Feb 222010
 

O pasado sábado asistín en Arcade a unha homenaxe a Lois Obelleiro Piñón organizada polos seus compañeiros e compañeiras de militancia do concello de Soutomaior; alí estabamos camaradas, compañeiros e compañeiras de loita, familiares e veciños que o trataramos e que notamos a súa falla.

Mentres interviña Bieito Lobeira lembrei que falei con Lois por primeira vez no Porriño, eu ía desde Vigo para falar cuns rapaces de ensino medio co obxectivo de montar un grupo de ERGA; ao chegar ao instituto no que el daba aulas atopei un tipo barbudo que ía disfrazado, non lembro ben se de bispo ou de Cristo; estaban co antroido e tiven que agardar ao remate para falar cos rapaces. Aquilo a decir verdade, a min descolocoume porque da súa imaxe o único que cadraba coa miña composición do que debía ser un profesor nacionalista era a súa barba.

Pasaron os anos e seguín coincidindo con el de cando en vez, saúdos, pequenas conversas, pero sen aprofundar na relación até setembro do 90. Recén aprobadas as oposicións matriculárame nas xornadas do ensino organizadas pola UTEG e a AS-PG en Vigo e el era o encargado de impartir o seminario de historia. Un luns ás catro da tarde Lois chegou coa súa cazadora vaqueIra e os seus tenis, presentouse e dixo que teríamos que sair en coche porque parte do seminario sería sobre o terreo;  levounos a un alto entre Redondela e Arcade, se non lembro mal era o Viso, e alí recibín a miña primeira aula de xeografia e historia de Galiza sobre o terreo. As salinas da ría, a primeira industrialización, as organizacións agrarias, Pontesa, as escolas construídas con cartos da emigración sobre as que despois faría a súa tese doctoral, foron elementos da súa explicación.

Posteriormente as responsabilidaes de ambos fixéronnos coincidir e convivir imnumerábeis veces, e como froito desa convivencia podo afirmar que Lois era exemplo de militancia cunha combinación axeitada de teoría e práctica; un camarada e un amigo, sempre disposto cando lle pedías unha opinión ou que che botara unha man en calquera actividade.

Unha persoa con profunda formación ideolóxica e histórica, marxista convencido; pero non era dos que fardaban dos seus coñecementos, pola contra sempre daba a imaxe de que o seu eran o fútbol de veteranos e botar unha parrafada diante dun albariño.

Nas nosas conversas escoitéille moitas veces referirse á importancia dunha base ideolóxica firme e do coñecemento da historia negada do noso país; por iso aproveitaba calquera oportunidade para traballar coa mocidade e cos non tan mozos fornecéndoos de coñecementos e de instrumentos para a análise da realidade; diso poden dar testemuño quenes pasaron polas súas máns en diversos  institutos de Galiza, desde Ferrolterra até Pontevedra, e toda a xente que asistiu a palestras organizadas por diversas entidades e impartidas por el, o sábado Bieito referiuse a unha delas e poderíamos referenciar outras moitas por toda Galiza.

Para el esa base teórica tiña unha única función, axudarnos a mellorar a nosa práctica, por iso pelexaba contra os que sempre estaban buscando a teoría máis novidosa só por estar á útima nos debates de cenáculo e café, e facía o mesmo cos que negaban a realidade galega e precisaban sempre ter un modelo externo a imitar xa fora este Euskadi, os países do leste ou a filosofía Juche que se puxo de moda en Pontevedra cando a famosa viaxe a Corea.

Como internacionalista tiña os ollos ben abertos ao que acontecía no mundo e como patriota sabía que só traballando co noso pobo era posíbel facer a aportación de Galiza á loita da humanidade. Falabamos moitas veces sobre os procesos políticos que se daban no mundo. Brasil, Portugal, Europa, eran lugares comúns das nosas conversas comentando o que tiñamos lido ou falado con outra xente, sinalando as cuestións que nos parecían máis interesantes deses procesos e chegando sempre á conclusión de que se Galiza sigue existindo no mundo como unha realidade é froito do traballo do nacionalismo galego.

Esa conclusión levábao a ser inflexíbel na defensa da autoorganización do noso pobo, consciente do esforzo que supuxera nunha nación negada erguer instrumentos políticos, sindicais, culturais? propios entre os anos sesenta e principios dos oitenta; pelexando contra aqueles que tiñan o monopolio da esquerda e a introdución social, aqueles que o acusaban a el e a outros moitos compañeiros e compañeiras daqueles anos de querer rachar a unidade da clase obreira creando organizacións de obediencia unicamente galega e empregando exclusivamente o idioma galego.

Curiosamente hoxe ese debate volta a darse en determinados sectores que falan de diversidade e piden pluralidade, cando o que realmente amosan trinta anos despois é a mesma desconfianza na capacidade do noso pobo para dotarse de instrumentos teóricos e organizativos propios sen dependencias foráneas. Son de novo tempos difíciles, é certo,  Galiza no seu conxunto e o nacionalismo en particular estamos a ser agredidos duramente,  pero diante das dificuldades non podemos desandar o camiño feito; temos que rearmarnos partindo da nosa propia experiencia  histórica.

Na actual situación o exemplo de camaradas e amigos coma Lois Obelleiro permitiranos sortear mellor os obstáculos e facer que o camiño sexa máis doado, porque como escribiu Francisco Rodríguez referíndose a el "hai persoas que representan xenuinamente o mellor do espírito dun pobo."

 Posted by at 00:00

Sorry, the comment form is closed at this time.