Set 102009
 

Meses afirmando que a misión do departamento de Educación era buscar o consenso en Galiza. E por fin está conseguido. Escasos cinco meses foron suficientes. Temos por unanimidade consenso no ámbito educativo. Aínda sendo este un espazo onde afortunadamente os puntos de vista son múltiples e diversos, neste inicio de curso reina o consenso. Xa non existe ningunha dúbida, estamos diante da xestión máis desastrosa, antigalega e reaccionaria, non que se recorde, senón que se podía ter imaxinado.
Nais e pais coa propaganda da gratuidade solidaria na casa e pagando os libros de texto, agardando a ver se poden ter unha praza de comedor e tremendo para que este inverno non sexa frío xa que se anuncia austeridade na auga, luz e calefacción das escolas. Será cousa de volver a escribir con luvas porque peor están os que lle pecharon as escolas. O profesorado agora sabe que cada vez que desde Educación se anuncie mediaticamente que unha materia é prioritaria, por exemplo a ensinanza de idiomas –que llo pregunten ao profesorado das Escolas de Idiomas ou a quen impartía francés primeira lingua–, teñen que poñer algo a remollo, porque serán os seguintes. Xa o dixo o presidente, estamos recortando o superfluo. Que pode ser máis superfluo que formar e transmitir coñecemento en tempos de crise?
O alumnado que se ande con coidado porque a pouco que se descoide pode considerarse a súa conduta ‘disruptiva’. Novo termo acuñado pola consellaría en cuestión para o antes denominado portarse mal e facerlle a puñeta aos profes. Este termo debe ser asumido pola Real Academia Galega en breve xa que non o atopamos no seu dicionario. Será porque están gardando o pasado e agora o que está de moda é outra lingua.
O termo pode semellar unha broma semántica máis deste goberno, se non for porque diante dos problemas tan complexos de comportamento que existen nas aulas, froito en boa medida dunha sociedade baseada no hedonismo inmediato e na exaltación do éxito fácil, non se recorre a redobrar esforzos en profesorado de reforzo ou a rebaixar o número de alumnado por aula.

Non.

Mellor eliminar as prazas dos formadores en valores durante o verán e dicirlles aos centros en setembro que teñen autonomía pedagóxica para coller os que se porten mal e encerralos todos xuntos nunha aula. Iso si, reducindo a plantilla do profesorado e baixo o epígrafe de atención a diversidade.

E isto só é o inicio do curso.

Este artigo tamén se publicou en Xornal de Galicia

 Posted by at 23:52

Sorry, the comment form is closed at this time.