Xul 232009
 

A censura e deformación que opacan, desfiguran ou minimizan persoas ou sucesos da nosa historia cultural e política abrangue o presente e o pasado. Só temos que decatármonos de como se filtra hoxe a realidade do país, con que óptica e criterios, ao servizo de que intereses, para sospeitar de como se foi construíndo a versión da historia. A forma de integrar na cultura oficial a moitos dos protagonistas fundamentais da nosa traxectoria cultural ou política é máis que sintomática. Adáptanos sempre ao statu quo, ao que está permitido e ao que non rechía. Desta forma a integración faise mesmo sen molestias, claro que nun plano secundario.

Rosalía é un caso paradigmático, quizais o de maior importancia polo seu significado real en contraste coa imaxe estereotipada, deformada, que lograron oficialmente estampar. Primeiro foi sometida a martirio en vida, xustamente pola causa patriótica e popular que defendía e praticaba co seu afán de construír unha literatura nacional e pola súa independencia e determinación como muller librepensadora. Mesmo após morta os seus defensores e devotos se achaban entre a emigración americana e en individuos e pequenos grupos, católicos, demócratas, republicanos, socialistas, moitos deles pre-nacionalistas, que a coñeceran en vida, que partillaran, en todo ou en parte, as súas aspiracións, e que recoñecían, polo menos no ámbito literario, o seu valor, ou que a consideraban como símbolo político. Precisamente, a súa morte, acontecida o 15 de xullo de 1885, non acadou as proporcións dun acontecemento nacional galego. Non houbo fúnebre procesión composta por elementos de todas as clases sociais, encabezados por autoridades oficiais. Tampouco se levantou un rico e artístico mausoleo no cemiterio de Adina onde foron depositados os seus restos mortais. O eco mediático foi irregular, ás veces tardío e marxinal. Un vello amigo seu da mocidade no Santiago dos anos 50, Luís Rodríguez Seoane, catedrático de Medicina da Universidade de Santiago, nada sospeitoso naquela altura por estar xa integrado no réxime da Restauración, informa nun artigo necrolóxico en Gaceta de Galicia (17 de xullo de 1885):"…su entierro creemos que no haya sido más que la soledad que para muchos precede a la tumba".

Sintomaticamente, o 5 de outubro de 1885, Antón Claridades, un articulista da revista El Magisterio gallego, contaba desolado a súa visita ao cemiterio de Adina. Esta é a súa descrición : "En un apartado rincón y toda cubierta de tristes yerbecillas, hállase el sitio donde se guardan los restos de la insigne cantora, gloria de Galicia, sin que una mala losa ni una carcomida cruz indiquen que aquel pedazo de tierra es el lugar donde reposa la que ha llevado una vida de tantos padecimientos y amarguras, sufridos con resignación envidiable". En 1886 seguía sen sinalarse a tumba de Rosalía . Só sabían cal era os pobres campesiños que a viron enterrar, segundo o xornal Gaceta de Galicia..Non había lápida indicativa. A cruz de madeira desaparecera…

A Casa da Matanza en estado ruinoso, os fillos de Rosalía na pobreza, sen posíbel acceso á Universidade, as obras da escritora sen reeditarse…Esta é a situación real após morta. Ten mellorado a información que se ofrece aos visitantes da Casa Museu en Padrón, pero falta moito para estar próxima á verdade…Descoñecendo, desprezando por ignorancia ou manipulación, os esforzos que levamos feito como individuos e como pobo para existirmos, nada bo podemos esperar do futuro…

 Posted by at 17:02

Sorry, the comment form is closed at this time.