Out 262009
 

Galiza Nova, a organización xuvenil nacionalista, vén de rematar nesta fin de semana o proceso de debate da súa XI Asemblea Nacional; segundo manifestaron os e as participantes esta foi a cita asemblearia na que máis militantes participaron; e nestes tempos nos que están á alza  "o individualismo e o sálvese quen poida" que varios centos de mozos e mozas ocupen os dous días dunha fin de semana en debater sobre a problemática xuvenil en Galiza é un mérito xa por si mesmo concórdese ou non coas conclusións deses debates.
Moitas veces no que poderíamos chamar nacionalismo de "maiores" repítese a cantinela de que "a mocidade de hoxe en día non é como a de antes", "agora non se moven", etc; diante deses comentarios creo  que a resposta é si e non, pois é certo que a mocidade do ano 2009 non é igual que a dos anos  oitenta ou noventa do século pasado, lóxico, igual que aquela mocidade non era igual que a dos anos setenta, tamén é certo que agora hai moita xente nova que pasa de todo pero tamén a había antes porque o de que toda a mocidade era revolucionaria, activista e comprometida son historias da mili. En cada momento histórico hai un sector sempre minoritario aínda que unhas veces en función pode ser máis numeroso que outras, que se compromete cunha visión de futuro e co obxectivo de transformar a realidade en beneficio das maiorías; o nome que ten é o de "vangarda" aínda que a algúns esa palabra lles poida levantar ronchas.
Cando se fundou Galiza Nova hai 21 anos eramos só unhas poucas ducias de rapaces e rapazas comprometidos no proxecto xuvenil nacionalista, hoxe xa son centos os mozos e mozas comprometidos no mesmo proxecto.

Que eu lembre non houbo outra cita asemblearia do nacionalismo xuvenil cos focos e as plumas dalgúns articulistas tan atentos ao seu desenvolvemento, con apoios mediáticos cara uns e titulares penosos buscando denigrar a outros.  Os mozos e mozas nacionalistas reunidos nesta fin de semana en Compostela deron unha grande mostra de responsabilidade, fronte a quen pretendían desde fóra de Galiza Nova dirixir os seus debates e impoñer as decisións, querendo converter esta cita no partido de volta de non se sabe que torneo foi a mocidade galega organizada a que decidiu sobre o seu futuro; debateron duramente como é lóxico, falaron dos seus erros, e seguro que estes foron moitos pero máis serían os acertos,  e como remate elixiron a súa dirección, unha dirección plural cunha maioría clara provinte dunha candidatura  e dúas propostas alternativas con presenza importante.

O debate asembleario rematou, e no acto de clausura  fun testemuña de que a militancia  amosaba o entusiasmo característico da mocidade nacionalista, unha mocidade comprometida con Galiza e coas súas clases populares; entusiasmo que se translucía nas consignas que berraban e nas palmas coas que multitude de veces interromperon os discursos da reeleita secretaria xeral e do portavoz nacional do BNG; e deses discursos creo que todos e todas, tanto os membros de Galiza Nova como o resto da militancia nacionalista debemos quedarnos co contido de dúas frases; Iria Aboi sinalou que despois do debate a das decisións adoptadas o que ten claro é que "o inimigo está fora da nosa organización" e Guillerme Vázquez salientou a importancia de traballar "desde o pluralismo e desde a unidade", un pluralismo que se veu nas distintas visións sobre cal debe ser o traballo xuvenil e unha unidade que se debe dar executando os acordos maioritariamente adoptados, acordos que teñen por norte como se desprende do lema asembleario seguir organizando á mocidade loitando pola Patria galega

 Posted by at 10:43

Sorry, the comment form is closed at this time.