Mar 042010
 

Celebro a indignación de moitos compatriotas, sobre todo mocidade, contra Rosa Díez por usar despectivamente o xentilicio "galego". Supoño que estarán aínda máis alporizados polas reveladoras xustificacións exculpatorias dadas pola central madrileña do seu partido?A galegofobia da Sra. Díez, que presume de demócrata, española e universalista, exprésase con tal naturalidade que unha reacción digna dos afectados é cualificada como produto dunha perturbación nacionalista pola camarilla que a rodea. O seu esquema mental traduce a perspectiva de quen, en nome dos principio de igualdade,unión e democracia, arrasan o dereito do diferente a exercer como tal. A súa igualdade demagóxica e a súa unidade sacrosanta funcionan como tapadeiras para agachar un statu quo desigual, unha unidade xerarquizada, discriminatoria, inzadas de estereotipos e prexuízos ideolóxicos e emocionais. A exteriorización do seu prexuízo anti-galego pola Sra.. Díez , o seu empeño en consideralo natural, sen rectificación algunha, mentres arremete o seu entorno contra os ofendidos, acusándoos de seren perturbados nacionalistas, revelan cal é a súa concepción da igualdade e da unidade: cabe o desprezo pexorativo contra un pobo, ao que se lle esixe, ao mesmo tempo, submisión e obediencia cega. Asemade proban a quen atribúen a responsabilidade perturbadora do exercicio da dignidade colectiva, ao nacionalismo.

Porén, faríamos mal en considerar o uso despectivo do noso xentilicio, con semellante atrevemento "natural", para descualificar o adversario político, unha manifestación non significativa dunha arribista falsaria. Máis ben aboiou nela o que é unha consideración estrutural do papel de Galiza, e unha valoración dos galegos, na España? Fun portavoz do BNG no Congreso dos Deputados durante 12 anos. Sentín en carne propia a zunia xenófoba, a discriminación máis anti-democrática e a máis "natural" eliminación por parte dos meios de comunicación da Corte, privados ( o exemplo máis xenuíno, El Mundo) e públicos (Compañía de RTVE). Non era, nen é, exclusivamente por causa da nosa ideoloxía nacionalista e anti-imperialista, que desde logo non lles gosta. Era algo máis: sermos a representación única, xenuína, dunha Galiza que debe ser naturalmente inexistente no plano político. Os galegos non se poñen en predicamento porque non son colectivamente ( non deben ser) ninguén. Nembargantes, a nosa presenza, o noso activismo, era, e é, alí inxente en relación coa nosa representación. Pero non fomos, non somos, tratados, nen sequera nos meios públicos, coa mesma vara de medir que os demais. Alias, cál é o tratamento informativo que se lle dá a Galiza na RTVE?

Non vou falar do mal disimulado desagrado do Aznar presidente perante o nacionalismo galego e a súa displicencia con Galiza. Tampouco dos silencios ou reticencias expresivas do presidente Zapatero perante reclamacións cualitativas para o noso país (grupo lácteo galego, sector naval, unión das nosas caixas de aforros, aproximación cultural e lingüística a Portugal?). Non queren que o papel, o peso e o perfil de Galiza muden. No seu deseño de España Galiza non pode nen debe ser un país con relevo propio. O BNG conseguiu nestes últimos anos mudanzas cuantitativas: eliminación de discriminacións descaradas nos orzamentos do Estado, presenza digna da problemática galega, condicionando as actuacións do goberno e dos partidos estatais?Galiza existe, acurralada por liñas vermellas, que fan todo o posíbel para que non crucemos? Recoméndolles aos nosos compatriotas agora alporizados que cavilen por que se vincula a súa reacción, esta si natural e lóxica, perante a desconsideración xenófoba, á perturbación nacionalista. Elévense do anecdótico ao xeral, sen perder sentido da realidade, e comprenderán por que o nacionalismo non é só algo natural, lóxico e necesario na Galiza, senón tamén por que é tan combatido e discriminado na España. Aproveitemos tamén para cavilar, con auto-crítica, por que fiamos tanto nos deseños de fóra e tan pouco nos de dentro. A quen lle interesa que sigamos sen acreditar en nos mesmos e nas nosas capacidades?

Os nosos mellores homes e mulleres, no campo da política e da cultura, xa hai tempo que detectaron o noso andazo. O verso rosaliano "Galicia non debes chamarte nunca española?" non foi un exabrupto en boca dunha perturbada. Aquela advertencia de Castelao de que os galegos só imporemos respeito cando aprendamos a vivir con absoluta independencia ( de criterio, de ánimo, de perspectiva?) de España, proviña dun home experimentado e nada proclive a confrontacións gratuítas?Sentado no meu escano no Congreso, canto pensei nel, mentres contemplaba as estatuas de Isabel e Fernando que vixían aquel hemiciclo con ar de imperio decadente !!

 Posted by at 00:05

Sorry, the comment form is closed at this time.