Mai 212020
 

A educación infantil,  primeira etapa do sistema educativo, non é obrigatoria, mais non por iso é menos importante. Na mesma estanse a instaurar os alicerces do que serán as aprendizaxes posteriores e o desenvolvemento máis ou menos harmónico de cada nena ou neno. Son idades para sumerxirse en contextos estimulantes, nos que sorprenderse, enredar, relacionarse, brincar, experimentar, emocionarse, amar, … nunca substituíbles, dentro ou fóra da escola, por unha ficha ou unha tarefa especialmente formal. Os contextos poden mudar, mais as necesidades son as mesmas. O sistema educativo, como a sociedade e as aulas, é diverso, cada etapa ten as súas esencias e as mesmas deberían terse en conta á hora de deseñar as adaptacións e propoñer intervencións, desde as iniciais como a educación infantil, ás finalistas como bacharelato ou a FP.

Neste contexto, observamos con preocupación como xorden iniciativas de atención ao alumnado, confinado nos seus fogares, baseadas na proposta de inxentes cantidades de tarefas que dificilmente conxugan coas necesidades reais das crianzas e do momento. E o máis triste é que ese estilo docente, auspiciado pola presión exercida, por acción e por omisión, desde a Administración esténdese polas diferentes etapas educativas, incluída a educación infantil.

Cando os cerebros están centrados na supervivencia neles non poden atopar acougo os contidos que sementamos a través das propostas de traballo e tarefas que lles enviamos. A escola ten entre as súas principais funcións a compensación das desigualdades e é precisamente en situacións de crise cando estas tenden a acentuarse. A escola nunca debería contribuír a ese feito. Máis ben, debería aproveitar todo o seu potencial para fortalecer as redes de protección á infancia nun momento tan singular e distópico.