Xuñ 032009
 

No cinema, na literatura, é frecuente o tratamento da amnesia como elemento definitorio de personaxes e de historias. Tamén nas series televisivas de asunto médico achamos casos de pacientes que despois dun accidente ou dun choque emocional fican ancorados nun momento do pasado, imposibilitados para lembrar nada do que sucedeu con posterioridade a esa data. Esa perda de memoria pode deberse a unha doenza, unha lesión ou a un evento traumático. Nun libro de Beatriz Vera Poseck, Imaxes da loucura: a psicoloxía do cinema, analízase o tratamento cinematográfico de todas estas doenzas a través dun bon número de filmes de todas as épocas. Lembro isto porque tal vez o Partido Popular e o seu Presidente están a interpretar un dos mellores filmes de tema amnésico da historia recente, seguro finalista dos próximos Premios Mestre Mateo, se non se decidir suspendelos despois de se divulgar que o Mestre Mateo falaba galego todo o día, mesmo co Rei Fernando, e tamén os canteiros do Pórtico da Gloria, e os bispos e os curas.

Dentro dos tipos de amnesia encontramos a amnesia disociativa, de carácter exclusivamente psicolóxico, pois o cerebro non sufriu dano físico, mais a mente do individuo "elixe" prescindir dunha parte dos seus recordos por lle resultaren traumáticos ou dolorosos. A amnesia disociativa, isto é a que non se debe a lesión física no cerebro, soe asociarse coas "lagoas de memoria" e pode ser de diferentes tipos, sendo a máis común a localizada, que é aquela que se refire a un momento concreto do tempo.

Tal parece ser a amnesia que afecta ao Partido Popular, que non lembran nada do sucedido neste país desde 2005, o annus horribilis en que o electorado galego decidiu que podía haber outras opcións de goberno diferentes ás dos 16 anos anteriores e o PP entrou na fase amnésica posterior á perda do Goberno, unha amnesia retrógrada na clasificación de Beatriz Vera.

Hai quen sostén que o Partido Popular non contaba gañar as eleccións. Pode ser. Mais cando despois do 1 de marzo o Señor Presidente espertou á realidade do goberno, fíxoo seguindo as pautas dun guión cinematográfico magnificamente urdido, filmando en diferentes escenarios e case sempre cun único actor principal que só cede algunhas escenas a especialistas, encargados de rodar as secuencias con máis efectos especiais: redución das listas de espera, consulta aos pais e nais sobre a lingua vehicular no ensino, etc. Sen esquecer, claro está, a lista de figurantes e de siglas que figuran nos créditos finais.

O guión deste filme ten como liña argumental non ter en conta nada do sucedido en Galiza entre o ano 2005 e o 2009, un tempo inexistente, innomeábel, situando os principais asuntos no pasado, cunha fixación que non se detén en nada: tanto dá modificar a lei da Función Pública para eliminar a posibilidade de realizar un exame en galego, como recuperar a imaxe pasada do Xacobeo aínda que iso supoña unha perda de diñeiro neste tempo de aforro; tanto ten derrogar as normas do hábitat como o Decreto de uso do galego no ensino ou utilizar o portal oficial da Xunta para censurar o labor do anterior goberno. Tanto dá, porque só interesa a recuperación do poder pasado, a execución dunha política retrógrada, por canto vai cara atrás no tempo, trátase de utilizar a retropopulsión como programa de goberno sen importar os custos.

Nos filmes a amnesia pode ser excitante. Xeralmente o ou a protagonista precisa recuperar fragmentos do seu pasado que restitúan a súa identidade. Gobernar baixo as consecuencias da amnesia supón manterse illados no presente e ser incapaz de imaxinar experiencias de futuro, non tendo tampouco a garantía de poder recuperar o pasado.
E mentres este filme segue a súa rodaxe, na Galiza real e actual, aqueles e aquelas que somos quen de lembrar, que facemos? 

 Posted by at 11:51

Sorry, the comment form is closed at this time.