Feb 252010
 

Provoca mágoa e cabreo observar como, en momentos críticos, algunhas institucións recorren ao narcótico localista para confundir e desorientar as masas (así consideran o pobo). De forma premeditada encamíñanas por vieiros suicidas, despistándoas sobre as verdadeiras causas dos problemas e a respeito das alternativas para elas beneficiosas. Fano en nome dos intereses da cidade, da vila ou concello propio. Exasperan un localismo asentado nun individualismo primario, escravo dunha agresiva e acrítica emotividade, que se alimenta da frustración e que se proxecta contra o próximo, o irmán, o compatriota. O españolismo ?os poderes reais a prol da subordinación da Galiza, da eliminación da súa capacidade e coesión políticas- xoga sempre con este poderoso factor de descomposición nacional, colectiva. Emprégano especialmente en contextos conflitivos, de confrontación entre necesidades e intereses internos e deseños externos. Pretenden así enfraquecer a reivindicación, a demanda, a necesidade nacional galega, dividindo a súa forza.

Desde unha óptica analítica de compromiso co futuro do noso país, resulta penoso comprobar o cinismo demagóxico dun alcalde que, cando foi ministro do Goberno de España, se caracterizou pola indiferencia e marxinación máis absoluta de Galiza e de Vigo, en particular, axitando agora sen pudor, con mentiras e prexuízos, un localismo intoxicador, proxectado contra os de dentro, que agacha a súa sicaria mansedume coas consignas de Madrid. Que veracidade e a quen aproveita a consigna de que os males de Vigo proveñen da Coruña ou a de que os do norte queren roubar aos do sur? Que maneira máis perturbadora e tribal de despistar sobre as verdadeiras causas dos males que afectan a toda Galiza! Que forma máis ruín de agachar onde están os verdadeiros responsábeis! Como para lembrar aqueles versos rosalianos, hoxe día do seu nacemento: " I estes mals que nos afrixen/ din que todos veñen dela?/!Mais sucede nesta vida/ que os que teñen culpa non a levan!".

Os orquestradores do localismo adoran o becerro de ouro e militan na fobia anti-galega. Conténtanse, eis o seu entusiasmo español, con seren beneficiarios individuais das migallas que, como mendicantes, poidan apañar após a suculenta papatoria do botín polos de fóra. Chove sobre mollado: o alcalde incendiario segue o ronsel do coruñesismo que aleitou o seu correlixionario do norte, hoxe embaixador no Vaticano, tan funesto para as clases populares da cidade e para Galiza. Por certo, que papelón o dun partido que se especializa en alentar estes monstros! Que descarada manipulación, ao servizo dun partidismo sucursalista sempre, a verborrea de Caballero e Losada competindo por veren quen bota máis leña ao lume da exasperación localista no tema do futuro das nosas caixas de aforros!

Porén, a chave está nas reveladoras manifestación sobre esta cuestión do secretario xeral da sucursal galega, o señor Pachi, cando, todo auto-suficiente, afirma: "algúns pensan que viven nunha aldea gala, estamos nun mundo globalizado". Naturalmente non quería desacreditar os seus tan cínicos como demagogos alcaldes. Non. Atacaba os que defendemos as aspiracións de Galiza como pobo con consciencia e con dereito a existir. A modernidade globalizadora nolo impide e proibe. É contraria tal defensa aos tempos que corren. O localismo exacerbado e anti-galego é estupendo e comprensíbel. Claro vai na onda do amo globalizador, en versión española. España manda. Galiza, os galegos, non somos ninguén, unha entelequia romántica, superada pola historia. Velaí a fórmula para a nosa salvación: a anulación por suicidio.
Vai sendo hora de que nos preguntemos se non resulta reveladora esta insistencia en negar os dereitos do noso pobo, en nome dun suposto universalismo, como a cotío se fai cos oprimidos e negados. Esta insistencia agacha unha dinámica globalizadora, desigual e imperial na súa esencia, que non debe ser rectificada ou impedida. Para nós, significa afondar na nosa marxinalidade, un pobo sen capacidade nen responsabilidades, sen futuro, afogado nunha españolidade letal. Lograr a integración das dúas caixas galegas para contarmos cunha grande entidade financeira, democratizada, transparente, ao servizo da economía e da sociedade galega redunda na nosa capacidade e responsabilidade. A súa absorción por caixas foráneas afonda na nosa marxinación. Nesta dialéctica real non parece difícil saber como posicionarse se non nos ofusca un localismo perturbador ou un ideoloxismo pueril como escapatoria?

 Posted by at 13:01

Sorry, the comment form is closed at this time.