Mai 212020
 

A educación infantil,  primeira etapa do sistema educativo, non é obrigatoria, mais non por iso é menos importante. Na mesma estanse a instaurar os alicerces do que serán as aprendizaxes posteriores e o desenvolvemento máis ou menos harmónico de cada nena ou neno. Son idades para sumerxirse en contextos estimulantes, nos que sorprenderse, enredar, relacionarse, brincar, experimentar, emocionarse, amar, … nunca substituíbles, dentro ou fóra da escola, por unha ficha ou unha tarefa especialmente formal. Os contextos poden mudar, mais as necesidades son as mesmas. O sistema educativo, como a sociedade e as aulas, é diverso, cada etapa ten as súas esencias e as mesmas deberían terse en conta á hora de deseñar as adaptacións e propoñer intervencións, desde as iniciais como a educación infantil, ás finalistas como bacharelato ou a FP.

Neste contexto, observamos con preocupación como xorden iniciativas de atención ao alumnado, confinado nos seus fogares, baseadas na proposta de inxentes cantidades de tarefas que dificilmente conxugan coas necesidades reais das crianzas e do momento. E o máis triste é que ese estilo docente, auspiciado pola presión exercida, por acción e por omisión, desde a Administración esténdese polas diferentes etapas educativas, incluída a educación infantil.

Cando os cerebros están centrados na supervivencia neles non poden atopar acougo os contidos que sementamos a través das propostas de traballo e tarefas que lles enviamos. A escola ten entre as súas principais funcións a compensación das desigualdades e é precisamente en situacións de crise cando estas tenden a acentuarse. A escola nunca debería contribuír a ese feito. Máis ben, debería aproveitar todo o seu potencial para fortalecer as redes de protección á infancia nun momento tan singular e distópico.


Mai 202020
 

12 de marzo, 12 de maio

Ata o 27 de abril non sabíamos a repercusión que ía ter o traballo que o alumnado realizara ata ese momento na súa cualificación final de xuño.  Desde ese momento, tivemo un prazo ata o 12 de maio para modificar as programacións e establecer o procedemento para obter dita cualificación final. Houbo que agardar ao 27 de abril para ler a palabra cualificación en ditas publicacións oficiais. Estabamos propoñendo actividades, o alumnado estaba a realizalas, pero nin eles nin nós sabíamos como ían ser valoradas ditas actividades. A falta de información para o alumnado e as familias, igual que para os docentes xenerou unha carga importante de incerteza en todo este proceso. 

Achegamos un seguimento de como foi tratado o tema da avaliación e da cualificación nas sucesivas instrucións publicadas no portal da Xunta ou enviadas ás direccións dos centros educativos. 

Queremos subliñar a capacidade do profesorado para adaptarse a estas novas situacións que se nos foron presentando en 60 días. Agora que se ve preto a cualificación final queremos subliñar todo o traballo que se fixo tendo sempre como obxectivo o benestar do alumnado nuns tempos tan difíciles. 

12/03/2020 As actividades serán xenéricas, relacionadas cos contidos curriculares. Non serán avaliables. 

13/03/2020 Elaborar propostas de actividades 

27/03/2020 Cualificar en base ao que se impartiu ata o 12 de marzo e cos instrumentos que se dispuxese ata ese momento.

13/04/2020 Repaso, reforzo e recuperación do traballo desenvolvido, centrándose na adquisición das competencias clave.

17/03/2020 A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas, Informe individual valorativo

27/04/2020 A avaliación e cualificación adaptarase e realizarase das aprendizaxes desenvolvidas durante os dous primeiros trimestres do curso, así como sobre as actividades de reforzo, recuperación ou ampliación realizadas dende a declaración do estado de alarma

Establecerase o procedemento para o cálculo da cualificación final que se consignará na avaliación ordinaria. Deberanse detallar os criterios de avaliación e cualificación e establecer as datas e os procedementos para a avaliación das materias pendentes

A avaliación das aprendizaxes desenvolvidas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais será continua e acentuará o seu carácter diagnóstico e formativo en todas as etapas, ciclos e ensinanzas. En todo caso, a avaliación das actividades realizadas na fase non presencial so poderá ter valor positivo para a cualificación do alumnado. 

A repetición de curso deberá estar solidamente argumentada e acompañada dun plan preciso de recuperación. 

Os centros educativos revisarán e flexibilizarán os criterios de titulación en todas as etapas educativas.