Set 302009
 

Pois si, independentistas. Quen o ía pensar. O PP independentista. Manda truco! Así o confirma a realización dunhas xornadas independentistas en Pontevedra, nas que por certo se destaca o valor da loita armada, organizadas pola Deputación Provincial (“Rafa” Louzán) no Museu Provincial. É unha auténtica declaración de independencia, si, mais de España a respecto de Galiza. Non á inversa. Non sexades malpensados.

O ciclo de conferencias “La Guerra de la Independencia” compleméntase coa proxección de filmes como “Agustina de Aragón” (1950) ou “Lola la Piconera” (1952), alfaias do cinema franquista, nas que a exaltación españolista máis fanática combínase co engrandecemento sublimado e exacerbado dos valores machistas, militaristas e clericais proclamados pola ditadura fascista e sufridos durante décadas polo pobo galego. Esta é a actividade organizada pola Deputación Provincial após o último e recente evento “cultural”, desenvolvido no mesmo recinto e organizado por “Galicia Bilingüe”, que contou co correspondente (e xeneroso) subsidio do organismo provincial.

Máis claro imposíbel. O PP definitivamente independízase de Galiza. Rexeita o seu idioma, despreza o seu pobo, abdica da súa historia e até da toponimia. Nada da Galiza e do galego lle vale. Favorece a expoliación dos seus recursos naturais e da súa riqueza, póndoa en mans alleas. Amputa calquera posibilidade de construir un espazo galego de decisión e información, e renuncia servilmente a calquera mínimo intento de defensa dos sectores produtivos, de instrumentos propios ao servizo dun modelo económico autocentrado, ou mesmo de servizos públicos merecentes de tal nome. A práctica independentista e antigalega desta formación, alimentada na teoría do seu admirado Millán Astray (“coruñés de pro”, Carlos Negreira dixit), alcanza xa níveis de auténtico frenesí na práctica política que se desenvolve desde a Xunta. A demisión e renuncia ao seu propio país, e en lóxica coherencia a súa fascinación engaiolante por España e o español, adquiren xa exultante sedución para os seguidores de Núñez Feijoo. Un Partido Popular libre de Galiza. Obxectivo acadado.

Razón tiña Castelao cando cualificaba aos españolistas: “Os separatistas son eles”. Mágoa que as versións franquistas de Agustina de Aragón e Lola la Piconera convivan, no mesmo Museu Provincial, cos fundos documentais do patriota galego. Mais acho que o divorcio definitivo lles ha causar mal. O 18 de Outubro teremos a proba. Mirámonos en Compostela.

 Posted by at 17:59

Sorry, the comment form is closed at this time.