Mar 022015
 

1.-  ORGANIZACIÓN

O Certame de curtametraxes “Curtas para Rosalía” é un evento organizado e xestionado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (www.as-pg.com). Con tal motivo a AS-PG designará unha Comisión Organizadora encargada de recepcionar as obras, avaliar a súa adecuación ás bases, promocionar o certame e organizar as galas de entrega de premios e, se for o caso, resolver e decidir sobre calquera outro aspecto non previsto nas presentes bases. Así mesmo, a AS-PG designará un Xurado que estará formado por persoas relevantes do mundo da cultura galega e do audiovisual. Tanto a composición da Comisión Organizadora como a do Xurado faranse públicos no enderezo web : http://bitaculas.as-pg.gal na entrada Curtas para Rosalía. Nin os membros do xurado nin da Comisión organizadora poderán participar no Certame. Nesta V edición o Certame “Curtas para Rosalía” conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo.

2.-  TEMÁTICA

A primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento. No 2013 celebramos o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos (Vigo 1863), obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas.

Resulta evidente que as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. Sendo Rosalía de Castro a figura máis representativa da Literatura Galega, desde a organización deste certame entendemos que homenaxear a Rosalía é homenaxear e divulgar a Literatura Galega. Polo tanto aquelas persoas que queiran presentar obras a este certame poderán facelo atendendo a un dos seguintes criterios:

 

1.- Obras cuxa temática xeral sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno.

2.-. Tamén se poderán presentar a este Certame curtas cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto de calquera época da Literatura Galega ou da súa tradición oral.

 

3º NORMAS DE PARTICIPACIÓN

1. Poderán optar aos premios os traballos rodados en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros)

2. As obras presentadas terán que ser enviadas en soporte vídeo dixital (DVD) antes das 14 horas do día 23 de abril ao enderezo postal que figura no apartado 4 destas bases, acompañadas da documentación que neste mesmo apartado 4 se solicita.

3. A duración non excederá en ningún caso os 30 minutos, créditos incluídos.

4. O idioma (audio e texto) das obras presentadas será o Galego, non admitíndose ningún outro agás para a incorporación de textos de Rosalía. Neste caso poderá incorporarse no idioma en que foron redixidos.

5. Cada participante poderá presentar un máximo de tres obras.

6. As obras presentadas deberán ir acompañadas da súa correspondente ficha de inscrición (anexo 1), xunto co fotocopia de DNI da persoa de representación da curtametraxe e fotocopia de DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra.

7. No web da AS-PG, concretamente no espazo: http://bitaculas.as-pg.gal serán publicados os títulos e a ficha técnica das curtas admitidas a concurso. Así mesmo, serán publicadas as obras finalistas en cada categoría. As obras admitidas poderán ser emitidas naqueles actos organizados para a promoción do festival, sempre sen ánimo de lucro. As curtas gañadoras serán proxectadas na Gala de Entrega de Premios.

8. Para conmemorar a V edición do Certame establécense dúas categorias

a) Premio do Xurado á mellor curta da V edición.

O xurado proporá tres obras finalistas e entre estas tres estará a gañadora.

b) Premio do xurado á mellor curta das cinco edicións do certame.

A este premio poderán presentarse as obras gañadoras das cinco edicións (en calquera das categorías que figurasen nas bases) seguindo o mesmo proceso descrito no apartado 4 (INSCRICIÓN). A obra gañadora da V edición queda automaticamente inscrita neste premio. Se algunha das curtas presentadas a esta V edición non quere ser inscrita neste categoría deberá facelo constar enviando un correo a informacion@as-pg.com

Os dous premios poden ser acumulativos.

9. As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala de entrega de premios que terá lugar o venres 8 de maio ás 20h no Salón de Actos da Deputación de Lugo. Nesta gala é obrigada a presenza, en representación das obras, dalgún dos membros das curtas finalistas e das curtas que opten ao premio de mellor curta das cinco edicións. A non presentación será motivo da perda do importe económico do premio (no caso de a obra resultar premiada), mais non do premio en si.

10. Responsabilidades legais. O concursante será o único responsable da súa curtametraxe. A organización do festival declina toda a responsabilidade da curta e o seu contido sobre a/o participante.

11. O material enviado ao inscribirse non será devolto.

4º INSCRICIÓN

A inscrición será realizada polo director, directora, produtor, produtora ou calquera membro responsábel da obra que pretenda concursar e constará de dúas fases:

1.- Na primeira fase o director/a, produtor/a ou calquera membro responsábel da obra, enviará un correo electrónico informacion@as-pg.com no que constará nome e apelidos e unha forma de contacto, preferibelmente correo electrónico, e manifestará a intención de participar no certame. Esta preinscrición, que é gratuíta, haberá de se facer antes do 19 de marzo de 2015 e ten como finalidade poder comunicar calquera modificación, ampliación ou variación dalgún dos conceptos que aparecen nestas bases, tal e como se recolle na base 7.

2.- Na inscrición definitiva, até as 14 horas do día 23 de abril de 2015, os participantes deberán enviar a seguinte documentación:

* DVD (Pal; 4/3 ou 16/9) con copia do filme ou filmes que optan ao certame.

* Ficha de inscrición (Anexo 1)con todos os campos cubertos. No caso de presentar máis dunha obra deberá enviar tantas fichas como obras.

* Fotocopia do DNI da persoa que representa a obra

* Fotocopia do DNI do realizador ou realizadora ou director ou directora da obra

Os traballos deberán enviarse ou presentarse na seguinte dirección:

Asociación Socio-­Pedagóxica Galega

Certame Curtas para Rosalía”

Rúa Laracha, 9 ­baixo

15.010 A Coruña

Os gastos de envío das obras presentadas correrán a cargo dos participantes.

5º. XURADO

A AS-PG, como entidade organizadora deste evento, nomeará un xurado encargado de valorar as obras. O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual. No seu momento publicarase na páxina web da organización a relación de membros do xurado. O ditame do xurado será inapelábel.

6º PREMIOS

A organización do certame Curtas para Rosalía establece dúas categorías:

1.- Premio do Xurado á mellor curta da V edición de Curtas para Rosalía dotado de 1500€ + Diploma.

2. Premio do xurado á mellor curta dos cinco certames en calquera categoría dotado de 1500€ + Diploma.

Os premios serán entregados na Gala de Clausura.

7º RESPONSABILIDADE

A participación neste certame supón a aceptación plena destas bases por parte de cada participante. Calquera cuestión referida á interpretación e aclaración das bases corresponde á Organización, non cabendo contra ela ningunha reclamación.

A Coruña, 24 de febreiro de 2015

 

Bases en formato PDF

 

Ficha de inscrición

 

 Posted by at 18:56

  One Response to “BASES DO CERTAME V Certame “Curtas para Rosalía””

 Leave a Reply

You may use these HTML tags and attributes: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

(required)

(required)