Mai 092016
 

O xoves 5 de maio celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña a gala de entrega dos premios do VI Certame Curtas para Rosalía, os gañadores  foron Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez na categoría Irmandades da Fala, Luís Gómez Aldegunde na categoría Manuel María, e Chus Domínguez na de Mellor Curta.

Segundo o xurado, Pablo Kaufmann e Miriam Rodríguez acadaron o Premio Irmandades da Fala coa curta ‘Mira a miña pel’ “pola súa aproximación, desde a perspectiva e ton do videopoema, á crucial chamada das Irmandades para a recuperación da lingua, subliñando o que de encarnado, directamente corporal, ten o traballo da lingua, na cal a superficie, a pel, conduce ao máis profundo do noso ser”.

FOTO1

No apartado Manuel María gañou  ‘Telexornal Manuel María’ “pola súa eficaz achega para o coñecemento e difusión da obra e o legado de Manuel María, co mérito acrecentado de estar protagonizada por escolares que se dan moi ben coa expresión audiovisual e axudan a construír un exemplo vivo de comunicación social galega emancipada”.

FOTO2

E, finalmente, o galardón á Mellor Curta nesta sexta edición foi para ‘O prezo da dote’, de Chus Domínguez, “polo seu contributo significativo para a reelaboración da imaxe de Galiza que, por virtude da súa forza poética, é capaz de se afastar do tópico e, dialogando á distancia coa obra rosaliana, compón un fluxo de imaxes e unha partitura sonora de singular e conmovente beleza”.

FOTO3

 Posted by at 12:53
Mai 062016
 

cen

O 18 de maio de 1916 xorde na cidade da Coruña a primeira Irmandade dos Amigos da Fala.   Antón Vilar Ponte convoca unha xuntanza nos locais da Academia Galega á que asistiron arredor de 20 persoas, entre as que se encontraban Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Lois Porteiro Garea, Micaela Chao Maciñeira, Francisco Tettamancy ou Ramón Vilar Ponte. Nesta xuntanza acordouse a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza. Nace así a primeira iniciativa consciente de normalización do idioma galego. Axiña se foron creando outras: Santiago, Monforte,Vilalba, Ferrol, Vigo, Lugo, Vilagarcía, Cambados, Ourense, Madrid, A Habana… O corpus teórico das Irmandades vai ter como unha das súas bases  a Doctrina nazonalista de Ramón Vilar Ponte.  A nova asociación crea como voceiro desde a súa fundación a revista “A Nosa Terra”.

A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, no Centenario e en lembranza daquel acontecemento convocamos este campionato.

 

Participantes

Poderán participar neste campionato todas as persoas que o desexen con independencia do seu lugar de residencia. Para se inscribir, debe cubrir o datos que se recollen na ficha de inscrición  que aparecerá na web do trivial no momento de se convocar o campionato. No caso de non ser aínda usuario do Trivial debe cubrir a ficha de rexistro. Para calquera dúbida relacionada con este tema pode contactar a través do correo trivial.gz@as-pg.com

O Campionato desenvolverase entre o 18 e o 28 de maio. As datas de inscrición serán entre o 7 e o 18 de maio de 2016.
O nivel de dificultade será de 2 (medio) e xogarase con 6 temas. Haberá un tema tema obrigatorio (Irmandades da Fala para todos os concursantes debendo elixir cada xogador ou xogadora os cinco restantes.
O tempo máximo para xogar o campionato será de 300 minutos. Transcorrido este tempo, se un concursante desexar continuar, poderá mercar tempo até un máximo de 30 minutos. Por cada minuto que compre deberá aboar 50 puntos, que lle serán descontados no momento de facer a compra. O tempo pode compralo todo xunto ou en fraccións de un minuto.

Premios


Establécense 5 premios para os 5 primeiros postos: 1 premio de 30 euros para o 5º posto; un de 50 euros para o 4º posto; 60 euros para terceiro posto; 70 euros para o segundo e 90 para o primeiro posto.
Para recoller o premio será necesario identificarse mediante DNI. Os gañadores ou gañadoras deberán contactar mediante email coa AS-PG no enderezo trivial.gz@as-pg.com para  solicitar o premio. As solicitudes deberán facerse antes do 8 de xuño de 2016. Pasado ese tempo perderase o dereito a recibir o premio.  A este fin, na ficha de inscrición, debe indicarse un correo electrónico válido.
Calquera cuestión non expresa nestas bases será aclarada e interpretada pola AS-PG.

 Posted by at 21:32