Xuñ 112009
 

    O próximo 23 de Xuño, o PP ten previsto perpetrar no Parlamento de Galiza o primeiro atentado lexislativo contra a lingua galega. A supresión, por lei, de probas obrigatorias en galego nas oposicións que se convoquen na Galiza, para a administración autonómica e para os concellos. Através dun método perverso (leitura única, que impede a tramitación normal, sen posibilidade de estudo en ponencia e comisión, mesmo excluindo o dereito de presentación de emendas parciais),  a fin de acelerar a súa entrada en vigor, que previsibelmente lle afectará ás oposicións xa en curso, comezando polas de ensino.
    O documento non ten desperdicio. Fundamenta a desaparición das probas obrigatorias en galego na tese de que “hai que posibilitar que a mobilidade dos cidadáns e das cidadás por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas de ningún tipo” (sic). Así de clariño. Isto é, o galego, máis que un idioma, é unha “barreira lingüística” que cumpre derrubar. É un problema, un lastre. Limita. Sobretodo para opositores que nos veñan de fóra. E non é só este un problema laboral para os opositores galegos e galegas. Vai alén diso: O Goberno do PP, no século XXI, está a levar adiante a mesma estratexia histórica de españolización de Galiza emprendida séculos antes: a introdución na administración, no sistema educativo, na xustiza, mesmo através da Igrexa, de funcionariado alleo, extranxeiro, que descoñece a nosa lingua e a nosa cultura, converténdose así nun poderoso instrumento desgaleguizador.
    Porén, o español é, nese mesmo texto lexislativo, un idioma asociado á calidade, distinción e importancia do servizo público, a diferenza do galego. Véxase como se xustifica a desaparición do galego en áreas como a sanitaria ou os servizos sociais: “(…) co fin de posibilitar unha axeitada prestación dos servizos públicos á cidadanía” (sic). Novamente, a reprodución dos vellos esquemas colonizadores. O galego non vale. Para as cousas importantes está o español. Imposición pura e dura, no nome, seica, da “liberdade”, que se enarbola para defender os dereitos colectivos dos de fóra. Galegos e galegas ainda non temos a liberdade de nos expresar e recibirmos atención en galego na nosa propia administración. Ainda temos que conquistar ese dereito e esa liberdade. E estou convencido de que venceremos. O pobo galego vencerá.
    Seguen disciplinadamente as pautas e directrices dese proceso de doma e castración, actualizado e modernizado. Mais conservando a esencia:
“Una cosa hallo y saco por conclusión muy cierta, que siempre la lengua fue compañera del imperio… Después que vuestra Alteza (refírese a Isabel a Católica) metiese debajo de su yugo muchos pueblos bárbaros e naciones de peregrinas lenguas e con el vencimiento de aquellos tendrían necesidad de recibir las leyes que el vencedor pone al vencido e con ellas nuestra lengua”.

    Antonio de Nebrija, pouco despois de culminado o proceso de submetimento militar e político de Galiza, a finais do século XV.

 Posted by at 16:28

Sorry, the comment form is closed at this time.