Mai 132009
 

Dúas traballadoras e un traballador da Capitanía Marítima de Burela denunciaron acoso laboral e discriminación no seu emprego pola única razón de pretenderen usar a lingua galega no seu posto de traballo. Un grupo de nais e pais demandan o dereito a escolarizaren en galego aos seus fillos en varias cidades do país. Estudantes da Faculdade de Dereito da Universidade de Santiago, en comparecencia pública, denuncian que só receben o 8’64% das aulas en galego (ou o que é o mesmo, o 91’36% en español). Todo isto só na última semana. E o galego, seica, imposto na Galiza. Non escoitei a ninguén do PP (agora que o penso, tampouco do PSOE), abrir a boca en defensa dos dereitos e da liberdade ao uso do noso idioma en casos tan extremos como os apontados.

    O que si escoitámos foron ameazas. O novo Presidente da Xunta anunciaba non no Parlamento Galego, senón nun programa televisivo dunha canle privada, dende Madrid, a súa intención de suprimir as xa de por si cativas condicións de capacitación lingüística en galego nas probas e oposicións que se realicen na Galiza. Non é posíbel respectar o dereito a usar a lingua galega na administración (ensino, sanidade, xustiza, servizos sociais, administración en xeral) se o funcionariado non é quen de poder prestar atención oral ou escrita aos administrados nese mesmo idioma.

    Continúan tamén as advertencias intimidantes de derogación do Decreto do Galego no ensino, de modificación da Lei de Normalización Lingüística para oficializar a deturpación toponímica (e tornarmos aos tempos de “Lage”, “Mugía”, “La Coruña”, “Vivero” e “Jove”), ou de suprimir as Galescolas. Comeza a súa andadura o novo Goberno cos seus membros falando en español no desempeño da súa función pública (e contrariando así o estabelecido polo Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega), e estabelecendo comunicacións internas nos seus departamentos excluindo a lingua galega…

    Faise cada vez máis evidente que o obxectivo real da política lingüística que pretende implementar o Partido Popular non é outro que a eliminación do idioma galego, a vulneración do (pírrico) marco legal vixente en materia lingüística, e a anulación do dereito democrático do pobo galego ao uso do seu idioma no seu propio país. Exclusión do galego, prexuizos, españolización da administración, conculcación da normativa, quebrantamento dos dereitos da poboación, discriminación e marxinación, destrución, en definitiva, de Galiza como comunidade humana diferenciada. Velaí as receitas que nos intentan aplicar para perpetraren o homicidio con asañamento dunha creación cultural da humanidade como é o idioma galego.

    Resulta máis que chamativo, neste contexto, que a propia Real Academia Galega (iso si, de xeito serodio e diletante), cunha actitude historicamente ben comprensiva e submisa dos ditados do poder político, tamén en tempos do Partido Popular, se vexa obrigada a acender públicamente as luces de alarma pola situación que está  padecer o noso idioma, e a enfrontar a política lingüística do PP. Ten que ser realmente grave o que está a acontecer. Veñen tempos duros.

    E agora é o momento do pobo. Do pobo galego. Estou convencido de que se o 17 de Maio a mobilización convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística se converte (como así parece que vai ser) na máis importante demostración histórica de adesión popular e defensa do noso idioma, non lles será tan doado, aos inimigos do galego, a posta en marcha das medidas previstas para a aniquilación da nosa lingua. Pensaranno dúas veces. En boa parte, xogámonos o futuro, cando menos a curto prazo, da saúde do galego. Nin máis nin menos. Teñámolo en conta.

 Posted by at 14:24

Sorry, the comment form is closed at this time.