de saudar ou conversar cos coñecidos e veciños do barrio. A saída e chegada de viaxeiros, maiormente de curta e media distancia, axuda a mesturarse coa vida máis activa, pero algo familiar e próxima, non totalmente extrañada. Unha certa sensación de melancolía lémbranos as miserias e deficiencias do actual modelo social, pero tamén o potencial comunitario que nel subxace. Canta preocupación institucional ás veces polo ostentoso, aparencial e suntuario, e que pouca polo que se necesita de verdade e usan, ou poden usar, milleiros de persoas ao ano!!!

En Ferrol apenas hai servizos ferroviarios. A modernización da infraestrutura Ferrol-A Coruña é só unha promesa, na primeira fase do proceso administrativo, deseñada cun criterio de servizo social en grande parte do itinerario, porque alguén se preocupou de que así fose. Porén, algúns só están interesados no “retranqueo” da actual estación. Soñan cunha grande operación urbanística e máis áreas comerciais. De seguro que andan pouco ou nada en tren…

 Posted by at 16:19
Xuñ 022008
 

Francisco Rodríguez

Resulta abafante e sintomático o empeño informativo e dos economistas académicos oficiais en manter a sociedade galega na ignorancia e/ou manipulación a respecto dun tema tan crucial como o financiamento da comunidade autónoma. Preténdese xustificar que o mellor dos mundos posíbeis para Galiza é o da actual dependencia e subordinación respecto do Estado Español. A ideoloxía da españolidade e da unidade de España inspiran as manipulacións académicas e o correlato divulgador informativo. Axitan sempre a bandeira dunha suposta “solidariedade” do estado con Galiza, que se manifestaría empiricamente nos resultados da aplicación do sistema de financiamento vixente. Tinxen o seu discurso analítico, de pretensións progresistas, con dados parciais, ocultacións sonoras e conclusións predeterminadas. Unha delas, a fundamental, que somos incapaces por nós mesmos. Só a unidade de España nos garante o noso actual estado de benestar. Porén, nin o Ministerio de Economía e Facenda nin o Sr. Solbes se atreven a tanto, se teñen que confrontarse directamente cos razoamentos, fundamentados nos propios dados da liquidación do sistema de financiamento que se fai cada dous anos, en concreto o último en maio de 2008 sobre o 2006. Tiven a ocasión de comprobar como a resposta do Sr. Solbes a un meu posicionamento claro a este respecto foi: “No por Dios, no se puede decir que Galicia viva grazas a España”. Nin siquer nas publicacións oficiais últimas do Ministerio de Economía e Facenda se afirma que a aplicación do sistema de financiamento actual provoque solidariedade e nivelación. Foi o nacionalismo en solitario, especialmente grazas aos traballos do economista Xosé Díaz Díaz, quen se atreveu a replicar demostrando a ignorancia, a ocultación e a manipulación que subxacen nos discursos do academicismo sustentador das proclamas axitativas da dereita e esquerda españolas na Galiza. Son uns auténticos vendedores de propaganda. O debate na Galiza adiantou en clareza grazas a que tiveron que confrontarse con informacións que nunca ofreceron os que tiñan capacidade e medios para facelo. Felizmente agora sabemos que a carga tributaria soportada polos galegos, como consecuencia do sistema fiscal español, chegou en 2006 á cantidade de 9.041 millóns de euros polos impostos integrados no sistema de financiamento, máis outros 2.584 millóns de euros por impostos non integrados no sistema de financiamento. En total, a cantidade de 11.625 millóns de euros. Unha cantidade que está moi enriba dos 7.592 millóns de euros que lle foron entregados a Galiza na liquidación de 2006 para facer fronte aos gastos por competencias transferidas (Ensino, Sanidade, Benestar Social, fundamentalmente). A posición do españolismo foi contumaz, perseverante. Visto que a propaganda manipuladora sobre o sistema de financiamento era desvendábel e rigorosamente atacábel, apareceron as Balanzas Fiscais. Máis barullo e complexidade cos dados e co método de análise. Pero tamén aquí as teses conclusivas, na mesma dirección de incapacitar a Galiza para que non acredite en que vive do seu esforzo, estaban premeditadas antes de elaborar as análises. Novamente hai un clarificador traballo de Xosé Díaz Díaz, denominado “Miseria da Solidariedade”, de próxima aparición en Terra e Tempo, que demostra como unha cousa son os gastos que se nos imputan e outra moi diferente os realmente realizados. O método utilizado para elaborar as Balanzas Fiscais pola Fundación do BBVA para o período 1991-2005, publicadas no ano 2007, representan o exemplo prototípico dunha tese predeterminada. Tan predeterminada que deben saber que, por de pronto, para acadar o resultado oportuno, se nos imputan, en nome dun denominado principio de beneficio, gastos localizados en Madrid como os gastos xerais das administracións públicas, defensa, orde e seguranza pública, ou de organismos como Holding Olímpico, Centro de Arte Reina Sofía, Museo Nacional del Prado, Fundación Thynssen Bornemisza, Fundación Museo Sorolla, Fundación Teatro Lírico… O que se fai para reivindicar a españolidade e anular a capacidade real de Galiza!!!!. Auténtico terrorismo científico, como di Xosé Díaz Díaz.

 Posted by at 23:57
Mai 242008
 

As linguas, malia as aparencias, son fenómenos sociais, colectivos. Non poden existir sen pobo e base territorial. Por iso, a lingua está vinculada á idea de Nación. Nas sociedades cunha lingua propia en situación de normalidade de usos, os individuos non escollen a súa lingua, venlles imposta como algo natural, vehículo de socialización. É libre por que é a súa, a da colectividade, a nacional. Porén, ninguén lles preguntou se a querían como tampouco lles preguntaron se querían nacer do seu pai e nai naturais. En Santander, Madrid ou Sevilla non se escolle a lingua. A natural e individual é a social e propia. Na Galiza, unha sociedade con dúas linguas, unha propia e orixinaria, o galego, e a outra, allea e introducida coercitivamente, cabe preguntarse cal se impón no proceso de socialización. Progresivamente, e de forma inexorábel, a que ten poder, goza da influencia e do dominio expansivo do Estado, proceso que pretende facerse pasar por natural. Hai un desequilibrio real e unha dualidade valorativa entre o galego e o español. No sentido coercitivo, imperial, non natural, imponse o castelán. Dotar ao galego de poderes, con deberes para a administración e dereitos para os galegos falantes dentro da Galiza, non é máis que un acto de xustiza, de reequilibrio, de revalorización, para podermos ser normais no propio país, ou se se quixer, naturais. Ou é que o galego non ten dereito a ser unha lingua na Galiza como o castelán o é en Santander, Madrid ou Sevilla?. Cavilemos. É posíbel, no futuro, unha Galiza unilingüe en castelán, con nulo uso e mesmo descoñecemento do galego. Resulta moitísimo máis difícil a posibilidade dunha Galiza unilingüe en galego con nulo uso e descoñecemento do castelán. Vaiamos a máis e preguntémonos: un proceso de unilingüismo social en galego na Galiza conleva a desaparición do castelán como lingua?. Un proceso de unilingüismo social en castelán na Galiza conleva a desaparición do galego?. Cavilacións, preguntas e respostas dan a chave de canta manipulación, mentira e prepotencia imperial padecemos no tema da normalización de usos do galego. Quen ten o dominio non ten interese en que Galiza sexa normal, isto é, consciente, con autoestima e con vontade política propia. Que podamos socializarnos no noso idioma.

 Posted by at 21:24
Mai 232008
 

Falar da literatura galega neste momento concreto, significa tamén falar dos escritores e escritoras galegas no proceso de normalización cultural da nosa sociedade. En consecuencia, o devir da nosa literatura vai intimamente vencellado ao devir do noso idioma. Pode darse -e dáse- o paradoxo de que a situación de fortaleza do noso sistema literario, tamén da súa produción actual, non vaia acompañada dunha tal fortaleza ou normalidade na práctica social do noso idioma. Falo disto porque é de grande importancia que os escritores e as escritoras galegas, manteñamos dentro do noso país o monolingüísmo que nos caracterizou xa de vello. Ollo con ilusionada esperanza como sigue a ser practicado hoxe polos máis novos que se están a incorporar á nosa literatura.

Vexo hoxe a nosa literatura camiñar con alento e fortaleza, na súa complexidade e na súa diversidade, dando resposta aos estímulos dunha sociedade no seu ser cambiante. As propostas uniformadoras da globalización están a ter a resposta necesaria e axeitada desde a escrita literaria no noso país. Creo que é de grande importancia para o devir de todo sistema literario, e en concreto para unha literatura nacional como a nosa, a  progresiva democratización das estruturas nas que se visibilizan os froitos da produción literaria ou nas que se prestixia e se pon esta en valor. Isto axuda ao converter nun sistema literario normal e favorece a convivencia dos distintos grupos ou sensibilidades afíns que nacen e viven no seu interior.

Pouco a pouco vaise facendo máis evidente a presenza do escritor na dinámica cultural do país, que sempre partillou, e é maior a visibilidade social do escritor e a súa actividade literaria ou cultural, nos medios de comunicación publica e privada, aínda que non sempre se corresponda cuantitativamente o emprego do galego por parte dos escritores coa permisividade dos medios. Nese sentido, é importante a nosa aportación dunha certa visión crítica da realidade, de chamar a atención sobre os máis diversos problemas para evidencialos e favorecer necesarios debates fornecedores de información e coñecemento. O escritor, coas súas contribucións críticas, deu sempre calidade democrática ás sociedades como a galega que, na súa riqueza e complexidade, necesitan de se recoñecer non só nas personaxes literarias creadas e nos textos poéticos senón tamén nas condutas e nas opinións éticas de quen as escribe.

 
As escritoras e escritores que iniciamos a publicación a partires do 1976 asumimos novas formas de linguaxe poética. Do mesmo xeito, a narrativa non deixou de abrir as portas a unha nova linguaxe, desde a propia cerna do código literario. Hoxe estas mesmas promocións seguen no seu labor creativo a dar importantísimos froitos da súa madureza literaria. Nos escritores novos constato varias preocupacións estruturais que agardo serán debatidas nun congreso a celebrar en Setembro en Mariñán, e que concretaría en varios puntos vertebradores: como se encadrar no sistema literario? O papel da escrita feminina actual. O papel da nova crítica. As novas tecnoloxías e o papel do texto no tempo da imaxe. As novas formas de edición. Os xéneros literarios e os seus lindes. A heterodoxia e/ou estar á marxe. A escrita e o seu papel na ideoloxía, na critica social e na normalización cultural. O autor como creador de linguaxe. Quen crea a linguaxe e quen se apropia dela? Quen son os novos referentes das creadoras e creadores…. Estes son soamente algúns entre moitos outros temas.

Hoxe, os escritores sen distinción de promocións ou grupos conviven e dialogan, sen lindes xeracionais (utilizando este termo só no sentido dunha certa sistematización temporal) aceptando as mutuas contribucións ou disentindo delas, asumindo cada un o seu papel, no que teñen de común ou de diferente no proceso de evolución normal de todo sistema literario. Debaixo de cada estética hai unha ética e segue a se manifestar unha vontade de facer da forma o fondo que nos diga tamén do labor de creación. Ademais, as novas tecnoloxías levan canda si novas ferramentas e novas formas de creación e de edición, aínda por debater a súa interdisciplinariedade, sendo aínda cedo para ver o alcance desta necesaria posta ao día.

Estáse a consolidar a normalización da actividade tradutora ao galego de obras emblemáticas, merecedoras de ser integradas no noso patrimonio literario. Ao tempo, son cada vez máis os autores que están a ser traducidos desde o galego a outros idiomas. Conscientes de que todo nace de abrirmos camiños novos sobre a traza dos vellos camiños da  escrita, como nos dí Mahmud Darwich aspiramos a enraizar a nosa verdade no humano e universal. 

Hoxe, coma sempre, segue a ser de grandísima importancia pór a disposición dos máis novos, medios de publicación e difusión que lles permitan abrir os seus propios camiños e comezar a se pensar como parte dunha literatura a ser refundada día a día.

 Posted by at 23:45
Mai 222008
 

Nun dos actos aos que asistín este 17 de maio, sentín falar sobre a idoneidade de que en tal data as librerías estivesen abertas, facendo do libro galego o protagonista fundamental. Si, sería idóneo, mais o feito de ter convertido este día en festivo ten entre as súas consecuencias que se relaxase o verdadeiro espírito da data. E agora é case un festivo máis en que moitos botan contas de se poden facer escapadiñas, sen máis. Algo semellante ao que acontece co 1º de maio.

            Nesta sociedade nosa de hoxe moitos esqueceron xa a razón das cousas, e as datas que foron sinaladas para serviren de motivo de reflexión e de reivindicación pasan a ser un día de descanso máis, a maior gloria do capitalismo que nos presiona de luns a venres e nos ofrece apetitosas viaxes para saír correndo e gastar os aforros que non temos, mestres esquecemos a nosa alienación permanente.

            Afortunadamente moitas e moitos vemos no carácter festivo do 17 de maio a oportunidade para poder asistir aos actos convocados e moi especialmente para participar en actos reivindicativos como a manifestación que celebramos este domingo na Quintana, onde berramos ben forte reclamando o noso dereito a vivirmos en galego, mollándonos unha vez máis, asolagando cos nosos paraugas as rúas de Compostela. Fomos de novo unha marea, unha marea festiva polo noso idioma.

            Actos, como o do sábado 17, en que erguía a voz por riba dos aplausos oficialistas, cambiando de octava para me facer oír, tentando unirme á voz de Afonso Alvarez Cáccamo e outros e así facer que o noso himno soase integramente no acto de homenaxe a Xosé María Alvarez Blázquez.

 

 Marta Dacosta.

 Posted by at 00:38
Mai 182008
 

 A manifestación, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, contou co apoio de case cincocentos colectivos, entre eles a AS-PG, que se adheriron ao manifesto ao longo das últimas semanas, así como de máis de mil persoas a nível individual.

A chuvia fixo acto de fixo acto de presenza por momentos, mais non impediu que as rúas de Santiago de Compostela se enchesen de manifestantes, encabezados por unha pancarta portada por nenos na que se podía ler “Súmate connosco ao futuro do galego”. A continuación, e portando a faixa co lema da manifestación, “Polo dereito a vivirmos en galego”, ían os membros da Comisión Permanente da Mesa pola Normalización Lingüística, encabezados polo seu presidente, Carlos Callón. Organizacións de estudantes, partidos políticos, asociacións de veciños, colexios profesionais e outros colectivos sumáronse tamén á convocatoria portando os seus propios lemas en defensa do galego.

Xa chegados á praza da Quintana, á que centos de persoas non conseguiron entrar por mor da enorme cantidade de xente que alí se congregou, a actriz Isabel Martínez-Risco encargouse de animar ao público, até que se produciu a lectura do manifesto, a cargo de persoas que se significaron pola súa defensa da lingua nos últimos meses.

No seu discurso, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, fixo fincapé en que, a día de hoxe, se segue a discriminar á xente por falar en galego. “A pesar do que poida parecer, estas frases non foron pronunciadas durante o franquismo, senón este mesmo ano”, sinalou en alusióin a varios casos de discriminación lingüística denunciados durante o acto.

Na súa alocución dirixiuse explicitamente aos poderes públicos: “se hai vontade, pódese aprender dos erros, corrixilos e afianzar os acertos”, aínda que tamén manifestou que “se nós non defendemos o noso idioma, ninguén o vai facer por nós”. “Os adiantos para o galego sempre foron conseguidos pola presión democrática da sociedade”, concluíu.

 Posted by at 00:00
Mai 172008
 

DEITADO FRENTE Ó MAR…

Lingua proletaria do meu pobo
eu faloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ó ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
fala-la fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu faloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sufren longo
unha historia contada noutra lingua.

Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós valeiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de
tódolos que sufren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño…

 Posted by at 00:00
Mai 162008
 

A fórmula favorita para camuflar a abafante exclusión e minorización do galego nos diferentes ámbitos e sectores é chamándolle "bilingüismo" a unha realidade que só pode ser definida como "diglosia".

Cando se pretende mellorar a situación do galego no ensino, os grupos máis inmobilistas da sociedade reclaman que non se desharmonice ese suposto bilingüismo. Se se quixer garantir o dereito a expresarse e recibir información en galego nos comercios, un grupo minoritario, porén poderoso, afirmará que se está a desequilibrar o tal bilingüismo. Sempre coidando de que o quieto non se sinta movido.

A súa intención é que non se tomen medidas para garantir o dereito a poder vivir en galego. Pretenden, con proclamas cínicas, que o galego sexa desprovisto do apoio dos poderes públicos, reducíndoo á condición de reliquia apta só para esforzados obxectores de consciencia.

Se repasarmos as cifras dese "bilingüismo" veremos o pouco que ten de equilibrado e harmónico: Ningunha universidade acada máis do 20% do ensino en galego e moitas carreiras exclúeno ao 100%; non chegan ao 8% as actuacións orais e escritas dos procedementos xudiciais neste idioma; a oferta editorial media en galego nas librarías non vai alén do 15%; das 7 televisións que emiten para todo o país, só 1 o fai regularmente en galego; non pasan do 0,1% en galego: a documentación nos corpos de seguranza do Estado, as estreas de cinema nas salas comerciais e a distribución posterior en DVD, a oferta de videoxogos etc, etc, etc.

Xa que de cifras falamos, gardade por favor esta última: 18.05.08. Este domingo, 18 de maio deste 2008, manifestarémonos en Santiago contra este narcotizante bilingüismo e polo dereito a vivirmos en galego.

Carlos Manuel Callón Torres

 Posted by at 19:19
Mai 142008
 

Vivimos nunha sociedade pouco proclive ao recoñecemento do mérito, cando se trata de pór en valor o propio. No caso do cinema, sabido é que, desde "Sempre Xonxa", apenas se pode falar de que houbese produción galega, orixinal (lingua, director, actores, guionista, produtor, temática…). "Pradolongo" vén recuperar esta tradición tan necesaria, se realmente se quer contar cun cinema que mereza o nome de galego, co conseguinte impulso dunha industria audiovisual, cinematográfica, de nós. A antítese do que, até o de agora, predominou, un cinema español que conta con Galiza como espazo de rodaxe e como administración autonómica da que chuchar subvencións ou axudas. O modelo José Luís Cuerda: un cinema cuxa versión orixinal está en lingua española, con equipa técnica e artística maioritariamente española tamén. "Pradolongo" é un produto digno, concebido como cinema comercial, para conectar coa maioría social, a comezar polos espectadores mozos, que son os principais asistentes ás salas. Amosa un panorama social recoñecibel, na xusta medida crítica en que o gran público é capaz de asumir, sen alienalo, con tendencia construtiva. Certamente, pode ser acusado de recorrer a certos estereotipos, de ficar nunha certa codia que impide afondar máis na realidade social, para non asumir posíbeis desenlaces dramáticos ou tráxicos latexantes na historia. Inevitábel, cando se desexa comunicar esperanza, malia a destrución ou o fracaso. Alguén pode botar en falla máis risco nas formas expresivas, ás veces moi pendentes dos telefilmes ou do cinema convencional. Pero estas técnicas recoñecíbeis, nalgunha ocasión rudimentarias, non fanan achádegos extraodinarios como moitos primeiros planos dos protagonistas, algunhas visións da paisaxe con tonalidades captadas maxistralmente e mesmo usos simbólicos do mundo animal. Os actores e actrices, algúns deles non profisionais, dan mostra dunha capacidade encomiabel, cun uso lingüístico dialectal, pero non acastrapado, natural. A maiores da parella protagonista,Rubén Riós e Tamara Canosa, temos que subliñar a naturalidade, que non prescinde da expresividade, do actor afeccionado, Roberto Porto, que fai de fillo do empresario pizarreiro, e da actriz,Cristina Rodríguez, tamén afeccionada, que fai de moza desinibida sexualmente. Magnifica tamén,Mela Casal, no seu papel de nai labrega, como Gonzalo Rei Chao, no papel de pai, e Carlos Sante, no de fillo que traballa na pizarra. É un filme entretido e alentador dunha consciencia sobre nós mesmos. Sería unha bendizón podermos ver todos os anos cinema deste tipo, feito por nós e para nós, intelixíbel tamén noutras latitudes, precisamente pola súa afervoada entrega aos seres humanos de sociedades concretas, diferentes. Representa a plasmación do direito a expresármonos artística, cinematograficamente, na nosa lingua. Por certo, "Pradolongo" lémbranos tamén a aspiración á normalidade de usos do noso idioma, aspecto no que o filme non pode ser realista, senón precisamente exemplar e prospectivo, incitador a un uso, a unhas normas sociais diferentes. Parabéns a todos os que fixeron posíbel o filme, a comezar polo seu director e produtor (Ignacio Vilar). A resposta dos espectadores foi moi positiva, malia atrancos e silencios de hostilidade dos que se opoñen a que Galiza sexa unha nación normal. A forza está na nosa sociedade e en quen acredita nela. Ánimo!!

 Posted by at 19:48
Mai 092008
 

O centenario da morte de Curros Enríquez e do traslado do seu  cadáver embalsamado da Habana á Coruña está a ter pouco eco mediático. Polo de agora tiveron lugar actos de lembranza e reivindicación con este motivo en Celanova, Ferrol e A Coruña. Concretamente, o día cinco de abril, celebrouse unha marcha cívica, organizada pola Concellaría de Cultura do Concello d´A  Coruña, entre o cimiterio de San Amaro e o monumento a Curros,  obra de Asorei, con significativa participación popular (1000  persoas). Non mereceu a debida atención. O acto foi relegado a un  pequeno espazo das páxinas locais, en contraste coa espaciosa  información sobre a concentración de 50 fascistas reclamando que  non se eliminase a estatua de honra a Millán Astray. Igual ou pior trato mereceu da Radio e a Televisión galegas. A censura total  emborcouse sobre a inauguración dunha exposición pública sobre  Curros e a súa obra na praza do Obelisco, tamén na Coruña, o día  25 de abril, que están contemplando milleiros de persoas. Parece  como se houbese un acordo implícito para manter na marxinalidade  residual o aprezo e coñecemento sobre a nosa literatura, sobre os  nosos clásicos. Cousas do pasado, alén de pasadas de moda, que non merecen excesiva atención nen promoción. Menos convén a súa  actualización e comprobar a súa vixencia. 
 
Que está a pasar? Un simple exercicio discriminador e sectario  contra o que expresa, conflitivamente aínda, con clarividencia, o  mellor da cultura galega histórica, que convén non espallar nen  revitalizar? A consideración españolizante de que a literatura galega, a de antes como a de agora, non pode aspirar máis que á marxinalidade, pois carece de valor? A intención de desprezar  actividades que, malia compromisos institucionais, se considera  que non están dabondo controladas, como para seren do agrado total  da ideoloxía e os poderes dominantes? Cecais unha mestura de todo  explique a forma de proceder dos meios. Porén, provoca máis  escándalo e indignación, cando se trata da Radio Galegae a TVG,  nisto como en tantas outras cousas, unha mímese do modelo informativo español, cando paradoxalmente se xustifican como  instrumentos de promoción da lingua e da cultura de Galiza. Non  lles merecen relevo informativo nen a figura nen a obra de Curros,  un clásico da nosa literatura. Imaxinan vostés aos meios públicos  de España, Inglaterra, Franza ou aos de Catalunya, ignorando ou  minusvalorando os centenarios de Cervantes ou García Lorca,  Shakespeare ou Oscar Wilde, Molière ou Víctor Hugo, Ramón Llull ou Verdaguer, respectivamente? Aquí, entre nós, este comportamento é  posíbel e ben sintomático: hai que afondar aínda máis na  ignorancia, o descoñecemento e a desvalorización do noso. Neste  contexto, cobra aínda máis importancia e resulta máis meritoria a  actuación dos que non se resignan á ocultación e reivindican a vixencia exemplar, neste caso, dun dos nosos grandes clásicos.

Francisco Rodríguez Sánchez

 Posted by at 12:39