Set 282009
 

O sábado, día 19, deste mes de setembro, no Teatro Principal de Pontevedra, estivemos a analisar colectivamente a situación lingüística do noso país. Cavilamos sobre cal era a mellor maneira de combater os intentos de exterminio da nosa lingua por parte do PP. Aproveitamos a ocasión para, ao meiodía, visitar as salas dedicadas a Castelao no Museu Provincial de Pontevedra. Fomos atendidos por unha moza espelida e ben intencionada. Na nosa lingua explicounos que o que estabamos a ver era só unha mostra pequeniña da obra artística do noso político e escritor que posúe o Museu. A maior parte está depositada alí, pero non exposta. Non explicou con que garantías de protección e de conservación. Si nos advertiu, con énfase surpresiva, que a maioría dos visitantes, quer galegos, quer estranxeiros, viñan coa intención de veren a obra artística de Castelao. É, pois, o seu mellor reclamo, o que ten máis impacto público. Porén non se corresponde este atractivo coas diminutas e claustrofóbicas dúas salas nas que está exposto, nen tampouco co conseguinte amoreamento do que se exibe. Nunha palabra, forma irrespeitosa e inapropiada de mostrar aquelas xoias artísticas, merecentes doutro trato, doutra consideración. Nun país que se estimar, e con autoridades conscientes do seu deber, semellante situación sería impensábel, imposíbel. Tanta devoción incisiva teñen os visitantes espontáneos da obra de Castelao que, segundo a nosa expresiva guía, a eles se lles debe que, entre o exposto, figure a estampa, sobre fundo de acuarela, "O neno das piñas". Está visíbel a petición do público. Axiña comezou a me inquietar cal sería o paradoiro doutra estampa, miniatura prodixio de cor e composición, "Rolda de nenos", que hai moitos anos tiña visto depositada nunha carpeta deste Museu. Sorpresa agradábel: figuraba entre o exposto, como pérola ciscada entre outras naquel remexido sen arte nen concerto.

Propios e alleos aínda lembran e devecen pola obra de Castelao. Mais nen o "mercado", como lles gosta proclamar aos que desprezan, censuran ou agochan todo o noso, serve para poñelo en valor. Admira que exista tanta visita intencionada, con tanta desinformación e agochamento orquestrado polo estamento oficial reinante e desprezante. A última vez que puidemos ver na Galiza unha parte importante, non toda, da obra artística de Castelao foi hai case dez anos: a exposición co gallo do cincuenta aniversario da súa morte en Pontevedra e en San Domingos de Bonaval, Santiago, unha lembranza inesquecíbel.

Ao final da visita déronos como agasallo unha guía didáctica sobre Castelao no Museu de Pontevedra, destinada a escolares, editada en 1999. Na derradeira páxina, quérese responder á curiosidade de saber por que se gardan tantas obras do autor neste Museu. Unha das explicacións é "por seren obras incautadas polas autoridades vencedoras da guerra civil". Como se ve, os vencedores non eran golpistas, nen sediciosos nen militares sublevados. Eran autoridades. O labor meritorio do Museu consistiu en "evitar que se chegasen a vender, conseguindo que se depositasen nel de forma definitiva". Foi, pois, un espolio, un roubo da propiedade dun particular por motivacións políticas por parte dun réxime ditatorial e asasino. Castelao tería sido fusilado de ter estado en Pontevedra o 18 de xullo de 1936, como lle pasou ao amigo e correlixionario Bóveda. O depósito no Museu só foi lexitimado máis tarde pola viúva e as irmáns de Castelao, renunciando aos seus dereitos en favor desta institución. Acrescentaron así as obras de Castelao no seu poder, pois xa contaba con doazóns do artista en vida. Consecuentemente algúns particulares quixeron contribuír á unidade da obra e á súa difusión pública facendo doazóns ao Museu. A verdade é que este non correspondeu nen corresponde no seu proceder coa importancia cuantitativa e cualitativa deste legado. Castelao dá el só para xustificar un Museu de impacto internacional. Mais parece que as autoridades que hoxe o controlan seguen sendo as que se incautaron da súa obra en 1936. Agora agóchana e, na tradición secular contra o propio, desprézana. Nen a expansión do Museu a outra edificio, con novos e amplos espazos, vai garantir a difusión plena da obra depositada. Tampouco a súa consideración como central, a non ser que as autoridades cambien e os xestores actúen sen complexos e con determinación lóxica ao servizo dunha mínima ponderación artística e dos intereses do país. Cumpriría que non esquecesen a intención das persoas que, coas súas doazóns ou a renuncia aos seus dereitos, pensaban que contribuían á difusión pública deste impresionante legado, propiedade do pobo galego.

 Posted by at 12:38

Sorry, the comment form is closed at this time.