Sobre decretos e concertos

O actual Goberno da Xunta achou a chave da súa actuación política asumindo non o papel de goberno senón o de tribunal de xustiza, de xeito que planifica a acción de goberno en base á argumentación de legalidade ou non, segundo lle convén en cada momento, dos actos a levar a cabo, especialmente  á hora de anular e de desacreditar  todas as actuacións do goberno precedente.  Está claro que un goberno non pode lexislar de maneira contraria á lei, mais de aí a que xustifique unha acción como legal ou non antes de se pronunciaren os tribunais de xustiza aínda hai un bo percorrido. Así o fixo na anulación do concurso eólico aducindo a “ilegalidade” da participación pública, convertendo a Asesoría Xurídica en verdadeiro tribunal de xustiza. E todo, loxicamente, para  agochar unha decisión puramente política que só pretende variar o modelo económico e industrial do anterior goberno, outorgándose a potestade de definir o que é ou non axustado á legalidade simplemente en función de intereses partidarios.
Claro que interpreta o concepto de legalidade ao seu antollo. Así o fixo para derrogar o Decreto 124/2007, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, cando nesta ocasión si que existe sentenza do Tribunal Superior, a 01084/2007, que ratifica a plena adecuación á legalidade do citado Decreto. Nesta ocasión derrógase aínda estando avalado por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza; no caso eólico por presunción de ilegalidade.
Agora invoca de novo a legalidade para pagar con fondos públicos a segregación de alumnado en función de  seren homes ou mulleres. E faino con absoluta frivolidade, chegando a utilizar o web oficial da Xunta, un espazo que debería recoller información das actuacións do Goberno e non opinión, para manifestar unha vez máis que “Educación reitera que ningún dos argumentos do bipartito para non renovar os concertos educativos tiña sustento legal”. Novamente a Consellaría convertida en tribunal de xustiza e novamente utilizando os medios públicos, como é o web www.xunta.es  para verter informacións que desacreditan a quen as redacta: “Ao contrario do que fai a actual Xunta de Galicia que se limita a cumprir a Lei, queda demostrado que o anuncio do anterior goberno de non renovar estes concertos era puramente demagóxico e electoralista,…”
Vaia maneira de gobernar para todos.
Á vista destas actuacións  cabe reflexionar sobre o que supoñen en si os concertos educativos e o que pretende Educación ao renovar o Concerto a 5 centros que non imparten ensino mixto.
Formalmente, os Concertos Educativos son presentados polos seus valedores como un instrumento mediante o cal se facilita que todas as  capas sociais poden acceder ao dereito de elección de centro que implicitamente recoñece o artigo 27 da Constitución. Mesmo hai quen os presenta como un instrumento nivelador das oportunidades nas condicións de acceso aos centros, o que, potencialmente, contribuiría a homoxeneizar a composición social do alumnado. Mais á vista da realidade e despois de vinte e cinco anos  aportando diñeiro público a empresas privadas, cabe preguntarse:
1.- Contribúe este sistema a igualar a oportunidade de elección de todos os individuos?
2.- Favorecen os concertos a mestura de estudantes de diferente estrato socioeconómico e académico ou pola contra contribúen a elitizar o sistema?
3.- Que factores están detrás da elección de centro educativo e  polo tanto  da distribución do tipo de alumnado entre centros públicos e privados?
A resposta  a estas preguntas é clara e está avalada por diferentes estudos: o sistema de concertos non cumpre coa pretensión de igualar as oportunidades de elección de centro educativo para todas as familias e a distribución de alumnado entre pública e privada segue respondendo a un claro patrón socioeconómico, ou mesmo ideolóxico,  que favorece os centros de titularidade privada, onde se concentra de modo maioritario o alumnado procedente de familias con máis nivel de ingresos, profesións máis cualificadas e nivel de estudos máis alto.  
Se os concertos non cumpren o papel para o que foron deseñados, non sería máis lóxico suprimilos  e concentrar os esforzos económicos no ensino público, máis neste momento de austeridade económica?  
Suprímese o programa de gratuidade de libros de texto e subvenciónanse centros ligados á Prelatura do Opus Dei.
Mais temo que talvez o tema non sexa este e o que realmente pretende a Consellaría é ir cara a unha maior privatización do sistema, afianzando, de paso, no mercado educativo galego empresas e ideoloxías que desenvolven claros  procesos de cream skimming,  ofrecendo un servizo só a clientes de alto valor, neste caso non necesariamente académico senón, sobre todo, ideolóxico. A obra pagada con cartos públicos.

Comments are closed.