Xuñ 202008
 

Entre os que toman esta decisión están gramáticos e escritores, todos eles exemplos vivos no uso da palabra. Os mesmos gramáticos e escritores que nos aprenden a nosa lingua, a xeracións e xeracións de galegas e galegos, os mesmos que nos falan das Irmandades da Fala ou do Sempre en Galiza. Ao que se ve, non pesou neles a consciente recuperación exercida polos nosos devanceiros. A decisión da Academia bota por terra o crédito que lle quedaba. O argumento empregado pon en cuestión o seu rigor científico: a forma máis empregada? Quere iso dicir que de todas as formas que lexitimamente usamos, que son orixinariamente galegas, debemos relegar na nosa fala aquelas menos empregadas? Mais, o peor do caso é o descrédito, o cuestionamento que entre os galegos e as galegas se produce dunha institución que debería estar á fronte da defensa do noso idioma. Algunhas coma min estamos a perder a capacidade de sorprendernos, só endurecemos un pouco máis esta codia que nos asiste, mais lamento que aqueles a quen formamos, as nosas alumnas e alumnos, aqueles aos que lles transmitimos o amor pola súa fala e a súa identidade, pregunten hoxe o porqué de decisións coma estas, que se cuestionen tantas cousas, con palabras de fracaso e frustración, que perdan a confianza ou que deixen de crer e nós, en si mesmos.

 Posted by at 09:09

Sorry, the comment form is closed at this time.