Xan 232009
 

“Veño cunha póla de oliveira e un fusil de asalto na man. Non deixen que caia da miña man a oliveira”

Con esta frase presentouse Yasser Arafat ante a ONU. Unha frase que condensa no seu lirismo os desexos dun pobo. Unha petición que, malia os anos transcorridos, segue a ser necesaria, e recupera nestes tristes días a máis absoluta vixencia.
    Por que aínda cómpre pedir que non caia da man de Palestina a póla de Oliveira? Por que asistimos a un xenocidio sen que a comunidade internacional, ou sexa nós, tome as medidas necesarias para impedir o exterminio do pobo palestino? Por que seguimos fielmente o mandato de quen se autoproclama lider mundial e toma decisións por todos e cada un de nós?
    Ouh! Canto me gustaría que calquera día pousase en Central Park unha esfera de cristal na que chegase un mesaxeiro, un ser que, como no filme “Ultimato á terra”, esixe reunirse cos líderes mundiais e se atopa cunha Secretaria de Estado dos EUA que lle di que é con ela con quen ten que falar, e el resposta, “e vostede a quen representa? fala vostede en nome da humanidade?.” Sería entón ante a mensaxe dese ser do exterior cando tomaríamos conciencia de que permitindo a destrución do pobo palestino, somos nós mesmos os que nos destruímos? De que non podemos permitir que un estado como o de Israel vulnere todos os mandatos internacionais e se permita dicir que sente ter bombardeado un local da ONU onde se gardaba a axuda humanitaria? Que sigan matando selectivamente os nenos, é dicir, o futuro de Palestina? Que sigan poñendo excusas para volver bombardear, disparar, matar en calquera momento?
    Agora declaran o alto ao fogo, na véspera da toma de posesión de Obama. Xusto se produciu esta guerra nese período inconcreto de cambio de presidente nos EUA, xusto antes das eleccións en Israel, operacións militares para demostrar a idoneidade da súa xestión e a súa pureza ideolóxica, xusto antes das eleccións en Palestina coa intención non confesa de condicionar a evolución política dun pobo, despois de impregnar de medo e indecisión con cada unha das súas balas a vontade dos palestinos.
    Si, condicionar a evolución du pobo, condicionar a opinión pública como se fixo a través do sutil cuestionamento da vontade e da capacidade do pobo palestino en Gaza, a través dos medios de comunicación fixéronnos chegar a imaxe dunha Gaza dividida en que unha e outra vez aparecían voces que culpabilizaban a Hamas, refonzando así a teoría de Israel, a súa excusa actual para o exterminio. Mais o goberno de Gaza foi lexitimamente elixido nas urnas e non é máis integrista có propio goberno de Israel, que segue os ditados da lei rabínica.
    Estes días lembrei de novo a Mahmud Darwich, o seu intenso desexo de falar do amor, de refuxiarse no amor para esquecer a dor que presidiu a súa vida de fuxido e exiliado, el que, nos seus poemas, tan ben soubo reflectir a voz de Palestina:

“Nós tamén berramos cando nos traga
a terra. Mais non atesouramos as nosas voces
en tinas ancestrais. Non inmolamos carneiros
no Muro, non reivindicamos reinos de po,
os nosos soños non cobizan as uvas do veciño
nin quebrantan a Lei.”

(do libro Limada tarakta al-hisán wahidan?)

00:00 horas do 20 de xaneiro. Hoxe Obama lerá o seu discurso de toma de posesión, no mesmo lugar en que Luther King tivo un soño. Israel abandona Gaza.

E agora?

Lembremos a póla de oliveira. Non deixemos caer da súa man, tampouco da nosa, a póla de oliveira!

Paz… e XUSTIZA para Palestina.

Marta Dacosta, 20 de xaneiro de 2009.

 Posted by at 16:12

Sorry, the comment form is closed at this time.